Esta semana, o calendario litúrxico
lémbranos que volvemos ao tempo ordinario, e facémolo che@s de esperanza
e de novos folgos despois da graza que quixeron supor na nosa vida o
tempo de advento e o de Nadal. O extraordinario pasou. É tempo de poñelo en
práctica: as ilusións, os propósitos, a vida ateigada de proxectos... E todo,
coma sempre, na compaña de Deus, que se achega para cambiar a auga da
mediocridade, da inxustiza, do abuso e da mentira no viño novo de xustiza,
creatividade, coherencia e misericordia. Un Deus que nos bendí cos seus dons,
coas calidades que pousa no corazón de cada un e cada unha de nós e que non son
para enterrar, senón para poñer ao servizo do ben común, para compartir e así
complementarnos mutuamente.
“Facede o que El vos diga”. Que as palabras
de María que imos proclamar no evanxeo de hoxe nos poñan en disposición de
escoitar, celebrar e vivir unha Palabra que sempre é actual.
Lectura do santo Evanxeo segundo San Xoán 2, 1-12
Naquel tempo, había unha voda
en Caná de Galilea e a nai de Xesús estaba alí; Xesús e os seus discípulos
estaban tamén convidados á voda.
Faltou o viño e a nai de Jesús
díxolle:
-Non queda viño.
Xesús contestoulle:
- Muller, déixame, aínda non
chegou a miña hora.
A súa nai dixo aos serventes:
- Facede o que el diga.
Había alí colocadas seis tinas
de pedra, para as purificacións dos xudeus, duns cen litros cada unha.
Xesús díxolles:
- Enchede as tinas de auga.
E enchéronas ata arriba.
Entón mandoulles:
- Sacade agora, e levádello ao
mordomo.
Eles leváronllo.
O mordomo probou a auga
convertida en viño sen saber de onde viña (os serventes si o sabían, pois
sacaran a auga), e entón chamou ao noivo e díxolle:
- Todo o mundo pon primeiro o
viño bo e cando xa están bebidos, o peor; ti en cambio gardaches o viño bo ata
agora.
Así, en Caná de Galilea Xesús
comezou os seus signos, manifestou a súa gloria e creceu a fe dos seus
discípulos nel.
Despois baixou a Cafarnaúm coa
súa nai e os seus irmáns e os seus discípulos, pero non quedaron alí moitos
días.
Palabra do
Señor
A voda é un símbolo frecuente para expresar a alianza de Deus co seu pobo,
no sentido de canto ten de festa, de compromiso, de entrega, de vida en común.
Agora ben, o relato das vodas de Caná vai máis alá, pois quere expresar o paso
da relixiosidade dos xudeus á relixiosidade de Xesús.
MARTES 19 XANEIRO 2016. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO
A imaxe do gran de mostaza proposta por
Xesucristo ao referirse á Igrexa ben pode aplicarse á Infancia Misioneira que
celebraremos o vindeiro domingo 24 de xaneiro. Naceu como unha iniciativa
humilde, integrada por un grupo de nenos a quen se pedía sinxelamente unha
Avemaría ao día e unha pequena esmola ao mes. Despois de moitos anos, creceu e
desenvolveuse ata o punto de acubillar baixo as súas ramas a millóns de nenos,
procedentes de máis de 130 países. A súa finalidade é ofrecerlles a eles, os
predilectos do Señor, algúns recursos para crecer e madurar como persoas e como
cristiáns, a través do labor educador dos seus pais, mestres e catequistas.
Froito desta convicción é desenvolver,
desde a perspectiva misioneira, as dimensións da iniciación cristiá. Este ano,
o obxectivo é axudar a todos os nenos a descubrir a orixe do que somos e do que
temos.
Xesús, cos seus xestos e palabras, inicia
os seus discípulos no recoñecemento de que todo o recibido é pura gratuidade de
Deus. Desta certeza brota a oración de acción de grazas.
ORACIÓN
Recoñece, amigo, que a vida non che quita
cousas:
libérate de cousas
Alíviate para que voes máis alto,
para que alcances a plenitude.
Por iso, o que chamas problemas, son leccións;
o que morre, simplemente adiántasenos;
cara alá imos todos.
Ademais, o mellor del, o amor, segue no teu
corazón.
Non hai morte, hai mudanza.
Fai só o que amas e serás feliz.
Deus mándache flores cada primavera.
El mándache un amencer cada mañá.
El pode vivir en calquera parte do
universo,
pero escolleu o teu corazón.
Está tolo por ti!
Esta mañá escoita a voz de Deus,
dun Deus que fala no teu corazón.
A súa palabra silenciosa é medicamento para
a alma.
Dille, simplemente, GRAZAS
MÉRCORES 20 XANEIRO 2016. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO
ESPÍRITO SANTO
A
finalidade da Xornada misioneira deste ano é suscitar nos nenos a acción de
grazas por:
- O don
da creación. Ao contemplar a natureza, convén promover unha corrente de
gratitude e respecto pola beleza de tantas cousas que proceden da bondade de
Deus.
- O don
da vida. Os bens dispoñibles para a subsistencia, como a comida, a vivenda, a
saúde, o vestido, a convivencia, etc., son agasallos concedidos por Deus a
través da bondade e xenerosidade dos demais.
- O don
da fe. Entre os dons recibidos destaca este, o cal nace de que alguén nos
trouxo a boa noticia de que Deus é o noso Pai.
- O don
de ser “pequenos misioneiros”. Somos protagonistas desta corrente anunciadora
da bondade de Deus. Coa oración e xenerosidade, e co servizo aos demais, somos como os
misioneiros que un día saíron da súa terra para estar moi preto dos que máis o
necesitan.
Para o
neno de Infancia Misioneira, a palabra ” Grazas” non é unha simple resposta de
educación ou convencional: ha ser expresión do que realmente sente no seu
corazón.
XOVES 21 XANEIRO 2016. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO
EVANXEO de San Mateo
“Porque
estiven famento, e vós déstesme para comer; estiven sedento, e déstesme de
beber; cheguei como un estraño, e recibístesme na vosa casa; non tiña roupa e
déstesma; estiven enfermo, e visitástesme; no cárcere, e fostes verme”.
REFLEXIÓN.
A canta
xente axudamos cando realmente o necesita? Canto estamos dispostos a axudar a
outras persoas: familiares, amigos, veciños ou, mesmo, descoñecidos? Só nos
esforzamos polos nosos ou somos capaces de axudar ao que non coñecemos? Que son
para os demais: un barrote frío e ríxido, ou unha man dadora de esperanza?
ORACIÓN FINAL
Pedímosche
Señor para que nos fagas reflexionar e así podamos agrandar o noso corazón. Non
queremos ser fríos, insensibles e crueis como un barrote do cárcere, queremos
ser persoas que rompen coas barreiras dos prexuízos e que estenden as súas mans
para axudar aos demais e levarlles un gran sorriso, que lles faga esquecer os
seus sufrimentos.
Roguemos
ao Señor.
SE TEDES TEMPO, ESTE VÍDEO PODE SER INTERESANTE ...
VENRES 22 XANEIRO 2016. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO
Sobre os camiños da vida, en cada encontro,
Deus pon en nós o desexo de encontralo nos demais, de acoller a todos, de ser
sensibles para escoitar o que nos quere dicir a través das persoas que están ao
noso lado, en especial dos máis necesitados. Hoxe invítanos a sentirnos
reunidos no seu nome e a ser as súas testemuñas. Debemos contribuír no ben da
humanidade e colaborar na tarefa de facer un mundo mellor. Iso é o que nos
recorda tamén o día da Infancia Misioneira que celebramos este domingo, 25 de
xaneiro. Esta Obra presta un servizo para a animación misioneira co fin de
movernos a compartir a fe e os medios materiais cos nenos das Igrexas máis necesitadas
do mundo enteiro. Cada parroquia, cada Diocese e a Igrexa universal poden
sentir como propia esta Obra da Infancia Misioneira.
Oremos, pois,
por toda a Igrexa que, unida, procura a construcción dun mundo máis xusto e
humano para todos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario