martes, 16 de septiembre de 2014

COMEZAMOS UN NOVO CURSO

ESPERANZA




        Levamos cinco ou seis anos nos que a palabra "crise" está tendo un éxito impensable... Temos escoitado, lido e escrito acepcións do máis variado sobre o seu significado; e a realidade, que sempre supera á literatura, proporcionounos significados nunca antes imaxinados. Por iso xa é hora de pasar páxina, de abandonar a palabra crise como trending topic, e de elevar ao Olimpo do éxito a outras palabras que nos transmitan ilusión no futuro e ganas por facer un mundo mellor.

            Queremos propoñer que a palabra de moda do curso 2014/2015 sexa ESPERANZA (e ser capaces de facer isto ten moita relación con estoutra que xa empezades a coñecer: SENTIDO CRÍTICO)

            ESPERANZA en que os gobernantes entendan que a liberdade de educación é un ben consagrado pola Constitución Española e que na súa interpretación non poden primar só os seus intereses políticos, senón o ben de todos os cidadáns.

            ESPERANZA porque cando se pecha unha porta nalgún lugar se abren outras fiestras de oportunidade que hai que buscar e aproveitar…; aínda que sexa dura a espera ata que se encontran as novas oportunidades, sabemos que existen e non imos a esmorecer no empeño de buscalas.

            ESPERANZA porque só hai que repasar superficialmente a biografía dos nosos Fundadores/as, San Vicente e Santa Luisa para darse conta de que no pasado houbo tempos peores, moito peores, dos que saíron propostas innovadoras e frutíferas.

            ESPERANZA porque tratamos de educarnos para un mundo que aínda non existe. E non por iso tiramos a toalla como unha tarefa imposible, senón que iso mesmo nos motiva para buscar cada día a palabra axeitada, o xesto significativo e a pregunta intelixente.

            ESPERANZA porque temos un excelente produto, o mellor de todos os tempos, o que nunca perde vixencia nin pasa de moda: o mandamento do AMOR fraternal e universal que Xesús de Nazaré nos deixou.

            Di Joaquín Sabina, poeta urbano e madrileño de adopción, nunha rexión onde ninguén é forasteiro, que a ESPERANZA é nome de muller, como liberdade, como aurora... como María educadora en Nazaré e modelo de Fe, Traballo e ESPERANZA.

            Deséxovos un feliz curso 2014/2015 a todos os que soñades e tedes ESPERANZA NUN MUNDO MELLOR!

NOSOPAI


No hay comentarios:

Publicar un comentario

Archivo del blog