MARTES 18
SETEMBRO
No nome do
Pai, do Fillo e do Espírito Santo
TEXTO
BÍBLICO ( Mc 6, 1-4)
“Naquel tempo, foi Xesús ao seu pobo en
compañía dos seus discípulos. Cando chegou el, empezou a ensinar na sinagoga. A
multitude que o oía preguntábase asombrada: «De onde saca todo iso? Que
sabedoría é esa que lle ensinaron? E eses milagres das súas mans? Non é este o
carpinteiro, o fillo de María? E os seus parentes non viven entre nós?»
MENSAXE
Estrear un novo curso é estrear ilusións e
proxectos.
Facémonos preguntas coma estas: "Como
será este curso? Lograremos crear un ambiente colexial onde sexa palpable a
concordia, a amabilidade, a esixencia... e a comprensión duns con outros? Que
froitos conseguiremos ao final do curso?
Certamente, en todos —profesores, familias
e alumnos— están presentes os mellores propósitos e... moita ilusión e
ESPERANZA!
Estes intres de oración e reflexión ao
comezo de cada xornada, queren achegar ese empeño continuado por lograr un
clima educativo no que os alumnos e profesores recibamos unhas noticias, unha
reflexión, un consello, unha canción, un vídeo, unha imaxe…, que nos axuden a
encher de valores e de sentido cada día. Pretenden dar esas pinceladas de
reflexión, de recordo, de oración para que no traballo de cada día sexa El, "o Mestre", quen alente e guíe
o noso esforzo educativo.
REFLEXIÓN
Como e te atopas ao empezar a rodar no novo
curso: Malhumorado/a porque se che
acabaron as vacacións? Alegre polo reencontro con compañeiros antigos e novos? Desconcertado/a
ante as novidades que percibes?
Ten paciencia nestes primeiros días; ten ESPERANZA
no novo curso.
ORACIÓN Unha nova etapa
Señor,
hoxe inicio unha etapa nova,
un curso máis,
que me achega e leva
cara ás responsabilidades
que me esperan na vida.
Señor,
non sei o que me espera.
Sei que é unha aventura
e quéroa poñer na túa presenza,
como se pon unha ofrenda,
como se deposita unha promesa.
Desexo que sexas Ti o meu mellor mestre.
(Oración nova, CCS,
p. 52)
MÉRCORES
19 SETEMBRO
No nome do
Pai, do Fillo e do Espírito Santo
O RETO DE
EMPEZAR
Co inicio do novo curso escolar empeza a
viaxe polo fascinante mundo do coñecemento, do saber, da convivencia e da
aprendizaxe.
Con afectuosos saúdos imos dando a benvida,
situámonos nos nosos lugares de estudo e traballo con renovadas expectativas e
desexos de compartir e desenvolver un agradable ano de traballo en equipo:
alumnos, pais, titores, docentes, persoal de servizo e administración…; cada un
de nós debe achegar a enerxía fundamental necesaria para facer realidade o noso
proxecto educativo e o logro das metas que vaiamos poñéndonos.
Sempre custa empezar. É como poñer en
marcha un motor que estivo moito tempo sen uso; cústalle arrincar.
Nós afrontamos o reto do novo curso ao
ralentí, pero enseguida tomaremos aceleración e bo ritmo de marcha.
REFLEXIÓN
Existe a escola do "eu": é a escola
individualista, formada polos mozos e mozas que tan só pensan en si mesmos.
Existe a escola do "nós", onde se comparten as cousas, onde se vive
en amizade. Xesús axúdanos a construír a escola da solidariedade e da
esperanza.
Apúntaste a esta?
ORACIÓN - Todo
é futuro
Señor,
no camiño da vida
todo mira cara a adiante,
todo é futuro.
Comezamos un novo curso;
queda atrás o gusto das vacacións.
Señor,
Hoxe comeza algo
que a primeira vista parece duro.
Ata teño a tentación de soñar e pensar
que oxalá se parase o calendario
nos días de vacacións.
Pero eu se que hai que seguir,
que hai que crecer
e tomar na man o temón da vida
e sucar o mar
ata a beira de alá.
Xuntos faremos unha historia
que será unha historia santa:
Ti estarás comigo,
eu estarei contigo.
XOVES 20
SETEMBRO
No nome do
Pai, do Fillo e do Espírito Santo
EXPECTATIVAS
ANTE O NOVO
TEXTO
BÍBLICO ( Mc 6, 34)
“Naquel tempo, esús viu unha multitude e tivo
mágoa deles, porque andaban como ovellas sen pastor; e púxose a ensinarlles con
calma”.
MENSAXE
O inicio do curso créanos a todos un certo
grao de inquietude. Para algúns porque se estrean no colexio, para outros máis
veteranos porque comeza un curso superior, máis complexo...
A continuación ofrecémosvos uns consellos
básicos que vos axudarán a sentirvos seguros e capaces de afrontar con éxito o
curso que comeza:
− Organiza
o teu horario de estudo tendo en conta tamén outras actividades de lecer ou
formativas que che interesen. A organización no estudo é a clave do éxito.
− Coñecer
aos teus compañeiros e compañeiras axudarache a facer novos amigos, a sentirte
máis integrado no colexio. Queda de cando en vez con algún deles para estudar,
isto mellorará a motivación e tamén pode ofrecerche apoio en dúbidas concretas
que poidades resolver xuntos.
− Para
estudar con eficacia cada día é importante atopar un ambiente no que esteas
cómodo. Tamén podes utilizar outros espazos como bibliotecas.
Poñendo en práctica estes consellos podes
comezar o curso poñendo boas bases.
REFLEXIÓN
Es dos que se organizan enseguida ou dos do
“imos tirando”? Es dos que pos entusiasmo ante o novo ou dos que segues mirando
cara atrás, cara aos días doces das vacacións?
ORACIÓN
Señor,
este curso que agora iniciamos
non é un elo perdido
nin unha tarefa inútil;
é un paso máis
no proxecto de ser persoa
que Ti nos encomendaches.
Ábrenos o corazón e a esperanza
para construír con alegría o futuro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario