sábado, 22 de octubre de 2016

ORACIÓNS 24 - 28 OUTUBRO


Día 24 de Outubro: Decálogo da solidariedade.

+ No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo.

Iniciamos a semana despois do DOMUND revisando se nos deixamos guiar pola solidariedade e para iso imos terminar de reflexionar cos  cinco últimos artigos do decálogo da solidariedade. O artigo 6 di:

6.      Visita a un enfermo ou recluído.

Gústache dar un pouco de ti aos demais? Algunha vez pensaches que hai persoas enfermas ou recluídas ás que podes animar? Como crees que sentirían? Como te sentirías ti?

ORACIÓN

Xesús, non tes mans.
Tes só as nosas mans para construír
un mundo onde habite a xustiza.
Xesús, non tes pés.
Tes só os nosos pés
para poñer en marcha a liberdade e o amor.
Xesús, non tes beizos.
Tes só os nosos beizos para anunciar
polo mundo a Boa Noticia dos pobres.
Xesús, non tes medios.
Tes só a nosa acción para lograr
que todos os homes sexamos irmáns.
Xesús, nós somos o teu Evanxeo,
o único Evanxeo que a xente pode ler,
se as nosas vidas son
obras e palabras eficaces. Amén

NOSOPAI

"Sal da túa terra", lema do DOMUND 2016 celebrado onte. Unha invitación para saír ao encontro de quen nos necesita, a saír da nosa comodidade, do noso espazo de confort, a saír de nós mesmos para ser agasallo e esperanza ante tanta inxustiza e falta de fraternidade. SAL DA túa TERRA.



Día 25 de Outubro:

+ No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo.

Artigo 7 do decálogo da solidariedade.
Protexe a natureza e coida a túa cidade.

Preocúpaste polo medioambiente?
Como che gustaría que fose o teu pobo, a túa cidade? Contribúes no coidado da natureza?

A Terra é obra de Deus e é a nosa responsabilidade coidar dela, como di o Papa Francisco: “Hai que coidar a creación e non o estamos facendo. É un dos maiores desafíos que temos”

ORACIÓN
Pai Bo, que creaches todas as cousas
e nos deches un mundo tan fermoso.
Pídoche para que os homes
saibamos coidar a túa creación.
Que respectemos a vida
dos animais, dos bosques.
Que non abusemos da natureza
nin a ensuciemos con contaminación.
Pídoche por quen defende as belezas naturais,
as especies en extinción,
por quen traballa por un mundo máis limpo.
Pídoche tamén para que todas as persoas
poidan gozar da natureza
e os bens que ela nos prové.
Que non lle falte a ninguén o alimento
que Ti nos deches con xenerosidade para todos.
Pai Bo, axúdanos a conservar o planeta
e a repartir as riquezas da natureza
para beneficio de todos.
Que así sexa, Señor!

         NOSOPAI



Día 26 de Outubro: Artigo 8 do decálogo da solidariedade.

+ No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo.

Colabora coas iniciativas que buscan o benestar común.

Dás o mellor de ti mesmo en todo momento ou confórtaste co mínimo?
Preocúpache o benestar dos demais ou só buscas a túa comodidade?
Es feliz cando ves os resultados da túa colaboración? Sénteste mellor contigo e cos demais cando dás o mellor de ti?

ORACIÓN
Eu desexo, Señor, a verdade. Quero ser verdadeiro
e moléstame a mentira, a trampa, o que non está claro.
Eu desexo, Señor, ser sincero e transparente
e non acepto as máscaras, as caretas, o dobre xogo.

Ás veces, Señor, son contraditorio. É verdade.
Quero ser xeneroso e sinto que son egoísta.
Quero compartir cos demais e péchome en min.
Quero ser amigo de todos e gústame ser eu mesmo.

Eu desexo, Señor, dar o mellor de min mesmo,
desexo ser feliz e facer felices aos demais.
Amén.

NOSOPAI



Día 27 de Outubro: Artigo 9 do decálogo da solidariedade.

+ No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo.
   
 9. Evita facer aquelas cousas que molestan aos demais.
Sénteste tranquilo cando fomentas as preocupacións dos demais?
Sénteste satisfeito cando molestas aos compañeiros ou profesores?
Ou… Realmente, sénteste máis a gusto contigo mesmo cando es amable e respectuoso cos demais?

NOSOPAI

ORACIÓN
Grazas, Señor, porque o amor dos meus amigos faime sentir máis humano, máis comprometido.
A miña amizade con eles é un intercambio de ideas, de palabras, de silencios cheos de vida.
É deixar que a túa luz brille na miña vida e baixo esa luz, comprobar que xuntos buscamos a verdade,
que xuntos iluminamos as nosas existencias e as dos nosos irmáns.
Señor, que cada vez sexamos máis amables,
que a nosa amizade sexa cada vez máis forte
e que cadaquén atope o camiño do eterno. Amén

NOSOPAI



Día 28 de Outubro: Artigo 10 do decálogo da solidariedade.

+ No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo.

Despois de varios días traballando e reflexionando o decálogo da solidariedade, chegamos ao último artigo:
10.    Comparte con alguén algo que aprecies de verdade.
Ao longo deste mes fomos reflexionando sobre a solidariedade; hoxe a proposta é compartir con alguén algo que realmente aprecies. Pensa que hai moitas cousas que se poden compartir e non todas son materiais, por exemplo, pensa se pasaches moitas horas ao día de bo humor, se fuches máis amable, máis agradecido…. Se é así, parabéns, fixeches un bo traballo e aprendiches a ser un pouco máis solidario e menos egoísta. Se aínda non o conseguiches tes moito tempo para facelo, ánimo, segue tentándoo e… Boa sorte!  

ORACIÓN
Señor, talvez non teña moitas cousas para dar,
pero recibín moitos dons
para compartir cos demais.
Ensíname a non ser egoísta,
a pensar primeiro nos demais
e a compartir con alegría.
Ensíname a compartir
o que son e o que teño.
Que non me apegue
ás miñas cousas,
senón que aprenda a ofrecelas,
para que todos poidan gozar co que recibín.
Teño moito para dar,
e o que teño pódese multiplicar se o comparto.
Xesús, cambia o meu corazón
e que comparta o que teño
porque dando recíbese
e compartindo descóbrese
a túa presenza no noso corazón.

Que así sexa, Señor!

NOSOPAI



PONGO MI VIDA EN TUS MANOS

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Archivo del blog