miércoles, 7 de enero de 2015

FELIZ ANO 2015!!!!

Luns, 8 de xaneiro. NO NOME DO PAI, DO FILLLO E DO ESPÍRITO SANTO. AMÉN

FELIZ ANINOVO
Bo días a todos e a todas neste primeiro día de cole de 2015.
Aninovo, novos retos, múltiples posibilidades que se abren no noso horizonte. Dos moitos whatsapp recibidos estes días compartimos e reenviamos un a cada un de vós: “hoxe  ingresei na túa conta 2015 trescentos sesenta e cinco días de boa sorte, alegría e felicidade cos que te acompañen. Adminístraos ben. Feliz aninovo”
Moitos bos desexos e un montón de posibilidades que se abren para o noso día a día. É unha invitación a CRECER, a ser máis ti mesmo, a ser cada día mellor persoa, máis competente profesionalmente, mellor compañeiro na aula, máis atento, cariñoso e solidario con quen poida necesitarte, máis responsable e comprometido co teu grupo de traballo, máis alegre e creador de bo ambiente nos encontros de tempo libre.
Non o dubides, desde hoxe mesmo empéñate en ser mellor persoa, en desenvolver cada día as túas mellores calidades … en rentabilizar a túa conta 2015, para facela produtiva persoal e colectivamente.
Feliz 2015 

ORACIÓN
Grazas, Pai, polo novo ano que comeza.
Unha oportunidade para crecer e para facer o ben.
Dame fortaleza e alegría no traballo.
Que sexa xeneroso para sementar obras de caridade.
Concédeme a humildade e paciencia suficientes
para superar as dificultades que se irán facendo presentes.
Que saiba crecer cada día como seguidor de Xesús.
Grazas, Señor.

Bendición no novo ano:




Martes, 9 de xaneiro. NO NOME DO PAI, DO FILLLO E DO ESPÍRITO SANTO. AMÉN

UN NOVO ANO
Estamos comezando un novo ano. Cantos de vós fixestes propósitos para este ano? xa sabedes que moitas persoas o fan mentres despiden o ano e reciben o novo. Que se este ano vou ir ao ximnasio, que se este ano vou aprender idiomas, que se este ano vou deixar de fumar, que se este ano por fin voume poñer a estudar ao día …
Alguén fixo o propósito de ser máis amable? Ou de ser máis solidario? Ou acaso se propuxo estar máis dispoñible? Ou incluso facer voluntariado? É curioso, pero seguro que a algún lle está parecendo que eses propósitos non se fan normalmente e incluso está poñendo cara de sorpresa.
Pode que tal vez cando pensamos un propósito caemos na tentación de pensar en algo para nós mesmos, en mellorar algo noso. Non é que iso sexa malo, pero imaxino que pasaría se todos  fixéramos un propósito que tivera que ver coa mellora dos demais.
Por iso, este ano, suxíroche que mires ao teu redor, aos que tes ao teu carón neste momento ou aos que te acompañan na túa vida e penses se non se podería conseguir algo entre todos. Basta que cada un poña un pouco da súa parte. Xa sei que algún dirá que iso soa moi bonito, pero e se deixamos as palabras bonitas e facemos un xesto? Pénsao por un momento.
Unha persoa dixo que o maior progreso da humanidade foi o progreso na cooperación. Así que ogallá este ano novo fagamos un propósito nesta liña.

Xesús ensínanos:
“ Non hai amor meirande que dar a vida polos amigos”

Oración:
         Pai, conta coas nosas mans
         para construír un Mundo onde habite a xustiza.
         Pai, conta cos nosos pés,
         para poñer en marcha a liberdade e o amor.
         Conta cos nosos beizos para denunciar trampas e falsidades;
         Pai, conta coa nosa acción
         para conseguir que todas as persoas
         podan vivir con dignidade e en irmandade.
         Pai, danos a sabedoría para saber elixir
         todo o que nos axude a medrar
         como persoas e como fillos e fillas teus. Amén

Un vídeo sobre cooperación. A ponte:

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Archivo del blog