viernes, 30 de enero de 2015

SEMANA 2-6 FEBREIRO (4ª TEMPO ORDINARIO_B) E CAMPAÑA CONTRA A FAME

LUNS 2 FEBREIRO 2015. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO

A palabra é unha arma poderosa que podemos usar de xeito negativo ou positivo. Convéncenos unha persoa que sabe argumentar as súas ideas e causas, pónsenos a pel de galiña cando escoitamos a alguén recitar un poema con sentimento, acoden as bágoas aos nosos ollos cando alguén a quen queremos nos fire coas súas palabras, sorrimos e mesmo se nos soben as cores cando alguén nos dirixe unhas palabras de amor ou gaba algo de nós....
Pois ben, a Palabra é tamén a que nos convoca nesta mañá. Unha Palabra con autoridade, que non con autoritarismo, que sae ao noso encontro para ser caxato na nosa vida. Escoitaremos a súa voz ou endureceremos o noso corazón?.

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
            Naquel tempo viñeron a Cafarnaúm e, ao chegar o sábado, Xesús púxose a ensinar na sinagoga.
            Todos estaban abraiados da súa doutrina, pois ensinaba coma quen ten autoridade, non coma os letrados. E cadrou que había naquela sinagoga un home posuído por un mal espírito, e púxose a berrar:
            ‑ Que temos que ver contigo, Xesús de Nazaré? Seica viñeches para acabar connosco? Ben sei quen es ti: ti es o Santo de Deus.
            Xesús mandoulle:
            ‑ Cala, e bótate fóra dese home.
            O espírito malo sacudiuno, pegou un berro moi alto e saíu del. Todos ficaron pasmados, e discutían entre si, dicindo:
            ‑ Que é isto? Unha nova doutrina, e con autoridade; enriba, dálles ordes aos espíritos malos, e eles obedéceno.
            E a súa sona espallouse de contado por toda a rexión de Galilea.

                        Palabra do Señor                                 R/. Loámoste, Cristo

Neste mundo desencantado e aburrido, no que nada nin ninguén consegue chamar a nosa atención;  neste mundo tan falto de esperanza e de boas novas, o Evanxeo pasa sen pena nin gloria. Por que? A xente non quere compromisos, a xente non conecta con El, a xente non o considera unha boa nova, a xente non está disposta a cumprir as súas esixencias.... 
A Palabra invítanos a mirar ao noso redor e preguntarnos: onde están os profetas hoxe?, quen son os que anuncian, sen necesidade de facer cousas extravagantes e raras, a Xesucristo?.
Xesús segue suscitando nas persoas actitudes de compromiso, loita e traballo a prol das cousas do mundo, para cambialas e construír o Reino de Deus. Seguen xurdindo homes e mulleres coma os misioneiros que, deixándose levar pola forza da Palabra, son no medio do mundo ollos, boca e mans do mandado de Deus: amádevos.



MARTES 3 FEBREIRO 2015. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO

Moitas veces, ao longo do curso, no noso colexio chamamos a atención sobre problemas e realidades sociais dos lugares máis desfavorecidos do mundo. Pero temos que darnos conta de que, sen percorrer tantos quilómetros, moi preto de nós hai xente que ten moitas dificultades para saír adiante.

As redes sociais achégannos e presentan realidades que requiren a nosa atención e esperten a nosa solidariedade que comeza interesándonos e sensibilizándonos coa realidade.

A realidade social dos nenos, nenas, adolescentes e mozos en situación de exclusión cada día é máis alarmante. E esta realidade tócanos de preto e por iso dedicamos esta semana a estes temas.

Recordade a postura de Xesús de Nazaret que é de acollida persoal e de esixencia ante a vida; sempre pide máis a favor dos máis necesitados. Recordade o exemplo do mozo que tiña moitos valores, mesmo era rico, e Xesús lle pide que o siga e axude os máis necesitados.

Como cristiáns e vicencianos, debería dicirse de nós que "somos persoas que cremos na xustiza, a solidariedade, o amor e a paz e que traballamos por lograr un mundo mellor, por facer realidade o dereito das persoas máis necesitadas a unha vida máis digna".

Palabra de Deus
Do Evanxeo segundo san Mateo 5, 1-12
Vendo a multitude, subiu ao monte, sentou, e os seus discípulos achegáronselle. E, tomando a palabra, ensinábaos dicindo: «Benaventurados os pobres de espírito, porque deles é o Reino dos Ceos. Benaventurados os mansos, porque eles posuirán en herdanza a terra. Benaventurados os que choran, porque eles serán consolados. Benaventurados os que teñen fame e sede da xustiza, porque eles serán saciados. Benaventurados os misericordiosos, porque eles alcanzarán misericordia. Benaventurados os limpos de corazón, porque eles verán a Deus. Benaventurados os que traballan pola paz, porque eles serán chamados fillos de Deus. Benaventurados os perseguidos por causa da xustiza, porque deles é o Reino dos Ceos. Benaventurados seredes cando vos inxuríen, e vos persigan e digan con mentira toda clase de malo contra vós pola miña causa. Alegrádevos e regocixádevos, porque a vosa recompensa será grande nos ceos; pois do mesmo xeito perseguiron os profetas anteriores a vós.



MÉRCORES 4 FEBREIRO 2015. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO

O país máis pobre de América, Haití, quedou devastado tras o terremoto sufrido en xaneiro de 2010, posúe ademais o problema dos nenos e nenas escravos domésticos. Trátase dunha explotación xerada pola falta de recursos das súas familias que viven en ámbitos rurais moi pobres, remotos e sen oportunidades e que se confía a outras familias, tamén pobres pero de ámbitos urbanos, coa esperanza de que, a cambio dos traballos do neno nas tarefas do fogar, poidan acceder a máis oportunidades, que por desgraza nunca chegan.
Estes nenos, máis de 300.000, non teñen infancia nin dereitos, con frecuencia son maltratados e humillados, perden a relación coas súas familias e traballan sen descanso. Non teñen dereito a educación, asistencia sanitaria, salario e moitas veces mesmo nin a porción elemental de alimento. Son vulnerables a calquera abuso que se cometa sobre eles e non teñen a ninguén que os defenda.
As Fillas da Caridade atenden aquí centros de acollida, formación primaria e profesional destes nenos na defensa dos Dereitos da Infancia haitiana.


Xesús preséntanos unha actitude acolledora e de bendición para desexarlles todo ben aos máis débiles. A Familia Vicenciana colabora con proxectos sociais de atención á infancia e xuventude en diversos países do Terceiro Mundo (Almorzos Haití, Becas, etc…) .


Palabra de Deus
Do Evanxeo segundo san Mateo 19,13-15
Naquel tempo, presentárono a Xesús uns nenos para que lles impuxese as mans e orase; pero os discípulos disputábanos. Mais Xesús díxolles: «Deixade que os nenos veñan a min, e non llelo impidades porque dos que son coma estes é o Reino dos Ceos». E, despois de impoñerlles as mans, foise de alí. Palabra de Deus


NOSOPAI


XOVES 5 FEBREIRO 2015. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO
A noticia saltou a mediados do 2013. Unha nena esquecida nunha latrina.
Hai criaturas que ao nacer xa arrastran unha condena. Joseph quedou orfo no paritorio hai seis horas e o seu pai acaba de deixalo na porta dunha Igrexa, o único recurso para os orfos do Congo. Agora dorme o seu primeiro sono arrolado por Beatrice, a muller que coidará del ata que se faga maior de idade ou a familia o reclame. Esta congolesa, nai de dous fillos, non só se ocupa de todos os menores sen pai da cidade, senón que ademais adoptou un.
Ao lado de Joseph descansa Herminia, unha nena de poucos días á que deixaron abandonada nas latrinas dun campo de desprazados. Ou Jean, cuxa nai o deixou tirado nunha rúa da cidade porque naceu cunha minusvalía. Nesta sala xa non hai penas. Dá igual que fóra zumbe a artillaría. Unha vintena de recén nacidos terá un futuro (bo ou malo, pero futuro) grazas ao labor dos que traballan neste e noutros orfanatos fundados por relixiosos.
Cantidade de mozos dedican parte do seu tempo libre a axudar a outros que o necesitan máis. Non é cuestión só de dar diñeiro, é dedicar a nosa vida a axudar dalgún xeito os demais, de modo especial aos que máis o necesitan.

Oración
Felices os que camiñan xuntos,
en busca comunitaria do Reino
Os que se axudan nas boas e nas malas,
os que aprenden que máis poden dous xuntos que un só.

Felices TODOS os que pensan primeiro no irmán
e que encontran a seu alegría e o sentido da vida
en traballar polos demais e polo Reino
e polo Señor vivo en medio de nós.
Olvidado, marxinado, so e abandonado
nos rostros de mozos,
de anciáns, de mulleres soas,
de desempregados e de tantos outros.

FELICES OS QUE OS QUE VIVEN
O MANDAMENTO DE AMAR A DEUS NO IRMÁN.
E no medio do egoísmo e indiferenza,
Felices os que encontran que este amor
hoxe revélase nun camiño: ser solidario, SER SOLIDARIO.



VENRES 6 FEBREIRO 2015. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO
O vindeiro domingo celebramos a Campaña contra a Fame e a Pobreza.
Coa campaña, Manos Unidas 2015 pretende motivar á sociedade en xeral, e ás institucións públicas, medios de comunicación e empresas, para que tomen conciencia de que son tamén responsables da erradicación da pobreza. É o que quere expresar o lema da Campaña Mans Unidas 2015: "Loitamos contra a pobreza, apúntaste? " Para loitar contra a pobreza na campaña Mans Unidas 2015 denunciamos as súas causas e poñemos en marcha accións concretas para rematar con ela.

Chegou o momento de asumir un maior compromiso en traballar a favor dun modelo de sociedade que -facéndonos eco das palabras do Papa Francisco- non exclúa aos desfavorecidos, os máis empobrecidos, os menos dotados.

Por iso, Mans Unidas promove a solidariedade dos individuos e dos colectivos de toda a sociedade española non só denunciando as causas da pobreza senón tamén poñendo en marcha accións concretas para rematar con ela pedindo ás institucións educativas que velen por unha educación que inclúa a todos, denunciando as causas que impiden o desenvolvemento dos máis pobres, denunciando as inxustizas e a vulneración de dereitos fundamentais, e sendo a voz dos “sen voz”.

NOSOPAI



No hay comentarios:

Publicar un comentario

Archivo del blog