LUNS 7 DE ABRIL
No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo. Amén
Lectura do Santo Evanxeo segundo San Xoán 11,1-45
Narrador: Naquel tempo, certo Lázaro, de Betania, a aldea de María e de Marta, a súa irmá, caera enfermo. (María era a que unxiu ao Señor con perfume e lle enxugou os pés coa súa cabeleira: o enfermo era o seu irmán Lázaro). As irmás mandáronlle recado a Xesús, dicindo:
Lector 1: Señor, o teu amigo está enfermo.
Narrador: Xesús, ao oílo, dixo:
Xesús: Esta enfermidade non rematará na morte, senón que servirá para a gloria de Deus, para que o Fillo de Deus sexa
glorificado por ela.
Narrador: Xesús amaba a Marta, á súa irmá e a Lázaro. Cando se decatou de que estaba enfermo, quedou aínda dous días onde estaba. Só entón di aos seus discípulos:
Xesús: Imos outra vez a Xudea.
Discípulo: Mestre, hai pouco intentaban apedrarte os xudeus, e vas volver alí?
Xesús: Non ten o día doce horas? Se un camiña de día, non tropeza, porque ve a luz deste mundo; pero se camiña de noite, tropeza, porque lle falta a luz. Lázaro, o noso amigo, está durmido: vou espertalo.
Discípulo: Señor, se dorme, salvarase.
Narrador: Xesús referíase á súa morte; en cambio, eles creron que falaba do sono natural. Entón Xesús replicoulles claramente:
Xesús: Lázaro morreu, e alégrome por vós de que non estivésemos alí, para que creades. E agora imos á súa casa.
Narrador: Cando Xesús chegou, Lázaro levaba xa catro días enterrado. Betania distaba pouco de Xerusalén: uns tres quilómetros; e moitos xudeus foran a ver a Marta e a María, para darlles o pésame polo seu irmán. Cando Marta se enterou de que chegaba Xesús, saíu ao seu encontro, mentres María quedaba na casa. E dixo Marta a Xesús:
Marta: Señor, se tiveses estado aquí, non tería morto o meu irmán. Pero aínda agora sei que todo o que pidas a Deus, Deus cho concederá.
Xesús: O teu irmán resucitará.
Marta: Sei que resucitará na resurrección do último día.
Xesús: Eu son a resurrección e a vida; o que cre en min, aínda que morrese, vivirá; e o que está vivo e cre en min, non morrerá para sempre. Cres isto?
Marta: Si, Señor: eu creo que ti es o Mesías, o Fillo de Deus, o que tiña que vir ao mundo.
Narrador: E dito isto, foi chamar á súa irmá María, dicíndolle en voz baixa:
Marta:O Mestre está aí, chámate.
Narrador: Apenas o oíu, ergueuse e saíu a onde estaba el: porque Xesús non entrara aínda na aldea, senón que estaba aínda onde Marta o encontrara. Os xudeus que estaban con ela na casa consolándoa, ao ver que María se levantaba e saía á présa, seguírona, pensando que ía ao sepulcro a chorar alí. Cando chegou María a onde estaba Xesús, ao velo botouse aos seus pés dicíndolle:
María: Señor, se tiveses estado aquí, non tería morto o meu irmán.
Narrador: Xesús, véndoa chorar a ela e vendo chorar os xudeus que a acompañaban, saloucou e moi conmovido, preguntou:
Xesús: Onde o enterrastes?
Xudeus: Señor, ven a velo.
Narrador: Xesús botouse a chorar. Os xudeus comentaban:
Xudeus: ¡Como o quería!
Narrador: Pero algúns dixeron
Xudeus: E un que lle abriu os ollos a un cego, non podía ter impedido que morrese este?
Narrador: Xesús, saloucando de novo, chegou á tumba. (Era unha cavidade cuberta cunha lousa). Dixo:
Xesús: Quitade a lousa.
Marta: Señor, xa ule mal, porque leva catro días.
Xesús: Non che dixen que, se cres, verás a gloria de Deus?
Narrador: Entón quitaron a lousa. Xesús, levantando os ollos ao alto, dixo:
Xesús: Pai, douche grazas porque me escoitaches; eu sei que ti me escoitas sempre; pero dígoo pola xente que me rodea para que crean que ti me enviaches. Lázaro!, ven fóra!
Narrador: O morto saíu, os pés e as mans atados con vendas, e a cara envolvida nun sudario.
Xesús: Desatádeo e deixádeo andar.
Narrador: E moitos xudeus que viñeran á casa de María, ao ver o que fixera Xesús, creron nel. Palabra de Deus
REFLEXIÓN: Xesús quere os seus amigos, preocúpase por eles e sofre cando lles pasa algo. Xesús reza o Pai por eles, dá grazas por eles e pídelle axuda cando sente que o necesitan. Por iso os seus amigos confían en El, porque saben que está aí sempre que o necesiten.
Xesús é sempre a alternativa, a última esperanza que nos queda despois de todos os fracasos e decepcións... Para Marta e María foi a súa única esperanza. A súa vida cambiou cando Xesús chegou á súa casa, escoitounas e atendeunas, como amigo.
MARTES 8 DE ABRIL. No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo. Amén
Vivir apaixonado é elixir a vida, vivila dando sentido a canto se fai... Que pouco nos custa descubrir, diferenciar esas persoas que viven apaixonadas, que lles gusta a vida e van prendendo vida... Teñen un non sei que, especial, que as fai distintas, no seu ser, no seu estar, no seu relacionarse... Saben elixir. As cousas pódennos suceder, pódennos vir dadas pero hai algo que nós podemos facer, que é elixir a resposta.
A VIDA é un regalo que Deus nos concedeu. Xesús viviu apaixonado pola humanidade, e elixiu dar a súa vida aínda a custa da súa propia vida. El dilles aos seus discípulos “Vin para que teñades vida, e vida en abundancia" (cf. Xn 10,10).
Como estou a dar a miña vida?
Como a estou "a gastar"? Paga a pena?
Dou vida aos demais animándoos, axudándoos, sendo amable, agradecido, respectuoso?
¡ ¡ ATRÉVETE A VIVIR CON PAIXÓN!!!
Aproveita ao máximo cada hora, cada día e cada época da vida.
Así poderás mirar ao futuro con confianza e ao pasado sen tristura.
Sé ti mesmo, pero sé o mellor de ti mesmo.
Ten valor para ser diferente e seguir a túa propia estrela e non teñas medo de ser feliz, goza do belo, ama con toda a alma e o corazón.
Non reproches o que o mundo che debe e fíxate no que lle debes a el.
Cando te enfrontes a unha decisión, tómaa tan sabiamente como che sexa posible. Logo esquécea.
O momento da certeza absoluta nunca chega.
Sobre todo recorda....
Que Deus axuda os que se axudan a si mesmos.
Actúa coma se todo dependese de ti.
Reza coma se todo dependese de Deus, vive en plenitude.
Aproveita o día coma se fose o último.
Dilles aos teus seres queridos ou amigos o que sentes por eles porque despois será demasiado tarde.......
MÉRCORES 9 DE ABRIL. No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo. Amén
Pasamos a ITV aos nosos vehículos para reducir a incidencia de accidentes por fallos mecánicos e para controlar o nivel de emisións contaminantes, co obxectivo de preservar o Medio.., Hoxe invítote a pasar «outra ITV», esta vez do corazón.
Non te preocupe se non o fas: ninguén te vai penalizar. Non obstante, se da ITV depende o perfecto estado do teu vehículo, da Inspección Técnica do Corazón (IEC) depende, e moito, o grao de felicidade que alcances na túa vida...
PUNTOS QUE REVISAR PARA PASAR A «IEC» (Inspección Técnica do Corazón)
- Luces
. De posición: Aínda que penses que non iluminan o suficiente, son fundamentais, non tanto para ti, senón para os teus compañeiros de ruta.... Saberán que ti estás aí, que poden contar contigo.
. Curtas: En ocasións pensamos que os males do mundo residen a miles de quilómetros de nós. Fíxate ben: a dous, tres ou a catro metros encontrarás persoas ás que poderás dar un pouco de luz nas súas noites escuras. .
. Longas: Para poder dar claridade a tantos irmáns que veñen de lonxe, cegados polos fulgores dunha sociedade que non conta con eles.
- Pneumáticos: Non sempre o teu corazón circulará por autoestradas ou grandes e seguras avenidas. Ás veces serán camiños pedregosos; en ocasións, sendeiros sen sinalizar...
Non obstante, non te preocupes; cóntoche un segredo: «O peor paso é sempre o mesmo: o primeiro.»
E é que as picadas adoitan vir polo exceso de comodidade, de non se complicar a vida. Ti gasta e desgástate polos outros.
- Freos: O de man deberá bloquear o teu corazón non deixando ningunha abertura para o odio, a violencia ou a vinganza.
O de pé deberá deter o teu corazón cando alguén necesite dos teus servizos. Deste xeito non pasarás de longo e converteraste en compañeiro de camiño de tantas persoas que fan, diariamente, autostop nas cunetas do noso mundo.
- Dirección: O volante do teu corazón é unha parte fundamental.
Cantas veces rodeamos o irmán para non nos complicar a viaxe. O teu corazón deberá seguir as pegadas do Mestre, pois é a única dirección que non ten perda.
Fai uso do único GPS fiable ao cen por cen: o GPS da Palabra de Deus.
Outras comprobacións importantes
Polo tubo de escape deberás botar os malos fumes que contaminan a túa vida: insultos, desprezos, caras longas... En canto aos cintos de seguridade, se ben é certo que son obrigatorios no teu vehículo, no teu corazón deberás prescindir deles para saír inmediatamente en axuda dos teus irmáns.
A bucina: con son alto, claro e melodioso. Deixa que o Señor poña as súas palabras nos teus labios, pois o teu corazón é
unha partitura de Deus en clave de amor... E iso soa divino!
Ben, amigo, agora depende de ti poñer en bo estado o teu corazón. Se cada día dedicas uns minutos a revisalo, deixándote asesorar por Deus, verás como as túas viaxes gana en seguridade, fiabilidade e felicidade... Fai a proba!
XOVES 10 DE ABRIL. No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo. Amén
XERMOLAR...
Así di o Señor:
Non recordedes o de antano, non pensedes no antigo; mirade que realizo algo novo; xa está a xermolar, non o notades? Abrirei un camiño polo deserto, ríos no ermo, para apagar a sede do pobo que eu formei, para que proclamase a miña loanza.
Que ben se está aquí!
Seguro que máis dunha vez na nosa vida dixemos esta frase. Quizais considerando unha posta de sol, empapados da serenidade do ambiente e da inmensidade do horizonte. Quizais oíndo unha melodía, ou conversando coas persoas coas que especialmente sintonizamos. E queriamos que ese momento se prolongase indefinidamente porque unha onda de benestar nos invade...
En medio deste mundo competitivo e esixente, nunha sociedade onde prevalece a desconfianza, a cambadela e o "pelotazo", aquí e agora, é bo buscar a sinxeleza e a dozura das cousas belas. O milagre do encontro
Arrimarse a Aquel que nos enche coa súa luz e que nos valora polo que somos, e non estar apegados a persoas que en realidade non nos valoran como realmente somos. Ánimo! Inténtao! Na túa vida algo estará... XERMOLANDO.
A árbore morta
Recordo que un inverno o meu pai necesitaba leña, así que buscou unha árbore morta e cortouna. Pero logo, na primavera, viu desolado que ao madeiro murcho desa árbore lle xermolaron brotes.
O meu pai dixo: "Estaba eu seguro de que esa árbore estaba morta. Perdera todas as follas no inverno. Pero vese que ía tanto frío que as ramas se quebraban e caían coma se non lle quedase ao vello madeiro nin un chisco de vida. Pero agora advirto que aínda alentaba a vida naquel madeiro". E volvéndose cara a min, aconselloume:
"Nunca esquezas esta lección. Xamais cortes unha árbore en inverno. Xamais tomes unha decisión negativa en tempo adverso. Nunca tomes decisións importantes cando esteas no teu peor estado de ánimo. Espera. Se paciente. A tormenta pasará. Recorda que a primavera volverá".
Un momento de silencio para esa situación, persoa... que necesita axuda, luz, forza... Ou ao mellor teño que pedir algo para min: pensar antes de decidir, constancia para sacar adiante -de verdade- os meus estudos...
Nosopai...
VENRES 11 DE ABRIL. No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo. Amén
Din que estou "ameazado de morte"... Talvez. Estou tranquilo. Porque se me matan, non me quitarán a vida, levareina comigo, colgando sobre o ombro, como unha mochila de pastor...
A quen se mata pódeselle quitar todo previamente: os dedos da man, a lingua, a cabeza... Pódeselle queimar o corpo con cigarros, pódeselle cortar, partir, esnaquizar, facer condimento... Todo se lle pode facer, e os que me lean conmoveranse profundamente, e con razón.
Eu non me conmovo gran cousa, porque, dende neno, alguén soprou aos meus oídos unha verdade inconmovible que é, ao mesmo tempo, un convite á eternidade: "Non" temades "os que poden matar o corpo, pero non poden quitar a vida".
A vida -a verdadeira vida- fortaleceuse en min cando, a través de Pierre Teilhard de Chardín, aprendín a ler o Evanxeo: o proceso da Resurrección empeza pola primeira engurra que nos sae na cara; coa primeira mancha de vellez que aparece nas nosas mans; coa primeira cana que sorprendemos na nosa cabeza un día calquera, peiteándonos; co primeiro suspiro de nostalxia por un mundo que se deslíe e se afasta, de pronto, fronte aos nosos ollos...
Así empeza a resurrección. Así empeza iso tan incerto que algúns chaman "a outra vida", pero que en realidade non é a "outra vida", senón a vida "outra"...
Din que estou ameazado a morte... De morte corporal á que amou San Francisco de Asís.
Carta dun xornalista guatemalteco ("ameazado de morte" pola guerrilla).
Quen non está "ameazado de morte? Estámolo todos dende que nacemos. Porque nacer é un pouco sepultarse tamén...
Ameazado de morte. E que? Se así for, perdóoos anticipadamente. Que a miña cruz sexa unha perfecta xeometría de amor, dende a que poidas seguir amando, falando, escribindo e facendo sorrir, de cando en vez, a todos os meus irmáns os homes.
Que estou ameazado de morte... Hai na advertencia un erro conceptual. Nin eu nin ninguén estamos ameazados de morte. Estamos ameazados de vida, ameazados de esperanza, ameazados de amor...
Estamos equivocados. Os cristiáns non estamos ameazados de morte. Estamos "ameazados" de resurrección. Porque ademais do Camiño e da Verdade, El é a Vida, aínda que estea crucificada no cumio do recolledor de lixo do Mundo...
No hay comentarios:
Publicar un comentario