Unha vez finalizada
a Campaña pola Paz e Contra a Intolerancia somerxémonos nunha nova
campaña (na maioría dos casos, moi ligadas). O motivo propónnolo Mans Unidas:
Loitar contra a fame e a extrema
pobreza.
Os Obxectivos de Desenvolvemento do
Milenio, tamén coñecidos como Obxectivos do Milenio, son oito propósitos de
desenvolvemento humano fixados no ano 2000, que os 192 países membros das
Nacións Unidas acordaron conseguir para 2015.
Os títulos dos oito obxectivos, coas
súas metas específicas, son:
Obxectivo 1: Erradicar a pobreza
extrema e a fame.
Obxectivo 2: Lograr o ensino
primario universal.
Obxectivo 3: Promover a igualdade
entre os xéneros e a autonomía da muller.
Obxectivo 4: Reducir a mortalidade
infantil.
Obxectivo 5: Mellorar a saúde
materna
Obxectivo 6: Combater o VIH/SIDA, o
paludismo e outras enfermidades.
Obxectivo 7: Garantir o sustento do
medio.
Co lema "un mundo novo proxecto
común" Mans Unidas presenta a súa campaña contra a fame 2014, na que se
nos propón reflexionar sobre o obxectivo 8 do milenio: Fomentar unha asociación
mundial para o desenvolvemento. Sabemos que o desenvolvemento dos pobos depende
de que se recoñezan como parte dunha soa familia. Por iso, Mans Unidas trata de
ser fermento polo Amor, implantando a lóxica do DON, o amor que mira á persoa
concreta e lle abre a plenitude da súa existencia. Os cristiáns cremos que a
relación fraterna chega tamén ás relacións entre os países, como nos propón o
Papa Francisco na súa mensaxe da Paz.
NOSOPAI
MÉRCORES 5 FEBREIRO. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO
A pesar de moitos esforzos que se
veñen facendo para erradicar esta "eiva" mundial, a pobreza e a fame
seguen estando presentes en cifras realmente inaceptables: 1.300 millóns de
persoas en situación de pobreza extrema no mundo, e preto de mil millóns que
padecen fame mentres, segundo a FAO, se desperdician 1.300 millóns de toneladas
de alimentos. Cada día morren de fame máis de 40.000 persoas. Cantos morreron
en Lampedusa? Cantos en Filipinas? Cantos morren cada día en Siria? E en
España? …? E... hai tempo que sabemos de sobra que é posible acabar coa fame no
mundo.
A pobreza ten múltiples causas, e
diso debemos ser conscientes. Os pobres, marxinados, excluídos e famentos, en
España e no mundo, non xermolan da terra, como as árbores. Son froito da acción
directa de persoas e estruturas que a provocan precisamente coa acumulación da
súa riqueza, patrimonial ou especulativa ao longo e o ancho do noso mundo.
Uns acaparan terras en países alleos
en beneficio propio e a expensas dos seus habitantes, outros especulan co
diñeiro que debería servir para a economía produtiva, outro especulan cos
alimentos e encarecen ou imposibilitan a comida de millóns de persoas, outros
eluden de mil formas os seus impostos ou defráudanos, ou acumulan as súas
riquezas en paraísos fiscais... todo iso fai que a riqueza se acumule en poucas
mans en vez de distribuírse entre a maioría dos que habitamos o planeta: A
RIQUEZA duns poucos EMPOBRECE á maioría da humanidade.
Abrímonos á luz que nos ofrece a
Palabra de Deus:
"E ao ver a multitude, sentiu compaixón por ela, porque estaban
vexados e abatidos, como ovellas que non teñen pastor...
Cando empezou a caer a tarde os discípulos achegáronse a el e dixéronlle:
- Estase a facer tarde e este é un lugar despoboado. Despide a xente para
que vaian ás aldeas a comprar comida.
Xesús contestoulles:
- Non teñen por que irse. Dádelles vós de comer... " (Mat 14)
XOVES 6 FEBREIRO. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO
"Hoxe, na noite do mundo, e na
esperanza da Boa Nova, afirmo con audacia a miña fe no futuro da humanidade.
Négome a crer que as
circunstancias actuais fagan incapaces as persoas para facer unha terra mellor.
Négome a crer que o ser
humano non sexa máis que unha palliña de palla azoutada pola corrente da vida,
sen ter posibilidade ningunha de influír no curso dos acontecementos.
Négome a compartir a
opinión daqueles que pretenden que o ser humano é tan cativo da noite sen
estrelas, do racismo e da guerra, que a aurora radiante da PAZ e da
fraternidade non poderá nunca chegar a ser unha realidade.
Négome a facer miña a
afirmación cínica de que os pobos irán caendo, un tras outro, no turbillón do
militarismo, cara ao inferno da destrución termonuclear.
Creo que a verdade e
o amor sen condicións, terán a última palabra. A vida, aínda provisionalmente
vencida, é sempre máis forte que a morte.
Creo firmemente que,
mesmo no medio dos obuses que estalan e dos canóns que resoan, permanece a
esperanza dun radiante amañecer.
Atrévome a crer que un día,
todos os habitantes da terra poderán ter tres comidas ao día para a vida do seu
corpo, educación e cultura para a saúde do seu espírito, igualdade e liberdade
para a vida do seu corazón.
Creo igualmente que
un día, toda a humanidade recoñecerá en Deus a fonte do seu amor.
Creo que a bondade
salvadora e pacífica chegará ser un día, a lei da humanidade. Que o lobo e o
cordeiro poderán descansar xuntos, que cada ser humano poderá sentar debaixo da
súa figueira, na súa viña, e ninguén terá xa que ter medo.
Creo firmemente que o conseguiremos".
Martin Luther King
NOSOPAI
VENRES 7 FEBREIRO. NO NOME DO PAI,
DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO
Sor Rosalía Rendu, naceu o 9 de
setembro de 1786 en Confort, en Francia. Dende nena foi educada no
exercicio da caridade, polo que o atractivo polo servizo dos pobres era nela
natural. Cando tiña 15 anos, fixo unha experiencia coas Fillas da Caridade no
veciño hospital de Gex: ese foi o inicio da súa vocación. O 25 de maio de
1802 foi recibida no seminario da Casa Nai das Fillas da Caridade en París.
Púxose enferma e foi enviada a unha casa do bario de Mouffetard, barrio
pobre de París, onde permaneceu 53 anos, ata a súa morte. Dedicouse ás obras
que realizaba xa a Comunidade e fundou outras novas. De xeito especial
dedicouse á visita aos pobres a domicilio. Foi un instrumento de pacificación.
A casa das Irmás converteuse en refuxio dos pobres do barrio. Sor
Rosalía foi tamén guía de moitos, con frecuencia nobres, no exercicio da
caridade. Sor Rosalía morreu o 7 de febreiro de 1856, despois de pasar os
últimos anos da súa vida no sufrimento e a cegueira. Hoxe recordamos a
vida desta beata que traballou incansablemente en prol dos máis pobres da
cidade, disposta como refuxio para necesitados e que tempo de loitas civís traballou
a favor da paz e convenceu moitos mozos e ricos para que se dedicasen a obras
de caridade. Hoxe é un exemplo de caridade para nós.
ORACIÓN
Que sexamos, Señor, mans unidas
en oración e no don.
Unidas ás túas mans nas do Pai,
unidas ás ás fecundas do Espírito,
unidas ás mans dos pobres.
Mans do Evanxeo,
sementadoras de Vida,
lámpadas de Esperanza,
voos de Paz.
Unidas ás túas mans solidarias,
partindo o Pan de todos.
Unidas ás túas mans traspasadas
nas cruces do mundo.
Unidas ás túas mans xa gloriosas de
Pascua.
Mans abertas, sen fronteiras,
ata onde haxa mans.
Capaces de estreitar o mundo
enteiro,
fieis ao terceiro mundo,
sendo fieis ao Reino.
Tensas na paixón pola Xustiza,
tenras no Amor.
Mans que dan o que reciben,
na gratuidade multiplicada,
sempre máis mans,
sempre máis unidas.
Que así sexa!
Pedro Casaldáliga
No hay comentarios:
Publicar un comentario