viernes, 27 de enero de 2017

ORACIÓNS 30 XANEIRO - 3 FEBREIRO

LUNS 30 XANEIRO
+ No nome do Pai e do Fillo e do Espírito santo.

30 de xaneiro celébrase o Día Escolar da Paz e a Non Violencia. A mensaxe básica é: "Amor universal, Non-violencia e Paz. O Amor universal é mellor que o egoísmo, a Non-violencia é mellor que a violencia e a Paz é mellor que a guerra".

A educación en e para a tolerancia, a solidariedade, a concordia, o respecto aos Dereitos Humanos, a non-violencia e a paz son motivos para lembrar o 30 de xaneiro. Neste día, os colexios convértense en instrumentos de paz e entendemento entre persoas de distinta formación, raza, cultura e relixión.

EVANXEO

A través do anuncio da Palabra de Deus, tentamos descubrir, cal é a paz que nos ofrece Xesús. Tomaremos algunhas pasaxes do Evanxeo, deixando que o Señor nos ilumine co que ten para dicirnos:

EVANXEO: Xoán 14, 25. 27. 29

«Dígovos isto agora que estou ao voso lado. Déixovos a paz, douvos a miña paz: Non vola dou como a dá o mundo. Que non trema nin se acovarde o voso corazón»                    
Palabra de Deus

REFLEXIÓN
Para comezar o tema recorremos a unha das persoas máis significativas na loita pola paz: Martin Luther King.

El formou un movemento pola non-violencia, na que participaron miles de persoas loitando contra a discriminación racial e polos dereitos civís de toda persoa.

Cada voluntario non-violento asinaba un decálogo ou "cartón de compromiso":
"Entrego aquí a miña persoa, física e espiritual, ao movemento non violento. En consecuencia, comprométome a respectar os 10 mandamentos seguintes:
1.      Meditar diariamente sobre a mensaxe e a vida de Xesús.
2.      Lembrar que o movemento non violento ten por fin buscar a reconciliación e a xustiza, e non a vitoria.
3.      Conservar na miña conduta e nas miñas palabras a actitude do amor, porque Deus é amor.
4.      Orar todos os días e pedir a Deus ser o seu instrumento para que todos os homes poidan ser libres.
5.      Sacrificar os meus intereses persoais para que todos os homes sexan libres.
6.      Observar, tanto cara ao meu amigo como cara ao meu inimigo, as regras habituais de cortesía.
7.      Tratar de servir con regularidade aos demais e ao mundo.
8.      Absterse da violencia de palabra, física e tamén de corazón.
9.      Facer canto poida por conservarme espiritual e fisicamente san.
10.    Respectar as indicacións do movemento e as dos responsables cando haxa unha manifestación.

PARAR A PENSAR
Como podemos ser construtores desta paz? Como podemos ser construtores da paz na nosa casa, entre os nosos amigos, no grupo de clase, na rúa…?
Cantas veces nos enfadamos con quen máis amamos, e damos malas contestacións á xente que máis nos coida?

Imaxina que é o último día da túa vida… Que farías, que lles dirías aos teus, á túa familia, aos teus amigos?



MARTES 31 de xaneiro
+ No nome do Pai e do Fillo e do Espírito santo.

EVANXEO
Vendo Xesús a multitude, subiu ó monte e sentou. Achegáronselle os seus discípulos e el, tomando a palabra, ensináballes dicindo:
Ditosos os que teñen espírito de pobres, porque deles é o Reino dos Ceos.
Ditosos os que choran, porque eles serán consolados.
Ditosos os non violentos, porque eles herdarán a terra.
Ditosos os famentos e sedentos de xustiza, porque eles ficarán fartos.
Ditosos os misericordiosos, porque eles acadarán a misericordia.
Ditosos os de corazón limpo, porque eles verán a Deus.
Ditosos os que traballan pola paz porque eles serán chamados fillos de Deus.
Ditosos os perseguidos por causa da xustiza, porque deles é o Reino dos Ceos.
Ditosos vós cando vos aldraxen, persigan e calumnien de calquera xeito pola miña causa: alegrádevos e reloucade, porque grande será a vosa recompensa nos Ceos.
Palabra de Deus


REFLEXIÓN

Lembremos que na época de Xesús o seu pobo estaba dominado polos romanos e aparecían grupos revolucionarios que tentaban impoñer a paz por medio das armas.
Ante isto El dinos que serán felices os mansos, os pacientes, os misericordiosos, os que traballan pola paz, denunciando as inxustizas. Serán felices os que perdoan con alegría, os que non coñecen o rancor nin o odio, porque comprende as debilidades propias e alleas.




MÉRCORES 1 FEBREIRO
+ No nome do Pai e do Fillo e do Espírito santo.

Comezamos un novo mes e con el unha nova campaña solidaria: a de Mans Unidas. Ao longo do curso imos realizando algunhas destas campañas que nos fan caer na conta de realidades que existen no noso mundo e ante as que podemos ser un pouco máis sensibles. Oxalá que isto nos axude a seguir fomentando eses sentimentos de xustiza, porque de nada servirá facer unha campaña pensando nos países onde non se dá igualdade se logo somos nós os primeiros en fomentar as desigualdades e as inxustizas ao noso ao redor.

Oración
Deus de amor,
móstranos o noso lugar neste mundo
como instrumentos do teu agarimo
por todos os seres desta terra,
porque ningún deles está esquecido de ti.
Ilumina aos donos do poder e do diñeiro
para que se garden do pecado da indiferenza,
amen o ben común, promovan aos débiles
e coiden este mundo que habitamos.
Os pobres e a terra están a clamar:
Señor, tómanos a nós co teu poder e a túa luz,
para protexer toda vida,
para preparar un futuro mellor,
para que veña o teu Reino. Amén
(Encíclica Laudato se Papa Francisco)

Ave María




XOVES 2 FEBREIRO
+ No nome do Pai e do Fillo e do Espírito santo.

Palabra de Deus: «Naquel tempo, dixo Xesús a Tomás: «Eu son o camiño, e a verdade, e a vida. Ninguén vai ao Pai, senón por min. Se me coñecedes a min, coñeceredes tamén o meu Pai. Agora xa o coñecedes e vístelo.»
Felipe dille: «Señor, móstranos o Pai e bástanos.»
Xesús replica: «Hai tanto que estou convosco, e non me coñeces, Felipe? Quen me vexa a min viu ao Pai. Como dis ti: "Móstranos o Pai"? Non cres que eu estou no Pai, e o Pai en min? O que eu vos digo non o falo por conta propia. O Pai, que permanece en min, fai as súas obras, Crédeme: eu estou no Pai, e o Pai en min. Se non, crede ás obras. Asegúrovolo: o que cre en min, tamén el fará as obras que eu fago, e aínda maiores. Porque eu voume ao Pai; e o que pidades no meu nome, eu fareino, para que o Pai sexa glorificado no Fillo. Se me pedides algo no meu nome, eu fareino» Xoán 14, 6-14

Nunca estaremos máis cheos de proxectos, ilusións, ganas, ideas e ímpeto que cando somos novos. Isto é unha constante que non por ser moi coñecida deixa de ser certa, xa que é a mocidade unha etapa onde, a miúdo, as ganas de comerse o mundo supeditan en ocasións á reflexión, pero tamén ás barreiras que podemos atoparnos. E é frecuente que nos atopemos esas barreiras en forma de eufemismos: “fáltache experiencia, agarda e xa verás máis adiante…” pero, con soamente unha concesión, unha oportunidade outorgada, podemos derrubar eses obstáculos.

Debemos de aproveitar esas ganas e inercia positiva da mocidade; vós sodes os construtores do voso propio destino e dun mundo mellor. Outorgamos e depositamos en vós non só esperanzas, senón tamén responsabilidades e confianza, para que sexades actores principais nunha película que soamente vós podedes rodar.

O errar non ten idade, e ha de ser desterrado como un privilexio case exclusivo da mocidade, ademais de que debe ser enxalzado como a base da aprendizaxe. O peor dos erros non é  facelos, senón o non poder volver cometelos coa mesma inconsciencia. Dicía o humorista Jaume Perich que ?” xente nova está convencida de que posúe a verdade. Desgraciadamente, cando logran impoñela, xa nin son novos, nin é verdade”. Esperemos que a verdade se impoña cando toca, e sexa cal for.

Oración:

Señor, fai de min un instrumento da túa paz.
Axúdame a vivir en paz cos que me rodean.

Que eu viva a paz no meu corazón.
Que busque a paz na miña familia, poñendo bo humor, ganas de axudar, comprensión,  agarimo...

Quero  ser persoa de paz e desexar a todos a paz.
Xesús, que sexa instrumento da túa paz.

NOSOPAI



VENRES 3 FEBREIRO
+ No nome do Pai e do Fillo e do Espírito santo.


sábado, 21 de enero de 2017

SEMANA 23-27 XANEIRO

LUNS 23 XANEIRO
+ No nome do Pai e do Fillo e do Espírito santo.

A Boa Nova
E desde aquela empezou Xesús a predicar, dicindo:
- Arrepentídevos, que o Reino dos Ceos xa está aí.

Camiñando pola ribeira do mar de Galilea, viu a dous irmáns: Simón, tamén chamado Pedro, e Andrés; os dous, que eran pescadores, estaban largando o aparello no mar. Díxolles:
 - Vide comigo, e fareivos pescadores de homes.
Eles deixaron de contado o aparello, e seguírono. Máis adiante atopou outros dous irmáns: Santiago e mais Xoán, fillos de Zebedeo, que estaban co seu pai na barca arranxando o aparello. Tamén os chamou, e eles coa mesma deixaron a barca e mais a seu pai e seguírono.
Xesús percorría a Galilea enteira ensinando nas sinagogas e anunciando a Boa Nova do Reino, curando canta doenza padecía o pobo. Falábase del en toda Siria e traíanlle enfermos con toda clase de doenzas e padecementos, endemoñados, epilépticos, tolleitos; e a todos curaba. Eran moitos os que o seguían, un mundo de xente chegada de Galilea, Decápole, Xerusalén, Xudea e da outra banda do Xordán.



MARTES 24 XANEIRO
+ No nome do Pai e do Fillo e do Espírito santo.

Esta é a radiografía de dous inmigrantes que, desde hai un par de anos, viven baixo a ponte de San Telmo. El chámase Eustati Todorov. Naceu en Bulgaria, e ten 52 anos, 12 máis que a súa compañeira, a rusa Rosa Soltonova. Ambos chegaron a Sevilla hai tres anos. Levan dous vivindo xuntos, compartindo a rúa e un mesmo soño. Viven nunha tenda de campaña situada baixo a ponte de San Telmo; os dous emigraron en busca dun futuro mellor, e os dous queren pasar o resto das súas vidas en Sevilla. Ela traballaba no seu país de caixeira nun supermercado. O soldo dáballe para sacar ao seu neno adiante. Cando este entrou no instituto, decidiu vir a España porque non lle daba para pagar a súa formación. Soltonova traballa hoxe no servizo doméstico. Case todo o que gaña envíao ao seu país, ao seu fillo. El é soldador eléctrico. A súa baixa nómina foi a escusa para emigrar. Aquí atopou un traballo do seu, pero sen moito éxito. «Deixaron de pagarme, e abandonei», di Todorov, que agora se atopa en paro. Din que solicitaron praza no albergue da Macarena, pero non hai prazas ou só poden estar catro días. A parella busca regularizar a súa situación. «Sen papeis non hai traballo digno, e sen este tampouco hai papeis», din estes “sen teito”.

Reflexión: Se o teu Deus é xudeu, o teu coche xaponés, a túa pizza italiana, o teu gas alxerino, o teu café brasileiro, as túas vacacións marroquís, as túas cifras árabes, as túas letras latinas… Como te atreves a dicir que o teu veciño é estranxeiro?

Oración:
Señor, fai de min un instrumento da túa paz.
Axúdame a vivir en paz cos que me rodean.
Que busque a paz no meu grupo de amigos/as,
que evite as pelexas e discusións,
que axude a mellorar as miñas relacións con eles,
que aprenda a perdoar e a aceptar o perdón doutros,
que sexa alegre e servicial con todos.
Xesús, que hoxe sexa eu instrumento da túa paz.



MÉRCORES 25 XANEIRO
+ No nome do Pai e do Fillo e do Espírito santo.

Seguro que escoitaches centos de veces esta lectura. A miúdo adoitámola ler nas celebracións de inicio de curso. Edificar, poñer bos alicerces son bos propósitos para o comezo do trimestre.

Palabra de Deus: Así pois, todo o que oia estas palabras miñas e as poña en práctica, será coma o home prudente que edificou a súa casa sobre roca: caeu a choiva, viñeron os torrentes, sopraron os ventos, e embestiron contra aquela casa; pero ela non caeu, porque estaba cimentada sobre roca.  Mt 7,24-25

Reflexión: O esforzo é unha palabra que non está moi de moda. As présas do día a día, a inmediatez que nos rodea e a urxencia de optimizar o noso tempo fan que con tan só un dobre click consigamos practicamente todo. E a verdade é que este sinxelo xesto de colocar a nosa man no rato e mover o noso dedo índice dúas veces, axúdanos en moitas circunstancias, pero non pode suplir absolutamente todo. A nosa vida non é como reservar unhas vacacións, nin sacar unhas entradas, nin facer a compra en liña…
Segundo o dicionario da RAE o verbo ESFORZAR ten diferentes acepcións: Dar ou comunicar forza ou vigor; infundir ánimo ou valor e tomar ánimo. Tres significados que se centran moito no outro, no que teño á beira. Pero se o usamos como verbo pronominal, é dicir, se o conxugamos cun pronombre, o seu significado faise máis concreto e máis persoal: Facer esforzos física ou moralmente con algún fin. Un fin?.
Parácheste a pensar como conxugas este verbo na túa vida? Con que fin? En presente (Eu esfórzome todos os días?), en pretérito imperfecto (eu esforzábame cando era máis pequeno), en futuro (esforzareime na 3ª avaliación), en condicional (esforzaríame no caso de…), en pretérito de subxuntivo (se os demais se esforzasen eu…)
Hoxe pode ser un bo momento para facer balance do teu esforzo, do teu afán de superación e das túas ganas de progresar. Hai aspectos que se poderían mellorar… Estás a tempo. Sentes que non podes só? Pide axuda.
Estás a facer todo o que podes? Ánimo. Segue así.
O éxito pertence ás persoas que perseveran, que se esforzan e que dan o mellor deles mesmas. Iso é construír a nosa casa sobre roca.

Oración
Señor, fai de min un instrumento da túa paz.
Axúdame a vivir en paz cos que me rodean.

Que busque a paz no colexio, na miña clase, onde todos nos axudemos.
Que saiba achegar á clase todo o bo que teño.
Que respecte aos meus compañeiros e profesores.
Que acepte ao que me cae mal.
Que sexa xeneroso con todos.

Xesús, que hoxe sexa eu instrumento da túa paz.



XOVES 26 XANEIRO
+ No nome do Pai e do Fillo e do Espírito santo.

Neste mes de xaneiro poñemos a primeira reflexión sobre o terrible drama das persoas emigrantes e refuxiadas”. E facémolo a través dos ollos dun neno refuxiado.

Abrir os ollos a emigrantes e refuxiados

Finais do ano 2015: 65,3 millóns de persoas atopábanse desprazadas (ACNUR)
A metade dos refuxiados son nenos (Save the Children)
Emigrantes menores de idade, vulnerables e sen voz (Papa Francisco)
103 Xornada Mundial do emigrante e refuxiado (15 xaneiro 2017)

Mirando con ollos novos
Onde está o teu irmán? (Xn 4, 9)
Quen non ama permanece na morte (1 Xn 3, 14)

Mirando o propio corazón

Nunha beira, eles, vítimas:

Fuxindo
do medo e o horror,
da violencia e a persecución,
da pobreza e a fame,
da morte

Deixando
o seu fogar e a súa familia,
a súa casa e a súa terra,
o seu traballo,
o seu amor

Buscando
terra e unha patria,
un refuxio e un teito,
seguridade e paz,
vida nova.

E na outra, nós

Verdugos ou irmáns?
maldicindo ou bendicindo?
desconfiando ou acollendo?
expulsando ou integrando?
levantando valos ou construíndo pontes?
desprezando ou amando?

Irmáns ou verdugos?

Debemos ter “Mirada vicenciana”, isto é, mirar cos ollos do carisma vicenciano as distintas situacións de pobreza, abandono, miseria, marxinación, exclusión social...  que se multiplican traxicamente no noso mundo de hoxe.

Quizais estas miradas te animen a editar un videoclip, gravar unha mensaxe, compoñer un power point, escribir un poema, suxerir unha lectura.... Anímate e faino correr nas redes sociais.



VENRES 26 XANEIRO

+ No nome do Pai e do Fillo e do Espírito santo.

Con motivo dos 400 anos do Carisma Vicenciano ("400 anos do Sermón da Misión"), a familia vicenciana de todo o mundo comeza o chamado "ano vicenciano". Ao longo deste ano, as palabras celebración, formación, caridade e evanxeo resoarán especialmente naquelas persoas que teñen e viven este carisma". 

E estes días ha de resoar tamén a palabra PAZ porque san Vicente, nun período particularmente turbado polas guerras, un "Artesán da Paz", dunha eficacia e dun ánimo notable. O seu pensamento,e a súa actividade están influídos polo seu tempo. Quen podería estrañarse diso? Así é por exemplo, como o sorprendemos aprobando o proxecto dunha expedición militar para combater a escravitude en Alxer. Pero o pensamento e a actividade de san Vicente non son menos significativos e provocadores para a actualidade, un pensamento alimentado pola experiencia; unha acción dirixida valerosamente ás causas; unha acción que pon remedio ás inxustizas e aos sufrimien­tose ocasionados pola guerra.

San Vicente comprométese coa paz
A organización de socorros ás vítimas das guerras é un dos exemplos máis significativos da caridade de san Vicente. Atopamos nela as grandes características da súa santidade e do seu xenio.
Sabe sensibilizar as conciencias e suscitar a xenerosidade. Socorre as necesidades. Axuda segundo as necesidades. Supervisa a caridade.  Para o envío e a distribución dos socorros escolle colaboradores dos máis eficaces e máis seguros. 

REFLEXIÓN:
A violencia e a inseguridade forman parte da nosa "paisaxe" diaria.
- Os medios de comunicación social son a proba dese feito: uns temen a guerra, outros a viven e padecen, outros case a desexan ou a propician.
Cal é o teu coñecemento real das causas que están actualmente xerando violencia e guerras?
Cal é a túa reacción persoal, se te vemos directamente enfrontado/a cunha situación de violencia (na clase, na rúa, na familia, cos amigos…?)

"Bienaventurados os que sempre buscan a paz".
- Cal é o meu comportamento, a miña implicación?
- Acollida do estranxeiro, o emigrante e o inmigrante?
- Acollida das ideas de quen pensa diferente de min, tolerancia e dialogo?
- Acollida do perdón, acollida da alegría dos demais?
- Acollida do futuro?
- Cal é o teu esforzo de participación na transformación da violencia en paz? Tomo conciencia e sensibilizo aos demais? Cal pode ser a túa implicación e compromiso a favor da Paz?

 ORAMOS POLA PAZ: NOSO PAI

viernes, 13 de enero de 2017

ORACIÓNS 16 - 20 XANEIRO

16 de xaneiro
+ No nome do Pai e do Fillo e do Espírito santo.


A escena deste domingo desenvólvese no mesmo escenario e cos mesmos protagonistas que a semana pasada. É a versión xoánica do Bautismo no Xordán, aínda que non se narra ningún bautizo, quizais para deixar moi claro aos lectores do evanxeo, que Xoán bautizaba con auga e os seguidores de Xesús simplemente acollen o Espírito que baixa e queda en quen o recoñece.

Xa de cheo no Tempo Ordinario, temos aínda o resaibo do turrón das pasadas festas do Nadal. Algúns artigos axúdannos a transformar eses nobres sentimentos en obras de convivencia, respecto e solidariedade.

Evanxeo e comentarios ao Evanxeo

Xn 1, 29-34. "Mirade o Año de Deus, o que vai quitar o pecado do mundo". 

Está a crecer o número de persoas que buscan algo que lles dea forza para afrontar a vida de maneira diferente. O Espírito esperta sempre o amor á vida e vivir «espiritualmente» é «vivir contra a morte», afirmar a vida a pesar da debilidade ou o medo.




17 de xaneiro

+ No nome do Pai e do Fillo e do Espírito santo.

Palabra de Deus: O Reino dos Ceos parécese a un gran de mostaza que un sementa na súa horta; aínda que é a máis pequena das sementes, cando crece é máis alta que as hortalizas; faise un arbusto máis alto que as hortalizas e veñen os paxaros para aniñar nas súas ramas. Mateo 13, 31-32

Observamos a imaxe
 

Reflexión: Décheste conta dos cambios que viviches nos últimos anos? Tes medo aos cambios?
Pensas que os cambios che axudaron a crecer? Que cambios necesitas para seguir crecendo e madurando?

Oración :
Señor, o meu corazón non é ambicioso,
nin os meus ollos miran por encima do ombreiro a ninguén;
non pretendo grandezas
que superan a miña capacidade;
senón que limito e modero os meus desexos,
coma un neno en brazos da súa nai.
(Salmo 130)


18 de xaneiro
+ No nome do Pai e do Fillo e do Espírito santo.


Que nos deparará este novo ano? Estamos dispostos a vivir todo o que nos ofreza? Na maioría dos casos encántanos vivir novas experiencias, coñecer xente nova, facer novas actividades, coñecer novos lugares,...  pero en ocasións non nos gusta que nos movan da nosa zona de confort.

Estamos afeitos vivir dunha determinada maneira e aínda que agradecemos o vivir cousas novas sempre tendemos a que a nosa vida non cambie en exceso.

Este novo ano dános a oportunidade de estar abertos a vivir novas experiencias que nos farán crecer e farán que a nosa vida estea aínda máis chea. Que non nos dea medo afrontar novos retos e descubrirnos débiles ante algún deles, isto será síntoma de que estamos a vivir.

Desexámosvos que de verdade este novo ano se encha de miles de novas experiencias que vos permitan coñecervos máis a vós mesmos e a Deus en cada unha delas. E que as compartades día a día coa que xente que vos rodea.

Reflexión: Estou aberto a vivir novas experiencias? Como me sinto ante os cambios? Pensa nas experiencias vividas no 2016.  Fuches consciente de crecer grazas a elas?

Oración:
Para estar contigo, hai que tomar a mochila e andar.
Ti sempre estás a andar.
Non hai máis remedio que levantarse.
Onde tes a mochila? Recolliches a tenda?
Vamos! A túa voz é quente e segura.
Outra vez andando campo a través.
Atrás aquel lugar tranquilo onde puxemos a tenda onte.
Hoxe poñerémola noutro lugar que mañá quedará atrás.
Ti na cabeza, máis cargado ca ninguén,
ladeando pedras e saltando arroios. Hai que seguirte.
Casa, seguridade, verdade eterna, bondade absoluta,...
Estas palabras non están no teu dicionario.
Ti usas outras palabras.
Mañá, terra prometida, deserto, andar, pobres, tendas de campaña,...
Cara a onde saímos mañá?



19 de xaneiro
+ No nome do Pai e do Fillo e do Espírito santo.

A confianza, quizais das palabras que máis utilizamos, pero que máis nos custa levar a cabo. Confiar supón moito máis que compartir algunha anécdota; suponnos poñernos en mans das persoas que nos rodean e iso costa.

O curioso é que a través das redes sociais somos moito máis capaces de confiar a nosa vida e os nosos pensamentos máis íntimos (e mesmo. en ocasións "vendemos" a nosa intimidade).

Cando confiamos a alguén algo da nosa vida, por que o facemos? Que características teñen esas persoas? E nós, somos persoas nas que se pode confiar?

Non hai nada máis bonito que ter persoas de confianza coas que ir vivindo todo o que nos vai sucedendo. Son persoas que nos acompañan no noso camiño e que sen darnos conta dan sentido a este.

E ti... Es capaz de confiar a túa intimidade a alguén? Sénteste acompañado? Es unha persoa na que se pode confiar?

Oración:
O meu corazón, Señor, séntese insatisfeito. Eu busco liberdade e amor;
busco verdade e beleza; busco a paz e a xustiza...
e o meu corazón non te atopa.
O meu corazón ten sede de Ti, Deus vivo;
Cando serás Ti a miña verdade e beleza, a miña liberdade e a miña paz?
Búscote con sinceridade e paixón, con dor e cansazo,
e moitas veces quedo só, como unha árbore no camiño.
E leo no rostro dos homes como un desafío: Onde está o teu Deus?.
Recordo cando era neno e o meu corazón chegaba ata Ti como as ondas á praia.
Recordo cando o meu corazón era puro e cantos de xúbilo 
e festa levantábanse

desde dentro de min cara a Ti.

E agora, Señor, quero desafogarme e non podo,
o meu corazón angústiase.
Perdín a paz, e a alegría non me acompaña.
Non podo dicir de verdade: son feliz. 
Con todo, eu espero en ti.



20 de xaneiro
+ No nome do Pai e do Fillo e do Espírito santo.


400º ANOS DO CARISMA VICENCIANO 1617-2017

Este ano 2017 celebramos como Familia Vicenciana o "ano do nacemento do carisma vicenciano". O P. Gregorio Gai, C.M. (anterior Superior Xeral) promulgou oficialmente, en xaneiro do 2016, a celebración do nacemento do Carisma Vicenciano.

Co lema: "Fun forasteiro e recibístesme" (Mt 25, 35), o actual Superior Xeral P. Tomaz Mavric, C. M., convidábanos na súa carta dirixida á Familia Vicenciana o día da festa de San Vicente de Paúl a vivir este acontecemento conmemorativo como "unha graza especial que a Providencia nos ofrece". Xa vos iremos comentando máis novas sobre esta conmemoración ao longo destes días

       



lunes, 2 de enero de 2017

FELIZ ANO NOVO 2017

9 de xaneiro

+ No nome do Pai e do Fillo e do Espírito santo.

De novo atopámonos para continuar xuntos o curso e vivir as novidades do ano 2017. Seguro que pasaches uns días felices de Nadal, con tantos momentos bonitos coa familia e cos amigos. Tamén terías algún agasallo que che gustara. Todo son pequenos signos de que as persoas nos queremos e de que nos manifestamos o agarimo con estes xestos.

Durante estes días de Nadal lemos estas palabras do Evanxeo, que nos dan a clave do que realmente celebramos. Así di o texto: “Os pastores foron correndo e atoparon a María e a Xosé, e ao neno deitado no pesebre”.

Esta é a gran noticia que nos chegou hai máis de dous mil anos: Deus fíxose neno, Deus quixo estar tan preto da humanidade que se fixo un de nós.
Este é un acontecemento tan importante para a humanidade que se comezou a contar os anos para partir do nacemento de Xesús. Nunha ocasión, no ano 1582, houbo un axuste de días, no mes de outubro, para deixar o calendario tal como o coñecemos agora, con doce meses e os días dos meses distribuídos desta maneira, e un ano bisiesto cada certo tempo, en que o mes de febreiro ten 29 días, en lugar de 28, que é o máis frecuente. Este modo de distribución do calendario foi adoptado por case todo o mundo occidental. Hai outras culturas que teñen outra maneira de contar o tempo. Na nosa cultura iníciase a numeración dos anos para partir do nacemento de Xesucristo.

Un ano máis que tes para ser feliz e para facer o ben a todas as persoas. Para formarte mellor e para construír o teu futuro con responsabilidade. Non deixes que pase o tempo e este ano sen enchelo de vida e de proxectos. Feliz ano 2017!

Oración:
Grazas, Pai, polo novo ano que empeza.
Unha oportunidade para crecer e para facer o ben.
Dáme fortaleza e alegría no traballo.
Oxalá sexa xeneroso para sementar obras de caridade.
Concédeme a humildade e paciencia suficientes
para superar as dificultades que se irán facendo presentes.
Que saiba medrar cada día como seguidor de Xesús.
Grazas, Señor.



10 de xaneiro

+ No nome do Pai e do Fillo e do Espírito santo.

Evanxeo de San Marcos 1, 14-15
Despois que Xoán foi entregado, marchou Xesús a Galilea; e proclamaba a Boa Noticia de Deus: “O tempo cumpriuse e o Reino de Deus está preto; convertédevos e crede na Boa Nova”
Palabra de Deus

Comezamos xa a marcha normal das actividades. Certamente é custoso comezar de novo. Están aínda frescos os mellores recordos destes días. Momentos de familia, de comidas, momentos de festa, de celebración, de amizade... momentos de lecer e tempo libre. Seguro que foron días para gozar, e tamén para descansar mental e fisicamente.

E xa estamos aquí, estreando ano e trimestre. Todo o temos flamante, noviño; así como de primeira man.

Ao estrear un ano novo, a xente adoita propoñerse con ilusión un cambio a mellor, un compromiso para arranxar o que non funciona ben. O refrán que di “Ano novo, vida nova” indica as ganas que ten a xente de renovar o que ten entre mans diariamente: a vida.

Co ano novo preséntasenos unha nova oportunidade para seguir crecendo, para seguir mellorando. Un 2017 no que resoará especialmente a xustiza. Neste 2017 resoará tamén o “ano vicenciano”. Un ano no que toda a chamada Familia Vicenciana vai vivir e celebrar o 400 aniversario do “carisma vicenciano”.

Reflexión: Deus ten infinidade oportunidades que nos quere dar e permitir vivilas, estamos dispostos a aceptar o desafío, de vivir nosas propias oportunidades?
Non perdas o tren, e súbete este ano ao vagón das oportunidades, que te leva por montes de desafíos, ríos de esperanza e montañas de logros.




11 de xaneiro

+ No nome do Pai e do Fillo e do Espírito santo.


Estamos a comezar un novo ano. Cantos de vós fixestes propósitos para este ano? Xa sabedes que moitas persoas fano mentres despiden o ano e reciben ao novo. Que se este ano vou ir ao ximnasio, que se este ano vou aprender idiomas, que se este ano vou deixar de fumar, que se este ano por fin voume a poñer a estudar ao día…
Alguén se fixo o propósito de ser máis amable? Ou de ser máis solidario? Ou seica se propuxo estar máis dispoñible? Ou de ser máis xusto? Ou mesmo facer voluntariado? É curioso, pero seguro que a algún lle está parecendo que eses propósitos non se fan normalmente….
E é que talvez cando nos propoñemos un propósito caemos na tentación de pensar en algo para nós, en mellorar algo noso. Non é que iso sexa malo, pero imaxina que pasaría se todos fixésemos un propósito que tivese que ver coa mellora dos demais.
Por iso, este ano, mira ao teu ao redor, aos que tes á beira neste momento ou aos que te acompañan na túa vida e pensa se non se podería conseguir algo entre todos. Basta con que cada un poña un pouco da súa parte. Xa sei que algún dirá que iso soa moi bonito, pero…  e se deixamos as palabras bonitas e facemos un xesto? Pénsao por un momento.
Unha persoa dixo que o maior progreso da humanidade foi o progreso na cooperación. Así que oxalá este ano novo fagamos un propósito nesta liña.

Xesús ensínanos: “Non hai amor máis grande que dar a vida polos amigos”

Oración:

Pai, conta coas nosas mans
para construír un mundo onde habite a xustiza.
Conta cos nosos pés
para poñer en marcha a liberdade e o amor.
Conta cos nosos beizos
para denunciar trampas e falsidades.
Conta coas nosas accións
para conseguir que todas as persoas
poidan vivir con dignidade e en irmandade.
Pai, dános a sabedoría
para saber elixir todo o que nos axuda a crecer
como persoas e como fillos e fillas teus. Amén.



12 de xaneiro

+ No nome do Pai e do Fillo e do Espírito santo.

Palabra de Deus: Dixo a súa nai aos que estaban a servir: “Facede o que El vos diga”  Xoán 2, 5

Escoitemos unha historia…
Contan que un rei tiña tres fillos e unha filla. Nunha guerra co país veciño morreron os tres fillos do rei. O monarca, que era vello e débil, entristeceuse moito pola morte dos seus fillos, pero tamén porque ningún herdeiro seu gobernaría o reino.

A filla do rei presentouse ante el para consolalo e para lembrarlle que ela tamén era filla súa, e que podería prepararse para gobernar o país. Pero o seu pai riu amargamente e díxolle: “Non basta con ser filla do rei; hai que ter algo máis”. O pai referíase a ser home, pois nunca unha muller gobernara o país.

A moza non desistiu, e empezou a prepararse para ser “algo máis”. Cada vez que aprendía algo novo presentábase ante o seu pai, pero este sempre movía a cabeza e dáballe a mesma resposta: “fai falta ser algo máis”.

Pouco máis tarde o país volveu entrar en guerra cos veciños, e o rei preguntouse, entre curioso e preocupado, se a súa filla tentaría ir á guerra para ser como os seus irmáns e demostrar que podía gobernar. En lugar diso, a moza presentouse ante os inimigos, e ofreceu a súa vida para evitar a guerra e a morte de moitos dos seus súbditos. Admirados polo seu valor, deixárona marchar, e todo o país, o seu pai incluído, comprobaron en que consistía de verdade “ser algo máis”.

A moza foi raíña durante moitos anos.

Reflexión: Que significa para ti “ser algo máis”? Ten que ver coa competitividade, o diñeiro, a fama, ou o servizo aos demais?
Tiveches experiencia de dedicarte aos demais? Este ano estarías disposto a iso?

Oración:

Señor,
faime vivir atento ás necesidades dos demais,
e á túa Palabra, que me di que hei de facer. Amén



13 de xaneiro

+ No nome do Pai e do Fillo e do Espírito santo.

Palabra de Deus: “Non teñades un espírito avaricioso, vivide contentos co que tedes, porque El mesmo dixo: Nunca te abandonarei nin me despreocuparei de ti”  Hebreos 13, 5-6


Escoitemos unha historia…

Un empresario, nunha entrevista, falaba da clave do éxito da súa vida como director dunha empresa:
Un dos maiores defectos da sociedade actual reside en que escoitamos pouco ou case nada. Escoitar comporta aprender algo novo, require esforzo e necesita empatía co outro, ser capaz de mirar cos ollos de quen nos fala. A nosa sociedade está falta de entendemento porque non se exercita a «arte» de escoitar e, cando se fai, escóitase mal. Estamos inmersos nunha sociedade con exceso de «ruído», tanto interno como externo, que distorsiona e impide escoitar ben a quen nos rodea: familia, amigos, profesores…
Necesitamos escoitar a quen sabe.

Reflexión: Na nosa vida non o sabemos todo. Sempre hai alguén que percorreu antes ca nós o camiño que estamos a percorrer.
Por que non pedirlles axuda e deixarnos acompañar por eles?
Quen podería acompañarte neste momento da túa vida?

Oración:

En ti confiamos, Xesús, porque as túas palabras son auténticas.
Porque en ti atopamos a paz que necesitamos.
Porque en ti podemos mirarnos e orientar o noso futuro.
En ti confiamos, Xesús.

Archivo del blog