lunes, 17 de noviembre de 2014

ORACIÓNS SEMANA 17 - 21 OUTUBRO

MARTES, 18 de novembro. NO NOME DO PAI....

Na era dos conservantes e colorantes, na era da comida lixo e da cociña rápida, cada vez resulta máis difícil atopar unha cociña natural, coma a que se facía antes, a lume lento sobre a lareira e sen ningún tipo de engadido artificial. Isto vén a conto porque demasiadas veces a nosa fe tamén está en conserva, enlatada, enfaixada en compartimentos estanco que abrimos para vodas, bautizos, festas do patrón… e que logo volvemos pechar sen ter máis valor nin máis credibilidade na nosa vida cotiá.
         Todos vimos ao mundo coa herdanza de Deus nas nosas mans. Ninguén carece de valores nin de oportunidades. Todos temos uns talentos, unha tarefa, unha misión, uns medios... que non debemos conservar, senón poñer a render. É o tempo de producir.

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
            Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos esta parábo­la:
            - Un home que ía saír de viaxe, chamou polos seus criados e entregoulles os seus bens. A un deulle cinco talentos, a outro dous e a outro un; a cadaquén segundo a súa capacidade. Despois marchou.
            Ao cabo de moito tempo chegou o amo daqueles criados, pedín­dolles contas.
            Achegouse o que recibira cinco talentos e presentou outros cinco, dicindo: "Señor, cinco talentos me entregaches; velaquí outros cinco que gañei".
            Díxolle o seu amo: "Moi ben, criado fiel e cumpridor. Xa que fuches fiel no pouco, poñereite á fronte do moito. Pasa a gozar da festa do teu amo".
                  Palabra do Señor                                 R/. Loámoste, Cristo 

MIRADA DE ESPERANZA (DOUS COROS)
Nunca digas: non sei,
non vallo, no podo,
non teño forzas,
eu non entendo,
esas cousas para os que saben...
Para facer pobo e terra, todos valemos, sabemos e podemos.

Se tes cinco, pon cinco;
se tes dous, pon dous;
se tes un, pon un.

Sé valente e humilde para descubrir e recoñecer o teu don;
acéptao e acéptate a ti con el.

Se Deus che deu corazón,
que o teu corazón non falle na hora da irmandade.

Se Deus che deu ledicia,
que a túa ledicia non falle no festexo dos pobres.

Se Deus che fixo reflexivo, que a túa reflexión non falle
á hora de medir os pasos para chegar a un mañá mellor.

Se Deus che fixo entendido,
aporta o teu entendemento para que o pobo medre.

Se Deus che fixo hábil para a unión,
pon esa habilidade ao servizo da unión que nos libera.

Anímate.
Xuntos facemos pobo,
Xuntos facemos terra.



MÉRCORES, 19 de novembro. NO NOME DO PAI....

O centro da vida
Eu, me, eu, comigo. A síndrome de Juan Palomo, “Yo me lo guiso yo me lo como”, é bastante contemporánea. Despois de todo, non se me invita a instaurar, polo menos de portas para dentro, a república independente da miña vida? Cando facemos un mapa tendemos a poñer o noso país no centro. É normal. Parece que a vida arranca dun mesmo, e logo, en círculos concéntricos, van entrando os outros. Os meus pais, os meus irmáns, os meus amigos, os meus amores, coñecidos, descoñecidos que pasan polos meus días. E mesmo oio falar de descoñecidos aos cales non coñezo... Pero, no centro, “min” e as miñas circunstancias, o meu traballo ou os meus estudos, os meus días bos e os que estou de malas. Os meus problemas e ilusións. Non hai forma! A vida así é demasiado raquítica.

Vivir curvado sobre un mesmo non é demasiado recomendable. Ao final perdes horizonte, perspectiva e realidade. Todo o propio se volve urxente, e ante o alleo vólveste indiferente. Pero a verdade é que a vida está feita tamén doutras historias, de cousas que lles pasan aos demais. Das súas alegrías e os seus dramas. Dos seus proxectos e os seus amores. E VIVIR, así, en maiúsculas, é ir tendendo redes con esoutros, sentíndose parte de algo maior, sabéndose vinculado a esoutras historias. Doutro modo, un ego enorme pode facerte cego aos outros. E ese é o camiño seguro á soidade máis vital.

Oración.
Hoxe, Señor, ao comezar este novo día
ofrézoche todo o que son e o que teño.

Ofrézoche as pequenas cousas que adoito facer cada día:
o esforzo que supón erguerse,
a rutina de vestirse, almorzar e ir ao colexio,
a monotonía das clases
e a satisfacción de estar cos meus amigos.

Preséntoche o tempo de estudo e o descanso,
a relación cos meus pais
e o sacrificio de colaborar nas cousas de casa.

Grazas, Señor,
porque todo, aínda o máis ordinario e cotián,
é unha oportunidade que me dás para vivir intensamente,
poñendo amor en todo o que fago.

Que ao final do día, sinta a proximidade da túa presenza
e a satisfacción de saber que neste día
fixen o que a ti che agrada. Amén




XOVES, 20 de novembro. NO NOME DO PAI....

DÍA DA DECLARACIÓN DOS DEREITOS DO NENO
Neste día, en 1959, asinouse a Declaración dos Dereitos do neno. Son 10 principios básicos que serven de guía a todos os países para elaborar as leis sobre o menor. O Articulo 1º di: "Estes dereitos serán recoñecidos a todos os nenos sen excepción ningunha por motivos de raza, cor, sexo... "

OS NENOS APRENDEN O QUE VIVEN

Se un neno vive criticado,
aprenderá a criticar,
Se un neno vive con hostilidade,
aprenderá a pelexar,

Se un neno vive avergonzado,
aprende a sentirse culpable,

Se un neno vive con tolerancia,
aprende a ser tolerante,

Se un neno vive con estímulo,
aprenderá a confiar,

Se un neno vive apreciado,
aprende a apreciar

Se un neno vive con equidade,
aprende a ser xusto,

Se un neno vive con seguridade,
aprende a ter fe,

Se un neno vive con aprobación,
aprende a quererse,

Se un neno vive con aprobación e amizade,
aprende a achar amor no mundo

Do santo Evanxeo segundo san Marcos 10, 13-16
Naquel tempo presentaron a Xesús uns nenos para que os tocase; pero os discípulos berrábanlles. Xesús, ao ver isto, enfadouse e díxolles: «Deixade que os nenos veñan a min, non llelo impidades, porque dos que son como estes é o Reino de Deus. Eu asegúrovos: o que non reciba o Reino de Deus como neno, non entrará nel» E abrazaba aos nenos, e bendicíaos poñendo as mans sobre eles.

Reflexión
Deixa que Xesús che dea un abrazo, achégate a El, fala con El, como se foses un neno pequeno. Xesús encherate de paz, de alegría e as túas preocupacións e sufrimentos serán menos, porque estás con El, abandónao todo nos seus brazos.

Oración
Señor, acrecenta a miña fe, a miña esperanza e a miña caridade, para facer unha verdadeira oración. Con espírito de neno póñome na túa presenza, confiando en que nada me impedirá experimentar a túa proximidade, o teu amor.
Concédeme a sinxeleza, o idealismo e a confianza que caracterizan a personalidade dun neno.

Señor, quero ser merecedor de entrar ao teu Reino. Decátome de que as condicións para entrar son esixentes, porque teñen que xurdir dun amor total, por Ti e polos demais. Coñeces a miña inmadurez e o meu egoísmo infantil, o meu desexo de dicir «si»... para facelo mellor ata mañá e logo outro ata mañá e así sucesivamente. Quero abandonarme como un neno no teu regazo, e sentir sempre o teu amor. Amén


VENRES, 21 de novembro. NO NOME DO PAI....

VIVIR INTENSAMENTE O DÍA A DÍA
A nosa tarefa de estudantes é un gran compromiso para ir realizando día a día. Agora estamos a preparar o noso porvir. Cumprindo a nosa tarefa de formarnos, debemos cultivar atentamente os valores que cada día se nos propón: a dignidade da persoa, o ser e sentirnos parte dunha familia, a honestidade, a fidelidade ao propio deber, a capacidade de colaboración, a solidariedade... Vivamos con entusiasmo a nosa xuventude, abertos a Deus- Trindade que nos alimenta coa súa Palabra e os seus sacramentos.

Palabra de Deus (Lc. 13, 6-9)
Contoulles esta parábola: "Un home tiña unha figueira plantada na súa viña; foi buscar figos nela, e non os encontrou. Dixo ao viñador: Hai xa tres anos que veño a buscar figos nela e que non os encontro. Córtaa. Por que vai ocupar un terreo inutilmente? O viñador dixo: Señor, déixaa tamén este ano; eu cavarei arredor e botareille esterco, a ver se dá figos; se non os dá, córtala"

Reflexión
A parábola expresa a paciencia de Deus que segue esperando a nosa conversión, o noso cambio. Un ano máis seguirá coidando de nós, amándonos... e esperando a nosa resposta de cada día.

Oración
Señor,
somos conscientes de que
vivir hoxe neste mundo e nesta sociedade
esixe estar espertos,
vivir con intensidade o día a día,
ser un mesmo e ter criterios propios.
Axúdanos, Señor:
a tomar conciencia de nosa
responsabilidade de estudantes.
Axúdanos a tomar interese
na nosa formación humana e cristiá.
Axúdanos a traballar sen desalento
na construción da nosa persoa.
Fortalece, Señor, sobre todo,
a nosa vontade.
Que ao longo do curso que empezamos
o noso esforzo e a nosa ilusión non decaian
Grazas, Señor,
porque estamos seguros
de contar coa túa axuda de amigo. Amén

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Archivo del blog