LUNS 27 MARZO
+No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo.
ES LUZ, ILUMÍNAME
Estamos xa no cuarto
domingo de Coresma. Nestas últimas semanas en que nos preparamos para a
celebración da Semana Santa, atopámonos con Xesús que é a auga viva, a Luz do
mundo e a Vida verdadeira.
Nesta semana
lembraremos o encontro de Xesús co cego de nacemento ao que lle devolve a vista
e a luz da fe. Pidamos a Xesús que nos abra os ollos á fe, á súa presenza e,
sobre todo, que nos cure das cataratas que nos impiden camiñar con EL e velo no
medio de nós.
EVANXEO: XOÁN 9,1-41
Narrador: Naquel tempo, ao pasar Xesús viu a un home cego de
nacemento. E cuspiu en terra, fixo barro coa saliva, untoullo nos ollos ao cego
e díxolle:
Xesús: -Vai lavarte á piscina de Siloé (que significa Enviado).
Narrador: El foi, lavouse, e volveu con vista. E os veciños e
os que antes adoitaban velo pedir esmola preguntaban:
Veciños: -Non é ese o que sentaba a pedir?
Narrador: Uns dicían:
Veciños: -O mesmo.
Narrador: Outros dicían:
Veciños: -Non é el, pero paréceselle.
Narrador: El respondía:
Cego: -Son eu.
Narrador: Levaron ante os fariseos ao que fora cego. Era
sábado o día en que Xesús fixo barro e lle abriu os ollos. Tamén os fariseos
preguntábanlle como adquirira a vista. El contestoulles:
Cego: -Púxome barro nos ollos, laveime, e vexo.
Narrador: Algúns dos fariseos comentaban:
Fariseos: -Este home non vén de Deus, porque non garda o
sábado.
Narrador: Outros replicaban:
Fariseos: -Como pode un pecador facer semellantes signos?
Narrador: E estaban divididos. E volveron preguntarlle ao
cego:
Veciños: -E ti, que dis do que che abriu os ollos?
Narrador: El contestou:
Cego: -Que é un profeta.
Narrador: Replicáronlle:
Veciños: -Con pecado naciches ti de xeito total, e vasnos
dar leccións a nós?
Narrador: E expulsárono. Oíu Xesús que o expulsaban, atopouno e díxolle:
Xesús: -Cres ti no Fillo do home?
Narrador: El contestou:
Cego: -E quen é, Señor, para que crea nel?
Narrador: Xesús díxolle:
Xesús: -Estás a velo: o que che está a falar, ese é.
Narrador: El dixo:
Cego: -Creo, Señor.
Narrador: E prostrouse ante el.
Palabra do Señor.
Martes 28 de marzo
+ No nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo.
Uns pouco cegos?
Hai persoas que ven
mal, padecen miopía, etc… A parte da cegueira física hai outros tipos de
cegueiras: “cego de amor e de celos”, “ir cego”, “unha cita a cegas”, “dar paus
de cego”…
Que queremos dicir?
Cales son as causas destas cegueiras? Como poden curarse?.
Todos estamos uns
pouco cegos: só vemos a fachada sen descubrir o que hai no interior do corazón,
vemos só o que nos interesa, o negativo ou as grandes estrelas. Non percibimos
o bonito da vida, nin o Misterio, a Deus…
Oración:
Xesús pon luz nos meus ollos!
Grazas, Xesús, polos
meus ollos.
Quixese que sempre
estivesen dispostos para abrir o meu corazón, para mirarte a ti.
Dálles a túa luz,
para que sexan uns ollos limpos que miren sen mentira nin rancor.
Que desapareza deles
a tristeza e que saiban abrirse sempre para ver admirados todo o que nos rodea.
Que saiba pechalos
para atoparte moi dentro enchéndoos de fe, de confianza en ti.
Que saiba abrilos e
ver en profundidade para recoñecer a túa presenza en todas as cousas.
Que nunca se pechen
ante as necesidades dos demais.
Toca os meus ollos
coas túas mans, énchenos da túa luz para ver a vida coa mirada da fe.
Que deamos testemuño
de ti con valentía para que outros crean e te sigan.
Xesús, dáme a túa
luz.
Mércores 29 de marzo
+ No nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo.
Xesús, es a LUZ!
No evanxeo Xesús cura
a un cego: Devólvelle a luz aos seus ollos: “Púxome barro nos ollos, laveime, e
vexo”. Devólvelle a luz da fe: “Creo, Señor” E prostrouse ante el.
Que pasou mentres
tanto? Que proceso houbo?
Que nos quere dicir Xesús?:
Que necesitamos acudir a El, o gran oculista, para que…
1. Cure as nosas cegueiras:
- Enfados, preguiza,
dúbidas, desánimos, mentiras, inxustizas.
2. Nos gradúe a vista
para:
- Ver o interior, o
corazón das persoas.
- Ver aos outros con
mirada sensible, compasiva.
- Ver a vida coa LUZ
DA FE, con mirada de Deus, descubrindo os nosos pecados e pedindo perdón.
- Ver que el é o
Salvador, o que merece a fe.
Que queres que faga por ti Xesús?
Xoves 30 de marzo
+ No nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo.
Lembra que o encontro
con Xesús supuxo unha transformación grande no cego.
Pon as cegueiras da
túa vida ante Xesús e pídelle que che abra os ollos para ver.
Prepara ben a
celebración do Sacramento do Perdón.
Que vas facer para
atoparte con Xesús e recibir a súa LUZ?
Na Coresma renovamos o noso bautismo
No bautismo os padriños acenden a vela.
No bautismo acendemos a vela (a fe incipiente dos nenos) no Cirio Pascual (a luz de Cristo resucitado onde nace a nosa fe).
O sacerdote di aos pais e padriños: “A vós, pais e padriños, confíasevos acrecentar esta luz, para que iluminados por Cristo camiñen sempre como fillos da luz”
Desde entón vemos a vida cos ollos novos da fe, é dicir, coa mirada de Deus. Os pais, os padriños e os profesores axúdannos a crecer na fe.
Hoxe rezamos:
Xesús, hoxe dicímosche que cremos en Ti, que iluminados pola túa luz vivamos sempre unha fe forte sendo valentes testemuñas túas como fillos da luz. Amén
Venres 31 de marzo
+ No nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo.
Durante esta Coresma vímonos preparando para celebrar a Pascua do Señor que significa morrer para poder resucitar con El.
Hoxe queremos mirarnos no espello de Cristo, para medir a distancia entre a súa vida e a nosa, para sopesar o que nos sobra e o que nos falta, para sentir a necesidade da conversión e abrirnos á graza do Espírito. Será un pouco longo, pero pagará a pena.
Deus, porque nos quere ben, invítanos a que revisemos as nosas vidas, para que as poidamos mellorar e facer máis felices. Deus, porque coñece a bondade e a forza do amor, ofrécenos o amor para que con el nas mans revisemos as nosas vidas todas.
Imos ter uns intres de reflexión persoal, para despois, sentíndonos libres, participar do Sacramento da Penitencia e recibir o perdón.
Os nosos pensamentos:
- Adoito xulgar e criticar os demais?
- Son envexoso ou avaricioso?
- Miro os demais con actitudes egoístas?
- Gústame ser o centro de todos aqueles que me rodean?
- Penso que os demais son os egoístas, os envexosos, os que están cheos de defectos?
- Considérome mellor que os demais?
As nosas palabras:
- Adoito insultar cando me enfado?
- É a miña linguaxe dun ton colérico e groseiro?
- Son dos que non din nada, pero 'as gardan para vingarse no momento máis duro?
- Minto? Levanto falsos testemuños, rumores,…?
As nosas obras:
- Fago as miñas obras con xenerosidade ou busco sempre a miña interese, quedar ben,…?
- A miña relación con familiares, amigos e coñecidos, está guiada por unha actitude de servizo ou por unha actitude de egoísmo?
- Busco o dominio, o pracer... ou pola contra teño unha actitude de servizo?
O pecado de omisión pode ser considerado como o pecado do mundo. Continuamente oímos falar de fame, de desemprego, de pobreza, de guerras, de inmigrantes, de excluídos... Agora ben, non formamos nós parte desta sociedade consumista que ao mesmo tempo se lamenta da pobreza e miseria de tantos seres humanos?
- Non hai na miña vida amigos e coñecidos aos que podería botar unha man, cos que podería ser máis amable e servizal?
- Busco o ben dos demais, ou soamente estou preocupado polas miñas propias cousas?
- Na nosa sociedade hai anciáns abandonados, drogadictos, deficientes, excluídos.... que fago eu por eles?
- Teño tempo para escoitar, para sorrir, para dar unha palabra de ánimo...?
- Transmito optimismo aos que se encontran deprimidos e sen ilusión?
- Son construtor de esperanza?
Talvez a miña resposta é dicirme que non podo facer nada, que estas cousas me superan e desbordan. De verdade creo que non podería achegar o meu gran de area dalgunha forma?
Despois deste exame non teñas medo a acudir con humildade ao sacerdote para que che dea a súa beizón, o perdón de Deus.
Cando o profesor avise, cada un pasará a confesar de forma individual . Sede valentes e animádevos a recibir o Sacramento do Perdón. Mentres tanto, escoitamos esta canción e pensamos…
No hay comentarios:
Publicar un comentario