viernes, 30 de septiembre de 2016

ORACIÓNS SEMANA 3 - 7 OUTUBRO

Día 3 de Outubro: A solidariedade

+ No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo.

O mes de outubro convídanos a “enredarnos pola xustiza” a través da solidariedade evitando o egoísmo.


A solidariedade é a característica das persoas que apoian de forma incondicional as causas ou intereses alleos, especialmente en situacións comprometidas ou difíciles. 
Xesús é o noso mellor exemplo de persoa solidaria; así, cando Xesús estaba a despedirse dos seus apóstolos, foi dicindo todas as cousas importantes que non quería que nunca esquecesen. E díxolles que o mandamento máis importante para todos os que o seguisen era este: 

AMÁDEVOS OS UNS AOS OUTROS COMO EU VOS  AMEI.

Querernos como Xesús nos quere. Gratuitamente, é dicir, quérenos antes de que nós o queiramos ou lle deamos algo a cambio; quérenos sempre, fagamos o que fagamos, porque El coñece o noso corazón e perdóanos. Quérenos moito, máis que ninguén pode querernos, aínda que non sexamos os mellores. Así quere Xesús que nos queiramos os uns aos outros, a todos os que coñecemos: aínda que sexan diferentes a nós, aínda que ás veces metan a pata, aínda que non nos queiran a nós. Imos pedirlle a Xesús que nos ensine o importante que é AMAR COMA EL.


NOSOPAI




Día 4 de Outubro: Abre o meu corazón á túa Palabra.

+ No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo.

Xoán Paulo II dixo:
“Anunciar a Cristo significa, sobre todo, ser as súas testemuñas coa vida. Trátase da forma de evanxelización máis sinxela e, ao mesmo tempo, máis eficaz á vosa disposición, e consiste en manifestar a presenza visible de Cristo na propia existencia, a través do compromiso cotián e a coherencia co Evanxeo en toda opción concreta. Hoxe o mundo ten necesidade, ante todo, de testemuñas cribles”.
Axúdanos, Señor, a ser persoas comprometidas, persoas sensibles ante as inxustizas que ocorren ao noso redor, que non nos esquezamos dos que sofren e pasan mal. Desta maneira, polo noso modo de actuar converterémonos nesas testemuñas cribles que tanto necesita o noso mundo.

Día 5 de Outubro: Oración polos que sofren.

+No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo.

Espírito do Señor.
Hoxe diríxome a ti para pedirche que me acompañes sempre ao longo da miña vida. Axúdame a manterme fiel á Palabra de Xesús, e a vivir todos os días como El nos ensinou.
Pídoche pola miña familia, os meus amigos, os meus coñecidos. Tamén che quero pedir por aqueles que sofren, ou están sós, ou enfermos.
Dános forzas para construír un mundo de irmáns onde haxa Xustiza e Paz.
Queremos vivir coma Xesús.
Grazas por estar xunto a nós
Amén

NOSOPAI

Ás veces pequenos xestos poden converterse en grandes e facer que nos emocionemos. Este vídeo lémbranos o gratificante que pode ser coidar e ser condado. 



Día 6 de Outubro

+ No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo.

Gratuidade (ou "inutilidade") da oración 

Un grupo de mozos escoitaba a explicación dun relixioso sobre como era a súa vida de comunidade. Cando lles comentou que tiñan un intre de oración de aproximadamente media hora, xuntos, en silencio, unha moza exclamou: Vaia perda de tempo!

-Para moitos a oración non é "efectiva", ofrece poucos resultados. Pero resulta que os grandes valores da vida (por exemplo, a amizade, ou a alegría) non se miden por se son ou non útiles: son valores gratuítos. A amizade certamente pode ser moi útil; pero no amor a utilidade non é determinante. Cando o amigo ou a amiga non é "útil", entón ten que ser, e posiblemente será, máis querido que nunca.

-É necesario descubrir o sentido da gratuidade. Tamén a relación con Deus sitúase no ámbito do que é gratuíto. E a oración é expresión de amor a Deus, e, por tanto, de gratuidade. Cando se vive a oración e a relación con Deus desde a gratuidade é cando se pode descubrir que o que é gratuíto acaba sendo o máis valioso. E precisamente por ser tan valioso non ten prezo, nin resulta "útil". 

-A oración é como a choiva, que vai calando na terra aos poucos: vai proporcionando confianza en Deus, e a confianza condúcenos á gratuidade. É gratuíta porque non esiximos nada a Deus: confiámoslle a nosa vida e a daquelas persoas que lle presentamos na oración. 

-Felices os "inútiles": só será capaz de orar quen consiga romper coa necesidade e a urxencia, e entre na esfera do que é importante. 

-Se non tes o valor de "perder tempo", non avanzarás na oración.
Se non consegues parar, non chegarás nunca á verdade da oración.

-Felices os "inútiles", porque só eles saben o que é indispensable e necesario ao ser humano.

- Feliz ti se descobres a gratuidade da oración, porque gozarás, sen esixir nada, da súa gran riqueza.



AVE MARÍA


Día 7 de Outubro: Ti chamas a seguirte.

+ No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo.

Ti chamas a seguirte e pides vender todo e dalo por nada. Ti chamas a seguirte, cargando coa cruz como revolucionario do amor entre os homes. Ti chamas polo nome e fas teu ao home para sempre. Ti chamas porque amaches primeiro e o amor é comuñón. Ti chamas porque es bo, porque o teu corazón é festa. Ti chamas e abres ao home a vontade do Pai. Ti chamas e queres homes libres que te sigan. Aquí estou, Señor, quero seguirte co meu corazón roto. Aquí estou, Señor da alba, quero cambiar facendo seguimento. Aquí estou, Señor, porque me chamaches, grazas. Quero ser luz na noite de cada home. Luz. Quero ser palabra que esperte ao home durmido. Quero ser auga fresca que dea vida á planta seca. Quero ser pan partido, roto, dado en abundancia. Quero ser copa que desborde o íntimo do meu ser. Quero ser acio de uvas espremido no lagar. Que o teu Espírito, Señor, sexa derramado sobre min. Que o teu Espírito, Señor, sexa a forza da miña debilidade. Que o teu Espírito, Señor, me conduza ao home oprimido. Amén.




NOSOPAI

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Archivo del blog