sábado, 24 de enero de 2015

SEMANA 26-30 XANEIRO (3ª TEMPO ORDINARIO_B) E SEMANA DA PAZ

LUNS 26 XANEIRO 2015. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO

Hoxe, a nosa oración ten como eixo fundamental a vocación. Podemos dicir, sen medo a equivocármonos, que a presenza de Xesús, a forza da súa palabra, a orixinalidade dos seus comportamentos, o atractivo de toda a súa persoa, foi facendo que houbese xente contemporánea súa, que decidise seguilo no que facía e dicía. Hoxe, vinte séculos despois, cabería preguntármonos se nós tamén o seguimos polo que nos achega ou se estamos diante dun seguimento simplemente costumista, sen ningún peso na nosa vida. Porque, certamente, con algúns dos seus discípulos e discípulas, Xesús recorreu vilas e aldeas de Galilea, anunciándolle á xente un xeito novo de entender a Deus e de facer vida en comunidade. Pero onte, coma hoxe, non se trata só de falar: hai que achegarse á xente do pobo, principalmente a aquela que ten a vida máis ameazada e diminuída por pobrezas, guerras, enfermidades, marxinacións, desesperanzas ou depresións. A comunidade nova de Xesús é unha comunidade de xente vocacionada para facerlle a vida máis agradable aos demais.

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
            Cando prenderon a Xoán, marchou Xesús a Galilea e anunciaba o Evanxeo de Deus, dicindo:
            ‑ O tempo está cumprido e chega o Reino de Deus; convertéde­vos e crede no Evanxeo.
            Camiñando pola ribeira do mar de Galilea, viu a Simón e mais a Andrés, o irmán de Simón, que estaban largando o aparello no mar, pois eran pescadores. Díxolles Xesús:
            ‑ Vinde comigo, e fareivos pescadores de homes.
            Eles deixaron de contado as redes e seguírono.
            Un pouco máis adiante viu a Santiago, o fillo de Zebedeo, e mais a Xoán, seu irmán; tamén eles estaban na barca arranxando as redes. E de seguida os chamou. Eles deixaron a seu pai, Zebedeo, na barca cos xornaleiros, e marcharon con el.

                        Palabra do Señor                                 R/. Loámoste, Cristo

NOSOPAI


MARTES 27 XANEIRO 2015. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO

Esta semana as oracións pola paz están sacadas doutras confesións relixiosas, para expresar deste xeito a comuñón que debe de existir entre todos os que nos chamamos crentes. O obxectivo desta actividade é tomar conciencia de que os crentes doutras relixións, ao seu modo e xeito oran a Deus pedindo o mesmo ca nós: Paz e Reconciliación no noso mundo como froito da Xustiza.

INTENCIÓN DE HOXE
Presentámosche, Señor, a todos aqueles que co seu traballo nos serven os alimentos de cada día. O panadeiro, o fruteiro, o pescadeiro, o carniceiro-  Eles, co seu traballo, recórdannos o que custa a vida e a sorte que temos de ter con que alimentarnos. Fainos, Señor, xenerosos. Que saibamos agradecer os teus dons e que restituamos os bens aos que, por causa das inxustizas deste mundo, pasan necesidade.

ORACIÓN MUSULMÁ POLA PAZ
No nome de Alá,
o Bo, o Misericordioso.
Encomiado sexa, o Señor do universo
que nos creou e nos formou
repartíndonos en tribos e nacións.
¡Que nos coñezamos e non nos desprecemos!
Se o inimigo está disposto a facer a paz,
dispoñámonos tamén nós a buscala.
E confía en Deus, porque Alá, o señor, é o único que escoita
e sabe todas as cousas.
Servos de Deus,
cheos de graza son aqueles que camiñan na Terra con humildade e saúdan aos seus semellantes dicindo “Paz”.

ORACIÓN FINAL (xuntos)
Dámosche grazas, Señor, por estes crentes e os seus desexos de paz. Pedimos que todos os que profesan a relixión Musulmá, interpreten as ensinanzas dos seus santos e profetas, de maneira que nos leven á paz e a un mundo de non-violencia.
Axúdanos, bo Deus, a cambiar as nosas sociedades para que reine o respecto, a comprensión, a compaixón e a misericordia. Amén

NOSOPAI


MÉRCORES 28 XANEIRO 2015. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO

INTENCIÓN DE HOXE
Hoxe presentámosche, Señor, a todos os que velan pola orde e a xustiza. Sabendo que a xustiza humana é limitada e que a orde é, ás veces, sinónimo de represión, queremos pedirche, Señor, para que esa xustiza e esa orde falen cada día máis de Ti, que es o único Xusto e Misericordioso. Que os encargados de lexislar e de impartir xustiza o fagan respectando a dignidade que nos fai a todos iguais ante os teus ollos. E que os encargados de velar pola orde, o fagan desde un auténtico servizo cidadán e non coa imposición da forza e do medo.

ORACIÓN XUDÍA POLA PAZ
Subamos ao Monte do Señor
para que camiñemos polos carreiros do Altísimo. Coa súa forza transformaremos as espadas en arados e as nosas lanzas en ferramentas de podar.
As nacións non alzarán a espada contra outras, nin se adiestrarán máis para a guerra.
E ningún terá medo,
porque a boca do Señor falou.

ORACIÓN FINAL (xuntos)
Dámosche grazas, Señor, por estes crentes e os seus desexos de paz. Pedimos que todos os que profesan o Xudaísmo, interpreten as ensinanzas dos seus santos e profetas, de maneira que nos leven á paz e a un mundo de non-violencia.
Axúdanos, bo Deus, a cambiar as nosas sociedades para que reine o respecto, a comprensión, a compaixón e a misericordia. Amén

NOSOPAI



XOVES 29 XANEIRO 2015. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO

INTENCIÓN DE HOXE
Pedímosche, Señor por todas as familias dos pobos, para que sexan auténticas escolas de cidadáns comprometidas coa causa da Paz e a Xustiza alá onde se atopen e poidan educar aos seus fillos e fillas con plena liberdade.

ORACIÓN BUDISTA POLA PAZ
¡Que se liberen rápidamente a todos os acosados polos sufrimentos do corpo e da mente!
¡Que sexan libres os esclavizados!
¡Que os débiles recuperen a fortaleza!
¡Que toda persoa pense en facer amizade con outros!
¡Que aqueles nenos, novos, adultos e anciáns que se atopan nun deserto, medorentos e sen rastro, sexan protexidos por forzas celestiais e que rapidamente logren a paz e a serenidade de Buda!

ORACIÓN FINAL (xuntos)
Dámosche grazas, Señor, por estes crentes e os seus desexos de paz. Pedimos que todos os que profesan a relixión de Buda, interpreten os ensinos dos seus santos e profetas, de maneira que nos leven á paz e a un mundo de non-violencia.
Axúdanos, bo Deus, a cambiar as nosas sociedades para que reine o respecto, a comprensión, a compaixón e a misericordia. Amén

NOSOPAI



VENRES 30 XANEIRO 2015. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO

INTENCIÓN DE HOXE
Para que toda a Familia Cristiá asuma o compromiso de aportar á cidadanía o ingrediente de paz e reconciliación, promovendo a acollida aos que veñen de fóra e a fraternidade para os que quedan.

Oración de Paz San Francisco de Asís
Señor, fai do min, un instrumento da túa paz;
onde haxa odio, poña amor;
onde hai ofensa, perdón;
onde hai dúbida, fe;
onde hai desesperanza, esperanza;
onde hai tebras, luz;
onde hai tristeza, alegría.
Oh, Mestre,
que non me empeñe tanto.
En ser consolado como consolar.
En ser comprendido como comprender.
En ser amado como amar.
Porque dando recíbese.
Perdoando ése perdoado.
E morrendo a si mesmo resucítase á vida eterna. Amén

ORACIÓN FINAL (xuntos)
Dámosche grazas, Señor, por estes crentes e os seus desexos de paz. Pedimos que todos os que profesan o Cristianismo e viven o Evanxeo ao estilo de Xesús, interpreten as ensinanzas dos seus santos e profetas, de maneira que nos leven á paz e a un mundo de non-violencia. Axúdanos, bo Deus, a cambiar as nosas sociedades para que reine o respecto, a comprensión, a compaixón e a misericordia.

NOSOPAI

viernes, 16 de enero de 2015

SEMANA 19-23 XANEIRO 2015 _ 2º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO - CICLO B

LUNS 19 XANEIRO 2015. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO

Nós somos moitas veces incapaces de escoitar a voz de Deus. Unha voz que nos chega de moitas maneiras e xeitos; unha voz que non se pon afónica, ao contrario, segue permanentemente invitando, chamando, consolando ... a quen precisa dela. A mágoa é que nós non acabamos de prestarlle a atención debida. Mesmo ás veces manifestamos que El deixou de falarnos, porque non damos percibido a súa voz. Non será que, atarefados como andamos en cousas menos importantes, queremos xustificarnos, cargando sobre El a ausencia?

         LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

         Naquel tempo, estaba Xoán con dous dos seus discípulos e, vendo a Xesús que camiñaba, dixo:
         ‑ Velaquí o Año de Deus.
         Cando os dous discípulos oíron o que el falara, fóronse detrás de Xesús. Volveuse Xesús e, vendo que eles o seguían, preguntoulles:
         ‑ Que buscades?
         Eles respondéronlle:
         ‑ "Rabbí" (que quere dicir "Mestre"), onde paras?
         El díxolles:
         ‑ Vide e veredes.
         E eles foron e viron onde paraba e quedaron con el aquel día. Era contra as catro da tarde.
         Un dos dous que escoitaron a Xoán e seguiron a Xesús era Andrés, o irmán de Simón Pedro. Vai e atopa primeiro a Simón, o seu propio irmán, e dille:
         ‑ Encontramos o Mesías (que quere dicir Cristo).
         E levouno onda Xesús. Ao velo, díxolle Xesús:
         ‑ Ti es Simón, o fillo de Xoán. Ti haste chamar Cefas (que quere dicir Pedro).

                  Palabra do Señor                     R/. Loámoste, Cristo

REFLEXIÓN: Estamos a vivir nun momento da historia no que sobran palabras e faltan silencios. Sobran palabras porque todo o mundo coida que ten algo que dicir, e para tal fin utiliza algún dos moitos medios ao seu alcance. Así, non é de estrañar que, dun ou doutro xeito, teñamos unha saturación de palabras, o que trae como consecuencia que non deixamos tempo para o silencio, a reflexión, o pensamento pausado que vai madurando co tempo.

Os discípulos de Xesús descubriron canto ben lles facía estar ao seu lado, por iso quedaron con El. Tamén nós podemos quedar con El. Unha vez máis, no respecto á nosa liberdade, de nós depende 
acollelo e deixar que nos acompañe no camiño que imos facendo. Pero para iso, antes é necesario 
atoparse con El. Faremos o esforzo de buscalo?



MARTES 20 XANEIRO 2015. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO

SEMANA DE ORACIÓN POLA UNIDADE DOS CRISTIÁNS
No hemisferio norte a Semana de Oración pola Unidade dos Cristiáns celébrase tradicionalmente do 18 ao 25 de xaneiro, festa da Conversión de San Pablo.
Estas datas foron propostas en 1908 por Paul Watson, sacerdote anglicano e cofundador da Sociedade do Atonement de Graymoor (no Estado de Nova York),  para cubrir o período entre a festa de san Pedro e a de san Pablo, que teñen un fondo significado. No hemisferio sur, onde o mes de xaneiro é tempo de vacacións de verán, as Igrexas frecuentemente adoptan outras datas para celebrar a Semana de Oración, por exemplo en torno a Pentecoste.

A Semana de Oración pola Unidade dos Cristiáns constitúe unha ocasión privilexiada para a oración, o encontro e o diálogo. É unha oportunidade para poder recoñecer as riquezas e os valores que están presentes no outro, o distinto, e para pedir a Deus o don da unidade.

Hai 200 anos ninguén pensaría que grupos enfrontados, como os católicos e os protestantes, rezariamos xuntos. Pero hoxe é un feito aceptado e promovido por todos. Damos grazas a Deus polo desexo que pon en nós, en todos os ámbitos da vida de buscar a paz e a unidade.

Este ano ten como lema “Dille Xesús:  «Dame de beber»
Pidamos unha vez máis a Deus que El nos axude a camiñar con respecto ao outro, ao que é diferente, a ser capaz de querer a quen non me cae tan ben e a practicar a oración para que Deus nos axude en cada momento da nosa vida. Amén.
Imos visualizar un vídeo que fai referencia ao texto elixido para este ano:



MÉRCORES 21 XANEIRO 2015. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO

A BUSCA DE DEUS
Un día un discípulo foi ao encontro do seu mestre e díxolle:
- "Mestre, quero encontrar a Deus".
O mestre, sorríndolle, mirouno pero non lle dixo nada.
O novo discípulo volveu ao día seguinte a facerlle a mesma petición; e así cada día... Pero o sabio mestre sabía moi ben a que aterse.
Un bo día caloroso pregoulle que o acompañase ao río a tomar un baño. O discípulo acompañouno e, chegados, ambos os dous somerxéronse na auga. Nun instante, o mestre retivo á forza durante uns momentos o rapaz baixo a auga. Despois dun breve forcexo soltouno e preguntoulle:
- Que é o que máis anhelabas cando estabas baixo a auga?
- Respondeu o discípulo: - Aire!,
- Anhelas a Deus coa mesma intensidade? Se o desexas así -seguiu o mestre-, non che caiba dúbida de que o encontrarás. Pero se non tes ese desexo ou sede de Deus, loitarás coa túa intelixencia, os teus labios e todas as túas forzas, pero todo en van, porque non o atoparás.

ORACIÓN
Señor Xesús, que chamaches a quen quixeches; chámanos a moitos de nós a traballar por Ti, a traballar contigo, a ser bos cristiáns.
Ti que iluminaches coa túa Palabra aos que chamas a ser cristiáns, ilumínanos co don da fe en Ti.
Ti que nos sostiveches nas dificultades, axúdanos a vencer as nosas dificultades de mozos de hoxe. AMÉN


XOVES 22 XANEIRO 2015. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO

VIVIR INTENSAMENTE O DÍA A DÍA
A nosa tarefa de estudantes é un gran compromiso para ir realizando día a día. Agora estamos a preparar o noso porvir. Co cumprimento do deber escolar, debemos cultivar atentamente os valores que cada día se nos propón: a dignidade da persoa, o ser e sentirnos parte dunha familia, a honestidade, a fidelidade ao propio deber, a capacidade de colaboración, a solidariedade... Vivamos con entusiasmo a nosa xuventude, abertos a Deus- Trindade que nos alimenta coa súa Palabra e os seus sacramentos.

Palabra de Deus (Lc. 13, 69)
Contoulles esta parábola: "Un home tiña unha figueira plantada na súa viña; foi buscar figos nela, e non os encontrou. Dixo ao viñador: Hai xa tres anos que veño a buscar figos nela e que non os encontro. Córtaa. Por que vai ocupar un terreo inutilmente? O viñador dixo: Señor, déixaa tamén este ano; eu cavarei arredor e botareille esterco, a ver se dá figos; se non os dá, cúrtalas"

Reflexión
A parábola expresa a paciencia de Deus que segue esperando a nosa conversión, o noso cambio. Un ano máis seguirá coidando de nós, amándonos... e esperando a nosa resposta de cada día.

Oración
Señor,
somos conscientes de que vivir hoxe neste mundo
e nesta sociedade esixe estar espertos,
vivir con intensidade o día a día,
ser un mesmo e ter criterios propios.
Axúdanos, Señor:
a tomar conciencia da nosa responsabilidade de estudantes.
Axúdanos a tomar interese
na nosa formación humana e cristiá.
Axúdanos a traballar sen desalento
na construción da nosa persoa.
Fortalece, Señor, sobre todo,
a nosa vontade.
Que ao longo do curso
o noso esforzo e a nosa ilusión non decaian.
Gracias, Señor,
porque estamos seguros
de contar coa túa axuda de amigo.



VENRES 23 XANEIRO. No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo
Remata a Semana de Oración pola Unidade dos Cristiáns. Ante un mundo dividido, os cristiáns debemos apoiar a unidade, traballando por facela posible entre todos e así chegar á unidade dos cristiáns. Un primeiro paso necesario é creala no noso ámbito dende unha actitude que contribúa a iso. Sobre os camiños da vida, en cada encontro, Deus pon en nós o desexo de encontralo nos demais, de acoller a todos, de ser sensibles para escoitar o que nos quere dicir a través das persoas que están ao noso lado, en especial dos máis necesitados. Hoxe invítanos a sentirnos reunidos no seu nome e a ser as súas testemuñas. Debemos contribuír no ben da humanidade e colaborar na tarefa de facer un mundo mellor. Iso é o que nos recorda tamén o día da Infancia Misioneira que celebramos este domingo, 25 de xaneiro. Esta Obra presta un servizo para a animación misioneira co fin de movernos a compartir a fe e os medios materiais cos nenos das Igrexas máis necesitadas do mundo enteiro. Cada parroquia, cada Diocese e a Igrexa universal poden sentir como propia esta Obra da Infancia Misioneira.
Oremos, pois, por toda a Igrexa que, unida, procura a construcción dun mundo máis xusto e humano para todos.

NOSOPAI