domingo, 17 de abril de 2016

ORACIÓNS 18- 22 ABRIL - III DOMINGO DA PASCUA (CICLO C)

LUNS 18 ABRIL 2016. NO NOME DO PAI….

O Pastor bo, Xesús, convócanos para compartir a nosa fe de, ledos e agradecidos. Sabemos que non estamos sós, que ao noso lado sempre hai alguén, que no nome do Señor, nos tende a man, nos dedica un pouco dos seu tempo, alenta e anima cunha palabra de esperanza ou cun sorriso sincero e de cercanía. Agradezamos ao noso Pastor que se teña preocupado por nós, facendo posible que a súa mensaxe nos chegue a través das pequenas cousas de cada día que imos compartindo cos que nos fan a vida máis doada e agradable.
Onte celebramos a Xornada Mundial de Oración polas Vocacións Nativas, unha invitación a recordar e a rezar especialmente polas vocacións nos territorios de misión.
No  domingo "do Bo Pastor" a Igrexa universal intensifica a súa oración polas vocacións. Con alegría contemplamos que nos territorios de misión Deus suscita numerosas vocacións como froito da palabra sementada con esforzo polos misioneiros e misioneiras. Son a mostra de que o Evanxeo arraigou nunha cultura e representa o futuro desa Igrexa local. 
Estas novas vocacións son especialmente necesarias nestes momentos que vivimos. Rezamos por elas e recordamos ademais a tanta xente que sofre no mundo e que necesita esas mans que acollen e axudan.  

MIRADA ESPERANZADA
Pai, hoxe queremos dar grazas desde a alegría e a esperanza por poder contar co bo Pastor, Xesús, o teu Fillo.
Grazas por darnos azos para non abandonar ante as dificultades e problemas que cada día imos atopando.
Grazas pola forza coa que nos alentas para non deixar que agromen en nós actitudes de tristeza, desilusión ou desesperanza.
Grazas porque segues a mostrarte ante nós coma o Pai que pon ao noso lado ao Pastor bo que ofrece vida, amor e solidariedade.
Grazas porque a pesares das moitas voces coas que cada día nos atopamos, non deixas que a túa se apague no noso corazón.
Grazas, Pai, porque nas encrucilladas da vida, cando temos que elixir e decidir, sempre estás preto para, acertemos ou non, non deixarnos sós.
Grazas, porque desde a entrega xenerosa da vida convertida en testemuño, móstrasnos ao papa Francisco como referencia desde a que vivir o evanxeo como a ledicia do amor. Amén.


Seguidme - 4 Pas C
MARTES 19 ABRIL 2016. NO NOME DO PAI….

AMIZADE

“Ninguén ten maior amor que o que dá a vida polos seus amigos”

Un amigo é unha persoa que te acompaña. Xa non estás tan só. Os amigos preocúpanse polo que cada un necesita. O que esixe todo da amizade, cae nos celos e o illamento. Un amigo auténtico axúdache a realizar o que significa a túa propia vida. Os amigos de verdade non se abandonan, nin en días bos, nin en días malos. Seguen de preto o un do outro, en días de alegría e en días de sufrimento, en ocasións de forza e en ocasións de debilidade.
Podes soportar e aguantar todo se tes un amigo ao teu lado. A pesar de que só poida dicirche unha palabra ou coller a túa man. Un amigo na túa vida é o consolo máis forte en calquera apuro. Un amigo é verdadeira bondade humana a través da cal sentes un sinal da divina bondade. Non te deixes desanimar. Chega a ser unha boa persoa, onde esteas. Entón, o anaco de mundo onde vives chegará a ser un anaco mellor.

Reza hoxe polos teus amigos.



MÉRCORES 20 ABRIL 2016. NO NOME DO PAI….

En ocasións podemos medir a amizade segundo nos sentimos beneficiados: Se nos comprace estar con alguén afirmamos que é un bo amigo, e se nos cae antipático non o consideramos un amigo. Con todo, a amizade é moito máis.

A palabra “amizade” vén da voz latina “amicitia”, que á súa vez está relacionada con “amar”, co amor. Hai verdadeira amizade cando hai amor, e non só certo interese. Pero ese amor implica querer e procurar o ben do amigo, aínda que en ocasións comporte sacrificarnos.

NOSOPAI



XOVES 21 ABRIL 2016. NO NOME DO PAI….

RECONCILIACIÓN.
FALANDO ENTÉNDESE A XENTE

Para pedir perdón a Deus é necesario seguir a ensinanza do Nosopai: “arrepentirse con sinceridade dos propios pecados, sabendo que Deus perdoa sempre, e perdoar aos demais coa mesma amplitude do corazón” [Papa Francisco]

Deus ten moitas formas de comunicarse. Non é que Deus xa non queira falar contigo só porque non sentes ese gusto e facilidade para rezar como antes. Agora convídache para que o escoites doutra maneira.

A oración é un don de Deus; non é unha conquista persoal.  El sempre ten a iniciativa; a mellor proba diso é que ante o pecado do home, Deus Pai envía a Xesús como Salvador da humanidade.

Santa Teresa de Xesús dicía que: «A oración non é outra cousa senón tratar de amizade estando moitas veces a soas con quen sei que nos ama». Por tanto, se toda relación de amizade é unha relación entre dúas persoas, a oración é un diálogo, NON un monólogo. Diría a beata Nai Teresa de Calcuta: «Nós falamos e El escóitanos, nós calamos e escoitámolo».

Convídoche a que te abandones con humildade e silencio no silencio de Deus e descubras o que quere dicirche. A amizade como unha expresión do amor require madurar, non podemos quedarnos cos “gustos”, pois amar consiste nunha entrega ao outro, sacrificándonos polo ben do amado.
É un diálogo de fe, feito na presenza de Deus, onde non te debes sentir xulgado nin controlado, senón recibido cordialmente por unha persoa, o sacerdote, que quere expresarte coas súas actitudes e as súas palabras, o amor e a misericordia de Deus.

Santa Teresa dicía tamén que: «Na oración non debemos buscar os consolos de Deus, senón ao Deus dos consolos» porque «amar non está no maior gusto senón na maior determinación». Fala a Deus, atoparás consolo.

Concluímos como os empezamos, dirixíndonos ao señor coa oración que El nos ensinou, e quizá teñan máis sentido esas palabras dirixidas a El agora.

NOSOPAI



VENRES 22 ABRIL 2016. NO NOME DO PAI….

Cada día que amence é unha oportunidade que Deus che dá para empezar de novo. A vida, a túa vida, é como esa semente que vai crecendo sen que apenas o percibas. Aproveita este día como se fose o único que vas vivir: mira a vida con ollos novos, ve o lado bo das cousas, goza da amizade, da compañía daqueles a quen amas e sé feliz. Ao final do día, pon todo en mans de Deus coa confianza que dá o saber que te ama inmensamente, así como es.

Se observas, ás persoas ás que chamamos “boas persoas” son persoas:
-       Que necesitan poucas cousas e as cousas non son o seu centro;
-        Que non van pola vida queixándose de todo; aman a súa vida;
-       Que aceptan o que son e teñen e non se comparan con outros/as;
-       Que non viven para si, senón que están abertas aos outros;
-       Que non pasan a vida chismorreando dos outros...
-        
Converterse non é ser como tal persoa. Converterse é ser ti: ti, coa túa orixinalidade, coa túa personalidade, con todo iso que podes chegar a ser, se de verdade decides selo. Os modelos que temos diante, tales como san Vicente, santa Luisa e outros santos, non son para compararnos, son para animarnos a ser coma eles/as se animaron a ser.



No hay comentarios:

Publicar un comentario

Archivo del blog