lunes, 27 de febrero de 2017

ORACIÓNS SEMANA CINZA

XOVES 2 MARZO
+No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo.

Onte foi Mércores de Cinza. Con este día damos inicio ao tempo de Coresma: 40 días que nos servirán para preparar o noso corazón á gran festa da Pascua.
Este ano propoñémosvos, poñernos en camiño. Neste tempo de Coresma que onte comezou querémoslle pedir a Xesús que, despois de dar o primeiro paso, o da confianza, siga camiñando connosco, que nos axude a percorrer a estrada da nosa vida, coas súas diferentes experiencias.
Camiñar con Deus é unha viaxe apaixonante: non sabemos moi ben que nos atoparemos, as dificultades que irán aparecendo no camiño, os bos momentos que viviremos. Pero estamos seguros de que en todos os momentos, Deus estará presente: animándonos na dificultade, alegrándose connosco nos bos instantes.

Ao comezo deste camiño imos pedirlle axuda a Deus todos xuntos: que sexa El o que guíe os nosos pasos e nos indique o camiño. E para poder camiñar necesitamos saber que nos pide Deus. Iso é o que imos facer agora, escoitando a súa Palabra.


Como ten que ser a nosa viaxe? O evanxeo que imos escoitar estes días descóbrenos diferentes modos de actuar na vida e de dirixir os nosos pasos: o modo dos hipócritas, que viven preocupados polo que dirán, e o daqueles que recoñecen que non sempre poden, pero fan todo o posible por camiñar á luz de Deus na súa vida.

Evanxeo  de san Mateo 6, 1-6; 16-18.
A esmola
Tede coidado de non practicardes a vosa xustiza para que vos vexa a xente, que daquela o voso Pai celestial non vos dará recompensa ningunha.
Cando deas unha esmola non o vaias proclamando diante de ti cunha trompeta, como fan os hipócritas nas sinagogas e nos rueiros para seren loados polos homes; asegúrovos que xa recibiron a súa recompensa. Ti, en troques, cando deas unha esmola, que non saiba a túa man esquerda o que fai a dereita. Así a esmola será secreta e teu Pai, que ve o segredo, xa te recompensará.
Palabra de Deus


Reflexión:
A Palabra de Deus que escoitamos fálanos de diferentes modos de camiñar.
Esta Coresma temos ante nós a posibilidade de viaxar con Deus, de explorar diferentes lugares da nosa vida e de coñecer como os podemos afrontar se contamos con Deus, con Xesús, para cada un deses pasos. Durante a Coresma iremos aos poucos profundando nas diferentes partes do camiño desta Coresma. Espéranos unha viaxe fantástica, onde non sabemos moi ben que nos atoparemos, pero no que Deus estará, seguramente, sempre presente!



VENRES 3 MARZO
+No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo.

Continuamos coa nosa viaxe. O evanxeo que escoitaremos hoxe é a continuación do de onte. Xa sabedes, fálanos do modo dos hipócritas, preocupados polo que dirán, e o daqueles que fan todo o posible por camiñar á luz de Deus na súa vida. Así ha ser o noso modo de conducirnos pola vida.

Evanxeo  de san Mateo 6, 1-6; 16-18.
Sobre a oración 
Cando recedes non fagades coma os hipócritas, que gustan de rezar moi ergueitos nas sinagogas e nos recantos das rúas para que os vexa a xente; asegúrovos que tamén recibiron a súa recompensa. Ti, pola contra, cando queiras rezar métete no teu cuarto, pecha a porta e rézalle a teu Pai que está no segredo; e teu Pai, que ve o segredo, hate recompensar.

O xaxún
Cando xaxuedes non poñades caras tristeiras, como fan os hipócritas: desfiguran as súas caras para que a xente llelo note. Asegúrovos que xa recibiron a súa recompensa. Ti, en troques, cando xaxúes, perfuma a cabeza e lava a cara, para que non se che note ante os homes, senón ante teu Pai celestial; e teu Pai, que ve o que está escondido, hate recompensar.

Palabra de Deus
Reflexión
Antes de iniciar a viaxe temos que preparar a nosa vida. Os que fan o Camiño de Santiago saben o importante que é ter un bo calzado para facelo. Non todo calzado serve para camiñar e para camiñar durante horas. Non todo calzado é apropiado. Nin todo calzado, por moi bo que sexa, é capaz de resistir as dificultades, as subidas e as baixadas da vida.
Poderiamos dicir que hai diferentes tipos de persoas (como nos dicía o Evanxeo) e diferentes tipos de calzado:
1. Están os que van de “estupendos” pola vida e pasan o día en sandalias, coma se estivesen de vacacións. Son os que lles gusta aparentar de “pés”, de “camiñar”, pero non se dan conta de que ese tipo de calzado non é o apropiado para as dificultades. As sandalias son o símbolo dunha vida lixeira, na que prima a comodidade sobre o esforzo. Esta Coresma non podemos “acomodarnos”, senón que teremos que deixar as sandalias e buscar un calzado mellor.

2. Están tamén os que, aínda que din querer camiñar, o que no fondo lles gusta é correr pola vida, sen gozar de cada un dos momentos. Son os que calzan as deportivas en canto poden para cumprir, para acumular distancia, para percorrer o camiño o máis rápido posible. As deportivas son o símbolo daqueles que pasan pola vida sen máis e deixan pasar a Coresma, a fume de carozo pensando nas vacacións de Semana Santa, sen que a Coresma os transforme.

3. Pero hainos que deciden camiñar con constancia, paso a paso, gozando da paisaxe, do camiño, pero sen pararse. Eses son os que calzan as botas de trekking, preparadas para afrontar as dificultades. Ao principio poden parecer incómodas (como a Coresma), pero despois o teu pé e a bota vanse facendo un, de modo que o camiño vaise facendo, a pesar da dureza e a intensidade, cada vez menos complicado. Os que calzan as botas recoñecen as súas limitacións, recoñecen que os seus pés, sós, non poden con todo (como aqueles dos que fala Xesús no evanxeo, que son capaces de recoñecer no escondido o seu pecado e o seu erro e pedir axuda). Estas son as botas que teremos que poñernos para poder camiñar esta Coresma. As demais... non será conveniente desfacernos delas?

Pensa, en silencio, que tipo de calzado queres para esta Coresma. Pidamos a Deus que nos axude a camiñar, a levantarnos, a vencer as dificultades desta Coresma e a deixar que sexa El o que guíe os nosos pasos, o que nos axude a atopar o calzado adecuado esta Coresma, e a deixar aquel calzado que nos tenta: a comodidade, a preguiza, as présas.
Iso simboliza tamén a Cinza: o desexo de deixar ao carón todo o que nos impide camiñar con Deus, a queimar aquilo que non nos permite cambiar.

sábado, 18 de febrero de 2017

SEMANA 20 - 25 FEBREIRO

Luns  20 de febreiro
+ No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo.


DÍA DE GUINEA

O pasado sábado 18 de febreiro, as Fillas de Caridade da nosa provincia celebraban o Día de Guinea Ecuatorial para recordar así o labor que realizan irmás da nosa comunidade nese país.
Xa que ese día estabamos de descanso, nós queremos unirnos nesa celebración e renderlles a nosa pequena homenaxe na oración de hoxe.

Queremos pedir por aquelas persoas que dan a súa vida ao servizo dos demais por amor a Xesús.

· Por todos os misioneiros e misioneiras que regalaron a súa vida á gran misión encomendada por Deus, que teñan a forza necesaria para o desempeño desta cada día. OREMOS

· Polos nosos mozos para que saiban ver nas palabras de Xesús e de San Vicente, as claves para o desenvolvemento dunha vida plena que os guiará á felicidade. OREMOS

· Por todas as Fillas da Caridade que están destinadas nos distintos lugares de misións, especialmente polas de Guinea, que non se lles apague a luz que dá enerxía aos seus corazóns. OREMOS

· Por nós para que traballemos decididamente pola paz ao noso arredor e naqueles países que sofren a guerra. OREMOS

María, acolle estas peticións e dános ganas de anunciar con todo o que Él dixo e fixo e sexamos quen de realizar o traballo de evanxelización no día a día. Amén.

NOSOPAI

Vexamos o seu traballo.





Martes  21 de febreiro
+ No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo.

LECTURA DO EVANXEO DE SAN MATEO 5, 38-48

Tedes oído que se vos dixo: Ollo por ollo e dente por dente. Pero eu dígovos: non volvades mal por mal. Ao contrario, se alguén che dá un lapote na túa meixela dereita, preséntalle a outra; a quen queira preitear contigo e che leve a túnica, déixalle ir tamén o mantelo; a quen te obrigue a camiñar con el unha milla, acompáñao dúas. A quen che pide, dálle; e non te vires de costas a quen che pida emprestado.

Tedes oído que se vos dixo: Amarás o teu próximo e aborrecerás o teu inimigo. Pero eu dígovos: amade os vosos inimigos, e pregade polos que vos perseguen. Así seredes fillos de voso Pai que está no ceo, que fai saír o seu sol sobre malos e bos, e chover sobre xustos e inxustos. Porque, se amades os que vos aman, ¿que recompensa ides ter? ¿Non fan o mesmo os recadadores de impostos? E se saudades soamente a vosos irmáns, que facedes de máis? Non fan outro tanto os pagáns? Daquela sede bos sen exclusivismos, coma o voso Pai celestial é totalmente bo.

UNHA CHAMADA ESCANDALOSA.
A súa linguaxe de Xesús pode resultarnos escandalosa e sorprendente, pero totalmente coherente coa súa experiencia de Deus. O Pai non é violento: ama incondicionalmente a todos.
Cando Xesús fala do amor ao inimigo non está pedindo que alimentemos en nós sentimentos de afecto, simpatía ou agarimo cara a quen nos fai mal.  Amar ao inimigo significa, primeiriño de todo, non facerlle mal, non buscar nin desexar facerlle dano. Non habemos estrañarnos se non sentimos amor ou afecto cara a el.
O perdón sincero ao inimigo non é fácil. Nalgunhas circunstancias, á persoa pódeselle facer practicamente imposíbel liberarse enseguida do rexeitamento, do odio ou da sede de vinganza. Non xulgaremos a ninguén desde fóra. Só Deus nos comprende e nos perdoa de xeito incondicional, mesmo cando non somos capaces de perdoar.
ORACIÓN:

Veño onda ti, Xesús,
meu irmán maior, meu mestre;
veño coma un/unha aprendiz,
con corazón e alma de discípula/o,
con mans e pés de discípulo/a.

Veño onda ti, Xesús,
porque necesito de ti
para que me aprendas a afrontar o mal,
con forza, con vigor, pero sen violencia;
para que me pacifiques a fondo
e así, coma ti,
saber vencer coa miña paz activa e ousada
a violencia que me nace dentro
ou que me provocan outros cos seus feitos.

Veño onda ti, Xesús,
para que me aprendas a amar como ti amabas.

Ben coñeces o cativo que son amando,
como arrimo o meu corazón a quen me cae ben,
a quen pensa coma min, sente coma min, vive coma min;
ben ves canto me custa amar desinteresadamente,
gratuitamente, sen agardar nada a cambio,
libremente,
sen límites,
sen reservas.

Veño onda ti, Xesús,
para que me collas pola man
e me leves polos mesmos camiños que ti andaches. Amén



Mércores 22 de febreiro

+ No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo.

As modas rexen a nosa sociedade. Nos últimos anos a aparición dos teléfonos intelixentes provocou que todas as nosas actividades viren ao redor deles e creámonos a necesidade de telos. Parece que non somos capaces de relacionarnos se non é a través dun wathsapp ou un like en Facebook ou Instagram. Pero que se esconde detrás de todo isto?

EVANXEO: Mateo 22, 17-22

«Dinos a túa opinión: é lícito pagar tributo ao César ou non? Xesús, adiviñando a súa mala intención, díxolles: -Por que me tentades, hipócritas? Mostrádeme a moeda do tributo. Presentáronlle un denario. E el díxolles: -De quen é esta imaxe e esta inscrición? Contestaron: -Do César. Entón díxolles: -Pois, dade ao César o que é do César e a Deus o que é de Deus. Ao oílo, sorprendéronse, deixárono e fóronse». Palabra do Señor.

REFLEXIÓN

Hoxe en día estamos atados aos nosos móbiles intelixentes. As nosas relacións, as nosas compras, o noso entretemento, todo cabe no teléfono. As marcas aprovéitanse disto e sacan novos modelos constantemente con lixeiras melloras respecto ao anterior pero que non producen un cambio significativo no manexo e prestacións dos terminais. Con todo, os mozos sempre queren ter o último, presumir da calidade do seu teléfono, aparentar diante dos seus amigos e coñecidos de que teñen o último modelo de móbil. Pero, quen paga todo iso? Somos conscientes dos esforzos que teñen que facer os nosos pais para pagar todo iso? Sabemos algo da explotación que sofren nalgúns países? Dámoslle o verdadeiro valor ás cousas?  Estaría ben que reflexionásemos sobre o que custa conseguir as cousas na vida e sobre se somos capaces de valorar todo o que temos.

VÍDEO: Idiots - Unha curtametraxe que nos ensina sobre o consumismo tecnolóxico

NOSOPAI


Xoves  23 de febreiro

+ No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo.

EVANXEO: Mateo 5, 8

«Ditosos os de corazón limpo porque eles verán a Deus»

REFLEXIÓN

Nestes momentos do curso podes preguntarte por aquilo que necesitas mellorar. É necesario abonar con esforzo. Mira a ver como podes afrontar o día de hoxe con ganas. Non esquezas que estamos en tempo de entroido; tempo de imaxinar un novo rostro para a nosa vida monótona e triste.
                                                                                     
ORACIÓN

Señor,
Nós usamos moitas caretas a diario
coas que ocultamos os nosos sentimentos,
segundo conveniencia, para despistar ao persoal.
Permaneceremos escondidos detrás da careta
e non nos manifestamos sinceramente...

Señor,
ti que coñeces o noso verdadeiro rostro
mellor ca nós mesmos
e sabes as caretas que nos poñemos
para disimular ou parecer mellores,
acepta os nosos desexos de sincerarnos
ante nós mesmos,
ante os homes e diante túa. Amén



Venres 24 de febreiro

+ No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo.

Este fin de semana celébrase en moitos sitios o Entroido e moitas persoas utilizarán máscaras para disfrazarse. As máscaras teñen a función de esconder a nosa cara e mesmo as nosas expresións, é moi difícil adiviñar as emocións de alguén que leve unha máscara posta porque na cara móstranse a maioría destas.

EVANXEO: Mateo 23, 27-28

«Ai de vós, letrados e fariseos hipócritas, que vos parecedes a sepulcros encalados: por fóra son fermosos, por dentro están cheos de ósos de mortos e de toda clase de impurezas! Así tamén vós, por fóra parecedes honrados á xente, por dentro estades cheos de hipocrisía e iniquidade» Palabra do Señor

LECTURA: O HOME IMAXINARIO

O home imaxinario
vive nunha mansión imaxinaria
rodeada de árbores imaxinarias
á beira dun río imaxinario.

Dos muros que son imaxinarios
penden antigos cadros imaxinarios
irreparables gretas imaxinarias
que representan feitos imaxinarios
ocorridos en mundos imaxinarios
en lugares e tempos imaxinarios.

Todas as tardes imaxinarias
sobe as escaleiras imaxinarias
e asómase ao balcón imaxinario
a mirar a paisaxe imaxinaria
que consiste nun val imaxinario
circundado de cerros imaxinarios.

Sombras imaxinarias
veñen polo camiño imaxinario
entoando cancións imaxinarias
á morte do sol imaxinario.

E nas noites de lúa imaxinaria
soña coa muller imaxinaria
que lle brindou o seu amor imaxinario
volve sentir ese mesma dor
ese mesmo pracer imaxinario
e volve palpitar
o corazón do home imaxinario.
Nicanor Parra

REFLEXIÓN
Cantas veces no noso día a día utilizamos “máscaras” coas que evitamos que os que nos rodean vexan o noso eu real e acabamos vivindo un personaxe, acabamos vivindo unha mentira?
Deixemos que a xente nos vexa tal e como somos e nos queiran polo que somos, non polo que aparentamos ou dicimos ser.



sábado, 11 de febrero de 2017

ORACIÓNS SEMANA 13-17 FEBREIRO

Luns  13  de febreiro

+ No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo.

LECTURA DO EVANXEO DE SAN MATEO

Dilles Xesús ós seus discípulos:
Asegúrovos que se a vosa xustiza non é maior cá dos letrados e fariseos, non entraredes no Reino dos Ceos.

Tedes oído que se lles dixo ós vosos devanceiros: Non matarás, e quen mate será reo ante o tribunal. Pero eu dígovos: Todo o que se enrabeche co seu irmán será reo ante o tribunal.

Tedes oído que foi dito: Non cometerás adulterio. Pois eu dígovos: Todo aquel que mira a unha muller casada con desexo, xa cometeu adulterio no seu corazón.

Tamén tedes oído que se lles dixo ós devanceiros: Non xurarás en falso, e cumprirás as promesas feitas con xuramentos ao Señor. Pero eu dígovos: Non xuredes nunca.

Falade, logo, deste xeito: "Si", cando é si; "Non", cando é non; e todo o que pase de aí vén do Malo.
Palabra de Deus

REFLEXIÓN:
Os xudeus falaban con orgullo da Lei de Moisés. Aí poden atopar todo o que necesitan para seren fieis a Deus.
Tamén para Xesús a Lei é importante, pero xa non ocupa o lugar central. El vive e comunica outra experiencia: está chegando o reino de Deus; o Pai está buscando abrirse camiño entre nós para facer un mundo máis humano. Non chega con quedarnos en cumprir a Lei de Moisés. É necesario abrírmonos ao Pai e colaborar con el para facermos a vida máis xusta e fraterna.
ORACIÓN

Non, non,
a lei non chega,
o seu estrito cumprimento non é a medida.

Debaixo do mandado,
máis aló do mandado,
cumprido ou non cumprido,
ás veces, tantas veces!,
está a vida,
está un ser humano
co seu misterio de vida e morte,
de excelencia e de miseria,
que cómpre escoitar e respectar,
valorar,
sen condenar.

Non, non,
a lei non chega,
nin o seu exquisito cumprimento.

Máis aló da lei
e das súas pautas precisas
case sempre, sempre,
está o mellor, o mellorciño,
o máis nobre do mundo;
está cada un, cada unha de nós,
cos seus repregues íntimos,
coas súas capacidades ilimitadas,
co seu corazón alerta ou enconicado.

Non, non,
a lei non chega,
mesmo pode afogarte, destruírte.

Das mans da lei, da pura lei,
podes entrar no tenebroso mundo da autocompracencia,
créndote persoa xusta, cabal, perfecta,
ollando de esguello aos incompetentes;
deberías saber a estas alturas
que o cumprimento da lei non vale para nada
se non nace nas fontes limpas do amor,
se non te deixas levar polos fascinantes carreiros da tenrura
cara á xustiza redonda, total,
cara á fraternidade que cura e que libera.

Non, non,
a lei non chega.
Dínolo Xesús,
sabedoría de Deus,
que nos ensancha a vida e nola aleda.



Martes 14 de febreiro

+ No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo.

Compartamos a luz

Hu-Song, filósofo de Oriente, contou aos seus discípulos a seguinte historia:
Varios homes quedaran encerrados por erro nunha escura caverna onde non podían ver case nada. Pasou algún tempo, e un deles logrou acender unha pequena tea. Pero a luz que daba era tan escasa que aínda así non se podía ver nada. Ao home, con todo, ocorréuselle que coa súa luz podía axudar a que cada un dos demais prendesen a súa propia tea e así, compartindo a chama con todos, a caverna iluminouse. Un dos discípulos preguntou a Hu-Song:
- Que nos ensina, mestre, este relato? E Hu-Song contestou:
- Ensínanos que a nosa luz segue sendo escuridade se non a compartimos co próximo.
E tamén nos di que compartir a nosa luz non a desvanece, senón que a fai crecer.

"Compartir enriquécenos en lugar de facernos máis pobres"
"Os momentos máis felices son aqueles que puidemos compartir"


Reflexión:

Que Deus  nos dea  sempre a luz para iluminar a todos os que pasen polo noso lado. Se iluminas o teu corazón con amor poida que ilumines a outro corazón, así poden chegar a iluminarse miles de corazóns con amor. Tentémolo!

Nosopai



Mércores 15 de febreiro

+ No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo.

Un pase de modelos diferente

Imos deternos nalgunhas palabras “máxicas”. Quen pronuncia estas palabras crea ás súas ao redor relacións máis agradables para todos, fai a vida máis feliz aos demais. Son moi sinxelas,  coñecémolas todos (aínda que non sempre as utilizamos coa frecuencia que deberiamos): grazas, perdón, por favor...

Hoxe dáse moita importancia á fermosura do corpo. De feito, na tele aparecen con frecuencia como modelos, mozos e mozas que se distinguen polo seu corpo nas súas proporcións e adornos. Mesmo se chega a adorar o corpo como o máis importante da persoa. Gástase unha chea en coidar o corpo, en cosméticos, ximnasios, masaxista, operacións estéticas etc.... Con todo, se a maior parte do diñeiro e das nosas enerxías as empregásemos  en cultivar a nosa maneira de ser, os nosos modais ou o noso espírito, o mundo converteríase nun paraíso.
É moito pedir que consigamos a capacidade e costume de saudar cun sorriso a todos? Tanto custa coidar os modais tratando aos demais con educación, xenerosidade e respecto? En que ximnasio se  cultiva  esta fermosura de persoa? Con que clase de masaxes cultivo unha persoa agradable, agradecida, cariñosa, colaboradora, alegre e leal? Aquí no Colexio ou na túa casa podes conseguir poñerte  en forma con este estilo simpático de relacións.
Está ben cultivar un corpo san e fermoso. Pero moito máis importante para ser feliz é cultivar a nosa personalidade. Con iso,  a felicidade entrará dentro de nós en forma de amigos que atraemos coa nosa simpatía e detalles. Tamén así faremos este ano das nosas casas, colexio e rúa, un ambiente alegre e acolledor.
O ximnasio da boa educación non custa diñeiro e é moi rendible pola cantidade de amigos e amigas que fai e que che ofrece. Para ser mozos e mozas MODELOS por dentro e por fóra facemos hoxe a oración da mañá.

Reflexión:
-       Que che parece este novo “ximnasio?
-       Paréceche que te cultivas igual por dentro que por fóra?
-       Cres que vale a pena traballar por facer felices aos demais?

Oración
Señor Xesús, hoxe quero pedirche que me fagas agradable cos demais.
Ti fixeches o ben a todos os que pasaban preto de Ti,
axúdame a min a facer o mesmo cos meus pais e os meus compañeiros de clase. Amén

NOSOPAI



Xoves 16 de febreiro

+ No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo.

Dez cosas que nada custan

Presentamos un decálogo de dez actitudes que poden facer a nosa vida e a dos demais máis agradable e feliz.
1.      Un  rostro alegre no traballo diario na clase
2.      Un silencio cariñoso sobre as faltas e defectos dos demais.
3.      Unha palabra de recoñecemento e estímulo aos compañeiros polo traballo ben feito, o esforzo realizado, a amabilidade demostrada...
4.      Un servizo prestado a un amigo, a un compañeiro...
5.      Unha «cara de bos amigos» ao chegar a casa e ver aos nosos pais.
6.      Un favor prestado, sobre todo a quen non pode devolvérnolo.
7.      Unha molestia aceptada con boa cara para proporcionarlle a alguén un gusto ou evitarlle unha incomodidade.
8.      O recoñecemento sincero dun erro cometido, especialmente cando se lle atribúe a outra persoa.
9.      Un apertón de mans cálido e amigable aos que están desanimados.
10.    Unha conversación paciente e interesada cos que non son moi divertidos ou moi simpáticos.

Non é tan difícil alegrar a vida aos demais. Con xestos sinxelos podemos facer moito ben ao noso redor. Non querer para os demais o que non queremos para nós ou tratar aos demais como queremos que nos traten a nós.
Teñamos en conta este decálogo no noso día a día.

Oración

Amigo, Xesús hoxe voume propoñer axudar aos demais, pensar nos demais máis ca en min. Non queixarme por calquera cousa, nin criticar aos do meu redor. Sei que ti me dás a túa forza.
Grazas Xesús.



Venres 17  de febreiro

+ No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo.

Deus quérete a ti
        
Se observas  as  persoas ás que chamamos “boas persoas” son persoas:
-       Que necesitan poucas cousas e as cousas non son o seu centro;
-       Que non van pola vida queixándose de todo; aman a súa vida;
-       Que aceptan o que son e teñen e non se comparan con outros/as;
-       Que non viven para si, senón que están abertas aos outros; tanto é así que chegamos a dicir que “non pensan en si, senón nos demais;
-       Que non pasan a vida chismorreando dos outros....

Converterse non é ser como tal persoa. Converterse é ser ti: ti, coa túa orixinalidade, coa túa personalidade, con todo iso que podes ser, se de verdade te decides a selo. Os modelos que temos diante non son para compararnos, son para animarnos a ser coma eles/as se animaron a ser.

 Deus quere de ti que sexas ti mesmo. Quérete en toda a orixinalidade que es. Sen engadidos, sen imitacións. Pero quérete no mellor de ti mesmo, todo o que ti es e pode ser, que é moito. Anímate abuscar o teu mellor Ti.

Oración:

Apaga os ruídos do teu corazón
E escoita os berros de Deus:
Queixas dos homes que piden un pouco de amor.
Entra en sintonía!
Deus emite sen interrupción.



Archivo del blog