viernes, 28 de febrero de 2014

ORACIÓNS CORESMA 2014: ESPERTA! ¡CONVERTE A TÚA MIRADA!

XOVES, DÍA 6 DE MARZO. "No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo"




Onte comezamos a coresma, un camiño de 40 días de preparación cara á Pascua, que consiste en despoxarnos de todo aquilo que nos impide ser mellores e vivir máis felices. É tempo de oración, de xaxún e de esmola. Tempo de achegarnos ao amor de Deus. Tempo de esforzo, de privarnos de algo que non necesitamos, en favor dos demais. Tempo de compartir o que somos e temos, sobre todo cos máis necesitados. Todo iso axudaranos a crecer como persoas vivindo ao estilo de Xesús.


Lectura do Evanxeo segundo San Lucas:
Dixo Xesús aos seus discípulos: O que queira seguirme, que se negue a si mesmo, que cargue coa súa cruz cada día e veña comigo. Pois quen queira salvar a súa vida, perderaa; pero quen perda a súa vida pola miña causa, salvarase. De que lle serve a un gañar o mundo enteiro se se perde ou se prexudica a si mesmo? PALABRA DE DEUS.

Para a reflexión: Como afronto as dificultades que xorden na miña vida? Quéixome sen máis, ou intento ver o que hai de positivo en ellas? Pido axuda a Xesús? Poño a miña confianza no Señor?



REZAMOS XUNTOS: NOSOPAI.
"Oh, María sen pecado concibida, roga por nós que recorremos a ti"
"Gloria ao Pai, ao Fillo e ao Espírito Santo". Amén


 VENRES, DÍA 7 DE MARZO
"No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo" AMÉN

Lectura do Evanxeo segundo San Mateo:
Achegáronse os discípulos de Xoán a Xesús, preguntándolle: «Por que nós e os fariseos xaxuamos a miúdo e, en cambio, os teus discípulos non xaxúan?». Xesús díxolles: « É que poden gardar loito os convidados á voda, mentres o noivo está con eles? Chegará un día en que se leven o noivo, e entón xaxuarán». PALABRA DE DEUS

Para a reflexión: 



En que debo xaxuar eu? De que debo encherme?


UNHA CORESMA PARA DAR FROITOS.
Unha árbore é boa cando dá froitos bos. E para que chegue a dalos, a árbore require moitos coidados.
O primeiro que hai que facer é preparar a terra para plantalo; ha de estar a terra ben regada, sen malas herbas nin pedras que impidan ás súas raíces estenderse e agarrar profundamente a terra.
Despois, é necesario ter unha gran paciencia para permitirlle crecer ao seu ritmo. Tamén é necesario darlle tempo para repoñer forzas, para recobrar a saúde. Nunha palabra, hai que estar pendentes del cun gran coidado. Á árbore hai que darlle tamén as súas oportunidades.
Hai que podar as ramas secas para que o zume poida chegar sen dificultade ata as ramas máis pequenas e máis afastadas do madeiro.
Hai que apuntalalo para que resista as tempestades. Se é fráxil e está mal coidado, resistirá pouco e será arrancado de raíz. Hai que preservalo dos bichos que se abeiran nel e o destrúen quitándolle as forzas.
Hai que preocuparse del en todo momento. Entón si que será capaz de dar os froitos esperados, saborosos e nutritivos!
Nós somos parecidos ás árbores. Os nosos froitos son as nosas obras e as nosas palabras. Se permanecemos plantados na Palabra de Xesús, no seu Evanxeo, entón daremos froitos -as nosas obras e palabras- nas cales se poderá saborear a Palabra de Xesús. Se nos preocupamos de que as nosas raíces estean asentadas en Xesús, entón os nosos froitos serán froitos de amor e non de odio.

REFLEXIÓN
Estamos no tempo de Coresma, o tempo de preparación para a Pascua, o tempo no que aprendemos a dar bos froitos. Cales van ser os teus? Pensa algo concreto.

ORAMOS XUNTOS: NOSOPAI
Oh, María sen pecado concibida, roga por nós que recorremos a ti.
"Gloria ao Pai, ao Fillo e ao Espírito Santo". Amén

sábado, 22 de febrero de 2014

ORACIÓNS SEMANA 24-28 FEBREIRO 2014

LUNS 24 FEBREIRO. No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo

Unha das maiores aspiracións que temos as persoas é a vivir en paz; pero pensamos que iso se reduce a que non haxa guerra nin violencia. Porén, somos consumidores de programas na televisión e na radio que nin fomentan nin educan na paz e moito menos no amor, especialmente a aquela persoa que nos fixo mal.
Nós, que nos consideramos cristiáns, debemos fomentar o amor dende o mais cotiá, dende o colexio, a familia, … non podemos quedar calados diante de tanta inxustiza.

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

            Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos:
            ‑ Tendes oído que se vos dixo: "Ollo por ollo e dente por dente". Pero eu dígovos: Non opoñades resistencia ao malévolo; mais se alguén che dá un lapote na túa meixela dereita, preséntalle a outra.
            A quen queira preitear contigo e che leve a túnica, déixalle ir tamén o mantelo; a quen te obrigue a camiñar con el unha milla, acompáñao dúas. A quen che pide, dálle; e non lle vires as costas a quen quere que ti lle fagas préstamo.
            Tedes oído que se vos dixo: Amarás o teu próximo e aborrecerás o teu inimigo. Pero eu dígovos: Amade os vosos inimigos e pregade polos que vos perseguen. Así seredes fillos de voso Pai que está no ceo, que fai saír o seu sol sobre os malos e os bos, e chover sobre xustos e inxustos.
            Porque, se amades os que vos aman, que recompensa ides ter? Non fan o mesmo os publicanos? E se saudades soamente aos vosos irmáns, que facedes de máis? Non fan outro tanto os pagáns? Daquela, sede bos, como o voso Pai celestial é totalmente bo.

            Palabra do Señor                                 R/. Loámoste, Cristo

ORACIÓN: HOXE, SEÑOR QUERO REZAR ( dous coros)
Hoxe, Señor, quero rezar
polos que non me queren ben,
para facer como Xesús nos mandaba.
Sei que ti os queres como me queres a min,
porque en ti non hai sombra de odio nin de desprezo.

No que poida desexo ser coma ti,
metido no teu corazón e nos teus sentimentos
poderei amalos e servilos,
a fareilles ben,
aínda que eles me teñan feito mal.

Que lles vaia ben na vida,
que teñan traballo e saúde,
que gocen de boas amizades,
que te atopen a ti coma pai e amigo.

Que os seus corazóns se fagan dóciles
a calquera luz e a calquera bondade;
que en ti e na xente
aprendan as cousas boas de Deus
e nelas atopen gozo e proveito.

Eu serei feliz coa súa felicidade,
e, se algún día, Señor,
o ben duns e doutros pode vencer o mal,
serei tamén feliz dándolles un abrazo de irmáns,
un abrazo de perdón mutuo,
na verdade, na paz e na xustiza
recuperadas entre nós para sempre. Amén.



MARTES 25 FEBREIRO. No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo.

Recordar a María é máis que unha tradición
Seguramente coñecedes moitas cousas que se fan por tradición tanto na casa como na cidade. Celebramos festas, algún día especial temos unha comida distinta ou nos xuntamos a familia ou unha serie de persoas... é que iso das tradicións nos serve para recordar cousas ás que lles damos unha importancia especial por algunha razón.

Iso das tradicións, como tantas cousas, pódese vivir de moitas maneiras. Para algúns son cousas que se repiten por repetir, sen darlle máis importancia, e tampouco pasaría nada se deixan de facerse. Para outros son moi importantes, porque nos fan recordar os valores e os elementos que os nosos devanceiros tiñan e que nos deixaron. Son entón parte da nosa cultura, do noso modo de ver a vida, do noso modo de ser.

Por iso para nós, como coas demais tradicións, tamén temos a de recordar a María, que nos protexe como unha nai. Acordarnos de María, recordando os seus valores e a súa forma de vivir, é para todos nós un modo de recordarnos valores que teñen que estar presentes entre nós.

Invítovos a que hoxe non deixemos pasar o día sen acordarnos da nosa nai María.
E por iso invítovos a rezar xuntos:
AVE MARÍA



MÉRCORES 26 FEBREIRO. No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo

Tradicións relixiosas
Que bonitas as tradicións, ese conxunto de costumes, que se van transmitindo de xeración en xeración.
Igual estades a pensar que a vós ninguén vos falou destas cousas, pois se pensades un pouquiño seguro que houbo alguén que vos cantou unha canción que lle gustaba moito, ou que compartiu convosco un conto que lle contaban cando era pequeno,... todas esas pequenas cousas que comparten convosco, pois son tradición. E a tradición transmítese grazas a que hai xente que conta e comparte as súas cousas e tamén grazas a que hai xente que escoita e as recorda.
Cantas cousas hai entón que nos ensinaron os nosos avós e avoas? Os ritos, os costumes de facer algo a xeito pero facelo así é importante, os ritos son importantes, os ritos son necesarios, xa o dicía O Principiño de Exupèry:
"Se vés, por exemplo, ás catro da tarde, comezarei a ser feliz dende as tres. Canto máis avance a hora, máis feliz serei. Ás catro sentireime axitado e inquedo, descubrirei o prezo da felicidade! Pero se vés a calquera hora, nunca saberei a que hora preparar o meu corazón".

Pois certo é, cando sabemos dunha festa, nos poñemos nerviosos, desexamos que chegue o día e contamos o tempo para que chegue xa porque nos gusta, porque é importante para nós.
Gústanos ver a xente, compartir tempo con eles, intercambiar cousas, bailar, comer,... todo ese intercambio é o que fai realmente a festa, a alegría compartida.
A festa realmente é o compartir, e aínda que non nos decatemos ou nunca coincidísemos todos nunha romaxe seguro que todos levariamos algo de comer para compartir cos demais, seguro que todos nos imaxinamos bailando e pasándoo ben coa xente coñecida.

E, como non, dentro da Igrexa tamén compartimos e celebramos. Así, no Nadal recordamos que naceu Xesús, cada domingo na eucaristía celebramos ese pan que Xesús compartiu, na Pascua celebramos a resurrección de Xesús… Hai moitos ritos e costumes que facemos e seguro que moitos deles nolos ensinaron as avoas.

Para rematar, imos rezar un Nosopai para recordar todos eses bos costumes e boas historias que compartimos uns con outros.

NOSOPAI



XOVES 27 FEBREIRO. No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo

ORACIÓN: QUE A TÚA MIRADA
Que a túa mirada gañe en fondura e detalle 
para que poidas ver máis claramente 
a túa propia viaxe con toda a humanidade 
como unha viaxe de paz, unidade e esperanza.

Que non teñas medo ás preguntas 
que oprimen o teu corazón e a túa mente; 
que as acollas serenamente e aprendas a vivir con elas 
ata o día en que todo quede ao descuberto.

Que deas a benvida cun sorriso 
a todos os que estreitan a túa man: 
as mans estendidas forman redes de solidariedade 
que alegran e enriquecen coa súa presenza protectora.

Que o teu espírito estea aberto e alerta 
para descubrir o querer de Deus en todo momento; 
e que a túa oración sexa encontro de vida, de sabedoría 
e de entendemento dos camiños de Deus para ti.

Que a túa vida este ano, cal fermento evanxélico, 
se mesture sen medo coa masa 
e faga fermentar este mundo en que vivimos, 
para que sexa real mente novo e tenro.
 
E que a bendición do Deus que sae ao teu encontro, 
que é a túa rocha, o teu refuxio, a túa forza, o teu consolo 
e o teu apoio en todo momento, o invoques ou non, 
descenda sobre ti e te garde de todo mal. 
Amén
(F. Ulibarri, Ao vento do Espírito. Pregarias para o noso tempo)

AVE MARÍA



VENRES 28 FEBREIRO. No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo

De Entroido
Quen non se disfrazou algunha vezno Entroido? Todos aproveitamos aínda que sexa na festa do cole, para sacar roupa vella de casa, un pouco de maquillaxe, e disfrazarnos para pasar un anaco divertido cos amigos.
Pero alguén pensou dende cando se celebra o Carnaval? Cando se empezou a facer esta festa?
Todos entendemos por Entroido a celebración dunha festa relacionada cos disfraces e as máscaras, pero sabedes de onde vén? A propia palabra dános unha pista: o Carnaval está relacionado coa carne.
O Carnaval celébrase xusto antes da Coresma, no calendario cristián, época de xaxúns, recollemento e na que comer carne estaba prohibido.
Carnaval ou Carnestolendas significa “carnes privadas ou carnes quitadas”, é por iso que antigamente a Coresma e o Carnaval estaban estreitamente unidos. Considerábase que en Carnaval había que aproveitar os últimos días nos que podía comer carne, beber ou divertirse e, por iso, as máscaras e os disfraces, permitían esconderse tras unha falsa aparencia e realizar todo tipo de bromas.
Xa no século XIV, no Libro do Bo Amor do Arcipreste de Hita, un libro clásico e importante na nosa literatura, encontramos referencias ao Carnaval na parodia da Batalla entre Don Carnal e Dona Coresma. É a historia entre o rei do Carnaval ou Don Carnal -que chegaba unha semana antes inaugurando a semana festiva- que se enfrontaba nunha batalla a Dona Coresma. Ela sempre acababa gañando poñendo así fin ao Carnaval.
Xa os romanos celebraban festas e ritos nos que utilizaban máscaras e celebraban a vida.
En cada sitio a celebración do Carnaval foi adquirindo matices distintos. Nalgúns lugares a celebración é o martes, xusto a véspera do comezo da Coresma, mentres que noutros, as festas se van realizando ao longo de varias semanas antes.
Hoxe pode ser un día para celebrar a vida e a alegría, pero a de verdade, a que consiste en gozar todos xuntos, sen ofender a ninguén, e dar o paso a prepararnos para a Coresma. Pois que pasedes todos uns días moi alegres, disfrutando da vida que se nos dá!

NOSOPAI

viernes, 14 de febrero de 2014

ORACIÓNS SEMANA DO 17 AO 21 DE FEBREIRO

LUNS 17 FEBREIRO. No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo

Lectura do santo evanxeo segundo san Mateo (5,17-37):
Naquel tempo, dixo Xesús aos seus discípulos: «Non» creades «que vin a abolir a Lei e os profetas: non vin a abolir, senón a dar plenitude. Asegúrovos que antes pasarán o ceo e a terra que deixe de cumprirse ata a última letra ou til da Lei. O que se salte un só dos preceptos menos importantes, e llelo ensine así aos homes será o menos importante no reino dos ceos. Pero quen os cumpra e ensine será grande no reino dos ceos. Asegúrovolo: Se non sodes mellores que os escribas e fariseos, entraredes no reino dos ceos. Oístes que se dixo aos antigos: Non matarás", e o que mate será procesado. Pero eu dígovos: Todo o que estea pelexado co seu irmán será procesado. E se un chama o seu irmán "imbécil" terá que comparecer ante o Sanedrín, e se o chama "renegado" merece a condena do lume.
Polo tanto, se cando vas poñer a túa ofrenda sobre o altar, te acordas alí mesmo de que o teu irmán ten queixas contra ti, deixa alí a túa ofrenda ante o altar e mírate primeiro a reconciliarte co teu irmán, e entón volve presentar a túa ofrenda.
(…) A vós abóndavos dicir "si" ou "non"».
Palabra do Señor

ORACIÓN: A PAZ VIRÁ (dous coros)
Se cres que o sorriso é máis forte que as armas,
 se cres no poder da man estendida,
 se cres que o que irmá as persoas
 é máis forte que o que as separa,
 se cres que ser diferente é unha riqueza e non un perigo,
 se sabes mirar aos outros cun pouco de amor,
 se prefires a esperanza á sospeita,
 se crees que ti has dar o primeiro paso para achegarte ao outro,
 se podes alegrarte da alegría do veciño,
 se a mirada dun neno aínda che chega ao corazón,
 a paz virá.

Se a inxustiza que padecen os outros che fai  tanto dano
como se ti a padeceses,
se sabes aceptar que o outro te axude,
se cres que o perdón vai máis aló da vinganza,
se sabes cantar a alegría dos demais e bailar a túa festa,
se podes escoitar -malia que perdas tempo-,
cun sorriso nos beizos, como che explican as desgrazas,
se sabes aceptar a crítica sen defenderte,
se cres que os outros poden axudarte a cambiar,
se o Evanxeo non te escandaliza, ...
a paz virá.

Se sabes escoller e aceptar un punto de vista diferente ao teu,
se non descargas as túas culpas sobre os demais,
se o outro é, por encima de todo, o teu irmán,
se a rabia é para ti un signo de debilidade e non de forza,
se prefires ser ferido antes que facer dano a alguén,
se miras o pobre e o oprimido sen sentirte un heroe,
se cres que o amor é a única forza,
se cres que a paz é posible, ...
a paz virá.                                     J.M. Moratiel



MARTES 18 FEBREIRO. No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo.
Día de Guinea


MÉRCORES 19 FEBREIRO. No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo.
XESTOS POR UN MUNDO NOVO
Todo é novo cando hai amor. Amor aos de casa, amor aos veciños, sorrindo ao que encontro, compartindo o pouco ou moito que teño, ofrecendo cariño a quen busca amizade.
Aquí un xesto concreto: Un profesor universitario de socioloxía quixo que os seus alumnos se internasen nos suburbios de Boston para conseguir as historias de douscentos mozos. A estes alumnos pediulles que fixesen unha avaliación do futuro de cada entrevistado. En todos os casos os estudantes escribiron: "Sen a menor probabilidade". Vinte e cinco anos despois, outro profesor de socioloxía deu casualmente co estudo anterior e encargou aos seus alumnos un seguimento do proxecto, para ver que sucedera con aqueles rapaces. Coa excepción de vinte individuos que se mudaran ou morreran, os estudantes descubriron que 176 restantes dos 180 alcanzaran éxitos superiores á media como avogados, médicos e homes de negocios.
O profesor quedou atónito e decidiu continuar o estudo. Afortunadamente, todas aquelas persoas vivían na zona e foi posible preguntalo a cada unha como explicaba o seu éxito. En todos os casos a resposta moi sentida, foi: "Tiven unha mestra".
A mestra aínda vivía, e o profesor buscou a aínda esperta anciá para preguntarlle de que fórmula máxica se servira para salvar aqueles rapaces da sordidez do suburbio e guialos cara ao éxito.
En realidade, é moi simple - foi a súa resposta- Eu amábaos.

ORACIÓN (xuntos)
Oh Deus, que guías aos homes
polo camiño do ben, e márcanos metas
que conseguir, ilusións que cumprir,
soños que realizar,…
Dános confianza
no que temos que facer
e a fortaleza para cumprilo!
Que a realidade non oscureza a nosa ilusión,
que o fracaso non nos faga desistir!
Dános, Señor, a capacidade de soñar a vida
antes de facela,
e facer a vida segundo un proxecto soñado! Amén




XOVES 20 FEBREIRO. No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo.
Grazas, entre todos é máis doado confiar
Non é tan doado confiar.
Queremos confiar nos demais, sempre esperamos que nos digan a verdade. A decepción é unha das cousas que máis nos mancan, en que podemos confiar? Preocupámonos moito por non fallar aos demais, por non defraudar a súa confianza.... Non defraudar, e que non nos defrauden os demais.
Un non espera que os seus seres máis queridos lle fallen, que un pai, un amigo, un irmán, a túa noiva che fallen. E en moitos casos encerrámonos como unha tartaruga coa cabeza na cuncha, por medo a que nos fagan dano.
Escoitade a seguinte fábula:

A ra e o escorpión
Conta un relato popular, que nas beiras do río Níxer, vivía unha ra moi xenerosa.
Cando chegaba a época das chuvias ela axudaba a todos os animais que se encontraban en problemas ante a enchente do río. A súa xenerosidade e nobreza non lle permitían aproveitarse delas en circunstancias tan desiguais.
Tamén vivía por alí un escorpión, que certo día lle suplicou á ra: "Desexo atravesar o río, pero non estou preparado para nadar. Por favor, lévame á outra beira sobre as túas costas".
A ra, que aprendera moito durante a súa longa vida chea de privacións e desencantos, respondeu deseguida: " Que te leve sobre as miñas costas? Nin pensalo! Coñézote o suficiente para saber que se estou preto de ti, me inxectarás un veleno letal e morrerei! "
O escorpión replicoulle: "Non digas estupideces”. Ten por seguro que non te picarei. Porque se así o fixese, ti afundiríaste nas augas e eu, que non sei nadar, perecería afogado. "
A ra negouse ao principio, pero a incuestionable lóxica do escorpión foron convencéndoa... e finalmente aceptou. Cargouno sobre as súas escorregadizas costas, onde el se agarrou, e comezaron a travesía do río Níxer.
Todo ía ben. A ra nadaba con soltura a pesar de soster sobre as súas costas o escorpión. Pouco a pouco foi perdendo o medo a aquel animal que levaba sobre as súas costas.
Chegaron á metade do río. Atrás quedara unha beira. Fronte a eles divisábase a beira á que debían chegar. A ra, habilmente sorteou un remuíño...
Foi aquí, e de súpeto, cando o escorpión picou á ra. Ela sentiu unha dor aguda e percibiu como o veleno se estendía por todo o seu corpo. Comezaron a fallarlle as forzas e a súa vista anubrouse. Mentres afogaba, quedáronlle forzas para berrarlle ao escorpión:
"Sabíao! Pero... Por que o fixeches? "
O escorpión respondeu: "Non podo evitalo. É a miña natureza".
E xuntos desapareceron no medio do remuíño mentres afogaban nas profundas augas do río Níxer.

Mirando polo lado positivo, o que debemos facer é gozar das ras que encontremos no noso camiño, e estar sempre alerta dos escorpións. Nós, os humanos, temos liberdade, e con esa liberdade podemos decidir a moral coa que actuamos. Cada quen decide se se rexe pola moral da ra ou pola moral do escorpión; ti podes escoller en que te convertes e como rematará a túa vida.
Entre todos é máis doado confiar.



VENRES 21 FEBREIRO. No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo.
UN PROXECTO COMÚN: CAMBIAR A INXUSTIZA POR XUSTIZA
Todos somos conscientes da situación actual de desequilibrio entre unhas persoas e outras. Algunhas temos moito mentres outras persoas sobreviven con menos do necesario.
Non podemos enganarnos culpabilizando soamente ás estruturas económicas e políticas de todos os males da sociedade, tranquilizando así as nosas conciencias, e esperando exclusivamente do cambio da economía, das finanzas ou da administración pública, a solución de todos os problemas. Responsabilidade individual.
En primeiro lugar, porque nesas estruturas operan e inflúen persoas individuais, coa súa propia responsabilidade. Ademais, porque sempre haberá situacións de soidade e desarraigamento, que dificilmente poderá resolver soamente a acción protectora das institucións sociais. Ningunha reforma estrutural nin ningunha reivindicación social poderán ofrecer amizade e compañía ao que se sente só e fracasado.
Fronte a masificación da sociedade que tende a despersonalizar o individuo, e a maquinaria do Estado moderno, frío e implacable como unha inmensa computadora, é preciso dar a voz de alarma e espertar as conciencias na busca dun novo humanismo que humanice o noso mundo deshumanizado. Porque nós mesmos, todos e cada un pola nosa conta, precisamos facer un cambio, volvernos, "converternos das nosas actitudes de egoísmo e de insolidariedade, das que entresacamos algunhas manifestacións: É necesario un novo humanismo e unha nova civilización. E nós, individuos desta cadea, pero persoas de ben, entre todos, podemos conseguilo.

ORACIÓN (xuntos)
Señor, poño cada unha das miñas relacións diante túa
e pídoche que as bendizas.
Axúdame a elixir as miñas amizades con sabedoría.
Dáme discernimento e fortaleza para distinguir
quen me fai ben e quen me pode facer mal,
a quen podo estimular ou defraudar.
Quero ser coma Ti:
o Amigo que nunca falla!

sábado, 1 de febrero de 2014

ORACIÓNS SEMANA CONTRA A FAME 2014

MARTES 4 FEBREIRO. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO

Unha vez finalizada a Campaña pola Paz e Contra a Intolerancia somerxémonos nunha nova campaña (na maioría dos casos, moi ligadas).  O motivo propónnolo  Mans Unidas: 
Loitar contra a fame e a extrema pobreza.

Os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, tamén coñecidos como Obxectivos do Milenio, son oito propósitos de desenvolvemento humano fixados no ano 2000, que os 192 países membros das Nacións Unidas acordaron conseguir para 2015.
Os títulos dos oito obxectivos, coas súas metas específicas, son:
Obxectivo 1: Erradicar a pobreza extrema e a fame.
Obxectivo 2: Lograr o ensino primario universal.
Obxectivo 3: Promover a igualdade entre os xéneros e a autonomía da muller.
Obxectivo 4: Reducir a mortalidade infantil.
Obxectivo 5: Mellorar a saúde materna
Obxectivo 6: Combater o VIH/SIDA, o paludismo e outras enfermidades.
Obxectivo 7: Garantir o sustento do medio.
Obxectivo 8: Fomentar unha asociación mundial para o desenvolvemento.

Co lema "un mundo novo proxecto común" Mans Unidas presenta a súa campaña contra a fame 2014, na que se nos propón reflexionar sobre o obxectivo 8 do milenio: Fomentar unha asociación mundial para o desenvolvemento. Sabemos que o desenvolvemento dos pobos depende de que se recoñezan como parte dunha soa familia. Por iso, Mans Unidas trata de ser fermento polo Amor, implantando a lóxica do DON, o amor que mira á persoa concreta e lle abre a plenitude da súa existencia. Os cristiáns cremos que a relación fraterna chega tamén ás relacións entre os países, como nos propón o Papa Francisco na súa mensaxe da Paz.

NOSOPAI



MÉRCORES 5 FEBREIRO. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO

A pesar de moitos esforzos que se veñen facendo para erradicar esta "eiva" mundial, a pobreza e a fame seguen estando presentes en cifras realmente inaceptables: 1.300 millóns de persoas en situación de pobreza extrema no mundo, e preto de mil millóns que padecen fame mentres, segundo a FAO, se desperdician 1.300 millóns de toneladas de alimentos. Cada día morren de fame máis de 40.000 persoas. Cantos morreron en Lampedusa? Cantos en Filipinas? Cantos morren cada día en Siria? E en España? …? E... hai tempo que sabemos de sobra que é posible acabar coa fame no mundo.

A pobreza ten múltiples causas, e diso debemos ser conscientes. Os pobres, marxinados, excluídos e famentos, en España e no mundo, non xermolan da terra, como as árbores. Son froito da acción directa de persoas e estruturas que a provocan precisamente coa acumulación da súa riqueza, patrimonial ou especulativa ao longo e o ancho do noso mundo.
Uns acaparan terras en países alleos en beneficio propio e a expensas dos seus habitantes, outros especulan co diñeiro que debería servir para a economía produtiva, outro especulan cos alimentos e encarecen ou imposibilitan a comida de millóns de persoas, outros eluden de mil formas os seus impostos ou defráudanos, ou acumulan as súas riquezas en paraísos fiscais... todo iso fai que a riqueza se acumule en poucas mans en vez de distribuírse entre a maioría dos que habitamos o planeta: A RIQUEZA duns poucos EMPOBRECE á maioría da humanidade.

Abrímonos á luz que nos ofrece a Palabra de Deus:
"E ao ver a multitude, sentiu compaixón por ela, porque estaban vexados e abatidos, como ovellas que non teñen pastor...
Cando empezou a caer a tarde os discípulos achegáronse a el e dixéronlle:
- Estase a facer tarde e este é un lugar despoboado. Despide a xente para que vaian ás aldeas a comprar comida.
Xesús contestoulles:
- Non teñen por que irse. Dádelles vós de comer... " (Mat 14)



XOVES 6 FEBREIRO. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO

Afirmamos a nosa fe no futuro da humanidade. (a dous coros):

"Hoxe, na noite do mundo, e na esperanza da Boa Nova, afirmo con audacia a miña fe no futuro da humanidade.

Négome a crer que as circunstancias actuais fagan incapaces as persoas para facer unha terra mellor.

Négome a crer que o ser humano non sexa máis que unha palliña de palla azoutada pola corrente da vida, sen ter posibilidade ningunha de influír no curso dos acontecementos.

Négome a compartir a opinión daqueles que pretenden que o ser humano é tan cativo da noite sen estrelas, do racismo e da guerra, que a aurora radiante da PAZ e da fraternidade non poderá nunca chegar a ser unha realidade.

Négome a facer miña a afirmación cínica de que os pobos irán caendo, un tras outro, no turbillón do militarismo, cara ao inferno da destrución termonuclear.

Creo que a verdade e o amor sen condicións, terán a última palabra. A vida, aínda provisionalmente vencida, é sempre máis forte que a morte.

Creo firmemente que, mesmo no medio dos obuses que estalan e dos canóns que resoan, permanece a esperanza dun radiante amañecer.

Atrévome a crer que un día, todos os habitantes da terra poderán ter tres comidas ao día para a vida do seu corpo, educación e cultura para a saúde do seu espírito, igualdade e liberdade para a vida do seu corazón.

Creo igualmente que un día, toda a humanidade recoñecerá en Deus a fonte do seu amor.

Creo que a bondade salvadora e pacífica chegará ser un día, a lei da humanidade. Que o lobo e o cordeiro poderán descansar xuntos, que cada ser humano poderá sentar debaixo da súa figueira, na súa viña, e ninguén terá xa que ter medo.

Creo firmemente que o conseguiremos".
 Martin Luther King

NOSOPAI



VENRES 7 FEBREIRO. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO

Sor Rosalía Rendu, naceu o 9 de setembro de 1786 en Confort, en Francia. Dende nena foi educada no exercicio da caridade, polo que o atractivo polo servizo dos pobres era nela natural. Cando tiña 15 anos, fixo unha experiencia coas Fillas da Caridade no veciño hospital de Gex: ese foi o inicio da súa vocación. O 25 de maio de 1802 foi recibida no seminario da Casa Nai das Fillas da Caridade en París. Púxose enferma e foi enviada a unha casa do bario de Mouffetard, barrio pobre de París, onde permaneceu 53 anos, ata a súa morte. Dedicouse ás obras que realizaba xa a Comunidade e fundou outras novas. De xeito especial dedicouse á visita aos pobres a domicilio. Foi un instrumento de pacificación. A casa das Irmás converteuse en refuxio dos pobres do barrio. Sor Rosalía foi tamén guía de moitos, con frecuencia nobres, no exercicio da caridade. Sor Rosalía morreu o 7 de febreiro de 1856, despois de pasar os últimos anos da súa vida no sufrimento e a cegueira. Hoxe recordamos  a vida desta beata que traballou incansablemente en prol dos máis pobres da cidade, disposta como refuxio para necesitados e que tempo de loitas civís traballou a favor da paz e convenceu moitos mozos e ricos para que se dedicasen a obras de caridade. Hoxe é un exemplo de caridade para nós.

ORACIÓN
Que sexamos, Señor, mans unidas
en oración e no don.
Unidas ás túas mans nas do Pai,
unidas ás ás fecundas do Espírito,
unidas ás mans dos pobres.

Mans do Evanxeo,
sementadoras de Vida,
lámpadas de Esperanza,
voos de Paz.

Unidas ás túas mans solidarias,
partindo o Pan de todos.
Unidas ás túas mans traspasadas
nas cruces do mundo.
Unidas ás túas mans xa gloriosas de Pascua.

Mans abertas, sen fronteiras,
ata onde haxa mans.
Capaces de estreitar o mundo enteiro,
fieis ao terceiro mundo,
sendo fieis ao Reino.

Tensas na paixón pola Xustiza,
tenras no Amor.

Mans que dan o que reciben,
na gratuidade multiplicada,
sempre máis mans,
sempre máis unidas.
Que así sexa!

Pedro Casaldáliga

Archivo del blog