sábado, 11 de marzo de 2017

II SEMANA CORESMA: CONÉCTATE A EL, ESCOITA A SÚA MÚSICA

II SEMANA CORESMA
LUNS 13 MARZO
+No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo.
CONÉCTATE A EL, ESCOITA A SÚA MÚSICA

A semana pasada tivemos a oportunidade de acompañar a Xesús na experiencia do deserto e coñecer as tentacións polas que pasou que se parecen moito ás nosas. Esta segunda semana de coresma, suxírenos vivir con El a experiencia do monte Tabor, unha experiencia de oración, deixándonos transfigurar con El, que nos axudará a sentirnos firmes e seguros na nosa fe, a pesar das dificultades polas que teñamos que pasar na vida. Que esta semana, vivamos como verdadeiros irmáns, cheos de forza, conectando o noso corazón ao de Cristo, para escoitar a súa música divina e saír a anunciar a todos a vida nova de Xesús.

EVANXEO: MATEO 17,1-9

Narrador: Naquel tempo, Xesús tomou consigo a Pedro, a Santiago e ao seu irmán Xoán e levounos a unha montaña alta. Transfigurouse diante deles, e o seu rostro resplandecía como o sol, e os seus vestidos volvéronse brancos como a luz. E aparecéronselles Moisés e Elías conversando con el.
Pedro, entón, tomou a palabra e dixo a Xesús:

Pedro: -«Señor, que ben se está aquí! Se queres, farei tres tendas: unha para ti, outra para Moisés e outra para Elías.»

Narrador: Aínda estaba a falar cando unha nube luminosa cubriunos coa súa sombra, e unha voz desde a nube dicía:

Voz: -«Este é o meu Fillo, o amado, o meu predilecto. Escoitádeo.»

Narrador: Ao oílo, os discípulos caeron de bruces, cheos de espanto. Xesús achegouse e, tocándoos, díxolles:

Xesús: -«Levantádevos, non temades.»

Narrador: Ao levantar os ollos, non viron a ninguén máis que a Xesús, só. Cando baixaban da montaña, Xesús mandoulles:

Xesús: -«Non contedes a ninguén a visión ata que o Fillo do home resucite de entre os mortos.»
Palabra do Señor.



Martes 14 de marzo
+ No nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo.

Unha “quedada” cos amigos!

Ás veces a través do móbil ou de email citámonos para xuntarnos, realizar algunha actividade ou pasalo ben…

Xesús tamén “queda” cos seus amigos  e é preciso que resoe a voz de Deus para que non se lle confunda con ninguén (nin sequera con Moisés ou Elías, representantes e testemuñas do Antigo Testamento): «Este é o meu Fillo, en quen me comprazo. Escoitádeo».. Só Xesús é o Fillo querido de Deus, o que ten o seu rostro «resplandeciente como o sol».

Sempre que escoitamos a Xesús no silencio do noso ser, as súas primeiras palabras dinnos: «Levántate, non teñas medo».

Moitas persoas só coñecen a Xesús de oídas. O seu nome resúltalles talvez familiar, pero o que saben del non vai máis aló dalgúns recordos e impresións da infancia. Mesmo, aínda que se chamen cristiáns, viven sen escoitar no seu interior a Xesús. E sen esa experiencia non é posible coñecer a súa paz inconfundible nin a súa forza para alentar e soster a nosa vida.

Cando un crente se detén a escoitar en silencio a Xesús, no interior da súa conciencia escoita sempre algo como isto:

«Non teñas medo. Abandónache con toda sinxeleza no misterio de Deus. A túa pouca fe basta. Non te inquietes. Se me escoitas, descubrirás que o amor de Deus consiste en estar sempre perdoándote. E, se cres isto, a túa vida cambiará. Coñecerás a paz do corazón».

ORACIÓN:

Señor, ensínanos a orar!
Xesús: transfigurácheste ante tres dos teus apóstolos.
Ensináchesnos que a oración é falar co noso Pai Deus, gozar da amizade contigo e co Pai que tanto nos quere.

Disnos que a El acudamos moitas veces para pedirlle perdón, agradecerlle o que fai por nós ou pedirlle axuda.
Que importante é orar para cargar as pilas da fe, para ter luz e forza na vida.

Axúdanos a rezar sós e en silencio, en familia ou en comunidade; co Nosopai ou a Eucaristía ou contándoche o que nos pasa.
E que a nosa oración nos comprometa a ser mellores amigos, mellores compañeiros, mellores cristiáns; máis alegres, máis amigos e máis solidarios.
Señor, ensínanos a orar... porque que ben se está contigo!



Mércores 15 de marzo
+ No nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo.

Xesús organiza unha quedada cos seus, algo así: “imos ao monte Tabor. Haberá unha sorpresa. Avisa a Pedro, Santiago e Juan”.

Xesús quería fortalecelos na fe antes de ir Xerusalén onde o ían crucificar. Nun contexto de oración maniféstaselle “transfigurado”, cheo de luz, cheo de Deus… Moisés e Elías apoian o seu labor como Mesías Salvador. O Pai recoñéceo como o seu Fillo e pídelles: “Escoitádeo!”. Esta é a GRAN SORPRESA. Pedro di “que ben se está aquí”, pero Xesús mándalles volver á vida para vivir o que experimentaron.
Que lle sucedeu a Xesús e aos que estaban con el?
Que nos quere dicir Xesús?

- Xesús quere que subamos ao Tabor da oración e da Eucaristía para conectarnos ao seu corazón.
- Quere que nos poñamos os cascos de Deus, que cambiemos de onda deixando as nosas historias e músicas.
- Pídenos que subamos a miúdo (que coidemos a oración, o encontro con el) pero que logo baixemos á vida (a servir e estar preto dos que están abaixo, os que menos contan).

Como conectar con Xesús e mellorar no trato con el?

NOSOPAI



16 de marzo
+ No nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo.

Conéctate a Xesús, oe a súa música!

Pensa que necesitas da oración para transfigurarte, encherte de Deus, superar medos e desánimos.

Lembra que para orar hai que saír dos ruídos, facer silencio, escoitar a Palabra de Deus (a música divina), deixar que ilumine os nosos ollos, sentirse felices ao seu lado (que ben se está aquí!) e mirar a nosa vida cos ollos de Deus (criticamente). Así a súa palabra axudaranos a enfrontarnos ás cruces e dificultades. E volver á vida facendo o que na oración descubrimos.

Nesta coresma participa na oración comunitaria, viacrucis, a eucaristía (o tabor dominical), escoita a Palabra en familia….
Que vas facer para mellorar a oración?

En coresma renovamos o noso bautismo

No bautismo rezamos o Nosopai:
O Nosopai é a oración dos que somos fillos de Deus. No bautismo o Pai deunos este gran agasallo: ser os seus fillos e poder chamarlle Pai. A el acudimos con confianza nos nosos problemas e sabendo que el nos quere e non escoita sempre.
O Nosopai é a oración dos que formamos a outra familia, a familia dos crentes, a Igrexa.
No bautismo recibimos esoutro agasallo de ser membros da Igrexa. A ela pertencemos, nela formámonos, celebramos a fe e construímos o reino.
Que nesta coresma ao rezar o Nosopai renovemos ese compromiso de vivir como fillos de Deus e como membros activos da Igrexa.



Venres 17 de marzo
+ No nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo.

DESDE O INTERIOR: “Os oídos do corazón”

PROFESOR: A interioridade preséntase como unha resposta feita a unha chamada. En todas as tradicións a chamada é constante. A chamada non resoa no exterior. Para percibila hai que prestar oídos, non o oído que adorna o rostro, senón o oído do corazón, que ha de ser descuberto e educado logo incesantemente a fin de reforzar a finura da súa calidade auditiva.

Imos facer unha técnica para  tomar conciencia da nosa interioridade. Sentados, a costa recta nunha posición cómoda e ollos pechados, sendo conscientes do noso corpo… Tranquilos… Respirando….
Facemos 3 respiracións profundas. Respiramos profundamente, imos tomando conciencia das partes do corpo e prestando atención aos sons de fóra e dentro da aula. Oe a propia respiración, tenta oír o latexo do corazón. Respira….

En silencio repetimos esta oración:
Quero verte
cando non sae o sol,
en todos os meus camiños,
nas miñas soidades.
Quero verte
en cada ser humano,
en todos os recunchos,
en todas partes.
Quero verte,
quero verte,
en todos os meus camiños.
Grazas, Pai

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Archivo del blog