domingo, 29 de septiembre de 2019

ORACIÓNS SEMANA 30 SETEMBRO - 4 OUTUBRO

LUNS 30 SETEMBRO
No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo

Ti recibiches bens e Lázaro males; agora este é consolado, mentres que ti es atormentado

Evanxeo  Lc 16, 19-31

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

            Naquel tempo, díxolles Xesús aos fariseos:

            - Había un home rico que vestía roupa de púrpura e liño fino, e que celebraba todos os días espléndidos banquetes.

            Ó pé da súa porta xacía un pobre chamado Lázaro, todo cuberto de chagas, que estaba desexando matar a  fame co que caía da mesa do rico; e incluso os cans se achegaban a lle lamber as chagas.

            Resulta que morreu o pobre, e levárono os anxos  ao seo de Abrahán. Morreu tamén o rico, e enterrárono. Estando no lugar dos mortos, no medio dos tormentos, erguendo os ollos viu a Abrahán e mais a Lázaro no seu seo.

            Entón suplicoulle dicindo: "Ai, pai Abrahán, ten dó de min; mándame a Lázaro para que molle o seu dedo na auga e refresque a miña lingua, porque me atormenta o lume". Pero Abrahán contestoulle: "Fillo, recorda que ti recibiches bens na túa vida, mentres Lázaro recibiu males; agora el recibe consolo e ti tormento.

            Ademais, entre nós e vós hai un abismo insalvable; de xeito que desde aquí non se pode pasar onda vós, nin desde aí se pode vir onda nós".

            Entón el insistiu: "Suplícoche, pai Abrahán, que o mandes a casa do meu pai, onde teño cinco irmáns, para que lles fale claramente e non veñan dar a este lugar de tormentos". Pero Abrahán respondeulle: "Xa teñen a Moisés e os Profetas: que lles fagan caso a eles".

            El volveu insistir: "Pero non llelo van facer, pai Abrahán, non; se un morto vai onda eles, seguro que se converterán". Pero Abrahán replicoulle: "Se a Moisés e mais aos Profetas non lles fan caso, tampouco llo farán nin a un morto resucitado".


           Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo


O PROFESOR LE AMODO COA MÚSICA DA LIGAZÓN DE FONDO​ (podemos poñelo no corte que queiramos). SÓ SON. SEN IMAXE. PODEMOS ESCURECER A AULA (se é posible facelo desde un dispositivo móbil). O profesor comeza a ler amodo as seguintes indicacións coas pausas que se indican a continuación:



Poñémonos en posición cómoda. Relaxados. Primeiro pecha os ollos, sente a música e tenta tomar conciencia do teu corpo como un todo, desde a cabeza ata os dedos dos pés. Sente o seu peso na túa cadeira, debaixo de ti. Tenta ser consciente de todo o teu corpo, o seu peso, a súa temperatura, cómo sente. Logo, toma conciencia da respiración: séntea entrando e saíndo do corpo. Sente o peito e o abdome subindo e baixando ao mesmo tempo que entra e sae a respiración. Poida que notes que outras partes do teu corpo se moven suavemente coa respiración: as costas, os ombreiros, incluso os brazos ou as pernas. (5” silencio) Nesta ocasión Xesús fala aos discípulos de Lázaro e dun home rico. Quee chegou ao teu corazón desta parábóla. (5” silencio) Na túa vida ocórrenche moitas cousas e relaciónaste con moitas persoas. Como é o teu modo de actuar? Es humilde e comprensivo, es fanfarrón, compartes as cousas, pensas que o teu é mellor? (5” silencio)
Xesús dános as claves de cómo temos que ser. Ten un momento con Xesús, cóntalle o que sentiches neste intre…. Paseniño, imos tomando conciencia da realidade, sentimos o noso corpo e abrimos os ollos​.

Rematamos a oración: No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo



MARTES 1 OUTUBRO
No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo

LC 16, 25
“Recibiches os teus bens e Lázaro males: por iso atopa aquí consolo.”

Proxectar a imaxe e realizar a rutina de pensamento DEZ VECES DÚAS
1. Obsérvase a imaxe en silencio durante polo menos 30 segundos. Déixase aos ollos e á mente viaxar.
2. Elabórase unha lista de dez palabras ou frases sobre calquera aspecto da imaxe.
3. Repítense os dous pasos anteriores para observar a imaxe de novo e tratar de agregar dez palabras ou frases máis á lista.



ORACIÓN
Somos familia, somos Iglesia,
Somos testemuñas unidas na misión.
Somos pobo de Deus, creados para amar e servir.
Teñamos a Cristo no noso corazón,
Busquemos e atopemos a Deus en todas as cousas, Traballemos pola xustiza con FE e ALEGRÍA
Para gloria de Deus pai. AMÉN



MÉRCORES 2 OUTUBRO
No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo

Hoxe imos orar por medio dunha coñecida canción e ao final faremos unha breve reflexión



O evanxeo desta semana chámanos a reflexionar sobre o que “xa” fixemos e non hai forma de cambialo. Pero o noso tempo non acabou e todo está por facer. Podemos cambiar o mundo, podemos "entrar en acción" e unirnos a esta "cadea de bondedes"
Pensa por un momento nalgunha cousa que poderías cambiar para que tamén cambiase algo ao teu redor. Pon todas  esas accións nas mans de Deus e, xuntos, rezamos a oración que Xesús nos ensina:

NOSOPAI

XOVES 3 OUTUBRO
No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo

LC 16, 25 “Recibiches os teus bens e Lázaro males: por iso atopa aquí consolo.”

VICENTE DE PAÚL MISIONEIRO
O NOSO COMPROMISO
O Evanxeo era, para Vicente, o libro que lle permitiou atopar directamente a vontade e a forma de obrar de Xesucristo. Poderíamos dicir que Vicente tiña un modo particular de abordar o Evanxeo. O texto preferido por Vicente de Pau l, no que Xesús fai da opción polos pobres o distintivo da súa misión, atópase no evanxeo de Lucas: “O espíritu do Señor está sobre min, porque me unxiu  para anunciar aos pobres a boa noticia, para proclamar a liberación aos cativos e a vista aos cegos, para dar liberdade aos oprimidos e proclamar un anno de graza do Señor.”

Nestas semana nas que imos falar sobre o DOMUND, escoitamos un fragmento da mensaxe do Papa Francisco: “Todos os pobos e culturas teñen o dereito para recibir a mensaxe de salvación, que é don de Deus para todos. Isto é máis necesario todavía se temos en conta a cantidade de inxustizas, guerras, crises humanitarias que esperan unha solución. Os misioneiros saben por experiencia que o Evanxeo do perdón e da misericordia pode traer alegría e reconciliación, xustiza e paz. O mandato do Evanxeo: “Ide, pois, e facede discípulos a todos os pobos, bautizándoos no nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo; ensinándolles a gardar todo o que vos mandei” ( Mt 28,19-20) non está esgotado, é máis, comprométenos a todos, nos escenarios e desafíos actuais, a sentirnos chamados a unha nova “saída” misioneira, como sinalei tamén na exhortación apostólica ​ Evangelii gaudium: “Cada cristián e cada comunidade discernirá cal é o camiño que o Señor lle pide, pero todos somos convidados a aceptar este chamado: saír da propia comodidade e atreverse a chegar a todas as periferias que necesitan a luz do Evanxeo” ( n. 20).

         - Que che din estes textos a ti, hoxe?



VENRES 4 OUTUBRO
No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo

O NENO QUE QUERÍA COÑECER A DEUS
Había unha vez un neno pequeno que quería coñecer a Deus. Sabía que había que facer unha longa viaxe, entón  empaquetou unha maleta con boliños, uns cantos xogos e emprendeu a súa partida.
Cando percorrera unhas tres rúas, atopouse cunha velliña. Estaba sentada no parque, observando as pombas. O neno sentou xunto a ela e abriu a súa maleta. El estaba a piques de tomar un zume cando notou que a  velliña se vía con fame, entón ofreceulle un boliño. Ela aceptouno moi agradecida, o seu sorriso era tan belo que o  neno quixo ver ese sorriso novamente e ofreceulle un zume. Novamente ela volveu esbozar o seu fermoso sorriso, e o neno estaba encantado.
Quedaron alí toda a tarde comendo e sorrindo, pero ningún dos dous dicía nada.
Cando empezou a escurecer, o neno estaba canso e levantouse para marchar; tras dar uns pasos, deu a volta e correu cara á  velliña e abrazouna, e ela deulle o máis grande dos seus sorrisos.
Ao chegar a casa, a súa nai estaba sorprendida pola felicidade que mostraba no seu rostro; ela preguntoulle por que estaba tan feliz e o neno contestou: - Comín con Deus, e sabes? Ten o sorriso máis belo que vin!
A  velliña tamén, con moita felicidade, regresou á súa casa. O seu fillo sorprendeuse da paz que mostraba a súa cara e preguntoulle: - Mamá, que fixeches o día de hoxe que estás tan feliz? Ela contestoulle: _ Hoxe comín boliños no parque con Deus e, sabes? É máis novo do que eu pensaba.


Moitas veces a nosa fe cambaléase, porque pensamos que Deus está lonxe de nós, pero se somos capaces de cambiar a nosa mirada, podemos atoparnos con El, en xestos sinxelos e humildes das persoas coas que nos atopamos cada día.
Pensa e comparte:
Recoñeces a Deus nos xestos das persoas que te rodean? Os demais, poden recoñecer a Deus nos teus xestos?
        

Pídelle a Deus humildade para achegarte aos demais sempre con boas palabras e un gran sorriso


NOSOPAI

domingo, 22 de septiembre de 2019

ORACIÓNS SEMANA DE SAN VICENTE DE PAÚL

LUNS 23 DE SETEMBRO
NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO. AMÉN

Queridos alumnos:
Esta semana celebraremos a festa de San Vicente de Paúl, sacerdote católico e fundador da Compañía das Fillas da Caridade no século XVII. Como escola vicenciana que somos queremos dedicar a oración da mañá desta semana a coñecer máis a vida de San Vicente, unha vida dedicada a dar vida desde o seguimento de Xesús expresado no servizo aos máis pobres e empobrecidos. Con esta intención comezamos esta semana vicenciana que terá o seu momento máis importante o venres 27, día en que celebraremos solemnemente a vida deste santo que aínda hoxe é un referente importantísimo para entender o que significa vivir a vida plenamente dedicándose a dignificar a vida dos demais.



Oración final
Señor, non te fixes na miña aparencia e fíxate no meu corazón.
Fálame, Señor, que eu quero escoitarte hoxe e sempre
desde o fondo do corazón.
Aínda que saiba todas as linguas do mundo,
se non teño amor non son nada.
Aínda que teña unha fe que mova montañas,
se non teño amor non son nada.
Aínda que dea en esmolas todo o que teño,
se non teño amor non son nada.
Señor, que o meu amor
non sexa envexoso, nin maleducado,
nin fachendoso, nin egoísta.
Señor, que no meu amor aos demais
sexa eu paciente, amable, alegre e verdadeiro;
que saiba desculpar, crer e esperar
sen cansarme nunca de querelos.
Señor, faime como Vicente de Paul
que foi capaz de mirar ao profundo do corazón
e amar á persoa para chegar ao teu amor. Amén

Da Biografía de San Vicente. Parte I (1581-1612)
Vicente naceu o 2 de abril de 1581, en Ranquine, preto de Dax, no suroeste de Francia. Foi o terceiro fillo do campesiño Juan de Paúl. Os fillos dos campesiños do século XVI apenas tiñan tempo para divertirse; xa desde moi novos víanse obrigados a traballar. Vicente levaba a pastar o gando; era un raparigo esperto e o seu pai tivo para el uns plans ambiciosos. Foi enviado aos 14 anos ao colexio dos franciscanos de Dax, unha cidade próspera, de amplas rúas e belas mansións. Vicente tomou gusto aos seus estudos e desexaba abandonar a vida rural. Sentía vergoña das súas orixes. El mesmo escribiu: "Sendo un raparigo, cando o meu pai me levaba á cidade, dábame vergoña ir con el e recoñecelo como pai, porque ía mal traxeado e era un pouco coxo. Recordo que nunha ocasión, no colexio onde estudaba avisáronme que viñera a verme o meu pai, que era un pobre campesiño. Eu negueime a saír a velo". Despois de catro anos de estudos en Dax, marchou á gran cidade de Toulouse. Ao morrer o seu pai, este deixoulle parte da herdanza para pagar os seus estudos, pero el rexeitou esta axuda, xa que prefería valerse en por si. Para subsistir, ensinou humanidades e continuou cos seus estudos de Teoloxía. O 23 de setembro de 1600 foi ordenado sacerdote. En 1604 obtivo o doutoramento en Teoloxía. Viaxou a Marsella e de alí embarcou para Narbona. O seu barco foi atacado polos turcos e Vicente caeu prisioneiro. Os anos 1605-1607 son en realidade moi misteriosos. Cóntase que, vendido como escravo en Tunes, estivo sucesivamente ao servizo de catro distintos señores: un pescador, un médico, o sobriño deste e, por último, un cristián renegado. Por fin, converteu ao seu amo, escapouse chegando a Avignon e desde alí a Roma. Logo foi a París cara ao 1608. En 1609, pouco despois da súa chegada a París, Vicente atopou a Pierre de Bérulle, no hospital da Caridade, onde ambos ían visitar enfermos. Bérulle tiña unha dobre vocación: a cura das almas e a fundación dun grupo de sacerdotes espirituais. En maio de 1612, Vicente tomou posesión da parroquia de " Clichy a Garenne", a unha legua de París. Tratábase dunha parroquia de 600 habitantes, de carácter semi-rural onde Vicente se atopou a gusto. Alí ensinou o catecismo, reparou o mobiliario da Igrexa. Había doce anos que era sacerdote e era a primeira vez que exercía un ministerio sacerdotal.


MARTES 24 DE SETEMBRO
NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO. AMÉN

Bos días a todos. Este martes comezamos o día poñéndonos na presenza do Deus da vida para que todo canto fagamos, aprendamos e compartamos contribúa a mellorar a nosa vida e a vida dos demais. En silencio, pensamos naquelas persoas que necesitan do noso recordo, apoio e oración. Con esta intención comezamos esta oración da mañá.



ORACIÓN
Ditosos os que teñen un corazón de pobre,
aberto a Deus e aos outros; Deus está con eles.
Ditosos os que saben chorar e compartir o sufrimento dos irmáns,
tamén serán consolados.
Ditosos os humildes e sinxelos, que non se poñen encima dos outros;
Serán amados por todo o mundo.
Ditosos os que teñen fame e sede de ser xustos e bos;
un día serán saciados.
Ditosos os que teñen un corazón transparente;
descubrirán e vivirán o amor de Deus.
Ditosos os que fan a Paz;
Deus recoñeceraos como fillos seus.
Ditosos os que están dispostos a sufrir por ser fieis a Deus;
Deus está con eles e recompensaraos.


NOSOPAI…

Da Biografía de San Vicente. Parte II (1613-1617)
Co tempo Vicente chegou a París. Alí daba algúns cursos e leccións aos nenos e levaba unha vida cómoda. Con todo non era feliz. Pero nunca perdeu o contacto cos campesiños e coas pobres xentes, e decatouse de que o Evanxeo esixía unha caridade radical. A comezos de 1617, Vicente visita a un moribundo en Gannes. Aquel home, que tiña fama de ser un home de ben, revelou a Vicente uns pecados que xamais se atreveu a confesar ao seu párroco, tanto por vergoña como por amor propio. O moribundo que experimentaba unha extrema soidade moral, que padecía a noite, o frío e a imposibilidade de falar con Deus, era un home preto da morte sen atopar unha mirada sacerdotal o bastante doce e o bastante humana para poder saírse de si mesmo e atreverse a crer na tenrura de Deus. Velaí a vocación de Vicente: a tenrura. O seu corazón fora tocado. Quería ir aos campos máis remotos a expresar a todos os que se senten perdidos que existe un Deus de tenrura que non os esqueceu. Vicente quería ser testemuño dese amor divino. Estar presente coa tenrura de Deus. Vicente quedou impresionado e predicou preto da cidade de Amiens, propoñendo a todos os fieis a idea de que fosen alá algúns sacerdotes ante quen puidesen facer unha confesión xeral de toda a súa vida. Este sermón foi a orixe da "Congregación da Misión", instituída para dar misións populares e traballar na formación do clero de Francia e noutros países. En agosto do ano 1617, en Chatillón-lles- Domes, San Vicente atopouse coa miseria material dos campesiños. San Vicente escribía: "Mentres me revestía para celebrar a santa Misa, viñeron dicirme... que nunha casa apartada de todas as demais estaban todos enfermos, ata o punto de que non había unha soa persoa que puidese atender ás demais, as cales se achaban nun estado de necesidade indescritible. Isto ocasionoume unha tremenda impresión". Á chamada de Vicente acoden todos os fregueses en axuda desa familia. Pero, para Vicente, este movemento espontáneo non era bastante, porque corría o perigo de non ter continuidade. Vicente púxose “ao choio” e, moi pronto, o 23 de agosto, le ante unhas cantas mulleres cuxo corazón se viu afectado igual que o seu por aquela miseria, un texto que constitúe todo un programa de axuda aos enfermos. Este texto servirá de modelo, en diante, a todos os posteriores textos fundacionais das " Confréries de Charité" (Irmandades de Caridade). As Confrarías multiplicáronse; hoxe nalgúns países chámaselles "Equipos de San Vicente". A Fundación da Compañía das Fillas da Caridade veu uns anos mais tarde (1633). A co-fundadora foi Santa Luisa de Marillac


MÉRCORES 25 DE SETEMBRO
NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO. AMÉN

Achegámonos á celebración do día de San Vicente. Durante moitos anos oímos falar del, das súas obras, da súa disposición aos máis necesitados pero pouco calou en nós a súa mensaxe; somos como unha pedra nun río, pode estar alí toda a vida e cando a sacas da auga e a rompes, o seu interior está seco, a auga non entrou ao seu interior. Nós queremos ser como unha esponxa, que absorba a auga e dea de beber ao sedento, queremos que a mensaxe de Vicente nos empape e poidamos ser mananciais de amor e servizo.





ORACIÓN
Hoxe a nosa oración quere ser de entrega,
como a entrega que Vicente de Paul
fixo polos máis necesitados.
Aquí nos tes, Señor,
Sempre dispostos,
Rodeados de libros e tarefas,
E co corazón aberto,
Sempre aberto
Por se queres chamar á nosa porta.
Queremos atoparte nas nosas cousas,
Na cultura, na familia e na escola
E berrar a unha voz que te queremos.
Non deixes que sexamos insensibles
Á inmensa dor que nos rodea.
Dános misericordia
Para compartir os gozos e as penas.
Aquí estamos, Señor,
Por se nos chamas,
Dispostos a comezar a nosa tarefa
Da man de María, a nosa nai,
A muller sempre fiel, sinxela e boa.
Queda, Señor, xunto a nós
Que a túa luz ilumine nosa senda. Amén

AVE MARÍA

Da Biografía de San Vicente. Parte III (1613-1617)
Vicente atopou o seu camiño, o camiño da compaixón e a tenrura para con quen se acha sumido no abandono. Utilizando o seu posto como base de operacións, empeza a establecer as súas pequenas asociacións de caridade. En novembro de 1618 atopábase en París Francisco de Sales, soado pola inmensa dozura nas súas discusións cos protestantes e pola súa bondade para cos pobres e enfermos a quen lles daba todo. Á súa chegada a París, Francisco de Sales foi obxecto dunha entusiasta acollida; coa súa palabra evanXélica e sinxela coñece a Vicente, que queda impresionado pola súa dozura. Francisco de Sales foi para Vicente un punto de referencia constante. En 1619, Vicente é nomeado capelán xeral das Galeras. Os galeotes son entón os máis pobres de entre os pobres. Vicente visítaos primeiro nas mazmorras da Conciergerie (antiga prisión de París), atopa alí a homes dominados polo odio e a desesperación; e pide (e obtén) que se lles conceda un trato máis humano. O capelán xeral das Galeras baixa despois a Marsella, onde os galeotes son máis numerosos, e preséntase "de incógnito" no lugar en que están encerrados; aquilo impresiónalle terriblemente: é "o espectáculo máis triste que se pode imaxinar", "unha verdadeira imaxe do inferno". Pero Vicente non se limita só de boa gana palabras, senón que pasou á acción e ocupouse de mellorar no que puido as estruturas, como de costume. Vicente experimenta a súa profunda conversión no momento en que se inicia en Europa unha longa serie de conflitos. Sucédense guerras, triplícanse os impostos e os pobres sempre son os perdedores. A miseria é espantosa. O camiño de Vicente son os pobres, tanto espiritual como materialmente. Vicente quixo sacerdotes para a "misión", para ser enviados ás zonas rurais. Non sen problemas, fundou en 1633 a Congregación da Misión. En xullo de 1628 o bispo de Beauvais pediu a Vicente que acuda alí en setembro a dar un retiro aos futuros sacerdotes. É precisamente nesta tarefa de formación de futuros sacerdotes no que pensa o Arcebispo de París cando, en 1631, ofrece a Vicente un conxunto de edificios moito máis importantes que o " College deas Bons- Enfants": a antiga leprosería de Saint- Lañare. O que desexa o arcebispo é que Vicente contribúa á reforma do sacerdocio e sirva á formación dos futuros sacerdotes. E así foi a actividade que realizou o resto da súa vida xunto co servizo aos máis pobres entre os pobres. Vicente foi sobre todo o home que renovou a Igrexa francesa. A Compañía dos " Paúis" converteuse na orde máis vigorosa en Francia antes da revolución francesa, con 6.000 membros repartidos en 40 provincias. A Compañía de Fillas da Caridade estendeuse por todo o mundo ata o punto que en 1965 contaba con 46.000 irmás. Ao longo dos séculos prestaron axuda a millóns de persoas desgraciadas: nenos abandonados, orfos, enfermos, feridos, refuxiados, presidiarios, etc. O servizo sinxelo e discreto ao próximo constitúe o principal fundamento de todas estas asociacións vicencianas. Servir para dar vida, e vida en abundancia.

XOVES 26 DE SETEMBRO
NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO. AMÉN

Mañá celebramos a festa de san Vicente de Paúl, fundador, xunto con Santa Luisa de Marillac, da Compañía das Fillas da Caridade. Para todos os que participamos do estilo de vida vicenciano, celebrar a vida de San Vicente é un motivo de alegría, de esperanza e de felicidade compartida. Hoxe damos grazas a deus por Vicente de Paúl, cristián, sacerdote e modelo de vida para todos

Principio del formulario
Padrenuestro vicenciano
Pai amoroso do pobre,
do cal toda vida procede;
Pai de Xesús e pai noso,
fai que, polo testemuño da nosa vida,
o noso compromiso pola xustiza
e o servizo desde a caridade
todos te coñezan e experimenten a túa misericordia.
Que todos confíen na túa Bondade
e obedezan a túa Vontade
para que se realice o teu plan neste mundo
como o tes na túa mente desde sempre.

Dános hoxe o alimento que máis necesitamos:
non só pan, senón toda palabra que sae da túa boca;
a túa presenza, a túa tenrura Ti mesmo!
As palabras, os abrazos, os silencios, a amizade, o tempo…
dos demais para connosco e de nós para con todos os demais,
especialmente cos que máis necesitan.

Perdóanos por todo o mal que facemos,
por propia vontade ou sen darnos conta,
e coa túa axuda fai que perdoemos a todos os que nos fixeron mal.

Non nos deixes sucumbir na tentación de malvivir a vida,
de só sobrevivir a vida, de só gastar a vida
sen investirnos nos demais, na súa felicidade,
mediante o servizo desinteresado e gratuíto.
E, pola túa caridade, líbranos do mal. Amén

CANTO:




Archivo del blog