sábado, 29 de septiembre de 2018

SEMANA 1-5 OUTUBRO

LUNS 1 OUTUBRO
No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo

A espiritualidade  vicenciana

O carisma e a espiritualidade  vicenciana tratan do encontro con Cristo pobre, presente entre os pobres. Para San Vicente as dúas preguntas clave son: Quen é Xesús e como o sigo?

No seu proceso de conversión ía captando, aos poucos, o sentido das dúas preguntas. A súa conversión é o proceso de coñecer a Xesús e velo representado nos pobres.

Os que somos  vicencianos non debemos conformarnos só con rezar oracións, senón que debemos buscar e seguir a Xesús comprometéndonos en favor dos necesitados e estar dispostos a prestar un servizo alí onde nos necesiten.

Reflexión:
Hoxe pregúntome eu…
Que espazos da miña vida son lugar de encontro con Xesús de  Nazaret? Que poño da miña parte para que Xesús poida falarlle á miña vida? Como coido a miña relación con Xesús para que poida seguir crecendo?

Oración: (San Ignacio)
Toma, Señor, e recibe
toda a miña liberdade,
a miña memoria, o meu entendemento
e toda a miña vontade,
todo o meu haber e o meu posuír;
Déchesmo, Señor;
E a ti tórnocho;
todo é teu,
dispón todo á túa vontade;
dáme o teu amor e graza,
que esta me basta. Amén

VÍDEO: Ampliar horizontes, derribar barreras - 26 TO B




Ampliar horizontes, derribar barreras - 26 TO B

MARTES 2 OUTUBRO
No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo

SEXAMOS LUZ PARA OS DEMAIS

Se cadra coñecedes esta anécdota:

Era un home que unha noite camiñaba polas escuras rúas do seu pobo levando unha lámpada de aceite acendida. A cidade era moi escura nas noites sen lúa como aquela. Nun determinado momento, atópase cun amigo. O amigo mírao, e de súpeto, recoñéceo. Dáse conta de que é  Fruela, o cego do pobo. Entón, dille:
“Que fas ti que es cego cunha lámpada na man? Se ti non ves!”.
Entón o cego respóndelle:
“Eu non levo a lámpada para ver o meu camiño. Coñezo as rúas de memoria. Levo a luz para que outros atopen o seu camiño cando me vexan a min. Non só é importante a luz que me serve a min, senón tamén a que eu uso para que outros poidan tamén servirse dela”.

A quen che lembra esta anécdota?  Seguro que estás a pensar en Xesús.
El convértese para nós en Luz. E como o fai? Propoñéndonos un estilo de vida, no que nos fai diferentes ao resto das persoas. El, a través da súa entrega desinteresada, foi capaz de cambiar o mundo.

Este pequeno relato pode deixarnos un propósito para realizar durante este día. Cada un de nós imos cumprindo coas nosas responsabilidades e actividades, pero ás veces non nos fixamos no que fan os demais, -e sobre todo no que poden necesitar-.

Reflexión: Propóñoche prestar un pouco máis de atención ao que fan outras persoas próximas a nós: compañeiros, irmáns, pais, etc.
Non sexamos cegos, sexamos orixinais e ofrezamos a nosa luz  á xente que convive connosco con pequenos detalles como o saudar,  dar grazas,  ser amables…, etc.  Seguro que a súa vida mellorará en calidade e tamén a nosa.

Oración: (Todos)
Oh María sen pecado concibida!
Roga por nós que recorremos a ti

VÍDEO:  SÉ MI LUZ 



MÉRCORES 3 OUTUBRO
No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo

XESÚS LUZ DO MUNDO

Xesús presentouse primeiro como a luz do mundo: "Eu son a luz do mundo..." ( Jn. 8,1); despois mandounos ser tamén nós esa luz para os demais: "Vós sodes a luz do mundo" (Mt. 5,14).
De modo que o mandato é para que todos podamos iluminar o camiño dos demais. Xesús é o Sol que nace do alto: “Pola entrañable  misericordia do noso Deus, visitaranos o sol que nace do alto, para iluminar aos que viven en tebras e en sombra de morte, para guiar os nosos pasos polo camiño da paz” ( Lc 1, 77 b-79)

Reflexión: A nós correspóndenos reflectir esa luz que del recibimos; o noso traballo é facer a función da lúa, que polas noites encárgase de iluminar as tebras reflectindo a luz do sol. Para ser ese reflexo, debemos deixarnos primeiro iluminar por Xesús, ser outros Cristos na terra. Ese é o noso traballo.
Tan intensa e brillante é a luz que emitimos para que o camiño dos demais sexa suficientemente iluminado? O mundo vive en tebras e a luz dun cristián debe brillar o suficiente como para iluminar esa escuridade. Xesús deixouno ben claro: unha lámpada, para que brille, debe colocarse no alto. Como podería servir unha lámpada colocada debaixo da cama ou a mesa?

Oración: Nosopai… (Todos)




XOVES 4 OUTUBRO
No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo

PARÁBOLA DA LUZ (EN CLAVE DE INTERIORIDADE)

As catro velas estaban a consumirse tranquilamente, o ambiente estaba tan silencioso que se podía oír o diálogo entre elas. A primeira dixo:
- Eu son a Paz, a pesar da miña luz as persoas non conseguen manterme acesa. E diminuíndo a súa chama apagouse totalmente.
A segunda dixo:
- Eu chámome Fe, e son superflua para moitas persoas porque elas non queren saber de Deus, por iso non ten sentido continuar queimándome; ao terminar as súas palabras, un vento abateuse sobre ela. E esta apagouse.
En voz baixa e triste a terceira  vela manifestouse:
- Eu son o Amor, non teño máis forzas para queimar. As persoas déixanme de lado porque só conseguen manifestarme para elas mesmas, esquécense ata daquelas que están ao seu ao redor. E tamén se apagou.
De súpeto entrou unha nena e viu as tres velas apagadas e dixo:
- Que é isto? Vós debeden estar acesas e consumirvos ata o final.
A cuarta vela falou:
- Non teñas medo nena, en canto eu estea acesa poderemos acender as outras velas. Entón a nena tomou a vela da Esperanza e acendeu as que estaban apagadas.
Oxalá que a vela da esperanza nunca se apague dentro de nós!

Reflexión:
Moitas persoas buscan un modelo para seguir, unha luz que lles  ilumine e lles mostre o horizonte. Ás veces búscano fóra: nos artistas, futbolistas ou calquera tipo de persoa famosa. Pero o risco é grande, porque a realidade con frecuencia, non corresponde coa propaganda, nin co que anuncian as revistas.
O mellor é levar esa lámpada acesa no noso interior e así iluminaremos aos demais. Pregúntome: Como podo manter acendidas esas catro velas: PAZ-FE-AMOR-ESPERANZA?

(Pódeno plasmar nunha pequena vela ou comentalo en gran grupo)

Oración:
Todos xuntos cantamos a canción: “Anda, levántate e anda”



VENRES 5 OUTUBRO
No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo

A NOSA CASA-COLEXIO

TEXTO BÍBLICO      
( Mt 7, 24-27: edificar a casa sobre roca ou sobre area)

“Así, todo o que escoita as miñas palabras e as pon en práctica, pode compararse a un home sensato que edificou a súa casa sobre roca. Caeron as choivas, precipitáronse os  torrentes, sopraron os ventos e sacudiron a casa; pero esta non se derrubou porque estaba construída sobre roca. Ao contrario, o que escoita as miñas palabras e non as practica, pode compararse a un home insensato, que edificou a súa casa sobre area. Caeron as choivas, precipitáronse os  torrentes, sopraron os ventos e sacudiron a casa: esta derrubouse, e a súa ruína foi grande”

ORACIÓN
Oración polos meus compañeiros de clase

Pai,
Nos comezos deste novo curso
quero pedirche por todos os meus compañeiros de clase.
Ti coñécelos a todos,
sabes as súas calidades e os seus defectos,
entendes mellor que ninguén de que pé coxean
e en que cousas necesitan axuda.

Dáme a túa mirada para contemplalos,
as túas mans para axudarlles,
o teu sorriso para divertilos,
a túa intelixencia para ensinarlles
e, sobre todo, Pai, dáme o teu corazón
para non deixar nunca de amalos. Amén

(José Mª Escudero, Misión  Joven)



sábado, 22 de septiembre de 2018

ORACIÓNS SEMANA DE SAN VICENTE DE PAÚL

Luns, 24 de setembro
 No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo. Amén

DO EVANXEO DE LUCAS (4,18-19)

Entrou na sinagoga o día de sábado, e levantouse para facer a lectura. Entregáronlle o volume do profeta Isaías e desenrolando o volume, achou a pasaxe onde estaba escrito: “O Espírito do Señor está sobre min, porque me unxiu para anunciar aos pobres a Boa Nova, envioume a proclamar a liberación aos cativos e a vista aos cegos, para dar a liberdade aos oprimidos e proclamar un ano de graza do Señor”. Enrolando o volume devolveuno ao ministro, e sentou. Na sinagoga todos os ollos estaban fixos nel.

Palabra de Deus

Reflexión: Esta semana celebraremos a festividade de San Vicente de  Paúl. Para San Vicente, estas palabras do Evanxeo marcaron un antes e un despois na súa vida. Xesucristo e San Vicente si cumpriron o que nos di o texto de San Lucas, e fixeron esa opción de verdade: “O Espírito do Señor envioume a  evanxelizar aos pobres”.
Non creo que, despois de Cristo, houbese alguén que fixese tan de verdade como Vicente de  Paúl a opción polos pobres: “Os pobres son o meu peso e a miña dor”, dixo moi  expresivamente.

ORACIÓN
"Dános, Señor, ollos atentos
para descubrir as necesidades dos pobres,
ao estilo de San Vicente.
Dános, Señor, pés lixeiros
para correr e comprometernos
en resolver as necesidades dos pobres.
Dános, Señor, corazón grande,
ao estilo de San Vicente
para comprender todas as miserias.
Dános, Señor, valentía e capacidade de compromiso
para participar en accións caritativas." AMÉN

Todos:  NOSOPAI…


Martes, 25 de setembro
 No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo. Amén

O xoves é a festa do noso fundador, San Vicente de  Paúl. San Vicente educou a interioridade coa mirada posta en catro aspectos:

-      Cara a un mesmo: San Vicente, a través do silencio e a reflexión, mirábase a si mesmo para coñecerse mellor, cambiar o que non era bo e poder ser cada día mellor persoa.

-      Cara a Deus: a oración era para San Vicente o máis importante; tanto que lle dedicaba todos os días tres horas. Nela, na oración, é onde atopou a auténtica relación con Deus e nela é onde se apoiou para superar os momentos difíciles da súa vida.

-      Cara aos demais: San Vicente evitou sempre a superficialidade. A relación cos demais foi auténtica e profunda; chea de implicación na axuda aos demais e moi en especialmente aos máis necesitados, ata o punto que algunha das súas frases máis usuais era: “os pobres son os nosos amos e señores”.

-      Cara á realidade: San Vicente fixábase nos pequenos detalles, na beleza das cousas; e facíanlle feliz pero tamén se fixaba na pobreza extrema que sufría o pobo de París. É a partir desa realidade de pobreza cando dedica a súa vida para axudar aos pobres.


Mércores, 26 de setembro
 No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo. Amén

ESCOITAMOS UN CONTO “A Raíz”

Preto dun arroio de augas frescas, había un pequeno bosque.

As árbores eran moi variadas. Todas gastaban as enerxías en ser máis altos e grandes, con moitas flores e perfumes; pero quedaban débiles e tiñan pouca forza para botar raíz.
Un loureiro, en cambio, dixo:
- Eu, mellor vou investir a miña savia en ter unha boa raíz: así crecerei e poderei dar as miñas follas a todos os que me necesiten.

As outras árbores estaban moi orgullosas de ser belas. En ningún lado había tantas cores e perfumes! E non deixaban de admirarse e de falar dos encantos dunhas e outras, e así todo o tempo, mirándose e ríndose dos demais.
O loureiro sufría continuamente as súas burlas. Rían del,  señoreando as súas flores e perfumes,  meneando a abundante follaxe.
- Loureiro – dicíanlle-, para que queres tanta raíz? Mira, a nós todos encómiannos porque temos pouca raíz e moita beleza. Deixa de pensar nos demais! Preocúpate só de ti!

Pero o loureiro estaba convencido do contrario; desexaba amar aos demais e por iso tiña raíces fortes. Un bo día veu unha gran tormenta, e sacudiu, soprou e  resoplou sobre o bosque. As árbores máis grandes, que tiñan unha ramaxe inmensa, víronse tan fortemente golpeadas que, por máis que gritaban, non puideron evitar que o vento as abatese. En cambio o pequeno loureiro, como tiña poucas ramas e moita raíz, apenas perdeu unhas cantas follas. Entón todos comprenderon que o que nos mantén firmes nos momentos difíciles, non son as aparencias, senón o que está oculto nas raíces, dentro do teu corazón… alí… na túa alma…

REFLEXIÓN

-      O que nos mantén firmes nos momentos difíciles, non son as aparencias, senón o que está oculto nas raíces, dentro do corazón... O AMOR!
-      En que poñemos o noso ideal? na beleza, no corpo, nas aparencias…? Caiamos na conta do que realmente é importante na nosa vida!!!!
-      Igual ca o loureiro, preocupámonos dos demais? ou pola contra facemos como as demais árbores que só pensan en si mesmas? A exemplo de  san Vicente vexamos a importancia dos que máis sofren nas nosas vidas.

Cales son as túas calidades e puntos fortes para vivir con autenticidade deixando atrás as aparencias e sementado na túa vida e na dos que che rodean sementes de esperanza do mesmo xeito que fixo  san Vicente?

Rematamos dando grazas polos talentos e calidades das persoas que queremos e polos propios. Tamén polas limitacións e os defectos, que nos poden facer máis humildes ademais de máis tolerantes cos demais, converténdonos en creadores de pequenos oasis no medio dun mundo con demasiados desertos.  
E agradecemos a vida de  san Vicente.




Xoves, 27 de setembro
FESTA DE SAN VICENTE DE PAÚL

Hoxe celebramos a festa grande do noso fundador. Hoxe as Fillas da Caridade séntense felices, porque grazas á pegada que deixou San Vicente de  Paúl ao longo de máis de 400 anos, puideron e poden axudar a moitos pobres en todo o mundo. Nós tamén nos temos que sentir contentos de pertencer a esta gran familia  vicenciana. Imos rezar por elas, para que xuntas poidan servir máis e mellor aos pobres.

NOSOPAI


Venres, 28 de setembro
No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo. Amén

Xesús séguenos chamando a todos para que deamos unha resposta xenerosa e valente como a de Vicente. Decátaste de que ti tamén podes responder, “botar unha man”?
Deus necesita das nosas mans para axudar, para abrazar, para acompañar, para consolar... Atréveste a escoitar a Xesús e a dicirlle que estás disposto, que conte contigo?
Pensa a través de que persoas ou de que situacións está a falarche e decídete a responderlle.

Facemos hoxe nosa a oración da Familia Vicenciana, imos dicila amodo e desde o corazón, pensando ben no que di:
"Señor Xesús, ti que quixeches facerte pobre,
fai que teñamos ollos e corazón para os pobres;
e que che recoñezamos a ti neles;
na súa sede, na súa fame, na súa soidade.
Pon no noso corazón
a sinxeleza, a humildade e a caridade
que abrasou a San Vicente de  Paúl.
Dános fortaleza para que como el fixo,

poidamos servirte nas persoas dos pobres". Amén

Archivo del blog