LUNS 24 FEBREIRO. No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo
Unha das maiores aspiracións que
temos as persoas é a vivir en paz; pero pensamos que iso se reduce a que non
haxa guerra nin violencia. Porén, somos consumidores de programas na televisión
e na radio que nin fomentan nin educan na paz e moito menos no amor,
especialmente a aquela persoa que nos fixo mal.
Nós, que nos consideramos
cristiáns, debemos fomentar o amor dende o mais cotiá, dende o colexio, a
familia, … non podemos quedar calados diante de tanta inxustiza.
LECTURA DO SANTO EVANXEO
SEGUNDO MATEO
Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos:
‑ Tendes oído que se vos dixo: "Ollo por ollo e
dente por dente". Pero eu dígovos: Non opoñades resistencia ao malévolo;
mais se alguén che dá un lapote na túa meixela dereita, preséntalle a outra.
A quen queira preitear contigo e che leve a túnica,
déixalle ir tamén o mantelo; a quen te obrigue a camiñar con el unha milla,
acompáñao dúas. A quen che pide, dálle; e non lle vires as costas a quen quere
que ti lle fagas préstamo.
Tedes oído que se vos dixo: Amarás o teu próximo e
aborrecerás o teu inimigo. Pero eu dígovos: Amade os vosos inimigos e pregade
polos que vos perseguen. Así seredes fillos de voso Pai que está no ceo, que
fai saír o seu sol sobre os malos e os bos, e chover sobre xustos e inxustos.
Porque, se amades os que vos aman, que recompensa ides
ter? Non fan o mesmo os publicanos? E se saudades soamente aos vosos irmáns,
que facedes de máis? Non fan outro tanto os pagáns? Daquela, sede bos, como o
voso Pai celestial é totalmente bo.
Palabra do Señor R/.
Loámoste, Cristo
ORACIÓN: HOXE, SEÑOR QUERO REZAR ( dous coros)
Hoxe, Señor, quero rezar
polos que non me queren ben,
para facer como Xesús nos mandaba.
Sei que ti os queres como me queres a min,
porque en ti non hai sombra de odio nin de desprezo.
No que poida desexo ser coma ti,
metido no teu corazón e nos teus sentimentos
poderei amalos e servilos,
a fareilles ben,
aínda que eles me teñan feito mal.
Que lles vaia ben na vida,
que teñan traballo e saúde,
que gocen de boas amizades,
que te atopen a ti coma pai e amigo.
Que os seus corazóns se fagan dóciles
a calquera luz e a calquera bondade;
que en ti e na xente
aprendan as cousas boas de Deus
e nelas atopen gozo e proveito.
Eu serei feliz coa súa felicidade,
e, se algún día, Señor,
o ben duns e doutros pode vencer o mal,
serei tamén feliz dándolles un abrazo de irmáns,
un abrazo de perdón mutuo,
na verdade, na paz e na xustiza
recuperadas entre nós para sempre. Amén.
MARTES 25 FEBREIRO. No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo.
Recordar a María é máis que unha tradición
Seguramente coñecedes moitas
cousas que se fan por tradición tanto na casa como na cidade. Celebramos
festas, algún día especial temos unha comida distinta ou nos xuntamos a familia
ou unha serie de persoas... é que iso das tradicións nos serve para recordar
cousas ás que lles damos unha importancia especial por algunha razón.
Iso das tradicións, como tantas
cousas, pódese vivir de moitas maneiras. Para algúns son cousas que se repiten
por repetir, sen darlle máis importancia, e tampouco pasaría nada se deixan de
facerse. Para outros son moi importantes, porque nos fan recordar os valores e
os elementos que os nosos devanceiros tiñan e que nos deixaron. Son entón parte
da nosa cultura, do noso modo de ver a vida, do noso modo de ser.
Por iso para nós, como coas
demais tradicións, tamén temos a de recordar a María, que nos protexe como unha
nai. Acordarnos de María, recordando os seus valores e a súa forma de vivir, é
para todos nós un modo de recordarnos valores que teñen que estar presentes
entre nós.
Invítovos a que hoxe non deixemos
pasar o día sen acordarnos da nosa nai María.
E por iso invítovos a rezar
xuntos:
AVE MARÍA
MÉRCORES 26 FEBREIRO. No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo
Tradicións relixiosas
Que bonitas as tradicións, ese
conxunto de costumes, que se van transmitindo de xeración en xeración.
Igual estades a pensar que a vós
ninguén vos falou destas cousas, pois se pensades un pouquiño seguro que houbo
alguén que vos cantou unha canción que lle gustaba moito, ou que compartiu
convosco un conto que lle contaban cando era pequeno,... todas esas pequenas
cousas que comparten convosco, pois son tradición. E a tradición transmítese
grazas a que hai xente que conta e comparte as súas cousas e tamén grazas a que
hai xente que escoita e as recorda.
Cantas cousas hai entón que nos
ensinaron os nosos avós e avoas? Os ritos, os costumes de facer algo a xeito
pero facelo así é importante, os ritos son importantes, os ritos son
necesarios, xa o dicía O Principiño de Exupèry:
"Se vés, por exemplo, ás catro da tarde, comezarei a ser feliz
dende as tres. Canto máis avance a hora, máis feliz serei. Ás catro sentireime
axitado e inquedo, descubrirei o prezo da felicidade! Pero se vés a calquera
hora, nunca saberei a que hora preparar o meu corazón".
Pois certo é, cando sabemos dunha
festa, nos poñemos nerviosos, desexamos que chegue o día e contamos o tempo
para que chegue xa porque nos gusta, porque é importante para nós.
Gústanos ver a xente, compartir
tempo con eles, intercambiar cousas, bailar, comer,... todo ese intercambio é o
que fai realmente a festa, a alegría compartida.
A festa realmente é o compartir,
e aínda que non nos decatemos ou nunca coincidísemos todos nunha romaxe seguro
que todos levariamos algo de comer para compartir cos demais, seguro que todos
nos imaxinamos bailando e pasándoo ben coa xente coñecida.
E, como non, dentro da Igrexa
tamén compartimos e celebramos. Así, no Nadal recordamos que naceu Xesús, cada
domingo na eucaristía celebramos ese pan que Xesús compartiu, na Pascua
celebramos a resurrección de Xesús… Hai moitos ritos e costumes que facemos e
seguro que moitos deles nolos ensinaron as avoas.
Para rematar, imos rezar un
Nosopai para recordar todos eses bos costumes e boas historias que compartimos
uns con outros.
NOSOPAI
XOVES 27 FEBREIRO. No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo
ORACIÓN: QUE A TÚA MIRADA
Que a túa mirada gañe en fondura e detalle
para que poidas ver máis
claramente
a túa propia viaxe con toda a humanidade
como unha viaxe de paz,
unidade e esperanza.
Que non teñas medo ás preguntas
que oprimen o teu corazón e a túa
mente;
que as acollas serenamente e aprendas a vivir con elas
ata o día en
que todo quede ao descuberto.
Que deas a benvida cun sorriso
a todos os que estreitan a túa man:
as
mans estendidas forman redes de solidariedade
que alegran e enriquecen coa súa
presenza protectora.
Que o teu espírito estea aberto e alerta
para descubrir o querer de
Deus en todo momento;
e que a túa oración sexa encontro de vida, de sabedoría
e de entendemento dos camiños de Deus para ti.
Que a túa vida este ano, cal fermento evanxélico,
se mesture sen medo
coa masa
e faga fermentar este mundo en que vivimos,
para que sexa real mente
novo e tenro.
E que a bendición do Deus que
sae ao teu encontro,
que é a túa rocha, o teu refuxio, a túa forza, o teu
consolo
e o teu apoio en todo momento, o invoques ou non,
descenda sobre ti e
te garde de todo mal.
Amén
(F. Ulibarri, Ao vento do Espírito. Pregarias para o noso tempo)
AVE MARÍA
VENRES 28 FEBREIRO. No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo
De Entroido
Quen non se disfrazou algunha vezno
Entroido? Todos aproveitamos aínda que sexa na festa do cole, para sacar roupa
vella de casa, un pouco de maquillaxe, e disfrazarnos para pasar un anaco
divertido cos amigos.
Pero alguén pensou dende cando se
celebra o Carnaval? Cando se empezou a facer esta festa?
Todos entendemos por Entroido a
celebración dunha festa relacionada cos disfraces e as máscaras, pero sabedes
de onde vén? A propia palabra dános unha pista: o Carnaval está relacionado coa
carne.
O Carnaval celébrase xusto antes
da Coresma, no calendario cristián, época de xaxúns, recollemento e na que
comer carne estaba prohibido.
Carnaval ou Carnestolendas
significa “carnes privadas ou carnes quitadas”, é por iso que antigamente a
Coresma e o Carnaval estaban estreitamente unidos. Considerábase que en
Carnaval había que aproveitar os últimos días nos que podía comer carne, beber
ou divertirse e, por iso, as máscaras e os disfraces, permitían esconderse tras
unha falsa aparencia e realizar todo tipo de bromas.
Xa no século XIV, no Libro do Bo
Amor do Arcipreste de Hita, un libro clásico e importante na nosa literatura,
encontramos referencias ao Carnaval na parodia da Batalla entre Don Carnal e
Dona Coresma. É a historia entre o rei do Carnaval ou Don Carnal -que chegaba
unha semana antes inaugurando a semana festiva- que se enfrontaba nunha batalla
a Dona Coresma. Ela sempre acababa gañando poñendo así fin ao Carnaval.
Xa os romanos celebraban festas e
ritos nos que utilizaban máscaras e celebraban a vida.
En cada sitio a celebración do
Carnaval foi adquirindo matices distintos. Nalgúns lugares a celebración é o
martes, xusto a véspera do comezo da Coresma, mentres que noutros, as festas se
van realizando ao longo de varias semanas antes.
Hoxe pode ser un día para
celebrar a vida e a alegría, pero a de verdade, a que consiste en gozar todos
xuntos, sen ofender a ninguén, e dar o paso a prepararnos para a Coresma. Pois
que pasedes todos uns días moi alegres, disfrutando da vida que se nos dá!
NOSOPAI
No hay comentarios:
Publicar un comentario