lunes, 21 de abril de 2014

ALELUIA! XESÚS RESUCITOU!!!

MARTES 22 DE ABRIL. CRISTO RESUCITOU! ALELUIA!!!  No nome do Pai, do Fillo...

Ambientación
O Señor resucitou, Aleluia! Esta é a gran noticia da Pascua. A morte foi vencida e con ela todo o que ao home lle causa tristura e angustía. Cristo Resucitado dános novas forzas para vivir con ánimo renovado e alegre este novo día. Temos un gran motivo para vivir esperanzados. Nós tamén estamos chamados á Resurrección.

Lectura (Lc 24, 1-12)
O primeiro día da semana, ao amencer, as mulleres foron ao sepulcro cos perfumes que prepararan. Elas encontraron removida a pedra do sepulcro e entraron, pero non acharon o corpo do Señor Xesús. Mentres estaban desconcertadas a causa disto, aparecéronselles dous homes con vestiduras cegadoras. Como as mulleres, cheas de temor, non se atrevían a levantar a vista do chan, eles preguntáronlles: " Por que buscades entre os mortos ao que está vivo? Non está aquí, resucitou. Recordade o que el vos dicía cando aínda estaba en Galilea: 'É necesario que o Fillo do home sexa entregado en mans dos pecadores, que sexa crucificado e que resucite ao terceiro día' ". E as mulleres recordaron as súas palabras. Cando regresaron do sepulcro, referiron isto aos Once e a todos os demais. Eran María Magdalena, Xoana e María, a nai de Santiago, e as demais mulleres que as acompañaban. Elas contaron todo aos Apóstolos, pero a eles pareceulles que deliraban e non as creron. Pedro, non obstante, ergueuse e correu cara ao sepulcro, e ao asomarse, non viu máis que as sabas. Entón regresou cheo de admiración polo que sucedera. Palabra de Deus


Oración
O Señor resucitou.
O Señor deu un paso.
O Señor guía os nosos pasos...
É Pascua cando dás un paso cara á bondade.
É Pascua cando dás un paso cara á verdade.
É Pascua cando dás un paso cara á vida e pola vida.
É Pascua cando dás un paso que non te atrevías a dar.
É Pascua cando dás un paso atrás porque ías por camiños prohibidos...
É Pascua cando dás un paso cara aos teus.
É Pascua cando dás un paso de xigante... ou un paso pequeniño,
Porque hai cousas que só se fan "pasiño a pasiño".
É Pascua cando dás un paso e rompes o muro
e a distancia entre amigos.
É Pascua cando algo novo xorde e déixalo xurdir,
algo novo xermola e acóllelo e coidas con mimo.
Señor, Deus da Vida
remove a pedra do noso egoísmo,
a pedra que afoga a nosa esperanza,
a pedra que destrúe o entusiasmo,
a pedra que pecha o corazón ao perdón.
Resucita en nós a alegría,
as ganas de vivir, o desexo de soñar.
Fainos persoas resucitadas
que non se deixan envolver pola morte,
senón que coidade e alentan sempre
o xerme de vida en que cren.


MÉRCORES 23 DE ABRIL. CRISTO VIVE! No nome do Pai, do Fillo...

Ambientación
Que nos causa tristura de verdade na vida? Que buscamos de verdade no máis fondo do noso corazón? A Resurrección de Cristo ábrenos un camiño novo e invítanos a desfacernos de todo aquilo que nos entristece, sufócanos, aprisiónanos, átanos e non nos deixa libre.
Si, esta é a tarefa fundamental da nosa vida: anunciar que Cristo vive, que encontramos ao Señor e o camiño da salvación. Que todo o que fagamos e digamos sexa un Aleluia.

Lectura Xn 20, 11-18
María quedou fóra, xunto ao sepulcro, chorando. E chorando como estaba, agachouse a mirar dentro e viu dous anxos vestidos de branco, sentados onde estivera o corpo de Xesús, un á cabeceira e o outro aos pés. Os anxos preguntáronlle: "Muller, por que choras? " Ela díxolles: "Porque se levaron ao meu Señor e non sei onde o puxeron. "
Apenas dito isto, volveu a cara e viu alí a Xesús, aínda que non sabía que fose el. Xesús preguntoulle: "Muller, por que choras? A quen buscas? " Ela, pensando que era o que coidab o horto, díxolle: "Señor, se ti o levaches, dime onde o puxeches, para que eu vaia buscalo. " Xesús entón díxolle: " María! " Ela volveuse e respondeulle en hebreo: " Rabuni! (que quere dicir "Mestre"). " Xesús díxolle: "Sóltame, porque aínda non fun a reunirme co meu Pai. Pero vai e di aos meus irmáns que vou reunirme co que é o meu Pai e o voso Pai, o meu Deus e o voso Deus. " Entón foi María Magdalena e contou aos discípulos que vira ao Señor, e tamén o que el lle dixera. Palabra de Deus

Oración
Que viches de camiño, María, na mañá? 
Ao meu Señor glorioso, a tumba abandonada,
Os anxos testemuñas, sudarios e mortalla. 
Resucitou de veras, o meu amor e a miña esperanza! 
Vide a Galilea, alí veredes os seus
A gloria da Pascua. Primicia dos mortos, 
Sabemos, pola túa graza, que estás resucitado. 
A morte en ti non manda. Aleluia, aleluia.



XOVES 24 DE ABRIL. COÑECÉRONO AO PARTIR O PAN. No nome do Pai, do Fillo...

Ambientación
Xesús resucitado sae ao noso encontro para iluminar as nosas dúbidas, fortalecer os nosos fracasos e levantarnos dos nosos pesimismos. Tamén hoxe, nós, como os discípulos de Emaús, queremos gozar da súa presenza.

Lectura (Lc 24, 13-35)
Dous dos discípulos dirixíanse a Emaús. Mentres conversaban, Xesús achegóuselles e se puxo a camiñar o seu lado. Xesús preguntou: " De que vides falando polo camiño? "
Dixéronlle: "O de Xesús de Nazaret, un profeta poderoso en feitos e palabras diante de Deus e de todo o pobo. (...) Nós tiñamos a esperanza de que el fose o liberador de Israel, pero xa pasaron tres días. Non obstante, algunhas das mulleres que están con nós asustáronnos, pois foron de madrugada ao sepulcro e non encontraron o corpo; (...) Xesús díxolles entón: " Que faltos de comprensión sodes e canto vos custa crer todo o que dixeron os profetas! Acaso non tiña que sufrir o Mesías estas cousas antes de ser glorificado? " Logo, púxose a explicarlles todas as pasaxes das Escrituras que falaban del. Ao chegar onde se dirixían, Xesús fixo coma se fose a seguir adiante; pero eles obrigárono a quedar, dicindo: "Queda connosco, porque xa é tarde e está a facerse de noite. " Cando estaban sentados á mesa, tomou o pan, e despois de dar grazas a Deus, partiuno e deullo. Nese momento abríronselles os ollos e recoñeceron a Xesús; pero el desapareceu. Dixéronse o un ao outro: " Non é certo que o corazón nos ardía no peito mentres nos viña falando polo camiño e nos explicaba as Escrituras? ". Palabra de Deus

Oración
Como os discípulos de Emaús, nós tamén che pedimos que quedes connosco.
Queda connosco para disipar as nosas dúbidas, para afastar os nosos temores, para mostrarnos o camiño.
Queda connosco para consolarnos nas nosas tristuras, para apoiarnos nas nosas debilidades, para santificarnos polo teu Espírito.
Queda connosco, Señor, segundo a túa promesa, todos os días ata o fin do mundo. Aleluia.



VENRES 25 ABRIL. É O SEÑOR. No nome do Pai, do Fillo...

Ambientación
Cando inesperadamente nos encontramos con alguén querido a quen non esperamos, o noso corazón dá un xiro de alegría. Tamén hoxe podemos vivir a mesma experiencia. Abonda con que esteamos atentos para descubrir a Xesús no medio de todo o que nos pase, no encontro coas persoas que hoxe se crucen no noso camiño

Lectura (Xn 21, 1-19)
Despois disto, Xesús apareceuse outra vez, a beiras do lago de Tiberíades. Sucedeu dste xeito: Estaban xuntos Simón Pedro, Tomás, ao que chamaban o Xemelgo, Natanael, que era de Cana de Galilea, os fillos de Zebedeo e outros dous discípulos. Simón Pedro díxolles: Voume pescar. " Eles contestaron: "Nós tamén imos. " Foron, e subiron a unha barca; pero aquela noite non pescaron nada. Cando comezaba a amencer, Xesús apareceuse na beira, pero os discípulos non sabían que fose el. Xesús preguntoulles: "Muchachos, non pescastes nada? " "Nada" Xesús díxolles: "Botade a rede á dereita da barca e pescaredes. " Así o fixeron, e non podían sacar a rede polos moitos peixes que colleran. Entón aquel discípulo a quen Xesús quería moito díxolle a Pedro: " É o Señor! " Apenas oíu Pedro que era o Señor, vestiuse, e lanzouse á auga. Os outros discípulos chegaron á praia coa barca, arrastrando a rede chea de peixes. Ao baixar a terra encontraron un lume, cun peixe enriba, e pan. Xesús díxolles: "Traede algúns peixes. " Simón Pedro subiu á barca e arrastrou ata a praia a rede chea de grandes peixes, cento cincuenta e tres (...) Cando xa comeran, Xesús preguntou a Simón Pedro: "Simón, fillo de Xoán, ámasme máis que estes? " Pedro contestoulle: "Si, Señor, ti sabes que te quero. " Xesús díxolle: "Apacienta os meus cordeiros. " Volveu preguntarlle: "Simón, fillo de Xoán, ámasme? " Pedro contestoulle: "Si, Señor, ti sabes que te quero. " Xesús díxolle: "Apacienta as miñas ovellas. " Por terceira vez preguntoulle: "Simón, fillo de Xoán, quéresme? " Pedro, entristecido porque Xesús lle preguntaba por terceira vez se lle quería, contestoulle: Señor, ti sábelo todo: ti sabes que te quero. " Xesús díxolle: "Apacienta as miñas ovellas. Asegúroche que cando eras máis novo te vestías para ir onde querías; pero cando sexas vello, estenderás os brazos e outro vestirate e levarate a onde non queiras ir. Ao dicir isto, Xesús estaba a dar a entender de que xeito Pedro había de morrer, e como ía glorificar a Deus coa súa morte. Despois díxolle: "Sígueme! ". Palabra de Deus

 Oración
Señor Xesús, que chamas a quen queres, chama a moitos de nós a traballar contigo.
Ti que iluminaches coa túa Palabra aos que chamaches, ilumínanos co don da fe en ti.
Ti que os sostiveches nas dificultades, axúdanos a vencer as nosas dificultades de mozos de hoxe. 
E se chamas a algún de nós para consagrarnos a ti, 
que o teu amor caldee esta vocación dende o seu nacemento e a fagaa crecer e perseverar ata a fin. Amén

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Archivo del blog