viernes, 9 de enero de 2015

CICLO B, SEMANA 12-16 XANEIRO

LUNS 12 de xaneiro. NO NOME DO PAI, DO FILLLO E DO ESPÍRITO SANTO. AMÉN

A todos nos ten pasado que en momentos importantes, mesmo decisivos da nosa vida, cando tiñamos que dicir e expresar o que pensabamos, o xeito de abordar unha cuestión ou a necesidade de mostrar a desconformidade diante dunha cuestión que nos ocupaba, ternos calado. Si, demos a calada, o silencio, por resposta, converténdonos en cohibidos, cómplices ou colaboradores dunha situación coa que non estabamos de acordo.
Verdade que nos ten pasado así? Pois ben, na esta lectura do Evanxeo móstranos a Xes manifestándose como o Mesías, o enviado de Deus, o Fillo que comeza a facer pública a encomenda do seu Pai. E faino sen medo, consciente de cal era a súa tarefa, e sen ningún tipo de medos nin complexos. Todo o camiño que nos abriu para que o seguiramos.

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

         Naquel tempo, Xoán proclamaba:

         ‑ Detrás miña está a chegar o que é máis forte ca min, perante quen non son digno de prostrarme para lle desatar os amallós do seu calzado. Eu bauticeivos con auga, pero el havos bautizar no Espírito Santo.

         E aconteceu por aqueles días que chegou Xesús desde Nazaret de Galilea, e Xoán bautizouno no Xordán.

         E de seguida, mentres saía da auga, viu abrirse o ceo e baixar sobre el, coma unha pomba, o Espírito Santo. E unha voz deixouse oír desde o ceo:

-       Ti es o meu fillo benquerido, o meu predilecto.

                  Palabra do Señor                              R/. Loámoste, Cristo

REFLEXIÓN
Podemos afirmar que a nós bautizáronnos, que eramos pequenos, que nos meteron no club sen pedimos opinión ... pero tampouco debemos esquecer que hoxe, no aquí e agora de cadaquén, ninguén nos obriga a ser crentes, a confesar a fe, a orar, e moitas máis cousas en relación coa nosa fe. Pero se o facemos, non podemos esquecer todo canto iso nos compromete e esixe. Ser cristián no medio do mundo, con capacidade de facer escoitar a voz e non deixarse enganar polo interese persoal, non é doado.
O bautismo non é máis ca un sinal de que comezamos un camiño que temos que ir facendo cada día, en comunidade. Este é o reto. Seremos capaces de acollelo?

ORACIÓN (DOUS COROS)

QUERO SER UN BUSCADOR

Xesús,
quero ser coma ti:
un buscador.

Non quero dicir cada día
as mesmas palabras,
nin andar os mesmos camiños cada día.

Non quero mirar para o ceo
cos mesmos ollos cada día;
nin tentar a terra e a xente
coas mesmas mans
e o mesmo corazón cada día.

Xesús,
non quero contentarme co que eu son,
nin coa comunidade que temos,
nin con este mundo que nos deches
e que nós fomos facendo.

Xesús,
quero ser un buscador,
quero estar coas portas sempre abertas,
para recibir o que veña de fóra
e botar a andar cada día
polos camiños dos soños e das esperanzas.

Xesús,
mantén o meu ánimo co teu espírito
e faime forte no teu seguimento.



MARTES 13 de xaneiro. NO NOME DO PAI, DO FILLLO E DO ESPÍRITO SANTO. AMÉN

2015, ANO FRANCISCANO
Este ano celébrase o VIII Centenario da peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela. Segundo a tradición crese que entre novembro de 1213 e a semana santa de 1215 San Francisco debeu realizar a peregrinación a Compostela.
Queremos aproveitar para reflexionar sobre un aspecto da figura do santo: o itinerario da súa fe. É impresionante o legado de San Francisco de Asís pola súa transcendencia e a súa actualidade. A súa humildade, a súa renuncia aos bens materiais, o seu amor a Cristo, a súa visión de respecto á natureza, o levar á práctica o evanxeo, son aspectos moitísimo máis que admirables. Podemos preguntarnos en que medida poden axudarnos as súas ensinanzas. En primeiro lugar, pódenos servir de guía na nosa vida diaria a súa espiritualidade. O seu proceso de renuncia aos bens materiais é unha vía que dá sentido pleno á existencia, que abre un camiño seguro no medio da excesiva frondosidade de tantas cousas superfluas como o consumismo tende ante nós. É unha luz salvadora ante a escuridade das paraxes que debemos percorrer no noso día a día. Por iso Francisco é un itinerario vivinte, dinámico: o itinerario da Fe. Francisco experimentou na súa mocidade un grande baleiro, como lle acontece a moitos mozos nun momento da súa vida. Francisco pasou das súas ambicións persoais ao proxecto de Deus. Descubriu que a Fe é como unha luz no medio da escuridade máis inmensa. Penetrará nela sabendo que é o contrario do medo. Terá valentía, arriscarao todo. Renunciará a guiar a propia vida por si só para abandonarse ao querer de Deus e entrar no seu Proxecto de amor para con todos nós. A conversión de Francisco é o desexo do home que se abre ao desexo de Deus e Deus invadirá todo o espazo e todo o tempo. Francisco buscará a Deus sempre e en todas partes. Sabe que hai moitas cousas que obstaculizan a presenza de Deus por iso crer, para Francisco, é superar moitas barreiras para atreverse a poñer ese acto de confianza na chamada de Deus.
O centro da espiritualidade de Francisco é escoitar a Deus, buscar a Deus, deixarse amar e moldear por El, deixarse guiar pola súa Santa Vontade, ou sexa, a dispoñibilidade interior ao Espírito do Señor.
A paternidade de Deus fai posible a fraternidade universal e Francisco saca disto a súa idea de invitar a todos os homes e criaturas a recoñecerse irmáns e irmás. Despois Francisco mirou a Cristo, rostro de Deus e viuno facerse irmán de pobres, ricos, marxinados, publicanos, pecadores e rexeitar toda forma de poder e dominación e entregar a súa vida polos seus irmáns.

ORACIÓN.
Hoxe imos rezar cunhas palabras que se atribúen a san Francisco:

Señor, fai de min un instrumento da túa paz.
Que onde houber odio, eu poña amor.
Que onde haxa ofensa, poña eu perdón.
Que onde houber discordia, poña eu a unión.
Que onde haxa erro, eu poña a verdade.
Que onde houber dúbida, eu poña a Fe.
Que onde haxa desesperación, poña eu a esperanza.
Que onde houber tebras, poña eu a luz.
Que onde haxa tristura, eu poña a alegría.

Oh Señor, que eu non procure tanto ser consolado, senón consolar,
ser comprendido, senón comprender,
ser amado, senón amar.

Porque é dándose como se recibe,
é esquecéndose dun mesmo como se encontra un a si mesmo,
é perdoando, como se é perdoado,
é morrendo como se resucita á vida eterna.




MÉRCORES, 14 de xaneiro. NO NOME DO PAI, DO FILLLO E DO ESPÍRITO SANTO. AMÉN

2015, ANO DA VIDA CONSAGRADA
Unha das cousas que se van celebrar este ano é o ano da vida consagrada. A celebración está enmarcada dentro de todos os acontecementos que se están a celebrar estes anos para conmemorar o 50 aniversario do Concilio Vaticano II.

Preguntarédesvos que é iso da vida consagrada. Pois, por dicilo dun modo sinxelo, trátase de todas as persoas que decidiron dedicar a súa vida dun modo especial a Deus e aos demais. Son todos os que forman as distintas congregacións e ordes relixiosas e os institutos de vida apostólica. Moitos simplemente usades as palabras monxas e frades para referirvos a eles, pero é algo máis.

Os relixiosos e relixiosas tratan de imitar coa súa vida a Xesús dun modo especial, levando á práctica os valores do evanxeo con máis radicalidade. Fano desde moitos estilos de vida distintos: hai quen vive nun convento dedicado á oración, outros dedícanse á educación, outros aos enfermos, outros á atención aos máis pobres, ás misións, etc. Pero todos teñen unha cousa en común: intentar mostrar a todo o mundo que o Evanxeo é unha boa noticia e que Xesús pode dar sentido á vida.

O Papa Francisco invitou aos relixiosos e relixiosas a ter unha mirada de esperanza e a ser profetas no mundo, sendo testemuñas da misericordia de Deus Pai.

Hoxe é un bo día para agradecer a todos os relixiosos e relixiosas a tarefa que levan a cabo, sobre todo aqueles que están traballando en situacións máis difíciles. E tamén é un bo día para pedir por eles e para pedir que siga habendo persoas que se animen a dar toda a súa vida aos demais, seguindo a Xesús.

LECTURA DO EVANXEO SEGUNDO SAN MATEO
Xesús díxolle aos seus amigos: “Ide e facede discípulos aos habitantes de todas as nacións, bautizándoos no nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo, e ensinándolles a cumprir todo o que vos teño mandado. E sabede que eu estou con vós todos os días ata a fin do mundo” (Mt 28, 19-20)



XOVES, 15 de xaneiro. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO. AMÉN

2015, ANO TERESIANO
Comezamos un novo ano e un novo trimestre e sempre é momento de facer planificacións e bos propósitos e tamén de revisar o calendario e as efemérides que nel haberá. Neste sentido van os bos días de hoxe, centrarémonos nunha efeméride que xa comezou no mes de outubro do ano pasado: trátase do ano Teresiano.
O Papa Francisco concedeu a graza de Ano Xubilar Teresiano para todas as dioceses de España, desde o día 15 de outubro de 2014 ata o 15 de outubro de 2015, coa finalidade de celebrar con solemnidade o V Centenario do nacemento de Santa Teresa de Xesús.
Seguro que todos escoitastes falar de Santa Teresa, a súa vida resulta interesante en ámbitos culturais, literarios, relixiosos, espirituais e místicos.
Natural de Ávila, cidade na que están programados numerosos actos con motivo deste ano xubilar, esta santa cultivou desde moi pequena o seu espírito loitador e místico lendo os libros de cabalerías, que eran os libros de aventuras da época. Máis tarde fíxose relixiosa, pero como era unha persoa inqueda e activa, fundou unha orde nova con varios conventos por España, as carmelitas.
Foi unha gran escritora e con San Juan de la Cruz, considérase a santa Teresa de Xesús o cume da mística experimental cristiá, e unha das grandes mestras da vida espiritual na historia da Igrexa. Varios libros que escribiu quedaron sen publicar á súa morte.
Santa Teresa transmite con espontaneidade a súa experiencia persoal. Foi unha muller cunha importante experiencia de oración e de fe, aínda que ela recoñece que durante algúns anos este tema custoulle moito, coincidindo cunha época de enfermidades. Despois tivo algunhas experiencias místicas, que algúns consideraron imaxinarias, pero ela estaba segura de que eran certas porque a axudaron a reforzarse nas súas virtudes (sobre todo a humildade) e no seu ideal de servir a Deus e aos demais.
Ano xubilar significa ano da reconciliación, de perdón, de renovación. Ano da solidariedade e a esperanza, da xustiza, do empeño por facer as cousas como Deus quere. Neste campo Santa Teresa dános moitas ideas, pero nós no noso día a día no colexio, na familia, cos amigos, tamén podemos levar á práctica a reconciliación, a solidariedade, en pequenos xestos. E tamén nos invita a ser persoas que, desde a oración, vaiamos descubrindo o que Deus quere de nós.

Oración:
Respondemos todos: grazas, Pai, polos teus regalos.
·      Porque nos regalas un ano novo che ode posibilidades de crecemento e de felicidade, dicímosche....: Grazas, Pai, polos teus regalos.
·      Porque nos dás a oportunidade de corrixir o que vai mal nas nosas vidas e comezar a mellorar día a día, dicímosche: Grazas, Pai, polos teus regalos.
·      Porque nos regalas amigos e amigas cos que convivir e traballar nesta nova etapa, dicímosche: Grazas, Pai, polos teus regalos.



VENRES, 16 de xaneiro. NO NOME DO PAI, DO FILLLO E DO ESPÍRITO SANTO. AMÉN

2015, OUTRAS EFEMÉRIDES
O pasado mes de novembro cumpríronse 25 anos dun dos acontecementos máis importantes da historia actual, a caída do muro de Berlín. Foi a noticia máis importante que circulou no mundo entre os días 9 e 10 de novembro de 1989.
Este muro erixido por máis de 28 anos, separou a irmáns, familiares e amigos, dividindo a Alemania en dúas. Foi un intento por desmembrar á xa azoutada nación que fora repartida como refugallo de guerra entre os ganadores da Segunda Guerra Mundial. O “Muro da vergoña” como tamén se lle chamou, foi testemuña de máis de cen persoas masacradas por cometer o seu único crime: Tratar de derrubalo!
E o triste é que hoxe en día outras murallas e valados mantéñense tan firmes coma os cimentos que sosteñen as súas intencións, e destes apenas se fala: O “Muro da Tortilla”, construído co propósito de deter aos emigrantes latinos en territorio estadounidense, que xa cobrou máis vidas xuntas que o Muro de Berlín en todos os seus 28 anos de existencia; o valado de Palestina, barreira levantada polo goberno de Israel que separa aos colonos palestinos; ou ata o muro de Irlanda, que separa á nación en dous grandes bloques, paradóxicamente aos evanxélicos e os católicos.
Non todos os muros teñen a intención de servir como estruturas de demarcación ou protección. É máis, hai outras barreiras invisibles á vista humana, pero perceptibles nas súas manifestacións cuxo fin é o mesmo: separar, dominar, illar, incomunicar ou impoñerse ideolóxicamente sobre outros.
Que dicir daqueloutros muros que impiden o acceso á educación, á saúde e aos servizos básicos a millóns de persoas que se atopan en extrema pobreza? Ou que daqueloutros que se levantan coa indiferenza social?
Para rematar, nin que dicir ten que tamén ensanchamos os nosos muros cando xulgamos a outros pola súa cor de pel, relixión, nacionalidade, etnia ou posición social.
Todas aquelas barreiras que curtan os soños, conteñen a xustiza, oprimen aos nosos semellantes, promoven a indiferenza, son muros que nacen no recóndito dos nosos corazóns.
As palabras do Papa Francisco no aniversario destes 25 anos son a mellor lección que podemos aprender deste feito histórico que marcou á humanidade: “Que caian todos os muros que aínda dividen ao mundo e que exista unha cultura do encontro. Que non volva suceder que persoas inocentes sexan perseguidas e asasinadas por mor das súas crenzas ou relixión. Onde hai un muro hai unha clausura do corazón. Fan falta máis pontes e non muros.”.


ORACIÓN (xuntos):
Padre, cada día traballamos
con constancia e con vigor;
cada día construímos unha Escola algo mellor.
Cada día sementamos
sementes con ilusión;
cada día recollemos
o froito que madurou.
Cada día abrimos
a mente e o corazón;
cada día imos logrando
o grande milagre da unión. Amén.

A continuación propoñémosvos visualizar un vídeo e comentalo. É un pouco longo pero paga a pena (e, se non pode ser agora, tamén vos vale para a titoría)

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Archivo del blog