viernes, 15 de septiembre de 2017

BENVIDOS AO NOVO CURSO




Luns, 18 de setembro. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO. AMÉN

BENVIDOS AO NOVO CURSO

LECTURA BÍBLICA: 2 Corintios 5, 17-18
«Por tanto, o que está en Cristo, é unha nova creación; pasou o vello, todo é novo. E todo provén de Deus, que nos reconciliou consigo por Cristo e confiounos o misterio da reconciliación».

LECTURA
As vacacións de verán mereceron a pena, non si?: descansamos, gozamos da familia e amigos, divertímonos e volvemos coas “pilas cargadas” para afrontar un novo curso escolar. Como cada ano, incorporámonos ao colexio con renovadas ilusións, con ganas de facer ben as cousas e con novos retos que nos esixen unha atención e unha dedicación especial.
Comezamos o curso cheos de alegría. Ter o colexio cheo é un agasallo. Pero o mellor é que se encheu outra vez de risas, saúdos, abrazos... Moitas caras coñecidas e moitas novas, pero todas mostrando ilusión, ganas de aproveitar o curso, desexo de pasalo ben e empeño en aprender..
O comezo dun novo curso é sempre un momento especial, un instante que oscila entre os logros do pasado e os proxectos para o novo curso.
A boa educación non pretende só a transmisión de información e coñecementos, senón tamén o desenvolvemento das capacidades que favorecerán a formación integral, para facer persoas autónomas, solidarias, críticas, cunha imaxe axustada dun mesmo, capaces de reflexionar, de relacionarse, abertos ao misterio e á transcendencia, impregnados de valores cristiáns  e vicencianos que nos fagan crecer como persoas.
Queremos que descubrades que estades chamados á Felicidade, e que isto é posible vivindo experiencias de interioridade, de reflexión e de entrega e compromiso cos demais.

Martes, 19 de setembro. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO. AMÉN

UN NOVO CURSO PARA APRENDER

LECTURA BÍBLICA: Proverbios 16, 3 e 9
«Encomenda as túas obras a Yahvé e os teus plans realizaranse.
O home proxecta o seu camiño, pero Yahvé asegura os seus pasos».

LECTURA
Un novo curso, unha nova aventura, compañeiros novos con posibilidade de novas amizades; compañeiros que volvemos atopar para seguir construíndo xuntos algo bonito, creativo e útil para nós e o mundo. Algo novo e ilusionante.
Algún quizais pense “fíxoseme moi curto este verán”, “as vacacións pasaron voando”... un certo nerviosismo polo que comeza. Novos libros, novas materias, prácticas, obradoiros, novos profesores…  
Poida que ata nos veña o recordo de comentarios de compañeiros de cursos superiores “-pois o ano que vén con ese profesor vas a alucinar!- ou -con ese materia non hai quen poida!-, -Ufff, centos de láminas de debuxo!-, Para que serve esa materia?-, -E as derivadas e integrais!-...
Un novo curso para A-PRENDER, coller algo, facelo teu, aplicalo e darlle vida e cor. Aprender é fixarse nas cousas como o fai un gato curioso, é ter o espírito aberto a que o mellor está por vir, é ser alegre e agradecido á túa contorna, amigos, compañeiros, profesores, aulas, talleres, materiais…
Aprender é toda unha aventura e este NOVO CURSO aínda máis.
Atréveste?

Mércores, 20 de setembro. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO. AMÉN

UN NOVO CURSO PARA PROFUNDAR

LECTURA BÍBLICA: Xeremías 29, 11
«Porque eu sei moi ben os plans que teño para vós, afirma o señor, plans de benestar, a fin de darlles un futuro e unha esperanza». 

LECTURA
Se hai algo que diferencia ao noso colexio doutros é a importancia que damos ao crecemento integral e non só á calidade académica e de coñecementos. Todos somos persoas imprescindibles nesta sociedade e de todos depende que o mundo en que vivimos cada vez sexa mellor.
Temos un novo curso para crecer, compartir e achegar todo o que somos. Entre todos crearemos unha nova receita para a felicidade, que terá sentido se é parte de cada un de nós, se servimos ao outro.
Convidámosvos a que todos empecemos o curso con ganas e esteamos dispostos a gozar de todo o que vaiamos vivindo xunto a compañeiros e profesores.

REFLEXIÓN
Empezamos o curso e tócanos mirar ao horizonte e tentar definir como nos vemos nun futuro non moi afastado. Que che gustaría ver nese futuro?
A parte do título, que che gustaría levarte ao longo destes cursos do teu paso polo centro?

Xoves, 21 de setembro. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO. AMÉN

UN NOVO CURSO PARA COMPARTIR VIDA

EVANXEO: Mateo 4, 18-22
«Xesús pasaba pola beira do Lago de Galilea cando viu a Simón Pedro e Andrés, dous irmáns que eran pescadores. Mentres eles pescaban coas súas redes, Xesús díxolles: «Seguídeme». Nese mesmo instante, Pedro e Andrés deixaron as súas redes e seguiron a Xesús. Xesús seguiu camiñando pola beira do lago e viu a Santiago e a Xoán, outros dous irmáns que tamén eran pescadores. Os dous estaban nunha barca arranxando as redes, xunto co seu pai Zebedeo. Xesús chamou aos dous. Eles saíron de inmediato da barca, deixaron ao seu pai e seguiron a Xesús».

LECTURA
Un novo curso para compartir a vida. Porque a vida, a vida mesma, é todo un canto de esperanza, de luz e alegría.
Un novo curso para compartir a vida. E para dar grazas á vida
Toda a creación que esperta do soño e renace ao novo amencer. Loado sexas, meu Señor, por todas as criaturas, polo sol e pola lúa, as estrelas e os ventos, pola auga e polo lume. Loado sexas, meu Señor, pola irmá nai terra.
Un novo curso para compartir a vida.

ORACIÓN FINAL
 Señor, aquí estamos outra vez. Clases seleccionadas e horario planificado, preséntase ante min outro ano académico. Douche as grazas pola oportunidade de recibir unha educación, pola posibilidade de estudar, un privilexio vedado para moitos neste mundo. Douche grazas polas capacidades físicas e intelectuais que facilitarán a miña aprendizaxe.
Por favor, axúdame a dar o mellor de min, sobre todo a facelo mellor que o ano pasado.
Axúdame a ser rigoroso e atento nos meus estudos, que non ignore nin pase nada importante por alto.
Axúdame a ser xeneroso con outros que tamén estudan, que lles ofreza a miña axuda alá onde poida servir e que permita aceptar a axuda dos demais cando eu teña problemas.

Venres, 22 de setembro. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO. AMÉN

Hoxe imos pedirlle a Deus que nos axude a preparar o noso corazón para acoller a súa vida na nosa vida e transmitila á vida dos demais.

EVANXEO: Xoán 4, 11-14

A muller díxolle:
- Señor, nin sequera tes con que sacar auga e o pozo é moi fondo: de onde vas darme auga viva?  O noso antepasado Xacobe deixounos este pozo, do que el mesmo bebía e do que bebían tamén os seus fillos e os seus animais. Seica es ti máis ca el?

Xesús contestoulle:
- Os que beben desta auga volverán ter sede;  pero o que beba da auga que eu lle darei, xamais volverá ter sede. Porque a auga que eu lle darei brotará nel como un manancial de vida eterna.
          
REFLEXIÓN

Cómpre atopármonos con Xesús, beber da súa auga viva, profundar no pozo da nosa vida e comunicar a alegría de atoparnos, co que nos ispe dos nosos conformismos e rutinas.

-        Quen é Xesús para min?, esa é a pregunta que nos podemos facer nesta mañá. Quizais no verán perdemos o noso ritmo de relación con Deus, quizais non nos acordamos daquel que nos acompaña na nosa vida e cústanos descubrir a súa presenza no camiño da vida. Pero, quen é Xesús para min?, que lugar ocupa na nosa vida?

ORACIÓN FINAL
Xesús, amigo e irmán noso:
Ti que es camiño e luz,
guía os meus pasos ao camiñar.
Abre os meus ollos á vida,
para que sinta en todas as cousas que ti me amas.
Non é fácil ser persoa.
Ás veces, non sei quen son nin o que quero ser.
E, con todo, desde a miña liberdade,
devezo por andar polo meu pé.
Guía, ti, os meus pasos ao camiñar!
Sei que non nacín para estar triste,
sei que é moito o que me falta por andar,
sei que non hai camiño,
sei que son un belo proxecto.
Guía, ti, os meus pasos para chegar a ser eu mesmo!
Dáme un corazón coma o teu,
alegre e xeneroso.
Ensíname a vivir!
Grazas por todos os talentos, grazas pola vida,
Grazas pola liberdade e o risco,
grazas, sobre todo, pola túa amizade.
Xesús,
guía, ti, os nosos pasos cara á vida,
que é a gran porta por abrir. Amén


No hay comentarios:

Publicar un comentario