viernes, 28 de febrero de 2014

ORACIÓNS CORESMA 2014: ESPERTA! ¡CONVERTE A TÚA MIRADA!

XOVES, DÍA 6 DE MARZO. "No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo"




Onte comezamos a coresma, un camiño de 40 días de preparación cara á Pascua, que consiste en despoxarnos de todo aquilo que nos impide ser mellores e vivir máis felices. É tempo de oración, de xaxún e de esmola. Tempo de achegarnos ao amor de Deus. Tempo de esforzo, de privarnos de algo que non necesitamos, en favor dos demais. Tempo de compartir o que somos e temos, sobre todo cos máis necesitados. Todo iso axudaranos a crecer como persoas vivindo ao estilo de Xesús.


Lectura do Evanxeo segundo San Lucas:
Dixo Xesús aos seus discípulos: O que queira seguirme, que se negue a si mesmo, que cargue coa súa cruz cada día e veña comigo. Pois quen queira salvar a súa vida, perderaa; pero quen perda a súa vida pola miña causa, salvarase. De que lle serve a un gañar o mundo enteiro se se perde ou se prexudica a si mesmo? PALABRA DE DEUS.

Para a reflexión: Como afronto as dificultades que xorden na miña vida? Quéixome sen máis, ou intento ver o que hai de positivo en ellas? Pido axuda a Xesús? Poño a miña confianza no Señor?



REZAMOS XUNTOS: NOSOPAI.
"Oh, María sen pecado concibida, roga por nós que recorremos a ti"
"Gloria ao Pai, ao Fillo e ao Espírito Santo". Amén


 VENRES, DÍA 7 DE MARZO
"No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo" AMÉN

Lectura do Evanxeo segundo San Mateo:
Achegáronse os discípulos de Xoán a Xesús, preguntándolle: «Por que nós e os fariseos xaxuamos a miúdo e, en cambio, os teus discípulos non xaxúan?». Xesús díxolles: « É que poden gardar loito os convidados á voda, mentres o noivo está con eles? Chegará un día en que se leven o noivo, e entón xaxuarán». PALABRA DE DEUS

Para a reflexión: 



En que debo xaxuar eu? De que debo encherme?


UNHA CORESMA PARA DAR FROITOS.
Unha árbore é boa cando dá froitos bos. E para que chegue a dalos, a árbore require moitos coidados.
O primeiro que hai que facer é preparar a terra para plantalo; ha de estar a terra ben regada, sen malas herbas nin pedras que impidan ás súas raíces estenderse e agarrar profundamente a terra.
Despois, é necesario ter unha gran paciencia para permitirlle crecer ao seu ritmo. Tamén é necesario darlle tempo para repoñer forzas, para recobrar a saúde. Nunha palabra, hai que estar pendentes del cun gran coidado. Á árbore hai que darlle tamén as súas oportunidades.
Hai que podar as ramas secas para que o zume poida chegar sen dificultade ata as ramas máis pequenas e máis afastadas do madeiro.
Hai que apuntalalo para que resista as tempestades. Se é fráxil e está mal coidado, resistirá pouco e será arrancado de raíz. Hai que preservalo dos bichos que se abeiran nel e o destrúen quitándolle as forzas.
Hai que preocuparse del en todo momento. Entón si que será capaz de dar os froitos esperados, saborosos e nutritivos!
Nós somos parecidos ás árbores. Os nosos froitos son as nosas obras e as nosas palabras. Se permanecemos plantados na Palabra de Xesús, no seu Evanxeo, entón daremos froitos -as nosas obras e palabras- nas cales se poderá saborear a Palabra de Xesús. Se nos preocupamos de que as nosas raíces estean asentadas en Xesús, entón os nosos froitos serán froitos de amor e non de odio.

REFLEXIÓN
Estamos no tempo de Coresma, o tempo de preparación para a Pascua, o tempo no que aprendemos a dar bos froitos. Cales van ser os teus? Pensa algo concreto.

ORAMOS XUNTOS: NOSOPAI
Oh, María sen pecado concibida, roga por nós que recorremos a ti.
"Gloria ao Pai, ao Fillo e ao Espírito Santo". Amén

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Archivo del blog