LUNS 30 OUTUBRO. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO
ESPÍRITO SANTO. AMÉN
Vivimos nunha sociedade
deshumanizada, na que a valía das persoas é proporcional ao rendemento que
delas podemos obter. Ímonos baleirando por dentro, ímonos insensibilizando, e
mesmo desculpamos e adoptamos comportamentos que escravizan ás persoas.
E resulta que chega
Xesús e dinos que o amor é a primeira e a única lei.... Que paradoxo, non si?.
Prestemos atención á súa palabra e deixemos que vaia renovando e vitalizando a
nosa vida, porque se non hai amor, para que serve a lei?
EVANXEO SAN MATEO
‑Mestre, ¿cal é o
mandamento máis importante da Lei?
El respondeulle:
‑"Amarás o Señor, o
teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma e con todo o teu
entendemento. Este é o mandamento primeiro e máis grande. O segundo é
semellante a el: Amarás o teu próximo coma a ti mesmo. Destes dous mandamentos
dependen a Lei enteira e mais os profetas.
REFLEXIÓN
Trátase simple e
sinxelamente de AMAR. AMAR A DEUS, poñer a nosa vida nas súas mans do Pai-Nai,
confiar nel, esperar nel, contar con El.... El que nos crea e que sostén a nosa
vida, que se fai compañeiro de camiño, caxato nas nosas andainas, auga fresca
nos nosos resecos, pan quente nas nosas fames, colo agarimoso nos nosos
desenganos, man que acariña nas nosas bágoas.... e, como expresión deste amor de
Deus..... AMAR AO PRÓXIMO coma a nós mesmos. Xa está ben tanta “falsa piedade”
que non fai máis que esconder a nosa mediocridade, a nosa falla de compromiso,
a nosa preguiza, a nosa frustración... sen dar cabida á caridade, á xustiza, á
solidariedade, á búsquea do ben común. Non se pode amar a Deus cando non se
move un dedo para dignificar a vida de todas as persoas. O amor ao próximo: ese
será o termómetro que nos indique se amamos e en que medida amamos a Deus.
MARTES 30 OUTUBRO. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO
ESPÍRITO SANTO. AMÉN
«Deu aos santos a
recompensa dos seus traballos e conduciunos por un camiño marabilloso; foi para
eles sombra durante o día e resplandor de astros pola noite»
Mañá celebramos a festa de Todos os Santos, onde se
concentra a todas as persoas que viviron fielmente a súa vocación cristiá e a
Igrexa proponos como modelos para os crentes.
Unha festa que vai moi unida ao día dos defuntos e á visita dos
cemiterios, lembrando os seres queridos que nos deixaron xa e cuxo recordo
sempre vai unido ao agarimo e os detalles de levar unhas flores, unhas velas ou
de ofrecer unha oración.
Que é un santo? Se miramos o dicionario dinos que é unha
palabra que xa ten as súas raíces noutras culturas e tradicións relixiosas. En
latín sanctus, en grego hagíos, en hebreo qadoš e está referido a alguén 'elixido por Deus'
ou ben 'diferenciado', 'distinguido'. Son homes ou mulleres destacados nas
diversas tradicións relixiosas polas súas especiais atribucións e relacións coa
divindade; pero tamén se vincula no caso de tradicións espirituais sen relixión
a unha particular vivencia ética.
A influencia dun santo supera o ámbito da súa relixión
cando a aceptación da súa moralidade adquire compoñentes universais: por
exemplo, é o caso de Teresa de Calcuta, san Francisco de Asís ou Gandhi que son
admitidos en diversas tradicións espirituais, e, en xeral, polo menos ata certo
punto, de todos os fundadores das grandes relixións.
En definitiva, os santos son exemplo de grandes persoas,
os mellores no sentido relixioso, espiritual, ético, vocacional…, que nos
deixaron unhas fabulosas receitas para vivir a vida profundamente e poder
alcanzar a felicidade plena, sendo coherentes cos nosos valores e principios.
XOVES 2 NOVEMBRO. NO
NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO. AMÉN
RECORDAMOS AGRADECIDOS
AOS QUE ABRIRON CAMIÑOS DE FELICIDADE ANTES QUE NÓS
LECTURA BÍBLICA: 1
Tesalonicenses 4, 14
«Pois, se cremos que Xesús morreu e resucitou, o mesmo Deus, por medio de
Xesús, levará aos defuntos a estar consigo»
LECTURA
O día 2 de novembro é un día que a Igrexa dedica especialmente ao recordo
de todos os defuntos. Hoxe a Igrexa recorda aos seres queridos que xa morreron.
Todos temos a algún coñecido que nos precedeu ou influíron na nosa vida
para que sexamos mellores persoas, para que gocemos dunhas condicións ou medios
máis agradables, que nos beneficiaron directa ou indirectamente e aos que temos
que agradecer a súa contribución para que o noso mundo sexa máis confortable
que, por desgraza, non significa sempre máis humano malia os esforzos de moitos
deles que ata morreron por causas moi nobres como a dignidade das persoas, a
liberdade, a xustiza, os dereitos humanos en xeral. Neste día habemos de sentir
agradecemento e se foron familiares non pode faltar o afecto (familiares,
amigos, profesores, veciños e coñecidos defuntos). É un día de recordo
esperanzado nunha Vida que non ten fin. Un día para pensar na nosa propia morte
porque tamén nós temos que partir deste mundo, cousa que non sempre nos agrada,
pero seguro que nos fai mellores e vivimos con máis intensidade a vida desde o
amor e o perdón, a alegría e os valores auténticos.
REFLEXIÓN
A experiencia da morte, da perda dun ser querido nos abruma e ata nos
pode desquiciar se non sabemos encaixalo e superalo. Só o recordo e a oración
poden acougar esa sensación sen carga e sen sentido para transformalo en
esperanza e confianza en volvernos a atopar, en que a vida non pode acabar e
enterrar tanto amor, tantas ilusións, tantos esforzos. Os que queirades
unídesvos á oración por todos os nosos seres queridos defuntos.
NOSOPAI
VENRES 3 NOVEMBRO. NO NOME
DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO. AMÉN
LECTURA BÍBLICA: Colosenses 3, 17
«E todo o que facedes, de
palabra ou de feito, facédeo todo no nome do Señor Xesús, dando grazas por
medio del a Deus o Pai»
LECTURA
O pasado martes 31 de outubro
cumpríronse 500 anos desde que Lutero cravou na porta da igrexa do castelo de
Wittenberg un escrito sobre as indulxencias que eran unha especie de dispensas
que concedía a Igrexa católica para salvar a alma dos defuntos do purgatorio a
cambio de entregar un donativo. Todos estes elementos fálannos dun contexto
relixioso moi diferente ao noso, onde se daba moita importancia ao pecado, a
vida eterna, a salvación e á condenación, o inferno e o purgatorio como lugar
de purificación para alcanzar o ceo. Aspectos que estes días en recordo dos
defuntos están presentes na vida de moitas persoas crentes.
Lutero, que era un frade agustino,
quixo cambiar as cousas do seu tempo, pero non foi comprendido nin aceptado
polas autoridades de entón. Ao ser rexeitadas as súas teses por estas
autoridades, púxoas na porta desa igrexa para que todo o mundo comprendese a
súa forma de pensar e o que lle parecía erróneo para a fe cristiá. Este feito considérase
o inicio da Reforma protestante e a ruptura dentro do cristianismo occidental
que foi máis aló dos términos relixiosos, porque o contexto europeo era dun
cambio moi profundo dunha sociedade de mentalidade medieval a outra
renacentista. As consecuencias dese cataclismo puxeron en evidencia a
existencia en Europa de dúas culturas, dous modelos de relacións sociais, dúas
formas de entender a política, o poder, a economía e ata a relixión. Aspectos
que aínda sobreviven nos nosos días entre a Europa do norte e a mediterránea,
malia superar moitas distancias coa creación da Unión Europea e superar os dous
conflitos bélicos máis importantes da historia neste lugar do mundo, pero a
realidade de contrastes interculturales está cambiando esa paisaxe e tócanos a
nós, as xeracións actuais determinar que é o mellor, o que nos constrúe como
humanidade, como sociedade avanzada en valores, dereitos e recoñecemento mutuo.
A Igrexa católica, a raíz
daquel conflito con Lutero promoveu un Concilio e reformou moitas cousas. Foi o
concilio da Contrarreforma. Despois chegaría o Vaticano II, onde moitas das
cousas que dixo Lutero empezáronse a aplicar. Hoxe Lutero é recoñecido e
valorado como un cristián adiantado ao seu tempo e aceptado na comuñón e reconciliación
entre cristiáns católicos e protestantes; de tal modo que, ata o Papa Francisco
participou en Suecia na celebración deste aniversario de forma ecuménica, é
dicir, de entendemento entre as igrexas para buscar a unidade, mirando máis “o
que lles une que o que lles separa”, como dicía o Papa Xoán XXIII..
REFLEXIÓN
Na historia de Europa
contribuíron moitos grandes personaxes como Lutero, Erasmo de Rotterdam e
tantos outros con profesións e funcións moi variadas para facer un mundo máis humano,
agradable, tolerante, ecolóxico... O certo é que segue habendo unha Europa de
dúas velocidades, a do progreso e benestar e a da pobreza e a marxinación.
Tamén nas nosas mans está ser o que temos que ser, mellorar o que recibimos,
deixar un mundo mellor aos que veñan logo de nós.
Como non todo depende do noso
esforzo, invítovos a orar coa “pregaria da Serenidade”, tamén coñecida como
oración da Serenidade.
ORACIÓN DA SERENIDADE
Señor, concédeme serenidade
para aceptar todo aquilo que
non podo cambiar,
fortaleza para cambiar o que
son capaz de cambiar
e sabedoría para entender a
diferenza.
Vivindo día a día; gozando de
cada momento;
soportando as privacións como
un camiño cara á paz;
aceptando este mundo imperfecto
tal cal é e non como eu creo
que debería ser,
tal e como fixo Xesús na terra:
así, confiando en que obrarás
sempre o ben;
así, entregándome á túa
vontade,
poderei ser razonablemente
feliz nesta vida
e alcanzar a felicidade suprema
ao teu lado na próxima. Amén.
No hay comentarios:
Publicar un comentario