viernes, 26 de septiembre de 2014

ORACIÓNS SEMANA 29 SETEMBRO-3 OUTUBRO

 Luns, 29 de setembro. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍTITO SANTO. AMÉN
Que significa realmente Deus no noso quefacer cotián? O que se opón moitas veces á fe non é a increnza, senón a falta de vida. Porque, que importa o credo que pronuncian os nosos beizos se falta logo na nosa vida un mínimo esforzo de seguimento de Cristo?; que importa que un fillo lle diga a un pai que vai traballar na viña se logo en realidade non o fai?. Non será que temos reducido, a miúdo, a nosa fe a palabras, ideas ou sentimentos?.
A Palabra proclamada quere axudarnos, unha vez máis a descubrir que a verdadeira fe, hoxe coma sempre, é a que viven aqueles homes e mulleres que traducen en feitos o Evanxeo. Porque.... do dito ao feito, haiche un gran treito. Que non nos quedemos en palabras que leva o vento. Camiñemos cara ao compromiso.

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

            Naquel tempo, díxolles Xesús aos sumos sacerdotes e aos anciáns do pobo:
            ‑ Que vos parece? Un home tiña dous fillos. Foi onda o primeiro, e díxolle: "Meu fillo, vai traballar hoxe na viña". El respondeu:
            "Non quero"; pero despois, arrepentido, foi.
            Foise onda o outro e díxolle o mesmo. El respondeu: "Vou, señor"; pero non foi.
            ‑ Quen dos dous fixo a vontade do pai?
            Respondéronlle:
            ‑ O primeiro.
            Entón díxolles Xesús:
            ‑ Asegúrovos que os recadadores e mais as prostitutas entrarán no Reino de Deus antes ca vós. Porque veu Xoán para vos ensinar o camiño da xustiza, e non lle fixestes caso; en cambio, os recadadores e mais as prostitutas, si que llo fixeron. Pero vós, aínda despois de ver aquilo, nin vos arrepentistes nin crestes.

                        Palabra do Señor                                 R/. Loámoste, Cristo



ORACIÓN FINAL: MIRADA DE ESPERANZA (todos xuntos)
Concédenos, Señor,
un pouquiño de calor para a nosa frialdade,
un pouquiño de consistencia para o noso barro,
un pouquiño de auga para a nosa sede,
un pouquiño de luz para os nosos momentos de escuridade,
un pouquiño de ledicia para as nosas penas,
un pouquiño de paz para a nosa loita de cada día,
un pouquiño de tenrura para as nosas fraquezas,
un pouquiño de amor para o noso egoísmo,
un pouquiño de ilusión para a nosa desgana,
un pouquiño de auxilio para as nosas necesidades,
un pouquiño de firmeza para as nosas decisións,
un pouquiño de vida, para a nosa vida.

Concédenos, Señor,
un pouquiño de escoita para a túa Palabra,
un pouquiño de sabedoría para sermos felices,
un pouquiño de tempo, para aprender a ser fillos e fillas.

Aínda que non che pidamos nada, ou che digamos o contrario…

Concédenos, Señor.


MARTES 30 SETEMBRO. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍTITO SANTO. AMÉN


Texto bíblico: Parábola dos talentos. (Mt 25,14-30): « É como unha persoa que partía ao estranxeiro; antes chamou aos seus criados e encomendoulles as súas posesións. A un deulle cinco pezas de ouro, a outro dous, a outro unha; a cada un segundo a súa capacidade. E marchou. Inmediatamente o que recibira cinco pezas de ouro negociou con elas e gañou outras cinco. O mesmo o que recibira dúas pezas de ouro, gañou outras dúas. O que recibira unha peza de ouro foi, fixo un burato na  terra e escondeu o diñeiro do seu amo. Pasado moito tempo presentouse o amo daqueles criados para pedirlles contas. Achegouse o que recibira cinco pezas de ouro e presentoulle outras cinco dicindo: Señor, déchesme cinco pezas de ouro; mira, gañei outras cinco. O seu amo díxolle: Moi ben, servo honrado e cumpridor; fuches fiel no pouco, póñote á fronte do importante. Entra na festa do teu amo. Achegouse o que recibira dúas pezas de ouro e dixo: Señor, déchesme dúas pezas de ouro; mira, gañei outras dúas. O seu amo díxolle: Moi ben, servo honrado e cumpridor; fuches fiel no pouco, poñereite á fronte do importante. Entra na festa do teu amo. Achegouse tamén o que recibira unha peza de ouro e dixo: Señor, sabía que es esixente, que colleitas onde non sementaches e reúnes onde non esparexeches. Como tiña medo, enterrei a túa bolsa de ouro; velaquí tes o teu. O seu amo respondeulle: Servo indigno e folgazán, posto que sabías que colleito onde non sementei e reúno onde non esparexín, tiñas que depositar o diñeiro nun banco para que, ao vir eu, o puidese retirar cos intereses. Quitádelle a peza de ouro e dádella ao que ten dez. Pois ao que ten háselle dar  e sobraralle, e ao que non ten quitaráselle aínda o que ten. Ao criado inútil expulsádeo ás tebras de fóra. Alí será o choro e o rinchar de dentes.»

ECONOMÍA SOLIDARIA: Mira, aprende e constrúe 

Bo día. Que tal a finde? Gastamos moito diñeiro? Sabemos que o diñeiro é o grande motor da economía. Sen diñeiro non sabemos facer moitas veces as “cousas”. Pero necesariamente é así? Esquecémonos que a economía non é un FIN, senón un medio para conseguir unha calidade de vida para a sociedade. A competitividade da economía esixe unha velocidade e un “gasto” que vai en contra do que realmente queremos conseguir, o chamado “estado de benestar”.

Pois ben, hai persoas que queren romper con este esquema de só gañar diñeiro e apostan por estruturas económicas solidarias, non excluíntes nin especulativas, onde a persoa e a contorna sexan o eixe, o fin, e non o medio para conseguir unhas condicións dignas para todas as persoas. Baséanse en 6 principios:

- Principio de equidade.
- Principio de traballo.
- Principio de sostibilidade ambiental.
- Principio de cooperación.
- Principio “sen fins lucrativos”.
- Principio de compromiso coa contorna.


María Milagrosa ... Roga por nós.

MÉRCORES 1 OUTUBRO. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍTITO SANTO. AMÉN

Texto bíblico: Mt 25,34-40.
«Daquela o rei dirá aos da dereita: Vinde, benditos do meu Pai, a herdar o reino preparado para vós desde a creación do mundo. Porque tiven fame e déstesme para comer, tiven sede e déstesme de beber, era inmigrante e acolléstesme, estaba espido e vestístesme, estaba doente e visitástesme, estaba encarcerado e viñestes verme. Os xustos responderanlle: Señor, cando te vimos famento e te alimentamos, sedento e démosche de beber, inmigrante e recibímoste, espido e vestímoste? Cando te vimos doente ou encarcerado e fomos visitarte? O rei contestaralles: Asegúrovos que o que fagades a un só destes os meus irmáns menores, a min mo facedes ».

AULAS NO HOSPITAL

As Aulas Hospitalarias son as unidades escolares xurdidas dentro do hospital, co obxectivo principal de atender escolarmente aos nenos hospitalizados, ao mesmo tempo que se axuda a previr e evitar a posible marxinación que, por causa dunha enfermidade, pode sufrir o neno debido a esta hospitalización.

Estas aulas posúen unhas determinadas características que fan que a actividade a desenvolver nelas sexa, en certo xeito, diferente a un centro escolar normal: atópanse situadas dentro dun centro hospitalario e van dirixidas a nenos que sofren diversos tipos de patoloxías. Estas dúas premisas fan que a actuación escolar que o profesor debe realizar requira duns comportamentos diferentes aos que se levarían a cabo nun aula normal.

A actuación dos mestres e mestras que traballan nestas aulas debe ter en conta todas as circunstancias que rodean ao neno hospitalizado: angustia, ansiedade, desmotivación, aburrimento, etc., de aí a importancia de empregar unha serie de técnicas encamiñadas a fomentar nestes nenos a súa creatividade, o perfeccionamento das súas destrezas, habilidades e capacidades manipulativas, así como a utilización das novas tecnoloxías.

Para rematar, tense moi en conta á hora de actuar a outros dous compoñentes fundamentais en todo este proceso educativo e sen os cales dificilmente a actuación do mestre da aula podería desempeñar o seu labor plenamente, son os pais e o persoal sanitario.

- Sabes se na túa cidade hai este tipo de aulas?
- Somos consciente que hai persoas-compañeiros que necesitan a nosa axuda, aínda que non o pidan?

AVE MARÍA



XOVES 2 OUTUBRO. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍTITO SANTO. AMÉN

A persoa máis influínte segundo Twitter

BO DÍA. Xa sabedes quen é a persoa más influínte segundo Twitter.
Hai uns días vendo a televisión escoitei esta pregunta e a noticia era que o Papa Francisco é a persoa máis influínte en Twitter. Escoitade



O Papa Francisco é o usuario de Twitter máis influínte no mundo. Por cada tuit que publica recibe un promedio de 10.000 retuits na súa conta en español e máis de 6.400 na versión inglesa.
Así o indica o estudo "Twiplomacy 2014” que ten como obxectivo identificar como os líderes mundiais utilizan Twitter.
Segundo este informe, as palabras que máis usa nas súas tuits son Deus, Xesús e amor.
En xuño a conta de Twitter do Papa acadou os 14 millóns de seguidores. Converteuse no segundo líder mundial máis seguido logo de Barack Obama, que ten máis de 43 millóns.
Os tuits de Francisco publícanse en nove idiomas: español, inglés, francés, alemán, árabe, portugués, polaco e latín. A conta en español é a que ten máis seguidores, uns 6 millóns.

Pero tamén a revista “Time” faise eco e noméao como unha das 100 persoas máis influíntes no 2013 e 2014.
Utilizo as palabras de Barack Obama referíndose ao Papa Francisco:

«Raro é o líder que nos fai querer ser mellores persoas. Papa Francisco é un líder”.

“Francisco moveunos coa súa mensaxe de inclusión, especialmente para os pobres, os marxinados e os excluídos. Pero foron os seus feitos, o seu porte, os xestos á vez sinxelos e profundos - abrazando aos enfermos, axudando ás persoas sen fogar, lavando os pés dos recluídos mozos – os que a todos nos inspiraron.

O Papa Francisco recórdanos que as palabras soas non poden. O seu exemplo nos desafía a vivir esas obrigas a través do traballo - para aliviar a pobreza, reducir a desigualdade e promover a paz- ; para alimentar ao famento, refuxiar aos desamparados, coidar dos enfermos e abrir novas portas de oportunidades e visións de posibilidade para todos. A súa mensaxe de amor e de inclusión destila a esencia das ensinanzas de Xesús e é un tónico para unha era cínica. Que podamos seguir o seu exemplo humilde.»

Invítovos a que o sigades en twitter: @pontifex_é. Velaquí vos deixo algún dos seus tuits:
- Ser amigos de Deus significa orar con sinxeleza, como un neno lle fala ao seu pai.

NOSOPAI

VENRES 3 OUTUBRO. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍTITO SANTO. AMÉN
Actividades… fin de semana : XORNADA VOLUNTARIADO 

Case todos oístes falar de “Iniciativa Solidaria”, “Red de Jóvenes”, “Aulas en Acción”...,  todas teñen en común que son propostas da nosa ONG “ Jóvenes y Desarrollo”.

JyD é unha Organización Non Gobernamental Salesiana sen ánimo de lucro. Naceu como Asociación “Jóvenes del Tercer Mundo (JTM)” en 1988 por iniciativa dun grupo de ex alumnos de centros salesianos, transformándose en Fundación no ano 2000. En xaneiro do 2009, cumprido o vixésimo aniversario da  fundación, decidimos iniciar unha nova etapa baixo o nome “Fundación Jóvenes y Desarrollo”.

Este fin de semana un grupo de mozos reuniranse en Logroño para compartir as súas experiencias solidarias. É o noso xeito de transformar o mundo, cooperando por un desenvolvemento sostible, humano, social e económico que contribúa á erradicación da pobreza no mundo...

Invítovos a que pensedes un pouquiño esta fin de semana para fixarvos como vivimos a “finde”. É só para min? Compártoa con outros? Son capaz de axudar a outros?

ORACIÓN (TODOS)
Querido Pai, dáme forzas
para loitar contra a inxustiza do mundo.
Dáme forza para enxugar unha bágoa
na faciana dun neno.
Dáme forza para botar unha man cara o pobre.
Dáme forza para dar un pouco de amor
a quen todo o perdeu.
Dáme forzas para dar pernas
a quen xa non as ten.
Dáme forza para facer
un mundo xusto, libre e venturoso,
un mundo como Ti o soñaches.
Amén.

AVE MARÍA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Archivo del blog