domingo, 27 de marzo de 2016

FELIZ PASCUA DE RESURRECCIÓN! ALELUIA!

Martes, 29 de marzo. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO

XESÚS RESUCITOU

EVANXEO: Mt 28, 5-7a

O anxo falou ás mulleres: «Vós non temades, xa sei que buscades a Xesús o crucificado. Non está aquí: resucitou!, como dixera. Vide ver o sitio onde xacía e ide á présa a dicir aos seus discípulos: Resucitou de entre os mortos e vai por diante de vós a Galilea. Alí verédelo»

REFLEXIÓN
Terminamos a Semana Santa coa gran festa dos cristiáns: a Pascua de Resurrección. Os domingos de cada semana do ano celebran precisamente iso.
A dor e a morte non son a última palabra. Por moi difícil que apareza ante nós a realidade do noso mundo, das nosas vidas, cos seus problemas e dificultades, cos seus sufrimentos e abafos, Deus ofreceunos unha porta para a esperanza.
As mulleres e os apóstolos quedan desconcertados ao non atopar o corpo do Señor. Eles máis tarde entenderon todo. O corpo de Xesús, morto na cruz, xa non estaba alí. Pero non porque fose roubado, senón porque resucitara. Creron o que Xesús dixera antes da súa Paixón e convertéronse nos seus seguidores.

A eles custoulles entender, pero cando o fixeron as súas vidas transformáronse. Posiblemente ti tamén teñas dúbidas ou haxa cousas que non entendas. Non desistas nunca, busca a Deus. Como os apóstolos, tamén a ti poderás descubrir ao Señor resucitado. Déixao entrar na túa persoa.

ORACIÓN FINAL:
Grazas, Pai,
porque resucitaches ao teu fillo Xesús.
Grazas, Xesús,
porque os que cremos en ti
tamén un día resucitaremos contigo.
Grazas por ofrecernos unha vida
que non termina nunca e que nos leva a ti.
Grazas, Señor.



Mércores, 30 de marzo. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO

LUZ NA ESCURIDADE

EVANXEO: Mt 5, 14-16
Vós sodes a luz do mundo. Non se pode ocultar unha cidade posta no alto dun monte. Tampouco se acende unha lámpada para metela debaixo do celemín, senón para poñela no candelero e que alume a todos os de casa. Brille así a vosa luz ante os homes, para que vexan as vosas boas obras e dean gloria ao voso Pai que está nos ceos.

REFLEXIÓN
Un dos símbolos máis representativos do tempo de Pascua é O CIRIO PASCUAL.
O cirio pascual é unha gran vela, normalmente adornada con pinturas, que se acende na Vixilia Pascual e simboliza a Cristo Resucitado, Luz que vence á escuridade.
No medio da escuridade (toda a celebración faise de noite e empeza coas luces apagadas), dunha fogueira previamente preparada, acéndese o Cirio. Adoita ter unha inscrición en forma de cruz, acompañada da data do ano e das letras Alfa e Omega, a primeira e a última do alfabeto grego, para indicar que El está entre nós agora e por toda a eternidade, así mesmo, lémbranos que El é o principio e fin de todas as cousas.
Na procesión de entrada do Vixilia Pascual cántase por tres veces a aclamación ao Cirio: “Luz de Cristo. Deamos grazas a Deus”. Mentres, progresivamente, vanse acendendo os cirios dos presentes e as luces da igrexa.
O Cirio estará acendido en todas as celebracións da Pascua, á beira do ambón da Palabra. Ao longo do ano, acenderase tamén nos Bautizos e nos funerais. Un cristián participa da luz de Cristo ao longo de todo o seu camiño terreo, de aí o acendelo ao principio e ao final da vida.

A mensaxe, a vida, a resurrección de Cristo ilumina a nosa vida? Para logo nós poder iluminar a vida de quen está ao noso lado.
Ata que punto aproveito esa luz? Que podo facer para que a luz de Deus brille máis en min?

ORACIÓN FINAL

SEÑOR, que resuciten as miñas mans
para que sexan delicadas e saiban dar.
SEÑOR, que resuciten os meus ollos
para que saiban ver ao necesitado.
SEÑOR, que resuciten os meus oídos
para que saiban oír a túa voz
e non queden xordos ás voces que chaman e piden comprensión.
Que a miña vida teña o sabor e o perfume
de XESUS RESUCITADO.



Xoves, 31 de marzo. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO

AUGA NA SECA
EVANXEO: Xn 4, 14

[Xesús dixo:] «O que beba da auga que eu lle darei nunca máis terá sede: a auga que eu lle darei converterase dentro del nun chafariz de auga que salta ata a vida eterna».

REFLEXIÓN
Outro dos elementos característicos do tempo Pascua é a auga.
A auga é ao mesmo tempo símbolo de vida e de morte. De vida, porque sen ela non existiría nada; de morte, porque pode provocar a aniquilación (inundacións, maremotos, tsunamis, etc).
Os cristiáns utilizámola no sacramento do Bautismo precisamente por ese dobre significado.  Ser cristiáns implica morrer a un tipo de persoa dominada polo mal e o egoísmo. Pola contra, implica renacer a unha vida onde o amor, onde Deus, son o centro da persoa e lévana á felicidade.
Cada Pascua é unha invitación para lembrar (refrescar) o noso Bautismo. A auga que nos dá Xesús coa súa Palabra sacia a nosa sede, pero con frecuencia non nos damos conta.

Pensemos no simbolismo da auga. Pensemos no Bautismo que recibimos. Deamos grazas a Deus por todo iso.
De que maneira podo beber máis e mellor  a auga que Cristo me ofrece?

ORACIÓN FINAL
Señor, poño a miña vida nas túas mans.
Pídoche sabedoría,
para distinguir os camiños
que hei de percorrer e os que non.
Valentía e fortaleza,
para avanzar pola vida.
Confianza,
para perseverar nos momentos difíciles.
Axúdame, Señor.



Venres, 1 de abril. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO
COR NA MONOTONÍA

EVANXEO: Feit 2, 44.45-47a
Os crentes vivían todos unidos e tiñan todo en común; vendían posesións e bens e repartíanos entre todos, segundo a necesidade de cada un. Encomiaban a Deus e eran ben vistos por todo o pobo.

REFLEXIÓN
Na Pascua as igrexas énchense de flores. Se durante a Coresma se evita este adorno, durante a Pascua, a cor, o cheiro e a alegría das flores enchen os templos.
Con todo, o que realmente produce alegría e fai que a monotonía se transforme en cor é a vida coherente e entusiasta dos cristiáns. No texto que lemos dos Feitos dos apóstolos nárrase como era esa vida e a gran forza de atracción que xeraba. Vían aos cristiáns felices, alegres, unidos… E iso producía que os non cristiáns quixesen unirse ao seu grupo.
A mensaxe de Xesús dá realmente cor á vida. Ás veces non é sinxelo vivir dese modo, pero ninguén dixo que o sexa. Polo menos hai que tentalo.

Dar cor coa nosa vida en casa, no colexio, no grupo de amigos… ese é o reto que hoxe nos propoñemos.
Xa hai bastante monotonía e escuridade na sociedade como para nós non facer nada respecto diso. Deus desexa que enchamos de vida o mundo. En Pascua convídasenos a encher das cores de Xesús todos os recunchos da nosa vida. Que podería facer para iso?

ORACIÓN FINAL
Señor resucitado,
pídoche que me axudes
a distinguir o que me axuda a dar cor á miña vida
do que a complica e escurece.
Dáme forzas para renunciar
ao que me fai menos persoa
e conectarme a todo o que fai
que a miña vida sexa mellor.
Grazas por ofrecerme as cores do amor,
o perdón e a xenerosidade.

VÍDEO: https://www.youtube.com/watch?v=xzPy5AZNATg



No hay comentarios:

Publicar un comentario