sábado, 22 de abril de 2017

PASCUA. 2ª semana, 23-29 abril

LUNS, 24 de abril
+ No nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo. Amén

A XUSTIZA e a PAZ bícanse

Preparámonos para vivir un intre de recollemento e oración...
Buscamos a postura mellor para vivir ese diálogo con Deus e aprender a descansar en Deus...
SABER QUE DEUS AMA, FORTALECE, RENOVA, PACIFICA...
El coñece todas as nosas inquietudes, pero é a nós a quen nos toca podelas depositar aos seus pés
Imaxinamos que nese silencio do noso interior abrimos ben a porta de todo o noso ser...
Vivimos desde o silencio, esta actitude de apertura total a Deus e con actitude de recollemento escoitamos a Palabra de Deus.

Lectura do santo Evanxeo segundo San  Xoán (20, 19-31)
Á noitiña daquel día, o primeiro da semana, estaban os discípulos nunha casa coas portas pechada, por medo aos xudeus. E nisto entrou Xesús, púxose no medio e díxolles:
- Paz a vós.
E dicindo isto, ensinoulles as mans e o costado. E os discípulos enchéronse de alegría ao ver ao Señor. JXesús repetiu:
Paz a vós. Como o Pai me enviou, así tamén vos envío eu.
E dito isto, exhalou o seu alento sobre eles e díxolles:
- Recibide o Espírito Santo; a quen lles perdoes os pecados, quedan perdoados; a quen llos reteñas, quedan retidos.
Tomás, un dos doce, chamado O Xemelgo, non estaba con eles cando veu Xesús. E os outros discípulos dicíanlle:
- Vimos ao Señor.
Pero el contestou:
- Se non vexo nas súas mans o sinal dos cravos, se non meto o dedo no buraco dos cravos e non meto a man no seu costado, non o creo.
Aos oito días estaban outra vez dentro os discípulos e Tomás con eles. Chegou Xesús, estando pechadas as portas, púxose no medio e dixo:
- Paz a vós.
Logo dixo a Tomás:
- Trae o teu dedo, aquí tes as miñas mans; trae a túa man e métea no meu costado; e non sexas incrédulo, senón crente.
Contestou Tomás:
- Señor meu e Deus meu!
Xesús díxolle:
-       Porque me viches criches? Ditosos os que crean sen ver.

Moitos outros signos, que non están escritos neste libro, fixo Xesús á vista dos discípulos. Estes escribíronse para que creades que Xesús é o Mesías, o Fillo de Deus, e para que, crendo, teñades vida no seu Nome.
Palabra de Deus

Reflexión:
É digna de contemplación a “pedagoxía de Xesús” co incrédulo Tomás, unha ensinanza nos nosos procesos de maduración na fe nos que tantas veces quixésemos éxitos rápidos e fáciles.
De entrada, Xesús non se ofende pola inicial incredulidade de Tomás e dálle unha nova oportunidade.  Sen precipitación, aos oito días, dálle tempo a Tomás para que faga o seu proceso, non o asoballa,  nin lle impón?...
-           Tomámonos en serio algúns momentos diarios como oportunidade para alimentar serenamente a nosa fe?
Cando de novo Xesús se presenta no medio da comunidade xa con Tomás.  Jesús cede ás esixencias de Tomás. Non responde a elas dun modo soberbio, senón que lle ofrece humildemente as mans e o costado para que o discípulo poida verificar que é o Mestre. É por iso que Tomás non necesita xa meter as súas mans no corpo de Xesús. Tivo unha proba maior para soster a súa fe.
-           Respondo con agradecemento ante as mostras de paciencia e misericordia de Xesús para comigo? Son dos que interiormente pido continuamente probas ao Señor ou pido luz e sabedoría para discernir a súa presenza na miña día a día?

Oración:
A terra xeme cargada de feridas.
Doe a guerra provocada, a fame, a inxustiza,
e a incultura de moitas persoas.

Non permitas Señor, que vivamos
no inconformismo dos inconscientes.
Non consintas que aniñe a miseria,
no centro dos nosos corazóns.

Protéxenos , Señor, na tarefa,
pois se ti non o fas,
a paz e a xustiza non irán da man,
e confundiremos, de novo,
os teus intereses cos nosos.

Para terminar rezamos todos xuntos,  o PADRENUESTRO, pedindo ao Señor que nos axude a experimentar esa “A PAZ CON VÓS ”na nosa xornada diaria.


MARTES, 25 de abril
+ No nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo. Amén

Este importante tempo litúrxico de PASCUA, é unha oportunidade para “nacer de novo” como nos din as lecturas destes días. O simple xesto da respiración, pode facerme lembrar que con cada respiración, mediante ao alento de Vida, son chamado a unha vida en Plenitude por medio da graza  de Deus.
E recoñecer tamén nas nosas vidas ao Espírito de Deus que renova todas as cousas, e que tamén nos renova a nós… Ese Espírito que é a fonte da auténtica creatividade, que non é un conxunto de inventos enxeñosos da mente humana, senón a novidade que se abre paso, para dar resposta aos novos desafíos en cada circunstancia.

Escoita esta canción en clima de oración e co desexo de deixarnos renovar polo Espírito de Deus.




MÉRCORES, 26 de abril
+ No nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo. Amén

Ao comezar esta oración neste tempo de Pascua caio na conta de que Deus me ama cun amor que me cura e restaura, un amor que transcende calquera outro amor que eu poida experimentar ou soñar.
Son convidado a sentir que o amor de Deus emana desde o máis fondo de min, baixo a forma de forza e esperanza, paz e sabedoría. Recoñezo que non podo ser separado do amor de Deus. Por iso, se algunha vez me sinto só ou medorento, é porque deixei a Deus fóra dos meus pensamentos, non porque Deus me deixou a min.  A ilusión máis falsa que ameaza ao home de hoxe en día é crerse abandonado por Deus.
Entendo que calquera desafío é unha experiencia de aprendizaxe que se pode superar e resolver polo amor divino. Cando abro a mente e o corazón ao amor de Deus, son guiado suave e amorosamente. Sinto un rexurdimento do gozo e a vitalidade. Mediante a escoita da “Palabra de Deus” son fortalecido e renovado;  sei que Deus me ama incondicionalmente.  Xesús é esa Luz pola que paga a pena dar a vida:

Oración
Señor, Deus bo,
creador do Ceo e da Terra,
escoita a nosa oración,
atende a nosa chamada,
acode ao noso encontro.

Señor da Vida,
ofrézoche a miña persoa
para ser portavoz da túa mensaxe.
Na miña voz, as túas palabras, Señor,
para dar a coñecer as túas ensinanzas.
Na miña voz as túas palabras,
para servir á túa causa
e anunciar a túa presenza.

Queremos pedirche pola xustiza, Señor,
Para que nos ensines a ser xustos, honestos.
Axúdanos a construír unha sociedade de irmáns,
sen excluídos, marxinados.
Todos coa mesma dignidade.

Aquí me tes ,Señor,
aquí nos tes, Señor,
que coa túa graza, poidamos ser o sal e a luz
que o mundo está a necesitar. AMÉN



XOVES, 21 de abril
+No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo.

EVANXEO de San Mateo 28, 8-15
Entón elas, saíndo do sepulcro con temor e gran gozo, foron correndo a dar as novas aos seus discípulos. E mentres ían dar as novas aos discípulos, velaquí, Xesús saíulles ao encontro, dicindo: Salve! E elas, achegándose, abrazaron os seus pés, e adorárono. Entón Xesús díxolles: Non temades; ide, dade as novas aos meus irmáns, para que vaian a Galilea, e alí me verán. Mentres elas ían, velaquí uns da garda foron á cidade, e deron aviso aos principais sacerdotes de todas as cousas que aconteceran.
E reunidos cos anciáns, deron moito diñeiro aos soldados, dicindo: - Dicide vós: “Os seus discípulos viñeron de noite, e furtárono, estando nós durmidos”.  E se isto o oíse o gobernador, nós persuadirémolo, e poñerémosvos a salvo.
E eles, tomando o diñeiro, fixeron como se lles instruíu.
Isto divulgouse entre os xudeus ata o día de hoxe.

REFLEXIÓN
A alegría está dentro do noso corazón. É un don que nos dá Deus, o camiño para ser amigo de Xesús.
Cando estou máis alegre? Síntome mellor cando fago cousas boas polos demais? Son feliz por ter como amigo a Xesús?

ORACIÓN
Dámosche grazas, Xesús, pola túa Pascua.
Dámosche grazas porque nos iluminas coa túa luz.
Que saibamos percorrer o camiño da nosa vida
unidos sempre a ti e guiados pola túa luz.



VENRES, 28 de abril
+ No nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo. Amén
Neste tempo de Pascua, caio na conta de que en cada momento de oración,  Deus convídanos a ir á nosa habitación interior. Non só pechamos a porta aos ruídos exteriores, senón que tamén deixamos por fóra o noso monólogo, é dicir, os nosos pensamentos e percepcións,  o noso monólogo interior.
Cada vez que regresamos ao noso espazo interior estamos a renovar o noso desexo de estar co Señor. Mentres que cada vez que volvemos ao noso monólogo interior, é coma se saísemos da habitación interior… En cada intre de oración somos chamados a renovarnos e ser construtores de paz ao redor.
Dispoñémonos a escoitar este breve versículo da Palabra de Deus.

Oración
No comezo deste día  tomamos conciencia de todos os dons que recibimos no pasado e en presente e pedimos a graza de afrontar a vida con esperanza.

Dáme, Señor, memoria
para lembrar o teu paso na miña vida,
a túa voz nos meus anos,
a túa pegada na miña historia.

Dáme, Señor, lucidez,
para aprender
nos erros cometidos,
nas tarefas afrontadas,
nos soños concibidos
e as metas alcanzadas.

Dáme, Señor, gratitude
para evocar os momentos
de festa, os días de risa,
os instantes en que todo encaixa,
pero dáme tamén a liberdade
para deixalos ir.

Dáme, Señor, confianza
para hoxe. Para lembrar
que este día, cada día,
é tempo de vivir, loitar,
amar, anhelar
e ás veces desesperar.

Dáme ocasión para rir e calar,
para o esforzo e a calma.
Que comprenda
que en cada xornada
está a vida enteira
coas súas pequenas historias
e os seus grandes misterios.
Que cada hoxe está
a alumar posibilidades.
Que ti sempre estás.

Dáme, Señor, valentía
para perseguir un mañá posible
para imaxinar o teu Reino,
para abrirche portas nos muros
que se levantarán nos camiños.

Todo iso dáme, que eu, pola miña banda,
ofrézoche o meu tempo.
Que ti o percorras e habites.
Que sexas Señor dos meus días,
bandeira na miña torre
paixón na miña senda. AMEN

José Mª Rodríguez Olaizola, sj




No hay comentarios:

Publicar un comentario

Archivo del blog