viernes, 16 de febrero de 2018

SEMANA CONTRA A FAME

LUNS 19 XANEIRO 2018. NO NOME DO PAI, DO FILLO, DO ESPÍRITU SANTO. AMÉN

Querido Deus:

Regaláchesnos o mundo para que todos vivamos nel, un mundo cheo de marabillas, beleza e plenitude; 
unha casa común onde ninguén debería ter fame. Pedímosche por todas as persoas 
que se esforzan por traballar os campos
 e polos que coidan os animais. 
Dános forzas para ser máis xenerosos
 e unir as nosas mans para que, xuntos,
 consigamos que remate a fame e o sufrimento.

Señor, ensínanos a comprender 
que todos os que vivimos no noso planeta somos unha familia humana,
 por iso debemos coidar a terra 
e a todos os que habitamos nela.


Todos: NOSOPAI...



MARTES 20 XANEIRO 2018. NO NOME DO PAI, DO FILLO, DO ESPÍRITU SANTO. AMÉN

Señor Xesús:

Non nos deixes caer na tentación de pensar que podemos ter todo o que queiramos para comer nas nosas mesas e tirar o que nos sobra.
Fai que sexamos agradecidos pola comida que temos cada día.
Hoxe pedímosche por todas as familias que teñen que saír dos seus países buscando unha vida mellor;
para que poidan dispoñer da terra necesaria para podela cultivar e alimentarse cos seus froitos.
Fainos persoas responsables, comprometidas, solidarias e acolledoras.

Todos: Ave María...



MÉRCORES 21 XANEIRO 2018. NO NOME DO PAI, DO FILLO, DO ESPÍRITU SANTO. AMÉN

Señor, fainos comprometidos co noso mundo.
•Dános valentía para esforzarnos cando nos pareza difícil.
•Dános paciencia para superar os problemas sen rendernos.
•Dános esperanza para seguir crendo e confiando en Ti .
•Dános forzas para comprometernos cos máis necesitados.
•Dános mans para acariñar, pés para camiñar, palabras para cantar sempre a favor dun mundo bo.
•Xesús, fainos persoas solidarias, capaces de construír un mundo novo e mellor. Amén

Todos: NOSOPAI



XOVES 22 XANEIRO 2018. NO NOME DO PAI, DO FILLO, DO ESPÍRITU SANTO. AMÉN

Deus creador do mundo:
Dámosche grazas porque nos regalas cada día a luz do sol que fai que broten as sementes.
Fainos sensibles e abre os nosos ollos para ver que debemos coidar a natureza, o mundo, como un agasallo precioso que temos para compartir con todos.
Que non o sigamos danando, que coidemos os animais e as plantas e que non malgastemos a comida nin a auga.
Axúdanos a ser xenerosos ante as necesidades dos demais. Amén

Todos: Gloria ao Pai, ao Fillo e ao E.S...



VENRES 23 XANEIRO 2018. NO NOME DO PAI, DO FILLO, DO ESPÍRITU SANTO. AMÉN

Xesús, Señor e Mestre:
Pedímosche polas persoas que viven en dificultades e conflitos por culpa das inxustizas e do egoísmo.
Cambia o corazón dos gobernantes para que busquen o ben de todos, especialmente dos máis necesitados.
Ti que nos deches o mandamento do amor, pedímosche que, a exemplo teu, compartamos cos nosos irmáns a vida,
o que somos e o que temos, e fagamos un mundo máis xusto e  fraterno onde a ninguén lle falte o alimento e a auga necesarios, non se cometan inxustizas e convivamos en paz e alegría. Amén

Todos: Oh María sen pecado concibida, roga por nós…

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Archivo del blog