viernes, 7 de noviembre de 2014

ORACIÓNS 10 AO 14 NOVEMBRO

LUNS 10 de NOVEMBRO. NO NOME DO PAI....

Todos debemos estar preparados para as diferentes situacións que se nos van presentando na vida. Preparados á hora de elixir que estudar; preparados cando tomamos a decisión de compartir a vida con alguén; preparados para cando os anos comecen a pasarnos factura a través dos achaques e doenzas; preparados, nunha palabra, para a vida. Porque a vida é isto: ir avanzando pouco a pouco e tomando decisións segundo a situación que nos presente. Pero a pesar desta disposición que sempre debemos ter para o que virá, moitas situacións desbordarannos, outras resultarannos imposibles, e para algunha non teremos máis opción que aceptala e acollela. E en todo este proceso de situacións que se van dando na vida, aparece sempre alguén, para os que nos chamamos crentes, que nos ofrece o seu brazo para acompañarnos neste camiño: Xesús. El sempre está aí. Virán as dificultades, superaremos non poucos atrancos, veremos que moitos non nos comprenden e nos dan as costas, pero El non se vai. A isto nos invita a lectura: a non pechar nunca nin os ollos nin os oídos, para así poder descubrilo camiñando ao noso carón.

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
            Naquel tempo, estaba a chegar a Pascua dos xudeus e subiu Xesús a Xerusalén. Atopou no templo os que vendían bois, ovellas e pombas e mais os cambiadores sentados; vai e facendo un vergallo con cordas de xunco, botounos a todos fóra do templo e as ovellas e os bois tamén; guindou cos cartos e virou as mesas dos cambiadores; e aos que vendían as pombas, díxolles:
            - Arredádeme de aquí estas cousas, non fagades da casa de meu Pai unha casa de negocio.
            Pero replicáronlle os xudeus:
            - Que sinal nos mostras, para faceres estes feitos?
            Respondeulles Xesús:
            - Derrubade este templo e erguereino en tres días.
            Retrucáronlle os xudeus:
            - Corenta e seis anos levou edificar este templo e halo erguer ti en tres días?
            Pero el dicíao referíndose ao templo do seu corpo. Cando se ergueu de entre os mortos, lembraron os seus discípulos o que dixera e creron na Escritura e no dito de Xesús.
            Palabra do Señor                                             R/ Loámoste, Cristo


MARTES, 11 de novembro. NO NOME DO PAI....

SER SOLIDARIO
Empezamos onte unha nova semana e imaxínome que é unha semana con novas ilusións e ganas de superar retos persoais. Pero antes de empezar “para un momento”, quizais a estas horas estás aínda un pouco durmido... Pero, fixácheste no teu compañeiro do lado, que quizais te necesita? Pregúntate: Estou disposto a ser solidario co que teño ao lado? Ou mellor aínda, solidario cun descoñecido?

Se facemos esta pregunta a milleiros de persoas seguramente a resposta da maioría será que si. Pero, por que o facemos? Moitos aseguran que a satisfacción de axudar a alguén de xeito desinteresado é unha sensación única. 

A palabra solidariedade provén do latín “soliditas”; significa que algo é homoxéneo, fisicamente enteiro, unido e cuxas partes son de igual natureza.

Existen varios tipos de solidariedade e de entrega: a circunstancial e a do compromiso, pero ambas as dúas válidas. 

A circunstancial dáse cando damos algo material como diñeiro, alimentos... para un fin en particular.

A Solidariedade do compromiso é aquela na que a persoa se compromete a sacrificar a súa vida e o seu tempo para axudar a outras persoas. Xeralmente únense a unha organización non gobernamental para axudar co seu traballo en diferentes accións solidarias que suceden en diferentes partes do mundo ou no propio barrio.

Todos os seres humanos formamos parte dun mundo globalizado, isto quere dicir que cabe a posibilidade de que o que facemos hoxe aquí, repercute positivamente ou negativamente noutra persoa, a miles de quilómetros. Sexamos solidarios.

20 razóns para ser solidario



MÉRCORES  12 de novembro. NO NOME DO PAI....

O SILENCIO DA NOITE
Con frecuencia, ao rematar o día, sentes que che pesa o ruído, o atafego da xornada vivida intensamente, o cansazo... e, en moitas ocasións, o baleiro interior. É o momento de entrar no profundo de ti mesmo e dar sentido ao día que viviches. Cinco minutos nada máis, vividos no corazón da noite, en silencio e o sosego. Calquera pregaria feita no medio da noite convértese en potente foco capaz de iluminar tanto despiste como experimentamos durante o día. É o momento de abandonarse confiadamente nas mans do Pai, pasar a páxina do que vivimos e sentir que todo o noso ser descansa en Deus.

Palabra de Deus (Lc 6,12; Lc 5,15)
"Por aqueles días foi Xesús á montaña a orar, e pasou a noite orando a Deus. A súa fama estendeuse moito, e moita xente acudía para oílo e para que lles curase as enfermidades. Pero el retirábase" aos lugares solitarios" "para orar".

Reflexión. Oración dun mozo de 18 anos
A miña oración? É algo moi simple e ao mesmo tempo moi complexo. É falar con Deus, darlle grazas, pedirlle, estar con Él, gabarlle, recordalo durante todo o día. Na oración, como na vida, pásanse tempadas de todo: gustos sensibles, sequidade, cansazo, alegría, esperanza... A oración é unha vivencia do Espírito e, como todo o que é do Espírito, resulta difícil concretar e ás veces tamén de experimentar. A oración para min é cavar nun terreo seco no que, de cando en vez, encontras un manancial de auga fresca. Ese encontro alégrache tanto, danche tanta forza, que segues de novo cavando e cavando aínda que tardes en volver encontrar auga.

Dificultades? Moitas: cansazo, desánimo, falta de ganas de quedar en soidade con Deus. Cando as cousas van ben, é máis doado. Sénteste "recompensado" por Deus. Pero cando non obtés o que pides... que difícil é aceptar que ese é o plan de Deus para ti! Gozos? Tamén moitos! Deus fáiseche presente e un só instante da súa compañía fai que te sintas tan feliz como o que máis.

Oración:
Esperta, Señor, os nosos corazóns, que se durmiron nas cousas e xa non teñen forza para amar.
Esperta, Señor, a nosa ilusión que se apagou en ilusións pobres.
Esperte, Señor, as nosas ganas de felicidade, porque nos perdemos en diversións caducas.
Esperta, Señor, o noso corazón que se fixo interesado e non sabe do amor que se entrega gratuitamente ao pobre.
Esperta, Señor, todo noso ser, porque hai camiños que só conseguen os ollos abertos para recoñecerte.



XOVES, 13 de novembro. NO NOME DO PAI….


CO MARXINADO

DO EVANXEO DE LUCAS (4, 17, 21)

Entregáronlle o libro do profeta Isaías, desenrolou o volume e encontrou a pasaxe na que está escrito: "O Espírito do Señor está sobre min, porque me ten unxido. Envioume a levar a boa noticia aos pobres, a anunciar a liberdade aos presos, a dar a vista aos cegos, a liberar os oprimidos e a proclamar un ano de graza do Señor" Enrolou o libro, deullo ao axudante da sinagoga e sentouse; todos tiñan os seus ollos cravados nel; e el comezou a dicirlles: "Hoxe cúmprese ante vós esta Escritura".

Oración
Señor... Hoxe quixera pedirche por eses homes e mulleres que non teñen onde permanecer. Pídoche por eles, polos que van de pobo en pobo; de cidade en cidade; de albergue e albergue; de portal en portal, con todo o seu enxoval ás costas estrullado nun miserable saco.

Pídoche por eses fillos de ninguén, por eses, porque precisamente por iso son máis fillos teus... Pídoche por todos os desencaixados da sociedade. Que encontren acubillo cando o necesiten.

Eles son tamén os teus fillos. Morren como se buscasen a morte; morren e chóraselles pouco, algúns, mesmo, alégranse coa súa morte. Fainos descubrir que esta vida nosa é fermosa. Que encontren amor e comprensión e non persoas que os xulgan e condenan.

Pedímosche, Señor, polos anciáns esquecidos, por tantos nenos explotados, e polos que non coñeceron un pai, polos que se ven obrigados a vender o seu corpo, polos que só coñecen a rúa como fogar. Que encontren alguén que os ame totalmente. Que te encontren a ti. AMÉN



VENRES, 14 de novembro. NO NOME DO PAI....

XESTOS

Para finalizar a semana gustaríame recordar o exemplo maior que nos deixou Xesús no seu evanxeo sobre a caridade e a solidariedade: 

«Baixaba un home de Xerusalén a Xericó, e caeu en mans de salteadores, que, logo de desposuílo e golpealo, fóronse deixándoo medio morto. Casualmente, baixaba por aquel camiño un sacerdote e, ao velo, deu un rodeo. De igual modo, un levita que pasaba por aquel sitio viuno e deu un rodeo. Pero un samaritano que ía de camiño chegou onda el, e ao velo tivo compaixón; e, achegándose, vendoulle as súas feridas, botando nelas aceite e viño; e montándoo sobre a súa propia cabalgadura, levouno a unha pousada e coidou del. Ao día seguinte, sacando dous denarios, deullos ao pousadeiro e dixo: "Coida del e, se gastas algo máis, pagareicho cando volva." Quen destes tres paréceche que foi próximo do que caeu en mans dos salteadores?» O doutor dixo: «O que practicou a misericordia con el.» Díxolle Xesús: «Vaite e fai ti o mesmo.» (Evanxeo de Lucas 10:25-37)
Xesús déixao ben claro. Pero hoxe gustaríame recordar aquí algúns pequenos xestos que podes facer... Hai moitos pero estes son sinxelos fáciles. 

-Dar exemplo. O que vemos e vivimos é mil veces máis útil que o que se intenta ensinar con palabras. 

-Ser solidario non é só dar diñeiro. Tan importante como a axuda material é a actitude coa que se fai e que hai solidariedade que nada ten que ver co diñeiro: axudar na casa, deixar o propio asento a unha persoa maior, compartir xoguetes...

-Axudar aos irmáns, curmáns e amigos.: axudar a un irmán pequeno cos deberes ou a un amigo cunha tarefa difícil, é unha boa forma de empezar a ser solidarios.

-Coñecer que existe outra realidade social próxima e outros nenos menos afortunados. É fundamental que nos acheguemos á realidade doutras persoas: que sofren necesidades e que se lles debe axudar, é a mellor forma de que aprender a necesidade de compartir roupa, xoguetes que xa non se utilizan...

-Xogando tamén se aprende a ser solidario. Os xogos de equipo son moi útiles para aprender en valores solidarios.

 Que teñas un bo día e unha boa fin de semana...solidaria.

Virxe Milagrosa, roga por nós.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Archivo del blog