LUNS,
DÍA 24 MARZO: "No nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo"
A samaritana descubriu a súa misión evanxelizadora en
proceso de diálogo, difícil pero sincero, con Xesús. Achegouse desafiante e
saíu entusiasmada. Moitas veces na túa vida achégaste así aos demais, neste
primeiro día da 3ª semana de Coresma invítote a mirar con desafío, pero con
entusiasmo a obra de Xesús.
LECTURA
DO EVANXEO Xn 4,5-42
(Por 2 alumnos e o
Lector, o Profesor)
LECTOR: Naquel tempo, chegou Xesús a un pobo de Samaría
chamado Sicar, preto do campo que deu Xacob ao seu fillo Xosé: alí estaba o
manancial de Xacob. Xesús, canso do camiño, estaba sentado xunto ao manancial.
Era arredor do mediodía. Chega unha muller de Samaría a sacar auga e Xesús
dille:
XESÚS: Dáme de beber
LECTOR: Os seus discípulos fóranse ao pobo a comprar
comida. A samaritana dille:
SAMARITANA: Como ti, sendo xudeu, me pides de beber a
min, que son samaritana?
LECTOR: (Porque os xudeus non se tratan cos samaritanos).
Xesús contestoulle:
XESÚS. Se coñeceses o don de Deus e quen é o que che pide
de beber, pediríaslle ti, e el daríache auga viva.
SAMARITANA: Señor, se non tes caldeiro, e o pozo é fondo,
de onde sacas a auga viva?; es ti máis que o noso pai Xacob que nos deu este
pozo, e del beberon el, os seus fillos e os seus gañados?
XESÚS: O que bebe desta auga volve ter sede; pero o que
beba da auga que eu lle darei nunca máis terá sede; a auga que eu lle darei
converterase dentro del nun surtidor de auga que salta ata a vida eterna.
SAMARITANA: Señor, dáme desa auga; así non terei máis
sede nin terei que vir aquí a sacala. (…)
LECTOR: Palabra do Señor
A GUSTO
CON DEUS
Son moitas as persoas que, ao longo destes anos, se foron
afastando de Deus, sen apenas advertir o que realmente estaba a acontecer no
seu interior. Hoxe Deus resúltalles un "ser estraño". Todo o que está
relacionado con el, parécelles baleiro e sen sentido: un mundo infantil, cada
vez máis afastado.
Creo que a experiencia primeira e máis importante é
encontrarnos a gusto con Deus porque o percibimos como unha "presenza
salvadora". Cando unha persoa sabe o que é vivir a gusto con Deus porque,
a pesar da nosa mediocridade, os nosos erros e egoísmos, el nos acolle tal como
somos, e nos impulsa a enfrontarnos á vida con paz, dificilmente abandonará a
fe. Moitas persoas están hoxe a abandonar a Deus antes de coñecelo. Se
coñecesen a experiencia de Deus que Xesús contaxia, buscaríano.
Como signo de que queremos buscalo, de que queremos desa "auga viva", despois do vídeo imos realizar o sinal do cristián mollando os nosos dedos na auga bendita (No nome do pai, do Fillo e do Espírito Santo. Amén)
MARTES DÍA 25 MARZO: "No nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo"
Hoxe é o Día da Encarnación,
día en que as Fillas da Caridade volven dicir "SI" ao compromiso con Deus e cos demais. Volven dicir
"SI" con novas forzas para facer fronte a novos retos, sempre con
esperanza, sempre con alegría, dispostas a exercer o seu apostolado.
Moita xente pensa que axudar a outras persoas a ser
mellores cristiáns é tarefa de sacerdotes e relixiosos. Nada máis falso! Antes
de subir aos ceos, Xesús dixo que debiamos ser testemuñas súas ata os últimos
confíns da terra. Ser testemuñas súas significa falar de Deus aos nosos amigos,
invitalos a ir a Misa para recibir o Señor, preocuparnos e ocuparnos da súa saúde
espiritual, animalos a ser mellores cristiáns en cousas concretas, axudalos a
confesar, rezar algo con eles,….
Hoxe queremos recordar o que pediu a muller onte a Xesús,
pediulle Auga Viva.
Hoxe invítovos a
que cada un, se quere, tome a auga viva, que nos une á parroquia e a toda a
Comunidade Cristiá para seguir sendo apóstolos. Esta auga, as Fillas da
Caridade intentan levala a todos os que os rodean. Hoxe de xeito especial
queremos recordalas na nosa oración, porque un ano máis volven dicir SI dende o compromiso cos máis débiles,
a través dos seus votos de Pobreza, Obediencia, Castidade e Servizo aos Pobres.
Mentres escoitamos a canción realizamos o sinal do cristián mollando os nosos dedos na auga bendita (No nome do pai, do Fillo e do Espírito Santo. Amén)
AVE MARÍA
MÉRCORES
DÍA 26 MARZO: "No nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo"
Durante esta Coresma vímonos preparando para celebrar a
Pascua do Señor que significa morrer para poder resucitar con El.
Hoxe queremos mirarnos no espello de Cristo, para medir a
distancia entre a súa vida e a nosa, para sopesar o que nos sobra e o que nos
falta, para sentir a necesidade da conversión e abrirnos á graza do Espírito. Será un pouco longo, pero pagará a pena. Para empezar, visualizamos este vídeo:
Imos ter uns intres de reflexión persoal, para despois,
sentíndonos libres, participar do Sacramento da Penitencia e recibir o perdón.
Os nosos
pensamentos:
- Adoito xulgar e criticar os demais?
- Son envexoso ou avaricioso?
- Miro os demais con actitudes egoístas?
- Gústame ser o centro de todos aqueles que me rodean?
- Penso que os demais son os egoístas, os envexosos, os
que están cheos de defectos?
- Considérome mellor que os demais?
As nosas
palabras:
- Adoito insultar cando me enfado?
- É a miña linguaxe dun ton colérico e groseiro?
- Son dos que non din nada, pero 'as gardan para vingarse
no momento máis duro?
- Minto? Levanto falsos testemuños, rumores,…?
As nosas
obras:
- Fago as miñas obras con xenerosidade ou busco sempre a
miña interese, quedar ben,…?
- A miña relación con familiares, amigos e coñecidos,
está guiada por unha actitude de servizo ou por unha actitude de egoísmo?
- Busco o dominio, o pracer... ou pola contra teño unha
actitude de servizo?
O pecado de omisión pode ser considerado como o pecado do
mundo. Continuamente oímos falar de fame, de desemprego, de pobreza, de guerras,
de inmigrantes, de excluídos... Agora ben, non formamos nós parte desta
sociedade consumista que ao mesmo tempo se lamenta da pobreza e miseria de
tantos seres humanos?
- Non hai na miña vida amigos e coñecidos aos que podería
botar unha man, cos que podería ser máis amable e servizal?
- Busco o ben dos demais, ou soamente estou preocupado
polas miñas propias cousas?
- Na nosa sociedade hai anciáns abandonados, drogadictos,
deficientes, excluídos.... que fago eu por eles?
- Teño tempo para escoitar, para sorrir, para dar unha
palabra de ánimo...?
- Transmito optimismo aos que se encontran deprimidos e
sen ilusión?
- Son construtor de esperanza?
Talvez a miña resposta é dicirme que non podo facer nada, que estas cousas me superan e desbordan. De verdade creo que non podería achegar o meu gran de area dalgunha forma?
Despois deste exame non teñas medo a acudir con humildade ao sacerdote para que che dea a súa beizón, o perdón de Deus.
XOVES DÍA
27 MARZO: "No nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo"
A nosa semana vai rematando. Canto nos gustaría poder
dicir que conseguimos todo o que queremos en cada momento, pero non sempre é
así.
A nosa oración de hoxe queremos facela dende o silencio,
o encontro. Imos escoitar esta pregaria que nos achega a cumprir e coñecer a
vontade de Deus.
ORACIÓN
(dous coros)
Xesús... se eu coñecese o don de Deus...!
Se eu tivese unha experiencia de Deus!
Se eu coñecese o regalo infinito de Deus...!
Se eu seguise os sendeiros de Deus...!
Que distinta sería a miña vida...!
Xesús, dáme a coñecer o don de Deus...
Dáme a coñecer o regalo de Deus...
Dáme a gustar e sentir no meu corazón, o regalo infinito
de Deus...
Xesús, se eu coñecese o don de Deus...!
Xesús, quero coñecerte a ti...
Quero saber moito de ti...
Quero experimentar a túa presenza...
Quero escoitar a túa palabra, acoller a túa mirada...
Quero coñecer os teus sentimentos,...
Quero descubrir os teus pensamentos...
Xesús, quero coñecerte,... amarte... e servirte,...
Señor, dáme de beber desa auga...
Porque ti só podes saciar a miña sede...
Queda en silencio, ao lado de Xesús... Repítelle
lentamente:
Señor, dáme de beber...
Señor, dáme desa auga...
Para que non volva ter sede xamais...
Señor, dáme de beber...
Queremos rematar bendicindo por iso cantamos:
Xesús é, Xesús é Señor…
Mentres escoitamos a canción realizamos o sinal do cristián mollando os nosos dedos na auga bendita (No nome do pai, do Fillo e do Espírito Santo. Amén)
VENRES DÍA 28 MARZO: "No nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo"
Empezamos coa oración do Nosopai
ORACIÓN: EU SI TE COÑEZO
Meu Fillo/a:
Ti aínda non sabes o que es.
Non te coñeces aínda -quero dicir que non te recoñeciches
de todo- como obxecto do meu amor.
Por iso non sabes o que es en min e ignoras as
posibilidades que hai escondidas en ti.
Esperta e deixa os malos soños: esa fixación nos fracasos
e os fallos, nos cansanzos, caídas e pasos en falso.
Todo iso non é o teu verdadeiro eu. Déixate amar e guiar
e... xa verás!
As máscaras que levas e os disfraces que te pos poden
ocultarte aos ollos dos demais -quizais aos teus propios ollos tamén-, pero non
poden ocultarte aos meus.
Esa mirada, a túa mirada, que non é clara, anhelante, así
como as túas ambicións, apetencias, tan teus, tan fortes... todo iso non é o
teu verdadeiro eu.
Baixo todo iso, detrás de todo iso, máis alá das túas
dúbidas e o teu pasado, eu mírote, eu ámote, eu elíxote e abro as portas do ceo
para mostrarcho. Ti es un fillo a quen quero.
Podería dicir tantas cousas...!
Non dese ti que busca disfraces, máscaras; senón do ti
que permanece no meu corazón e que arrolo como Pai/Nai no meu regazo, do ti que
pode aínda manifestarse...
Fai visible o que es para min. Sé o soño feito realidade
de ti mesmo.
Activa as posibilidades que en ti puxen. Non hai ningún
don ao que non poidas aspirar. Levas o meu selo, o meu sangue e espírito.
Ámote, libérote,... Ábrote á vida e fágoche dono. E se
todo isto é o que eu fago, que che impide levantarte, andar e ser? Estás no mundo
polo teu ben e o meu querer. AMÉN
Rematamos esta terceira semana de Coresma pedindo que o
noso amor sexa limpo, e o vivamos como algo fundamental na nosa vida de
encontro co Deus da vida e da Historia.
Mentres escoitamos a canción realizamos o sinal do cristián mollando os nosos dedos na auga bendita (No nome do pai, do Fillo e do Espírito Santo. Amén)
No hay comentarios:
Publicar un comentario