LUNS 19 XANEIRO 2015. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO
ESPÍRITO SANTO
Nós somos
moitas veces incapaces de escoitar a voz de Deus. Unha voz que nos chega de
moitas maneiras e xeitos; unha voz que non se pon afónica, ao contrario, segue
permanentemente invitando, chamando, consolando ... a quen precisa dela. A
mágoa é que nós non acabamos de prestarlle a atención debida. Mesmo ás veces
manifestamos que El deixou de falarnos, porque non damos percibido a súa voz.
Non será que, atarefados como andamos en cousas menos importantes, queremos
xustificarnos, cargando sobre El a ausencia?
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO
XOÁN
Naquel tempo, estaba Xoán con dous dos
seus discípulos e, vendo a Xesús que camiñaba, dixo:
‑ Velaquí o Año de Deus.
Cando os dous discípulos oíron o que el
falara, fóronse detrás de Xesús. Volveuse Xesús e, vendo que eles o seguían,
preguntoulles:
‑ Que buscades?
Eles respondéronlle:
‑ "Rabbí" (que quere dicir
"Mestre"), onde paras?
El díxolles:
‑ Vide e veredes.
E eles foron e viron onde paraba e
quedaron con el aquel día. Era contra as catro da tarde.
Un dos dous que escoitaron a Xoán e
seguiron a Xesús era Andrés, o irmán de Simón Pedro. Vai e atopa primeiro a
Simón, o seu propio irmán, e dille:
‑ Encontramos o Mesías (que quere dicir
Cristo).
E levouno onda Xesús. Ao velo, díxolle
Xesús:
‑ Ti es Simón, o fillo de Xoán. Ti
haste chamar Cefas (que quere dicir Pedro).
Palabra do Señor R/. Loámoste, Cristo
REFLEXIÓN: Estamos a vivir nun momento
da historia no que sobran palabras e faltan silencios. Sobran palabras porque
todo o mundo coida que ten algo que dicir, e para tal fin utiliza algún dos
moitos medios ao seu alcance. Así, non é de estrañar que, dun ou doutro xeito,
teñamos unha saturación de palabras, o que trae como consecuencia que non
deixamos tempo para o silencio, a reflexión, o pensamento pausado que vai
madurando co tempo.
Os discípulos de Xesús descubriron canto ben lles facía estar ao seu lado,
por iso quedaron con El. Tamén nós podemos quedar con El. Unha vez máis, no
respecto á nosa liberdade, de nós depende
acollelo e deixar que nos acompañe
no camiño que imos facendo. Pero para iso, antes é necesario
atoparse con El.
Faremos o esforzo de buscalo?
MARTES 20 XANEIRO 2015. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO
SEMANA DE ORACIÓN POLA UNIDADE DOS CRISTIÁNS
No hemisferio norte a Semana de Oración pola Unidade
dos Cristiáns celébrase tradicionalmente do 18 ao 25 de xaneiro, festa da
Conversión de San Pablo.
Estas datas foron propostas en 1908 por Paul Watson,
sacerdote anglicano e cofundador da Sociedade do Atonement de Graymoor (no
Estado de Nova York), para cubrir o
período entre a festa de san Pedro e a de san Pablo, que teñen un fondo
significado. No hemisferio sur, onde o mes de xaneiro é tempo de vacacións de
verán, as Igrexas frecuentemente adoptan outras datas para celebrar a Semana de
Oración, por exemplo en torno a Pentecoste.
A Semana de Oración pola Unidade dos Cristiáns
constitúe unha ocasión privilexiada para a oración, o encontro e o diálogo. É
unha oportunidade para poder recoñecer as riquezas e os valores que están
presentes no outro, o distinto, e para pedir a Deus o don da unidade.
Hai 200 anos ninguén pensaría que grupos enfrontados,
como os católicos e os protestantes, rezariamos xuntos. Pero hoxe é un feito
aceptado e promovido por todos. Damos grazas a Deus polo desexo que pon en nós,
en todos os ámbitos da vida de buscar a paz e a unidade.
Este ano ten como lema “Dille Xesús: «Dame de beber»
Pidamos unha vez máis a Deus que El nos axude a
camiñar con respecto ao outro, ao que é diferente, a ser capaz de querer a quen
non me cae tan ben e a practicar a oración para que Deus nos axude en cada
momento da nosa vida. Amén.
Imos visualizar un vídeo que fai referencia ao texto elixido para este ano:
MÉRCORES 21 XANEIRO 2015. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO
A BUSCA DE
DEUS
Un día un discípulo foi ao encontro do seu mestre e
díxolle:
- "Mestre, quero encontrar a Deus".
O mestre, sorríndolle, mirouno pero non lle dixo nada.
O novo discípulo volveu ao día seguinte a facerlle a
mesma petición; e así cada día... Pero o sabio mestre sabía moi ben a que
aterse.
Un bo día caloroso pregoulle que o acompañase ao río a
tomar un baño. O discípulo acompañouno e, chegados, ambos os dous somerxéronse
na auga. Nun instante, o mestre retivo á forza durante uns momentos o rapaz
baixo a auga. Despois dun breve forcexo soltouno e preguntoulle:
- Que é o que máis anhelabas cando estabas baixo a
auga?
- Respondeu o discípulo: - Aire!,
- Anhelas a Deus coa mesma intensidade? Se o desexas
así -seguiu o mestre-, non che caiba dúbida de que o encontrarás. Pero se non
tes ese desexo ou sede de Deus, loitarás coa túa intelixencia, os teus labios e
todas as túas forzas, pero todo en van, porque non o atoparás.
ORACIÓN
Señor Xesús, que chamaches a quen quixeches; chámanos
a moitos de nós a traballar por Ti, a traballar contigo, a ser bos cristiáns.
Ti que iluminaches coa túa Palabra aos que chamas a
ser cristiáns, ilumínanos co don da fe en Ti.
Ti que nos sostiveches nas dificultades, axúdanos a vencer as nosas
dificultades de mozos de hoxe. AMÉN
XOVES 22 XANEIRO 2015. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO
VIVIR
INTENSAMENTE O DÍA A DÍA
A nosa tarefa de estudantes é un gran compromiso para
ir realizando día a día. Agora estamos a preparar o noso porvir. Co cumprimento
do deber escolar, debemos cultivar atentamente os valores que cada día se nos
propón: a dignidade da persoa, o ser e sentirnos parte dunha familia, a
honestidade, a fidelidade ao propio deber, a capacidade de colaboración, a
solidariedade... Vivamos con entusiasmo a nosa xuventude, abertos a Deus-
Trindade que nos alimenta coa súa Palabra e os seus sacramentos.
Palabra de
Deus (Lc. 13, 69)
Contoulles esta parábola: "Un home tiña unha figueira
plantada na súa viña; foi buscar figos nela, e non os encontrou. Dixo ao viñador:
Hai xa tres anos que veño a buscar figos nela e que non os encontro. Córtaa.
Por que vai ocupar un terreo inutilmente? O viñador dixo: Señor, déixaa tamén
este ano; eu cavarei arredor e botareille esterco, a ver se dá figos; se non os
dá, cúrtalas"
Reflexión
A parábola expresa a paciencia de Deus que segue
esperando a nosa conversión, o noso cambio. Un ano máis seguirá coidando de
nós, amándonos... e esperando a nosa resposta de cada día.
Oración
Señor,
somos conscientes de que vivir hoxe neste mundo
e nesta sociedade esixe estar espertos,
vivir con intensidade o día a día,
ser un mesmo e ter criterios propios.
Axúdanos, Señor:
a tomar conciencia da nosa responsabilidade de
estudantes.
Axúdanos a tomar interese
na nosa formación humana e cristiá.
Axúdanos a traballar sen desalento
na construción da nosa persoa.
Fortalece, Señor, sobre todo,
a nosa vontade.
Que ao longo do curso
o noso esforzo e a nosa ilusión non decaian.
Gracias, Señor,
porque estamos seguros
de contar coa túa axuda de amigo.
VENRES 23 XANEIRO. No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo
Remata a Semana de Oración pola Unidade dos
Cristiáns. Ante un mundo dividido, os cristiáns debemos apoiar a unidade,
traballando por facela posible entre todos e así chegar á unidade dos
cristiáns. Un primeiro paso necesario é creala no noso ámbito dende unha
actitude que contribúa a iso. Sobre os camiños da vida, en cada encontro,
Deus pon en nós o desexo de encontralo nos demais, de acoller a todos, de ser
sensibles para escoitar o que nos quere dicir a través das persoas que están ao
noso lado, en especial dos máis necesitados. Hoxe invítanos a sentirnos
reunidos no seu nome e a ser as súas testemuñas. Debemos contribuír no ben da
humanidade e colaborar na tarefa de facer un mundo mellor. Iso é o que nos
recorda tamén o día da Infancia Misioneira que celebramos este domingo, 25 de
xaneiro. Esta Obra presta un servizo para a animación misioneira co fin de
movernos a compartir a fe e os medios materiais cos nenos das Igrexas máis
necesitadas do mundo enteiro. Cada parroquia, cada Diocese e a Igrexa
universal poden sentir como propia esta Obra da Infancia Misioneira.
Oremos, pois, por toda a Igrexa que, unida, procura a
construcción dun mundo máis xusto e humano para todos.
NOSOPAI
No hay comentarios:
Publicar un comentario