sábado, 9 de febrero de 2019

ORACIÓNS SEMANA 11-15 FEBREIRO

LUNS 11 FEBREIRO. No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo.


EVANXEO Lc 5, 1-11
Deixándoo todo, seguírono
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

Estando Xesús á beira do lago Xenesaret, mentres a xente se amoreaba ó seu arredor, escoitando a Palabra de Deus, viu dúas lanchiñas que estaban na beira do lago. Os pescadores que desembarcaran delas lavaban o aparello. Subiu a unha barca, que era de Simón, rogoulle que se apartase un pouco da terra, e desde a barca, sentado, ensinaba á xente. Cando acabou de falar, díxolle a Pedro:
-Voga lago adentro, e larga o aparello para pescar.

Respondeu Simón:
-Mestre, pasamos a noite faenando e non demos collido un rabo de peixe, pero, xa que ti o
dis, largarei o aparello.

Así o fixeron, e colleron tal cantidade de peixe que o aparello rebentaba. Fixéronlles entón acenos aos compañeiros da outra lancha para que lles fosen botar unha man. Foron e encheron as dúas lanchas tanto que, a pouco máis, van a pique. Vendo isto, Simón Pedro botóuselle aos pés a Xesús, dicindo:
-Señor, arreda de min, que eu son un pecador.

Porque tanto el coma os seus compañeiros quedaron parvos con tanto peixe como colleran naquel lance. 
O mesmo lles pasaba a Santiago e mais a Xoán, fillos de Zebedeo, que eran compañeiros de Simón. E díxolle Xesús a Simón:
-Tranquilo, desde agora vas ser pescador de homes.


Varando as barcas en terra e deixándoo todo, seguírono.

REFLEXIÓN
A escena da pesca é insólita. Cando de noite, no tempo máis favorable para pescar, Pedro e os seus compañeiros traballan pola súa conta, non obteñen resultado algún. Cando, xa de día, botan as redes confiando só na palabra de Jesús que orienta o seu traballo, prodúcese unha pesca abundante, en contra de todas as súas expectativas.

No transfondo dos datos que fan cada vez máis patente a crise do cristianismo entre nós, hai un feito innegable: a Igrexa está a perder de maneira imparable o poder de atracción e a credibilidade que tiña hai só uns anos. Non habemos de enganarnos.

Os cristiáns vimos experimentando que a nosa capacidade para transmitir a fe ás novas xeracións é cada vez menor. Non faltaron esforzos e iniciativas. Pero, ao parecer, non se trata só nin  primordialmente de inventar novas estratexias.

Chegou o momento de lembrar que no Evanxeo de Xesús hai unha forza de atracción que non hai en nós. Esta é a pregunta máis decisiva: Seguimos «facendo cousas» desde unha Igrexa que vai perdendo atractivo e credibilidade, ou poñemos todas as nosas enerxías en recuperar o Evanxeo como a única forza capaz de procrear fe nos homes e mulleres de hoxe?

Non habemos de poñer o Evanxeo no primeiro plano de todo? O máis importante nestes momentos críticos non son as doutrinas elaboradas ao longo dos séculos, senón a vida e a persoa de Xesús. O decisivo non é que a xente veña a tomar parte nas nosas cousas senón que poidan entrar en contacto con el. A fe cristiá só se esperta cando as persoas se atopan con testemuñas que irradian o lume de Xesús



MARTES 12 FEBREIRO. No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo.

Amar é mirar cara a dentro e descubrirnos como persoas únicas e irrepetibles
A maioría dos trastornos psicolóxicos comparten unha base común: a falta de amor a si mesmo. Ou o que é o mesmo, a baixa autoestima.

Que significa quererse a un mesmo, ter unha boa autoestima?

En termos xerais, quererse a si mesmo é aceptarse como un é, coas calidades e os fallos, os logros e os fracasos. A túa valía non está en función dos demais, non te comparas, non dis: son máis que" ou "son menos que".

Quererse está por enriba das circunstancias persoais, do momento concreto que estás a vivir. Porque por riba de todo, es TI, ese ser marabilloso que está sempre a aprender, mellorando, que é capaz de amar e ser amado, con calidades propias, irrepetible, cuxo lugar no mundo non o pode ocupar outro, porque é o teu lugar.

Así, nos diferentes roles que ocupas: nai, pai, traballador/a, fillo/a, amigo/a, alumno/a... cos teus acertos e os teus fallos,  deixas unha pegada única nos demais, es importante.

E o neno respondeu: "Fala, Señor, que o teu servo escoita". O señor díxolle: "Mira, vou facer algo grande en Israel (1 Sam 3,10-11).

ORACIÓN (xuntos)
Dende a ribeira dos meus anos novos
miro a vida buscando nela o meu sitio.
Pregúntanme que vou ser mañá
e non teño máis resposta que un "pensareino”.
Como nunha encrucillada de camiños, perplexo, intento dar co meu....
Sei que teño que decidirme,
tomar o camiño que ti me preparaches...
Señor, que poida comprender con acerto
cal é o camiño que me pides
e que sexa capaz de percorrelo con valentía.
Ti estás en todas as pistas da vida
e dende todas elas se pode chegar a ti.
O que importa é camiñar.
"Aquí estou, Señor, fala que o teu servo escoita".

MÉRCORES 13 FEBREIRO. No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo.

Amar é descubrir os demais como persoas únicas e irrepetibles
Non deixes de soñar que alguén te quere. Non queiras espertar deste sono, non podes, porque é real, alguén te está a querer neste mesmo instante.

Alguén te quere tanto, ata o punto de que lle podes ofrecer a túa vida que a coidará, que tocará o teu corazón dende o outro lado do mundo. Seguro que hai alguén que te quere tanto que daría a vida agora mesmo por ti.

Seguro que tes amigos que te queren tanto que cada día comparten o seu tempo contigo, acompáñante en soidade, necesítante, necesítalos.

Seguro que tes alguén ao teu lado agora mesmo que te quere e a alguén, que aínda que non estea tamén te quererá sempre.

Descubre a todas as persoas que te queren e quéreas ti tamén; porque se tes amor, telo todo. O amor nunca di basta, o amor é o ingrediente máis importante na receita da vida e non hai que agradecelo senón correspondelo. Pensa que todas as persoas que te queren teñen algo en común: son indispensables.

Non deixes de soñar que tes moitas máis persoas das que imaxinas, que te queren, non espertes deste soño, non podes porque te queren!!!

Non teñades parte con eses. Antes erades tebras, e agora sodes luz. Vivide como fillos da luz, pois toda bondade, xustiza e verdade son froito da luz.. Vivide sempre como fillos da luz.... (Ef 5,7-9).

ORACIÓN

Acheguémonos ao Deus da bondade, da luz e da sinceridade, dicindo:
TODOS: Ti, Señor, es a luz da nosa vida.

Bendito sexas, Señor, porque conservaches as nosas vidas ata o día de hoxe...
TODOS: Ti, Señor, es a luz da nosa vida.

Que o noso traballo sexa de proveito para todos, de maneira que unidos fagamos un mundo máis xusto e humano...
TODOS: Ti, Señor, es a luz da nosa vida.

Concede a alegría e a paz a cantos fagan, hoxe, o mesmo camiño ca nós...
TODOS: Ti, Señor, es a luz da nosa vida.

Señor dirixe e dá sentido aos nosos esforzos para que coa túa axuda alcancemos a felicidade xuntamente cos que camiñan ao noso lado.
Axúdanos, Señor, a mellorar este mundo co noso traballo.



XOVES 14 FEBREIRO. No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo.

Amar é contribuír á construción dun mundo mellor
Estamos na véspera de S. Valentín, o "Día dos namorados". Dicímolo, alégranos, felicitámonos, regalamos..., talvez, sen pensar que a expresión "namorados" ten que ver coa palabra amor, da que procede. E esta ten unha historia fascinante.

Dende que o home adquiriu conciencia do que é e cal podería ser a finalidade da súa presenza sobre este mundo, topouse co vocábulo. Non creo que houbese civilización, ao longo da historia do xénero humano sobre a terra, que non se topase con este.

Quizais os que máis afinaron sobre o tema, ao igual que sobre outros moitos, foron os gregos.
A civilización clásica, se deixamos á parte o amor dentro da familia, ao que tamén lle outorgan o seu termo, deixounos o seguinte campo: non é o mesmo o amor-eros, que non pasa de ser un amor sensual, de corpo e, polo tanto, instintivo centrado nun mesmo.

Subindo un chanzo, está o amor dos amigos, a filia dos gregos; a amizade que ten que ver máis coa mente.

E, por fin, o amor-ágape, amor puro, de entrega, de darse por completo sen esperar recompensa; o amor da alma no que o corpo ten pouco que ver...

Este último é a sublimación do amor; ou sexa, a disposición a dar todo polo amado... Este amor-ágape é o que Xesucristo aspiraba que os seus discípulos se tivesen e o tivesen, sen eliminar a filia.

O amor, o que Xesucristo veu a ensinarnos, é o verdadeiro motor do mundo... Ese entregarse aos demais, coa alma, sen esperar unha resposta semellante.

Así lemos no capítulo 13 da súa Primeira Carta aos Corintios; nel só nomea o amor-ágape (caridade).

"Aínda que falase as linguas dos homes e dos anxos se non teño amor (caridade), son un bronce que soa... Aínda que tivese o don de profecía e coñecese todos os misterios e toda a ciencia..., aínda que tivese fe como para trasladar montañas, se non teño amor, nada son...; aínda que repartise todos os meus bens e entregase o meu corpo ás chamas, se non teño amor, nada me aproveita. O amor é paciente, servizal...; non é envexoso...; non busca o seu interese; non se irrita...; non se alegra da inxustiza, alégrase coa verdade. Todo o escusa. Todo o cre. Todo o espera. Todo o soporta. O amor non remata nunca... " (1Cor. 13, 1-8)...

Quen de nós non querería que o seu amor fose así... e que puidésemos entrar no grupo dos que aman deste xeito? Non habería nada que non puidésemos realizar...; ata a construción dun mundo mellor dende os seus fundamentos...?

O amor-ágape non ten rival, sen dúbida.

ORACIÓN
Estou aquí amarrado á miña mesa de traballo.
Dende ela voume abrindo ao mundo e aos segredos da ciencia.
Hai días, Señor, en que o pupitre se fai duro
e crávaseme como unha argola...
Pero comprendo que é aquí onde me estou a facer persoa.
E detrás do cansazo sei que chegará o meu triunfo.
Un día volverei a mirada atrás
e verei no marcador da miña vida
reflectido o tesón que puxen, día a día,
sobre o taboleiro do meu pupitre.
Grazas, Señor, por proporcionarme un pupitre
que moitos anhelan e non teñen.



VENRES 15 FEBREIRO. No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo.

Amar é gozar da boa nova
Se alguén che preguntase como imaxinas a túa rapaza ou rapaz ideal, cal sería para ti unha historia de amor perfecta ou como serían as vacacións ou a viaxe perfectas...? Que responderías?

Talvez os contos de fadas, de príncipes e princesas nos fagan pensar en " ir-realidades" fantásticas: Rapaces louros de ollos azuis, abdominais ben marcados... Rapazas de pelo longo, ollos verdes, 90-60-90. Relacións nas que sempre hai bicos, nas que os amantes se queren sempre moito e non poden vivir un sen a outra. Paraísos afastados con praias de area branca e augas cristalinas. É esta unha realidade perfecta?

O perfecto encóntrase nunha posta de sol que deixa un ronsel rosado no horizonte, nunhas torradas recén feitas para almorzar acompañada, nun sorriso cando as nosas miradas se cruzan á entrada do cole, nun whatsApp que non espero e me arranca un sorriso cando levo un día de cans, no abrazo do meu fillo, no aprobado a base de esforzo, na mesa posta cando chego de estudar ou de traballar, nos teus cabreos por cousas que co tempo un descobre que non teñen importancia, nunha peli no sofá un domingo pola tarde mentres fóra chove, nos regalos polo meu aniversario, na chamada por teléfono da miña nai, dun bo amigo, en...

O noso día a día está cheo de pequenos e grandes detalles que fan de cada xornada un momento único da nosa existencia. Vivámolos como un regalo que Deus nos fai por medio da natureza, das persoas, da tecnoloxía. Isto que nos sucede ten un algo de eternidade que fai da nosa vida unha boa noticia que compartir cos demais.

Pásache a ti o mesmo?

Enviounos de dous en dous, dándolles autoridade sobre os espíritos... Curade enfermos, resucitade mortos, limpade leprosos, botade demos. Ide e proclamade que chegou o reino dos ceos (Mt 10,1-8).

ORACIÓN (a dous coros)
Señor, fai da miña vida unha boa noticia!
Fai que sexa pés e mans, ollos e oídos para os necesitados;
lingua e voz para as vítimas da inxustiza.
Fai que leve alimento aos que teñen fame, medicina aos enfermos,
abrigo aos que tremen de frío.

Señor, fai da miña vida unha boa noticia!
Fai que sexa testemuña da compaixón
para aqueles que camiñan en soidade.
Fai que leve a paz aos que camiñan na discordia,
a serenidade aos que viven na angustia,
o consolo aos que sofren, a felicidade aos aflixidos,
e a sorte aos privados dela.

Señor, fai da miña unha boa noticia!
Fai que avance polo océano da vida
con corazón de volcán e con mans de nai,
e coa ansia gozosa da túa esperanza.
Que a todos leve a paz e a alegría da felicidade.
Convérteme, Señor, nun instrumento do teu amor! Amén

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Archivo del blog