9 de xaneiro
+ No nome do
Pai e do Fillo e do Espírito santo.
De novo atopámonos para continuar xuntos o curso e
vivir as novidades do ano 2017. Seguro que pasaches uns días felices de Nadal,
con tantos momentos bonitos coa familia e cos amigos. Tamén terías algún
agasallo que che gustara. Todo son pequenos signos de que as persoas nos
queremos e de que nos manifestamos o agarimo con estes xestos.
Durante estes días de Nadal lemos estas palabras do Evanxeo,
que nos dan a clave do que realmente celebramos. Así di o texto: “Os pastores
foron correndo e atoparon a María e a Xosé, e ao neno deitado no pesebre”.
Esta é a gran noticia que nos chegou hai máis de dous
mil anos: Deus fíxose neno, Deus quixo estar tan preto da humanidade que se
fixo un de nós.
Este é un acontecemento tan importante para a
humanidade que se comezou a contar os anos para partir do nacemento de Xesús.
Nunha ocasión, no ano 1582, houbo un axuste de días, no mes de outubro, para
deixar o calendario tal como o coñecemos agora, con doce meses e os días dos
meses distribuídos desta maneira, e un ano bisiesto cada certo tempo, en que o
mes de febreiro ten 29 días, en lugar de 28, que é o máis frecuente. Este modo
de distribución do calendario foi adoptado por case todo o mundo occidental.
Hai outras culturas que teñen outra maneira de contar o tempo. Na nosa cultura
iníciase a numeración dos anos para partir do nacemento de Xesucristo.
Un ano máis que tes para ser feliz e para facer o ben
a todas as persoas. Para formarte mellor e para construír o teu futuro con
responsabilidade. Non deixes que pase o tempo e este ano sen enchelo de vida e
de proxectos. Feliz ano 2017!
Oración:
Grazas, Pai, polo novo ano que empeza.
Unha oportunidade para crecer e para facer o ben.
Dáme fortaleza e alegría no traballo.
Oxalá sexa xeneroso para sementar obras de caridade.
Concédeme a humildade e paciencia suficientes
para superar as dificultades que se irán facendo
presentes.
Que saiba medrar cada día como seguidor de Xesús.
Grazas, Señor.
10 de xaneiro
+ No nome do
Pai e do Fillo e do Espírito santo.
Evanxeo de
San Marcos 1, 14-15
Despois que Xoán foi entregado, marchou Xesús a
Galilea; e proclamaba a Boa Noticia de Deus: “O tempo cumpriuse e o Reino de
Deus está preto; convertédevos e crede na Boa Nova”
Palabra de Deus
Comezamos xa a marcha normal das actividades.
Certamente é custoso comezar de novo. Están aínda frescos os mellores recordos
destes días. Momentos de familia, de comidas, momentos de festa, de
celebración, de amizade... momentos de lecer e tempo libre. Seguro que foron
días para gozar, e tamén para descansar mental e fisicamente.
E xa estamos aquí, estreando ano e trimestre. Todo o
temos flamante, noviño; así como de primeira man.
Ao estrear un ano novo, a xente adoita propoñerse con
ilusión un cambio a mellor, un compromiso para arranxar o que non funciona ben.
O refrán que di “Ano novo, vida nova” indica as ganas que ten a xente de
renovar o que ten entre mans diariamente: a vida.
Co ano novo preséntasenos unha nova oportunidade para
seguir crecendo, para seguir mellorando. Un 2017 no que resoará especialmente a
xustiza. Neste 2017 resoará tamén o “ano vicenciano”. Un ano no que toda a
chamada Familia Vicenciana vai vivir e celebrar o 400 aniversario do “carisma
vicenciano”.
Reflexión: Deus ten infinidade oportunidades que nos quere dar e
permitir vivilas, estamos dispostos a aceptar o desafío, de vivir nosas propias
oportunidades?
Non perdas o tren, e súbete este ano ao vagón das
oportunidades, que te leva por montes de desafíos, ríos de esperanza e montañas
de logros.
11 de xaneiro
+ No nome do Pai e do Fillo e do Espírito santo.
Estamos a comezar un novo ano. Cantos de vós fixestes
propósitos para este ano? Xa sabedes que moitas persoas fano mentres despiden o
ano e reciben ao novo. Que se este ano vou ir ao ximnasio, que se este ano vou
aprender idiomas, que se este ano vou deixar de fumar, que se este ano por fin
voume a poñer a estudar ao día…
Alguén se fixo o propósito de ser máis amable? Ou de
ser máis solidario? Ou seica se propuxo estar máis dispoñible? Ou de ser máis
xusto? Ou mesmo facer voluntariado? É curioso, pero seguro que a algún lle está
parecendo que eses propósitos non se fan normalmente….
E é que talvez cando nos propoñemos un propósito
caemos na tentación de pensar en algo para nós, en mellorar algo noso. Non é
que iso sexa malo, pero imaxina que pasaría se todos fixésemos un propósito que
tivese que ver coa mellora dos demais.
Por iso, este ano, mira ao teu ao redor, aos que tes á
beira neste momento ou aos que te acompañan na túa vida e pensa se non se
podería conseguir algo entre todos. Basta con que cada un poña un pouco da súa
parte. Xa sei que algún dirá que iso soa moi bonito, pero… e se deixamos as palabras bonitas e facemos un
xesto? Pénsao por un momento.
Unha persoa dixo que o maior progreso da humanidade
foi o progreso na cooperación. Así que oxalá este ano novo fagamos un propósito
nesta liña.
Xesús ensínanos: “Non hai amor máis grande que dar a
vida polos amigos”
Oración:
Pai, conta coas nosas mans
para construír un mundo onde habite a xustiza.
Conta cos nosos pés
para poñer en marcha a liberdade e o amor.
Conta cos nosos beizos
para denunciar trampas e falsidades.
Conta coas nosas accións
para conseguir que todas as persoas
poidan vivir con dignidade e en irmandade.
Pai, dános a sabedoría
para saber elixir todo o que nos axuda a crecer
como persoas e como fillos e fillas teus. Amén.
12 de xaneiro
+ No nome do
Pai e do Fillo e do Espírito santo.
Palabra de
Deus: Dixo a súa nai aos que estaban
a servir: “Facede o que El vos diga” Xoán
2, 5
Escoitemos unha historia…
Contan que un rei tiña tres fillos e unha filla. Nunha
guerra co país veciño morreron os tres fillos do rei. O monarca, que era vello
e débil, entristeceuse moito pola morte dos seus fillos, pero tamén porque
ningún herdeiro seu gobernaría o reino.
A filla do rei presentouse ante el para consolalo e
para lembrarlle que ela tamén era filla súa, e que podería prepararse para gobernar
o país. Pero o seu pai riu amargamente e díxolle: “Non basta con ser filla do
rei; hai que ter algo máis”. O pai referíase a ser home, pois nunca unha muller
gobernara o país.
A moza non desistiu, e empezou a prepararse para ser “algo
máis”. Cada vez que aprendía algo novo presentábase ante o seu pai, pero este
sempre movía a cabeza e dáballe a mesma resposta: “fai falta ser algo máis”.
Pouco máis tarde o país volveu entrar en guerra cos
veciños, e o rei preguntouse, entre curioso e preocupado, se a súa filla
tentaría ir á guerra para ser como os seus irmáns e demostrar que podía
gobernar. En lugar diso, a moza presentouse ante os inimigos, e ofreceu a súa
vida para evitar a guerra e a morte de moitos dos seus súbditos. Admirados polo
seu valor, deixárona marchar, e todo o país, o seu pai incluído, comprobaron en
que consistía de verdade “ser algo máis”.
A moza foi raíña durante moitos anos.
Reflexión: Que significa para ti “ser algo máis”? Ten que ver
coa competitividade, o diñeiro, a fama, ou o servizo aos demais?
Tiveches experiencia de dedicarte aos demais? Este ano
estarías disposto a iso?
Oración:
Señor,
faime vivir atento ás necesidades dos demais,
e á túa Palabra, que me di que hei de facer. Amén
13 de xaneiro
+ No nome do
Pai e do Fillo e do Espírito santo.
Palabra de
Deus: “Non teñades un espírito
avaricioso, vivide contentos co que tedes, porque El mesmo dixo: Nunca te abandonarei
nin me despreocuparei de ti” Hebreos 13,
5-6
Escoitemos
unha historia…
Un empresario, nunha entrevista, falaba da clave do
éxito da súa vida como director dunha empresa:
Un dos maiores defectos da sociedade actual reside en
que escoitamos pouco ou case nada. Escoitar comporta aprender algo novo,
require esforzo e necesita empatía co outro, ser capaz de mirar cos ollos de
quen nos fala. A nosa sociedade está falta de entendemento porque non se
exercita a «arte» de escoitar e, cando se fai, escóitase mal. Estamos inmersos
nunha sociedade con exceso de «ruído», tanto interno como externo, que
distorsiona e impide escoitar ben a quen nos rodea: familia, amigos, profesores…
Necesitamos escoitar a quen sabe.
Reflexión: Na nosa vida non o sabemos todo. Sempre hai alguén que
percorreu antes ca nós o camiño que estamos a percorrer.
Por que non pedirlles axuda e deixarnos acompañar por
eles?
Quen podería acompañarte neste momento da túa vida?
Oración:
En ti confiamos, Xesús, porque as túas palabras son
auténticas.
Porque en ti atopamos a paz que necesitamos.
Porque en ti podemos mirarnos e orientar o noso
futuro.
En ti confiamos, Xesús.
No hay comentarios:
Publicar un comentario