viernes, 24 de enero de 2014

ORACIÓNS SEMANA DA PAZ

LUNS 27  XANEIRO 2014. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO
Lectura do santo evanxeo segundo san Mateo (4,12-23):

Ao decatarse Xesús de que arrestaran a Xoán, retirouse a Galilea. Deixando Nazaret, estableceuse en Cafarnaún (…)

Entón comezou a predicar Xesús dicindo: «Convertédevos, porque está preto o reino dos ceos.»

Pasando xunto ao lago de Galilea, viu dous irmáns, Simón, ao que chaman Pedro, e Andrés, o seu irmán, que estaban a botar as redes no lago, pois eran pescadores.

Díxolles: «Vide e seguídeme, e fareivos pescadores de homes.»

Inmediatamente deixaron as redes e seguírono. E, pasando adiante, viu outros dous irmáns, a Santiago, fillo de Zebedeo, e Xoán, que estaban na barca repasando as redes con Zebedeo, o seu pai. Xesús chamounos tamén. Inmediatamente deixaron a barca e ao seu pai e seguírono. Percorría toda Galilea, ensinando nas sinagogas e proclamando o Evanxeo do reino, curando as enfermidades e doenzas do pobo.
Palabra do Señor

REFLEXIÓN: ALGO BO E NOVO
No Evanxeo de Xesús os crentes encontrámonos cun Deus dende o que podemos sentir e vivir a vida como un regalo que ten a súa orixe no misterio último da realidade que é Amor.

No Evanxeo de Xesús encontrámonos cun Deus que, a pesar das nosas torpezas, nos dá forza para non vivir sempre a medias; para ir aprendendo formas novas e máis humanas de traballar e de VIVIR, de sufrir e de amar.

No Evanxeo de Xesús encontrámonos cun Deus que esperta a nosa responsabilidade para non nos desentender dos demais. Non poderemos facer grandes cousas, pero sabemos que habemos de contribuír a unha vida máis digna para todos pensando sobre todo nos máis necesitados e indefensos.

Non é o mesmo crer en Deus que non crer. Aos crentes fainos ben sentirnos acollidos, fortalecidos, perdoados e salvados polo Deus revelado en Xesús.



MARTES 28 XANEIRO 2014. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO

A SEMANA DE LA PAZ E A NON VIOLENCIA
Estamos na semana da paz e a non violencia que celebraremos o próximo día 30 (aínda que no noso caso a traslademos ao día 31).
Son días para recordar o importante que é construír entre todos a PAZ, buscar máis o que nos une que o que nos separa. A paz é moi contaxiosa, capaz de unir os corazóns separados e enfrontados NUN SÓ CORAZÓN, para transformar o noso mundo dividido NUNHA SOA FAMILIA onde todos somos irmáns.
Imos fixarnos nunha breve pasaxe do Evanxeo onde Xesús ten que facer fronte á violencia. Lémolo no evanxeo de Mateo:
"Pedro achegouse entón e díxolle: Señor, cantas veces teño que perdoar as ofensas que me faga o meu irmán? Ata sete veces?
Respóndelle Xesús:
Non che digo ata sete veces, senón ata setenta veces sete".

Na época de Xesús, como na nosa, había frases feitas que todos entendían. Cando alguén falaba de perdoar sete veces era como dicir perdoar moito; así que perdoar setenta veces sete era o mesmo que dicir que había que perdoar sempre.
A todos nos custa moito perdoar, pero é case imposible renunciar á violencia sen empezar por perdoar.
A quen teño que pedir perdón? 
A quen teño que perdoar? 
Que debería facer eu para traballar pola paz na miña clase? Na miña familia? No mundo?

Pidamos a Xesús que nos axude nesta tarefa de construír entre todos a paz.

NOSOPAI...



MÉRCORES 29 XANEIRO 2014. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO

Cambiar o mundo
Cando era novo e a miña imaxinación non tiña límites, soñaba con cambiar o mundo.
Segundo fun facéndome maior, pensei que non había modo de cambiar o mundo, así que me propuxen un obxectivo máis modesto e intentei cambiar só o meu país. Pero co tempo pareceume tamén imposible.
Cando cheguei á vellez, conformeime con intentar cambiar á miña familia, os máis próximos a min. Pero tampouco conseguín case nada.
Agora, no meu leito de morte, de súpeto comprendín unha cousa: Se tivese empezado por intentar cambiarme a min mesmo, talvez a miña familia tería seguido o meu exemplo e tería cambiado, e coa súa inspiración e alento quizais tería sido capaz de cambiar o meu país e, quen sabe, talvez mesmo tería podido cambiar o mundo. (Encontrado na lápida dun bispo anglicano na Abadía de Westminster).

Señor, vivimos nun mundo sen paz. Fai de nós persoas pacíficas e pacificadoras, para facer un mundo mellor.
Señor, que na nosa clase, no noso colexio, nas nosas familias... sexamos construtores de paz.

NOSOPAI...



XOVES 30 XANEIRO 2014. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO

Bo día. Hoxe celébrase o Día Mundial da Non Violencia. Hai moitos lugares onde se manifesta a violencia e moitos tipos dela: violencia doméstica, violencia de xénero, violencia no deporte, violencia psicolóxica, violencia verbal ou física. En todas elas hai unha agresión contra outra persoa ou contra os bens persoais ou sociais e non deixa de ser un fracaso na capacidade de resolver os problemas por medio do diálogo. Ao longo da historia hai moitas persoas que destacaron pola non violencia. O maior de todos, despois de Xesús, é Ghandi, pero o máis recente, é Nelson Mandela. Todos nós podemos seguir o seu exemplo e sermos construtores de paz.

DIA ESCOLAR DA NON VIOLENCIA
Declaración de Principios desta Xornada da Non violencia e a Paz:

1 Creo que o amor é mellor que o odio e a paz mellor que a guerra.
2 Comprométome a non pensar mal das persoas e a fixarme en todo o bo que nos une antes que no que nos separa.
3 Comprométome a axudar a todos os que me necesiten, a perdoar aos que me ofendan, e a pedir perdón cando eu ofenda a alguén.
4 Farei todo o posible para que todos vivamos como UNHA GRAN FAMILIA, CUN SÓ CORAZÓN, para que se remate a violencia, a guerra, e consigamos a paz.

O noso centro manifesta a súa aposta incondicional pola paz e en contra de calquera acción que implique violencia entre os seres humanos.
Os valores que promovemos son os que anuncia o Evanxeo, plenamente humanos: a vida, o amor, a liberdade, a xustiza e a paz.

Por principio, rexeitamos calquera actitude ou conduta que implique a perda deses valores fundamentais que nos fan humanos. As guerras entre irmáns nunca poden estar xustificadas; pero tampouco os insultos entre nós, as ameazas, os enfrontamentos entre grupos, as vinganzas, a discriminación...

Cremos que o día da PAZ, ten que ser cada día no centro, durante todo o curso. Queremos vivir en harmonía e que a agresividade entre nós sexa cada día menor.

ORACIÓN
Señor, fai de min un instrumento da túa paz:
Onde haxa odio, fai que eu leve amor.
Onde haxa ofensa, que eu leve o perdón.
Onde haxa discordia, que eu leve a unión.
Onde haxa dúbida, que eu leve a fe.
Onde haxa erro, que eu leve a Verdade.
Onde haxa desespero, que eu leve a esperanza.
Onde haxa tristura, que eu leve a alegría.
Onde haxa tebras, que eu leve a luz. AMÉN

Este vídeo é un spot comercial pero non lle quita forza á mensaxe: o amor pode máis que unha bomba atómica. Este slogan antimilitarista, que se pronunciou para opoñerse á Guerra de Vietnan, válenos para reflexionar sobre a importancia do amor aos demais como forma de combater a violencia e as guerras.




VENRES 31 XANEIRO. No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo

Lector 1:
Finalizamos a Semana da Paz, pero sen esquecer que a PAZ ha de lograrse CADA DÍA.
Temos que convencernos de que os nosos problemas non se resolven a golpes.
Temos que desexar fortemente utilizar todos os medios razoables e nunca recorrer á violencia.

Lector 2:
Ogallá chegue un día en que todos os exércitos do mundo non fagan falta, porque os países non queren xa arranxar os seus problemas loitando con armas.
Ogallá chegue o día en que ninguén se atreva xa a quitar a vida a outro ser humano.
Ogallá entendésemos dunha vez que é moito máis barato evitar unha guerra que pagar as súas mortes e os seus estragos.

Lector 1:
Señor, nós desexamos sementar o mundo de paz.
E, para conseguilo, sabemos que temos que educarnos plantándoa en cada corazón.
Ensínanos que perdoar é un signo de grandeza e que a vinganza é un sinal de baixeza.

Lector 2:
Ás veces xorden enfados entre nós ou na nosa casa e coa nosa familia.
Se queremos educarnos para a paz, temos que pensar que é moito máis o que nos une que aquilo que nos separa.
Temos que pensar que nunca hai razón abondo para mirar o "outro" como alguén a quen hai que quitar do noso camiño.

Lector 1:
Sabemos que hai paz entre nós cando facemos todas as cousas con xustiza, e cando non somos egoístas e pensamos nos demais.
Por iso, neste último día da Semana da Paz, pedímoslle a Deus a súa axuda e a súa forza para medrar e educarnos como xente de bo corazón que quere o amor e a paz. Pedímoslle sermos construtores de paz e de solidariedade.

TODOS:
Señor, fai que non busquemos tanto
ser comprendidos, senón comprender;
ser consolados, senón consolar;
ser amados, senón amar.

Porque é dando, como se recibe.
É perdoando, como un é perdoado.
É morrendo, como se resucita á Vida Eterna. AMÉN
(S. Francisco de Asís) 

viernes, 17 de enero de 2014

ORACIÓNS XANEIRO. 2ª SEMANA TEMPO ORDINARIO

LUNS 20 XANEIRO 2014. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO

Lectura do santo evanxeo segundo san Xoán (1,29-34):
Naquel tempo, ao ver Xoán a Xesús que viña cara a el, exclamou: «Este é o Año de Deus, que quita o pecado do mundo. Ese é aquel de quen eu dixen: "Tras de min vén un home que está por diante miña, porque existía antes ca min. " Eu non o coñecía, pero saín a bautizar con auga, para que sexa manifestado a Israel.»

E Xoán deu testemuño dicindo: Contemplei o Espírito que baixaba do ceo como unha pomba, e pousouse sobre el. Eu non o coñecía, pero o que me enviou a bautizar con auga díxome: "Aquel sobre quen vexas baixar o Espírito e pousarse sobre el, ese é o que ha bautizar con Espírito Santo. " E eu vino, e dei testemuño de que este é o Fillo de Deus.»
Palabra do Señor
REFLEXIÓN: CO LUME DO ESPÍRITO
            As primeiras comunidades cristiás preocupáronse de diferenciar ben o bautismo de Xoán que somerxía ás xentes nas augas do Xordán e o bautismo de Xesús que comunicaba o seu Espírito para limpar, renovar e transformar o corazón dos seus seguidores. Sen ese Espírito de Xesús, a Igrexa apágase e extínguese.
            Só o Espírito de Xesús nos pode conducir a recuperar a nosa verdadeira identidade, abandonando camiños que nos desvían unha e outra vez do Evanxeo.
A Igrexa de hoxe necesita “evanxelizadores con Espírito” que se abran sen medo á súa acción e encontren nese Espírito Santo de Xesús “a forza para anunciar a verdade do Evanxeo, en voz alta e en todo tempo e lugar, incluso a contracorrente”.
            O Papa Francisco expresa con forza a súa convicción: “non é o mesmo ter coñecido a Xesús que non coñecelo, non é o mesmo camiñar con El que camiñar ás apalpadelas, non é o mesmo poder escoitalo que ignorar a súa Palabra... Non é o mesmo tratar de construír o mundo co seu Evanxeo que facelo só coa propia razón”.
A quen non o descobre, “axiña lle falta forza e paixón; e unha persoa que non está convencida, entusiasmada, segura, namorada, non convence a ninguén”. E ti, axúdasnos coa forza do Espírito a anunciar o Evanxeo?
           


MARTES 21 XANEIRO 2014. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO

SEMANA DE ORACIÓN POLA UNIDADE DOS CRISTIÁNS
Hai cen anos, o Pai Paul Wattson, sacerdote anglicano e cofundador da Sociedade do Atonement de Graymoor (no Estado de Nova York), inauguraba un Octavario de oración pola unidade dos cristiáns que se celebrou por primeira vez do 18 ao 25 de xaneiro de 1908, festa da Conversión de San Pablo.
Por tanto, estamos de aniversario.
Hai 200 anos ninguén pensaría que grupos enfrontados, como os católicos e os protestantes, rezariamos xuntos. Pero hoxe é un feito aceptado e promovido por todos. Damos grazas a Deus polo desexo que pon en nós, en todos os ámbitos da vida de buscar a paz e a unidade.

Este ano ten como lema "ES QUE CRISTO ESTÁ DIVIDIDO?”
Imos escoitar o texto elixido para este ano:

LECTURA DE SAN PAULO AOS CORINTIOS (1 COR 1, 4-13)
Non paro de lle dar gracias a Deus por vós, pola gracia de Deus que se vos deu por medio de Cristo Xesús. Porque por medio del quedastes ricos en todo, nos dons da palabra e do coñecemento: e así confirmouse solidamente entre vós o testemuño en favor de Cristo. De xeito que non carecedes de ningún don, mentres agardades a revelación do noso Señor Xesús Cristo. El é quen vos manterá firmes deica á fin, para que ninguén vos poida acusar de nada no día do noso Señor Xesús Cristo. Deus é fiel e foi El quen vos chamou á comunidade do seu Fillo Xesús Cristo, noso Señor.
Irmáns, polo nome do noso Señor Xesús Cristo: rógovos que vos poñades todos de acordo e que non haxa divisións entre vós; ó contrario, axeitádevos todos nun mesmo espírito e nun mesmo pensamento.
(…) ¿Pero é que Cristo está dividido? (…)
Palabra de Deus


Pidamos unha vez máis a Deus que El nos axude a camiñar con respecto ao outro, ao que é diferente, a ser capaz de querer a quen non me cae tan ben e a practicar a oración para que Deus nos axude en cada momento da nosa vida. Amén.



MÉRCORES 22 XANEIRO. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO
Paulo recórdanos unha cousa fundamental que nos transmitiu Xesús: a paz e a unidade. Como todo o realmente importante na vida, non podemos conseguilas nós sós co noso esforzo. Debemos esforzarnos, claro, pero non podemos conseguilo sós.
Necesitamos rezar porque necesitamos contar coa presenza de Deus. Quizais esteas a rezar máis do que pensas. Xesús só pide unha cousa: que creas en Él e, entón, serás quen de escoitalo.
A próxima semana comezaremos a rezar pola paz e a non violencia, posto que o 30 de xaneiro celebramos a nivel mundial este día, rememorando a morte de Gandhi.
Sabemos que non pode haber paz se non estamos unidos entre nós.
Pedimos pola unidade de todas as igrexas cristiás, pero tamén pola unidade entre todos nós, aquí no colexio, cos nosos amigos, no noso pobo, o noso país... e entre todos os colexios vicencianos.

ORACIÓN
Señor Xesús, 
fai que sexamos os sinais vivos do teu reino que vén.
Acéndenos a paixón pola xustiza e a paz entre todos os pobos. 
Énchenos de fe, de esperanza e de amor que están no corazón do Evanxeo 
e fainos UN para que o mundo crea.
Que o teu nome sexa santificado en todo o mundo, 
que a túa Igrexa poida recoñecerse efectivamente reunida nun único corpo.
Comprometémonos a amarte, 
a traballar pola xustiza, a paz e a unidade. 
Queremos ser testemuñas túas.
Dános luz e forza para coñecer e vivir a fe e o amor, 
para que outros te poidan recoñecer en nós 
e que poidamos descubrirte neles. Amén


XOVES 23 XANEIRO. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO

SILENCIOS
Proba a facer silencio. Silencio total, absoluto. Verás que non é doado. Aínda que te illes e apagues a radio, ou a televisión, ou te afastes do móbil, sempre se coa algún son. En nada empezarás a oír ruídos. Voces afastadas, o tráfico na rúa, o son dalgún aparato que está preto -o ordenador, ou a calefacción, …. O aviso dun whatsapp. Un teléfono. Todo soa. De feito, é posible que o silencio prolongado che sufoque. Non estamos afeitos. Pero fai falta, nalgún momento, parar e deixar que o pensamento vague ao seu ritmo, que as voces de dentro teñan o seu lugar e as de fóra acálense. O que pasa é que non todo silencio é igual. E de aí a necesidade de separalos.

Hai un tipo de silencio deshabitado, baleiro, solitario. Xeralmente, doe ou inquieta. É o silencio das tardes sen plan, das chamadas que non rematan de chegar, das palabras botadas de menos. É o silencio da oración que non encontra eco máis alá dos propios pensamentos. Ou o que se impón a calquera ruído cun pesado manto de apatía. Cando iso acontece, e acontece ás veces, un cuestiónao todo e o estado de ánimo ponse sombrío. Pensas en soidade, fracaso, trangallada... Pero é mentira. É tan só que te volviches un pouco xordo ás voces que seguen aí. Por iso non deberías crelo de todo.

CANDO VIÑERON A BUSCARME
Cando os nazis viñeron a levar os comunistas,
gardei silencio,
porque eu non era comunista.

Cando encarceraron os socialdemócratas,
gardei silencio,
porque eu non era socialdemócrata.

Cando viñeron a buscar os sindicalistas,
non protestei,
porque eu non era sindicalista.

Cando viñeron a levar os xudeus,
non protestei,
porque eu non era xudeu.

Cando viñeron a buscarme,
non había ninguén máis que puidese protestar.
MARTÍN NIEMÖLLER

PREGUNTAS PARA A REFLEXIÓN EN SILENCIO:
-      Ante que gardas silencios?
-      Cres que é mellor calar e pasar ou é mellor involucrarse e actuar?
-      Que inxustizas ves ao teu arredor?
-      Fas algo por loitar contra as inxustizas ou contra o inxusto?

NOSOPAI

VENRES 24 XANEIRO. No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo
Mañá remata a Semana de Oración pola Unidade dos Cristiáns. Ante un mundo dividido, os cristiáns debemos apoiar a unidade, traballando por facela posible entre todos e así chegar á unidade dos cristiáns. Un primeiro paso necesario é creala no noso ámbito dende unha actitude que contribúa a iso. Sobre os camiños da vida, en cada encontro, Deus pon en nós o desexo de encontralo nos demais, de acoller a todos, de ser sensibles para escoitar o que nos quere dicir a través das persoas que están ao noso lado, en especial dos máis necesitados. Hoxe invítanos a sentirnos reunidos no seu nome e a ser as súas testemuñas. Debemos contribuír no ben da humanidade e colaborar na tarefa de facer un mundo mellor. Iso é o que nos recorda tamén o día da Infancia Misioneira que celebramos este domingo, 26 de xaneiro. Esta Obra presta un servizo para a animación misioneira co fin de movernos a compartir a fe e os medios materiais cos nenos das Igrexas máis necesitadas do mundo enteiro. Cada parroquia, cada Diocese e a Igrexa universal poden sentir como propia esta Obra da Infancia Misioneira.
Oremos, pois, por toda a Igrexa que, unida, procura a construcción dun mundo máis xusto e humano para todos.

NOSOPAI

Aínda que é un pouco longo (12´25´), invítovos a visionar o vídeo de Infancia Misioneira deste ano. Paga a pena velo