viernes, 12 de febrero de 2016

CORESMA 2016, CAMIÑO RE-CREA-TIVO CARA Á VIDA: 1ª SEMANA- ÉNCHETE DE CONFIANZA

LUNS, 15 DE FEBREIRO

+No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo
Imos escoitar o evanxeo do domingo. Imaxina a Xesús que, conducido polo Espírito, vai ao deserto. O deserto vai ser o lugar das tentacións de Xesús. Escoita o texto das tentacións moi amodo, saboreando as palabras. Non teñas présa. Podes ir imaxinando todo o que vai contando o evanxeo?

O Espírito foi levando polo deserto, mentres era tentado
Lectura do santo evanxeo segundo san Lucas 4, 1-13 

Naquel tempo, Xesús, cheo do Espírito Santo, volveu do Xordán e, durante corenta días, o Espírito foi levando polo deserto, mentres era tentado polo diaño. Todo aquel tempo estivo sen comer, e ao final sentiu fame.
Entón o diaño díxolle: «Se es Fillo de Deus, dille a esta pedra que se converta en pan.»
Xesús contestoulle: «Está escrito: "Non só de pan vive o home".»
Despois, levándoo ao alto, o diaño mostroulle nun instante todos os reinos do mundo e díxolle: «Dareiche o poder e a gloria de todo iso, porque a min déronmo, e eu doullo a quen quero. Se ti te axeonllas diante miña, todo será teu.»
Xesús contestoulle: «Está escrito: "Ao Señor, o teu Deus, adorarás e a el só darás culto"».
Entón levouno a Xerusalén e púxoo no beirado do templo e díxolle: «Se es Fillo de Deus, tírate de aquí abaixo, porque está escrito: "Encargará aos anxos que coiden de ti", e tamén: "Sosteranche nas súas mans, para que o teu pé non tropece coas pedras".»
Xesús contestoulle: «Está mandado: "Non tentarás ao Señor, o teu Deus".»
Completadas as tentacións, o demo marchou ata outra ocasión.
Palabra de Deus    Todos : Gloria a ti, Señor

REFLEXIÓN: 
Cada ano, no primeiro domingo de coresma, lemos un texto sobre as tentacións de Xesús no deserto.
A Coresma é o tempo en que os cristiáns experimentamos ese deserto, o lugar onde confrontamos co mal nas nosas vidas. Con Deus ao noso lado, é un lugar de crecemento espiritual onde podemos enfrontarnos honestamente connosco mesmos e con Deus. É o momento de examinar cales son nosas "tentacións", as áreas nas que estamos a fallar e a actitude para seguir para mellorar.

Terminamos rezando todos xuntos: NOSOPAI



  MARTES, 16 DE FEBREIRO
+No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo

O mundo está aí, cheo de cousas que non nos gustan e polas que cada día nos queixamos. Vivimos moitas tentacións que nos poden apartar da decisión de facer algo para os demais, de vivir a vida que temos, de darnos conta de todo o bo que hai en nós e que podemos dar aos demais. Debemos darnos conta de que non estamos sós, que sempre hai alguén que nos acompaña e que nos espera para guiarnos.

Mentres soa a canción pensa nestas preguntas. Despois faremos unha pequena reflexión.

- Canto máis vas esperar para facer algo?
- Canto tempo ten que pasar para que ti te comprometas?
- Canto vas esperar para fiarte do que sempre é fiel?




REFLEXIÓN: 
Que bonita a vida! Gózaa, aproveita cada día, soña, sorrí, constrúe, valora o que tes, aprende algo novo cada día, téntao sempre, loita, non perdas o teu tempo, comparte, axuda,...
Ás veces cómpre parar e pensar en todas as cousas que nos ofrece a vida e que sen darnos conta non aproveitamos e deixámonos invadir pola rutina.
Estamos en Coresma, é o momento oportuno para eliminar o malo e abrir os brazos ao bo, a todas esas cousas bonitas que nos ofrece a vida.

Rezamos todos xuntos: Ave María

MÉRCORES, 17 DE FEBREIRO
+No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo
                                                 
Salmo: Pequena e insignificante semente (2 LECTORES ou 2 COROS)

L1: Pequena semente de mostaza!
Pequena semente do sorriso,
Pequena e insignificante semente
Que se converte en raio de sol
Para o ancián ou o enfermo abandonado.

L2: Pequena semente do apertón de mans,
Pequena e insignificante semente
Que se converte en salvavidas
Para o solitario a piques de afogar.

L1: Pequena semente do oído atento,
Pequena e insignificante semente
Que se converte en tenrura
Para o adolescente desamparado.

L2: Pequena semente do xesto gratuíto,
Pequena e insignificante semente
Que se converte en palabra de vida
Para o home saturado de discursos.

L1: Pequena semente dos bos cristiáns,
Pequena e insignificante semente
Que se converte en cita de esperanza
Para todos os pobres.

REFLEXIÓN: 
Non nos cansemos de proxectar o ben servindo ao próximo, dando bos consellos, cumprindo coas nosas obrigas, perdoando a quen nos ofende, evitando todo acto de violencia; deste xeito, estamos a colaborar para construír o mundo que Deus quere para todos nós.

Rezamos  xuntos: Gloria ao Pai e ao Fillo e ao Espírito Santo...




XOVES, 18 DE FEBREIRO. DÍA DE GUINEA ECUATORIAL
+No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo. Amén

Hoxe celebramos o DÍA DE GUINEA e queremos recordar ás comunidades de Fillas da Caridade que alí levan a cabo o seu labor misioneiro. As Fillas da Caridad en Guinea Ecuatorial queren ser presenza da misericordia e tenrura de Deus para os máis desfavorecidos. 

Así pois, hoxe, o noso recordo e a nosa oración é para elas, agradecidos pola súa entrega desinteresada para que vivan a súa misión coa mesma entrega e xenerosidade e que sexan ponte entre nós e os que menos teñen.


CONTO: CONSTRUÍR PONTES
Non hai moito tempo, dous irmáns que vivían en granxas contiguas, tiveron un conflito. Este era o primeiro problema que tiveron despois de 40 anos de cultivar as terras ombreiro a ombreiro, compartir o duro traballo e de intercambiar colleitas e bens en forma continua. Esta longa e beneficiosa colaboración terminou repentinamente. Comezou cun pequeno malentendido que foi crecendo ata chegar a abrir unha tremenda brecha entre eles, que explotou nun intercambio de palabras amargas seguido de semanas de silencio.
Unha mañá alguén chamou á porta de Luís. Ao abrir, atopou a un home con ferramentas de carpinteiro. "Estou a buscar traballo", dixo o estraño, "quizais vostede requira algunhas pequenas reparacións aquí na súa granxa e eu poida serlle de axuda". "Si", dixo o maior dos irmáns, teño un traballo para vostede.
Mire, alén do arroio, naquela granxa, aí vive o meu veciño, é o meu irmán menor. A semana pasada había unha fermosa pradería entre nós e el desviou a canle do arroio para que quedase entre nós. Ben, el puido facer isto para enfurecerme, pero vou facer unha mellor. Ve vostede aquela pila de refugallos de madeira xunto ao celeiro? Quero que constrúa unha presa, de dous metros de alto, para non velo nunca máis.
O carpinteiro díxolle: Creo que comprendo a situación. Móstreme onde están a madeira, os cravos e as ferramentas e entregareille un traballo que o deixará satisfeito. O irmán maior axudou ao carpinteiro para reunir todos os materiais e deixou a granxa polo resto do día para ir comprar provisións ao pobo. O carpinteiro traballou duro todo o día medindo, cortando, cravando. Preto do atardecer, cando o granxeiro regresou, o carpinteiro terminara co seu traballo.
O granxeiro quedou perplexo co que viu. Non había ningunha presa de dous metros; no seu lugar había unha ponte. Unha ponte que unía as dúas granxas a través do arroio. Era unha verdadeira obra de arte.
Nese momento, o seu irmán menor, veu desde a súa granxa, cruzando a ponte, abrazou ao seu irmán, cos ollos cheos de bágoas, díxolle: Es un gran home por construír esta fermosa ponte despois do que che fixen, grazas e perdóame.
En silencio o carpinteiro gardou as ferramentas e dispúxose a marchar, cando Luís, o irmán que o contrataba, berrou: Non te vaias espera!, queda, teño moitos proxectos para ti.
 -Gustaríame quedar, dixo o carpinteiro, pero teño moitas pontes por construír.

Terminamos rezando xuntos: Oh María sen pecado concibida, roga por nós que recorremos a ti!


VENRES, 19 DE FEBREIRO
+No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo

Reflexión
Agora que estamos en coresma é o tempo indicado para pensar en todo aquilo que debemos cambiar, naquelas cousas polas que debemos pedir perdón, aínda que nos resulte difícil. Arríscate a mirar dentro de ti de verdade e a ver todo aquilo que debes cambiar, e a pedir perdón a quen debas.

Parábola do Fillo Pródigo:

https://www.youtube.com/watch?v=qY-ygC4p90g


ORAMOS TODOS XUNTOS NO ANO DA MISERICORDIA:
Señor, axúdanos a ser misericordiosos coma Ti.
Dános un corazón grande, capaz de amar e perdoar coma Ti. Amén

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Archivo del blog