sábado, 28 de octubre de 2017

ORACIÓNS 30 OUTUBRO - 3 NOVEMBRO

LUNS  30 OUTUBRO. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO. AMÉN

Vivimos nunha sociedade deshumanizada, na que a valía das persoas é proporcional ao rendemento que delas podemos obter. Ímonos baleirando por dentro, ímonos insensibilizando, e mesmo desculpamos e adoptamos comportamentos que escravizan ás persoas.
E resulta que chega Xesús e dinos que o amor é a primeira e a única lei.... Que paradoxo, non si?. Prestemos atención á súa palabra e deixemos que vaia renovando e vitalizando a nosa vida, porque se non hai amor, para que serve a lei?

EVANXEO SAN MATEO
Mestre, ¿cal é o mandamento máis importante da Lei?
El respondeulle:
"Amarás o Señor, o teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma e con todo o teu entendemento. Este é o mandamento primeiro e máis grande. O segundo é semellante a el: Amarás o teu próximo coma a ti mesmo. Destes dous mandamentos dependen a Lei enteira e mais os profetas.

REFLEXIÓN
Trátase simple e sinxelamente de AMAR. AMAR A DEUS, poñer a nosa vida nas súas mans do Pai-Nai, confiar nel, esperar nel, contar con El.... El que nos crea e que sostén a nosa vida, que se fai compañeiro de camiño, caxato nas nosas andainas, auga fresca nos nosos resecos, pan quente nas nosas fames, colo agarimoso nos nosos desenganos, man que acariña nas nosas bágoas.... e, como expresión deste amor de Deus..... AMAR AO PRÓXIMO coma a nós mesmos. Xa está ben tanta “falsa piedade” que non fai máis que esconder a nosa mediocridade, a nosa falla de compromiso, a nosa preguiza, a nosa frustración... sen dar cabida á caridade, á xustiza, á solidariedade, á búsquea do ben común. Non se pode amar a Deus cando non se move un dedo para dignificar a vida de todas as persoas. O amor ao próximo: ese será o termómetro que nos indique se amamos e en que medida amamos a Deus.



MARTES  30 OUTUBRO. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO. AMÉN

«Deu aos santos a recompensa dos seus traballos e conduciunos por un camiño marabilloso; foi para eles sombra durante o día e resplandor de astros pola noite»

Mañá celebramos a festa de Todos os Santos, onde se concentra a todas as persoas que viviron fielmente a súa vocación cristiá e a Igrexa proponos como modelos para os crentes.  Unha festa que vai moi unida ao día dos defuntos e á visita dos cemiterios, lembrando os seres queridos que nos deixaron xa e cuxo recordo sempre vai unido ao agarimo e os detalles de levar unhas flores, unhas velas ou de ofrecer unha oración.

Que é un santo? Se miramos o dicionario dinos que é unha palabra que xa ten as súas raíces noutras culturas e tradicións relixiosas. En latín sanctus, en grego hagíos, en hebreo qadoš e está referido a alguén 'elixido por Deus' ou ben 'diferenciado', 'distinguido'. Son homes ou mulleres destacados nas diversas tradicións relixiosas polas súas especiais atribucións e relacións coa divindade; pero tamén se vincula no caso de tradicións espirituais sen relixión a unha particular vivencia ética.

A influencia dun santo supera o ámbito da súa relixión cando a aceptación da súa moralidade adquire compoñentes universais: por exemplo, é o caso de Teresa de Calcuta, san Francisco de Asís ou Gandhi que son admitidos en diversas tradicións espirituais, e, en xeral, polo menos ata certo punto, de todos os fundadores das grandes relixións.

En definitiva, os santos son exemplo de grandes persoas, os mellores no sentido relixioso, espiritual, ético, vocacional…, que nos deixaron unhas fabulosas receitas para vivir a vida profundamente e poder alcanzar a felicidade plena, sendo coherentes cos nosos valores e principios.



XOVES 2 NOVEMBRO. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO. AMÉN

RECORDAMOS AGRADECIDOS AOS QUE ABRIRON CAMIÑOS DE FELICIDADE ANTES QUE NÓS

LECTURA BÍBLICA: 1 Tesalonicenses 4, 14

«Pois, se cremos que Xesús morreu e resucitou, o mesmo Deus, por medio de Xesús, levará aos defuntos a estar consigo»

LECTURA
O día 2 de novembro é un día que a Igrexa dedica especialmente ao recordo de todos os defuntos. Hoxe a Igrexa recorda aos seres queridos que xa morreron.

Todos temos a algún coñecido que nos precedeu ou influíron na nosa vida para que sexamos mellores persoas, para que gocemos dunhas condicións ou medios máis agradables, que nos beneficiaron directa ou indirectamente e aos que temos que agradecer a súa contribución para que o noso mundo sexa máis confortable que, por desgraza, non significa sempre máis humano malia os esforzos de moitos deles que ata morreron por causas moi nobres como a dignidade das persoas, a liberdade, a xustiza, os dereitos humanos en xeral. Neste día habemos de sentir agradecemento e se foron familiares non pode faltar o afecto (familiares, amigos, profesores, veciños e coñecidos defuntos). É un día de recordo esperanzado nunha Vida que non ten fin. Un día para pensar na nosa propia morte porque tamén nós temos que partir deste mundo, cousa que non sempre nos agrada, pero seguro que nos fai mellores e vivimos con máis intensidade a vida desde o amor e o perdón, a alegría e os valores auténticos.

REFLEXIÓN
A experiencia da morte, da perda dun ser querido nos abruma e ata nos pode desquiciar se non sabemos encaixalo e superalo. Só o recordo e a oración poden acougar esa sensación sen carga e sen sentido para transformalo en esperanza e confianza en volvernos a atopar, en que a vida non pode acabar e enterrar tanto amor, tantas ilusións, tantos esforzos. Os que queirades unídesvos á oración por todos os nosos seres queridos defuntos.

NOSOPAI




VENRES 3 NOVEMBRO. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO. AMÉN

LECTURA BÍBLICA: Colosenses 3, 17

«E todo o que facedes, de palabra ou de feito, facédeo todo no nome do Señor Xesús, dando grazas por medio del a Deus o Pai»

LECTURA

O pasado martes 31 de outubro cumpríronse 500 anos desde que Lutero cravou na porta da igrexa do castelo de Wittenberg un escrito sobre as indulxencias que eran unha especie de dispensas que concedía a Igrexa católica para salvar a alma dos defuntos do purgatorio a cambio de entregar un donativo. Todos estes elementos fálannos dun contexto relixioso moi diferente ao noso, onde se daba moita importancia ao pecado, a vida eterna, a salvación e á condenación, o inferno e o purgatorio como lugar de purificación para alcanzar o ceo. Aspectos que estes días en recordo dos defuntos están presentes na vida de moitas persoas crentes.

Lutero, que era un frade agustino, quixo cambiar as cousas do seu tempo, pero non foi comprendido nin aceptado polas autoridades de entón. Ao ser rexeitadas as súas teses por estas autoridades, púxoas na porta desa igrexa para que todo o mundo comprendese a súa forma de pensar e o que lle parecía erróneo para a fe cristiá. Este feito considérase o inicio da Reforma protestante e a ruptura dentro do cristianismo occidental que foi máis aló dos términos relixiosos, porque o contexto europeo era dun cambio moi profundo dunha sociedade de mentalidade medieval a outra renacentista. As consecuencias dese cataclismo puxeron en evidencia a existencia en Europa de dúas culturas, dous modelos de relacións sociais, dúas formas de entender a política, o poder, a economía e ata a relixión. Aspectos que aínda sobreviven nos nosos días entre a Europa do norte e a mediterránea, malia superar moitas distancias coa creación da Unión Europea e superar os dous conflitos bélicos máis importantes da historia neste lugar do mundo, pero a realidade de contrastes interculturales está cambiando esa paisaxe e tócanos a nós, as xeracións actuais determinar que é o mellor, o que nos constrúe como humanidade, como sociedade avanzada en valores, dereitos e recoñecemento mutuo.

A Igrexa católica, a raíz daquel conflito con Lutero promoveu un Concilio e reformou moitas cousas. Foi o concilio da Contrarreforma. Despois chegaría o Vaticano II, onde moitas das cousas que dixo Lutero empezáronse a aplicar. Hoxe Lutero é recoñecido e valorado como un cristián adiantado ao seu tempo e aceptado na comuñón e reconciliación entre cristiáns católicos e protestantes; de tal modo que, ata o Papa Francisco participou en Suecia na celebración deste aniversario de forma ecuménica, é dicir, de entendemento entre as igrexas para buscar a unidade, mirando máis “o que lles une que o que lles separa”, como dicía o Papa Xoán XXIII..

REFLEXIÓN
Na historia de Europa contribuíron moitos grandes personaxes como Lutero, Erasmo de Rotterdam e tantos outros con profesións e funcións moi variadas para facer un mundo máis humano, agradable, tolerante, ecolóxico... O certo é que segue habendo unha Europa de dúas velocidades, a do progreso e benestar e a da pobreza e a marxinación. Tamén nas nosas mans está ser o que temos que ser, mellorar o que recibimos, deixar un mundo mellor aos que veñan logo de nós.

Como non todo depende do noso esforzo, invítovos a orar coa “pregaria da Serenidade”, tamén coñecida como oración da Serenidade.

ORACIÓN DA SERENIDADE

Señor, concédeme serenidade
para aceptar todo aquilo que non podo cambiar,
fortaleza para cambiar o que son capaz de cambiar
e sabedoría para entender a diferenza.

Vivindo día a día; gozando de cada momento;  
soportando as privacións como un camiño cara á paz;
aceptando este mundo imperfecto
tal cal é e non como eu creo que debería ser,
tal e como fixo Xesús na terra:
así, confiando en que obrarás sempre o ben;
así, entregándome á túa vontade,
poderei ser razonablemente feliz nesta vida
e alcanzar a felicidade suprema ao teu lado na próxima. Amén.






viernes, 20 de octubre de 2017

LUNS 23 OUTUBRO. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO. AMÉN

O nome de cada un e cada unha de nós é un elemento de identidade. Por el saben quen e de quen somos; por el sabemos nós de quen vimos; desde el somos capaces de coñecer de onde procede a persoa que o leva... O nome  é fundamental para ir tomando conciencia de nós mesmos e dos demais. Por iso é tan importante escoller ben o nome que lle queremos poñer a un/unha neno/a; por iso é tan fundamental para nós, os crentes, o momento do bautismo. Nel, a imposición do nome elixido por pais e padriños supón que a partires dese momento se vai desenvolvendo un proceso de identificación da persoa con ese nome, e tamén da persoa coas súas conviccións, os seus valores, o seu proxecto de vida. Escoller un nome non é entón unha cuestión secundaria, ao contrario.
Para os crentes hai un nome que nos ofrece todo canto acabamos de dicir: cristiáns e cristiás. Ese nome danos identidade, pero tamén nos ofrece un proxecto, ao estilo do Mestre, que temos que ir coñecendo e desenvolvendo ao longo da vida.  A identidade da fe non se pecha nas lindes dun territorio, senón que se expande de xeito universal, por iso podemos celebrar, desde esta universalidade, que a Igrexa non ten fronteiras, senón que se abre á fraternidade universal. Desde esta fraternidade celebramos onte a xornada mundial das misións, o día do Domund. Ninguén ha ser para nós máis nin menos, senón que tod@s temos que esforzarnos en ser e tratarnos coma iguais. Aquí está a nosa verdadeira identidade. Traballemos para afastar de nós crernos únicos, mellores e diferentes. Hoxe Deus volve dicirnos que superemos fronteiras e que nos acheguemos  ás persoas.

NOSOPAI



MARTES 24 OUTUBRO. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO. AMÉN

SOMOS MISIONEIROS DE FELICIDADE CANDO TRABALLAMOS POLA XUSTIZA

EVANXEO: Lucas 4, 17-19

«Entregáronlle o libro do Profeta Isaías, e ao desenrolalo atopou a pasaxe onde está escrito: “O espírito do Señor está sobre min, porque me unxiu para dar a boa noticia aos pobres; envioume a proclamar a liberación aos cativos, e a dar vista aos cegos, a liberar aos oprimidos e a proclamar un ano de graza do Señor”.


«Practica a xustiza. Deixa a túa pegada»
Practicar a xustiza significa tamén practicar o dereito. Para iso, é necesario que cada cidadán asumamos unha responsabilidade común baseada no compromiso activo coa defensa dos dereitos de todos. Defender a dignidade e os dereitos das persoas.
Esta aposta por construír unha fraternidade comprometida, por ser persoas dunha soa familia humana, coa mesma dignidade e dereitos, debe levarnos a practicar a xustiza, velar e facer posibles os dereitos fundamentais de todas as persoas, o que é imprescindible para erradicar a pobreza no mundo.
Cómpre que tamén nós deixemos a nosa pegada de xustiza para construír unha contorna e unha sociedade sustentable e accesible; a adoptar un estilo de vida solidario e xusto; e a participar de forma comprometida con xestos e accións concretas no respecto dos dereitos fundamentais de todos.

REFLEXIÓN

- Recoñezo e respecto os dereitos persoais, sociais, culturais dos demais?
- Vivo con comodidade permanecendo insensible ás necesidades dos demais, sobre todo cando pisan os seus dereitos?
- Emprendo ou colaboro con algún traballo de servizo que protexa a dignidade das persoas pobres e vulnerables da miña contorna?


MÉRCORES 25 OUTUBRO. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO. AMÉN

A FELICIDADE É AXUDAR AOS DEMAIS

LECTURA BÍBLICA: Feitos 13, 47
«Así nolo mandou o Señor: Púxenche por luz para as nacións, a fin de que leves a miña salvación ata os confíns da terra»

LECTURA:
Hai 14.000 misioneiros españois axudando por todo o mundo.
Non son nin anxos da garda nin heroes. Son, din, persoas normais e correntes que simplemente axudan aos demais. Aínda que en axudar se deixen a súa saúde e a súa vida.

Os misioneiros non se limitan a rezar e a celebrar misa. Escavan pozos, levantan escolas, poñen vacúas, atenden febres e partos, visitan enfermos, crían pitos e recollen tomates nados como un milagre.

Fan de bombeiros, mecánicos, carpinteiros. Ás veces, nin queda tempo para a eucaristía. Todos coñeceron as mil caras da morte.

Porque o seu desexo de axudar aos demais é quen os levou a marchar alá onde sexa. Pero Deus é sempre quen os impulsa e anima.


VÍDEO
http://www.rtve.es/alacarta/videos/para-todos-a-2/para-todos-2-vídeo-cooperantes-internacionais/1945807/


XOVES 26 OUTUBRO. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO. AMÉN

SOMOS MISIONEIROS DE FELICIDADE CANDO SOMOS PACÍFICOS

EVANXEO: Xoán 14, 27
«Naquel tempo dixo Xesús aos seus discípulos: « Déixovos a miña paz, douvos a miña paz. Non como a dá o mundo dóuvola a vós».

LECTURA-COMENTARIO
A paz é don que Deus ofrece gratuitamente á humanidade, como único camiño para alcanzar o ben común. Cando aquela é destruída ou conculcada, destrúese a orde querida por Deus. Pero, ademais, é unha obra humana: cada día e en cada circunstancia, os crentes transfórmanse tamén en “misioneiros da paz”, se promoven a xustiza, o recíproco respecto e a reconciliación. Pidamos a Deus que nos faga instrumentos da súa paz, para levar o seu amor onde houbese odio, o seu perdón onde houbese ofensa, a verdadeira fe onde houbese dúbida.

REFLEXIÓN
Que podemos facer cada un de nós para que haxa máis paz no noso mundo e fundamentalmente ao noso ao redor?


ORACIÓN
Señor, faime un instrumento da túa paz:
onde haxa odio, poña eu amor,
onde haxa ofensa, poña eu perdón,
onde haxa discordia, poña eu harmonía,
onde haxa erro, poña eu verdade,
onde haxa dúbida, poña eu a fe,
onde haxa desesperación, poña eu esperanza,
onde haxa tebras, poña eu a luz,
onde haxa tristeza, poña eu alegría.
Oh, Señor, que non me empeñe tanto
en ser consolado como en consolar,
en ser comprendido, como en comprender,
en ser amado, como en amar.
Porque dando recíbese,
esquecendo atópase,
perdoando ése perdoado,
morrendo resucítase á vida. Amén



VENRES 27 OUTUBRO. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO. AMÉN

OS MISIONEIROS, CONSTRUTORES DE FELICIDADE

EVANXEO: Marcos 1, 16-20
«Paseaba Xesús pola beira do lago de Galilea, cando viu a Simón e ao seu irmán Andrés. Eran pescadores e estaban a botar a rede á auga. Díxolles Xesús: “Seguídeme, e fareivos pescadores de homes”. Ao momento deixaron as súas redes e fóronse con el. Un pouco máis adiante, Xesús viu a Santiago e ao seu irmán Xoán, fillos de Zebedeo, que estaban nunha barca reparando as redes. Ao momento Xesús chamounos, e eles, deixando ao seu pai Zebedeo na barca cos seus axudantes, marcharon con Xesús»

LECTURA
Son máis numerosos que calquera exército do mundo e chegan aos sitios máis recónditos do planeta. Cando sucede algunha catástrofe eles xa están alí e non se van cando acaba a emerxencia humanitaria. Son os misioneiros. España conta con nada menos que 13.000.
Ademais o noso país é o segundo do mundo que máis fondos achega ás misións. O ano pasado foron 13,7 millóns de euros (un 5% máis que o ano anterior) e foron destinados a medio milleiro de proxectos no continente africano.
«Non estamos na misión para aguantar, estamos alí porque somos felices e iso non ten ningún mérito».

REFLEXIÓN
Coñeces algún misioneiro?
Son necesarios no noso mundo? Que transmiten aos demais?
Que motivacións teñen para facer o que fan?

ORACIÓN FINAL
Xesús, axúdanos a continuar construíndo o teu Reino de paz, xustiza e amor.
Infunde no noso corazón o desexo de transmitir a túa Palabra.
Cultiva en nós o ideal de entregarnos ao servizo dos demais.
E sostén o ánimo daqueles que abandonándoo todo, cumpren o teu mandato de ir polo mundo anunciando a Boa Nova.
Crea en nós un corazón misioneiro. Amén.



viernes, 13 de octubre de 2017

SEMANA DO DOMUND. SÉ VALIENTE, A MISIÓN ESPERA

LUNS 16 OUTUBRO. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO. AMÉN

RED DE LIBERTAD
Ambientada na Francia dos inicios da Segunda Guerra Mundial, esta película que van ver a vindeira semana os alumnosde 3º e 4º ESO  narra o encomiable traballo de Helena Studler, a Filla da Caridade que salvou a vida de miles de refuxiados franceses ao evitar que caesen presos das forzas nazis, entre outros, personaxes tan ilustres como François de Mitterrand ou o xeneral Giraud. Helena, testemuña do horror e a barbarie, leva a cabo un extraordinario labor de caridade cos cativos e prisioneiros da guerra, mentres pon en perigo a súa vida e a dos seus achegados por salvar a do resto de nenos, maiores, presos e orfos; todos eles vítimas da contenda bélica.
O proxecto xorde con motivo da conmemoración do 400 aniversario da fundación da familia Vicenciana, impulsada por Vicente de Paúl e Luisa de Marillac en 1617. Ao longo destes 400 anos xurdiron centos de personalidades que deron a súa vida polos que menos teñen, polos rexeitados, os perseguidos inxustamente. Entre todas esas vidas destaca a de Sor Helena Studler, unha heroína moi peculiar que recatou a máis de 2.000 persoas dos campos de concentración nazis situados ao norte de Francia. O contexto de entón garda un paralelismo sorprendente cos conflitos bélicos actuais, a vida de Helena convértese nun referente de superación, heroicidade e loita contra a inxustiza.

Recemos por tantas persoas que sofren a inxustiza da guerra, da represión, da fame, da miseria… por tantos refuxiados que non poden voltar aos seus fogares, ou que desaparecen presas das mafias… Que nós saibamos ser sensibles ás necesidades dos demais.

NOSOPAI




MARTES 17 OUTUBRO. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO. AMÉN

DIA INTERNACIONAL PARA A ERRADICACIÓN DA POBREZA

EVANXEO: Mateo 25, 34-36
«Vide vós, recibide o reino que se vos preparou desde a creación do mundo.  Porque tiven fame e déstesme para comer, tiven sede e déstesme de beber, fun forasteiro e recibístesme, andei sen roupa e vestístesme, caín enfermo e visitástesme, estiven no cárcere e viñestes verme».

LECTURA: A pobreza, un problema de dereitos humanos
Segundo datos do Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento, a nivel mundial, máis de 800 millóns de persoas aínda viven con menos de US$1,25 ao día e moitos carecen de acceso a alimentos, auga potable e saneamento adecuados.
A pobreza non é só unha cuestión económica. Por ese motivo, debemos deixar de observala exclusivamente como unha falta de ingresos. Trátase dun fenómeno multidimensional que comprende, ademais, a falta das capacidades básicas para vivir con dignidade. A pobreza é en si mesma un problema de dereitos humanos urxente e é á vez causa e consecuencia de violacións dos dereitos humanos, pois se caracteriza por vulneracións múltiples e interconexas dos dereitos civís, políticos, económicos, sociais e culturais, e as persoas que viven nela ven expostas regularmente á denegación da súa dignidade e igualdade. Reducir a pobreza e erradicala é, por tanto, unha obrigación de todas as sociedades.
Hai xa 30 anos, o 17 de outubro de 1987, o P. Joseph Wresinski fixo un chamamento para loitar contra esta secuela, animando a conmemorar o Día Mundial para a Superación da Pobreza Extrema. Cinco anos despois a Asemblea Xeral, inspirada nese chamamento, declarou o 17 de outubro como o Día Internacional para a Erradicación da Pobreza.





MÉRCORES 18 OUTUBRO. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO. AMÉN

Evanxeo Mateu 22,1-10:
A todos os que encontredes, chamádeos á voda.

Narrador: Naquel tempo, volveu falar Xesús en parábolas aos sumos sacerdotes e aos anciáns do pobo, dicindo:

Xesús: -«O reino dos ceos parécese a un rei que celebraba a voda do seu fillo; mandou aos seus criados para que chamasen os convidados, pero non quixeron ir. Volveu mandar outros criados encargándolles que dixesen aos convidados:

Rei: -Teño preparado o banquete, matei tenreiros e reses cebadas e todo está a punto. Vinde á voda?

Xesús: -Pero eles non fixeron caso; un marchouse ás súas terras, outro aos seus negocios, os demais agarraron aos criados e maltratáronos e matáronos. O rei montou en cólera, enviou as súas tropas, que acabaron con aqueles asasinos e prenderon lume á cidade. Logo dixo aos seus criados:

Rei: -“A voda está preparada, pero os convidados non lla merecían. Ide agora aos cruces dos camiños e a todos os que atopedes, chamádeos á voda”.

Xesús: -Os criados saíron aos camiños e reuniron a todos os que atoparon, malos e bos. A sala do banquete encheuse de comensais». Cando o rei entrou a saudar aos comensais, reparou nun que non levaba traxe de festa e díxolle:

Rei: -“Amigo, como entraches aquí sen o vestido de voda?”.
Palabra do Señor.

REFLEXIÓN: QUE NOS QUERE DICIR XESÚS?
1. Xesús invítanos cada domingo a unha festa moi especial, á súa festa. Quixo quedar connosco, facerse un de nós para que teñamos vida e forza toda a semana. Pero poñemos desculpas.
Na festa o mellor é estar con Xesús. Quere que a celebres con outros cristiáns, coa túa parroquia. Pero moitos non a valoran… Nin se decatan!
2. Xesús quere que acudas con traxe digno. É dicir, que esteamos preparados, en graza, sen pecado. Xesús quere que os cristiáns nos revistamos cun vestido que estea tecido cos fíos do seu amor. Que o noso traxe sexa o amor, perdón, darnos.
O vestido que Xesús quere é que:
- a túa boca bendiga e perdoe,
- os teus pés se acheguen aos necesitados,
- as túas mans axuden e compartan,
- o teu corazón ame a todos.


XOVES 19 OUTUBRO. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO. AMÉN

SE VALENTE, A MISIÓN ESPÉRATE

LECTURA BÍBLICA: Feitos 10, 38
«Sabedes que Deus encheu de poder e do Espírito Santo a Xesús de Nazaret, e que este andou facendo o ben e sanando a cantos sufrían porque Deus estaba con el».

LECTURA
Como cada ano o cuarto domingo de outubro (o vindeiro domingo) celébrase o día do DOMUND. Esta palabra vén da suma de dúas palabras: Domingo e Mundial. Dito así, non ten moito de orixinal, nin concreto.

Con todo, vén recoller un evento que se realiza e promove, desde hai moitos anos, coa finalidade de axudar e solidarizarse cos que fan do seu traballo e vida unha MISION MUNDIAL.

Na tradición cristiá, MISION é a tarefa e obxectivo de facer posible un mundo mellor, cheo de boas noticias, como quería e expresaba Xesús.

BOAS NOTICIAS para os que teñen, moitas veces, só malas.  O de boas noticias adóitase dicir tamén coa palabra EVANXEO (palabra de orixe grega).

Pois ben, neste contexto e buscando esta utopía ou soño, miles e miles de persoas deixaron a súa casa e os seus proxectos máis próximos e aventuráronse a unha MISIÓN DE EVANXEO (boa noticia) no MUNDO. A estes chamámoslles misioneiros.  E o domingo 22 acordámonos deles e da súa misión.

Os proxectos que levan a cabo son de todo tipo, comezando polos de emerxencia humanitaria, saúde, educación.

Mediante o Domund, a Igrexa trata de cubrir esas carencias e axudar aos máis desfavorecidos a través dos misioneiros, con proxectos pastorais, sociais e educativos.

Así, constrúense e mantéñense hospitais, residencias de anciáns, orfanatos e comedores para persoas necesitadas en todo o mundo.

Nos territorios de misión a Igrexa sostén case 27.000 institucións sociais e un número superior a 119.000 institucións educativas.

REFLEXIÓN
Fíxate na cantidade de eventos que se celebran na nosa sociedade. A maioría, e os que máis se oen e publicitan, son os que promoven grandes grupos de interese. O futbol, grandes artistas, os grupos políticos, eventos deportivos...

Pero tamén hai ONG, pequenas e grandes que tratan de mostrar que un mundo mellor e máis xusto é posible e que necesita do noso compromiso.

Seguro que se te achegas a estes "pequenos misioneiros"serás capaz de ser "boa noticia".
Quizais os domingos poidan estar máis cheos de proxectos, ilusión e ganas de vivir.

O lema deste ano é unha invitación para buscar a túa propia misión: "Se valente, a misión espérate"

ORACIÓN

Dános, Señor, ilusión para poñernos en marcha.
Dános, Señor, motivación para esforzarnos.
Dános, Señor, claridade de ideas para saber o que queremos.
Dános, Señor, creatividade para atopar camiños.
Dános, Señor, fe para a Misión á que nos convidas.


VENRES 20 OUTUBRO. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO. AMÉN

A FELICIDADE NO EVANXEO
QUE TODOS SENTEMOS Á MESMA MESA

EVANXEO: Lucas 10, 5-9

«Cando entredes nunha casa, dicide primeira "paz nesta casa". Quedade na mesma casa, comede e bebede do que teñan, porque o obreiro merece un salario. Se entrades nun pobo e vos reciben ben, comede o que vos poñan, curade aos enfermos que haxa e dicide "Está preto de vós o reino de Deus"».


REFLEXIÓN
O chamamento con motivo do DOMUND, as misións, as persoas comprometidas e solidarias coas necesidades do mundo... todo iso estanos chamando a atención sobre unha situación de desigualdade, á que quizais esteamos a contribuír. E non é xusto.
Somos conscientes do que pasa?
A última crise económica? Que nos supuxo ou supón? Está superada, como din? Que pensamos que poden/podemos facer?

Mañá celébrase o DOMUND. É dar diñeiro? É oír testemuños de misioneiros?
Quizais é cuestión de mirar cara aos demais como irmáns.

LECTURA

Anthony de Mello escribe nun dos seus contos:

"Pola rúa vin unha nena aterida e tiritando de frío, e con poucas perspectivas de conseguir unha comida decente. Encolericeime e díxenlle a Deus: Por que permites estas cousas? Por que non fas nada para solucionalo?
Durante un intre, Deus gardou silencio. Pero aquela noite, de improviso, respondeume: Certamente que fixen. Fíxente a ti.

A min?

Tan serio que o de "fíxente a ti" pode dar vertixe, porque apela directamente á nosa responsabilidade.

As persoas actuamos en demasiadas ocasións como meros espectadores-comentaristas de barra de bar. Desafogámonos con valoracións xerais do estilo "que mal está todooo!"

Pero non basta predicar: hai que dar trigo. Cada un debemos ofrecer unha resposta persoal, concreta. E remangarnos. Porque para arranxar o mundo, fan falta mans. É preciso un compromiso activo. 



E nós, que si queremos chegar a bo porto, cada mañá deberiamos levantarnos neste primeiro mundo co propósito de actuar mollándonos polo próximo.






Archivo del blog