Luns 13 de
febreiro
+ No nome
do Pai, do Fillo e do Espírito Santo.
LECTURA DO
EVANXEO DE SAN MATEO
Dilles Xesús ós seus discípulos:
Asegúrovos que se a vosa xustiza non é maior cá dos
letrados e fariseos, non entraredes no Reino dos Ceos.
Tedes oído que se lles dixo ós vosos devanceiros: Non
matarás, e quen mate será reo ante o tribunal. Pero eu dígovos: Todo o que se
enrabeche co seu irmán será reo ante o tribunal.
Tedes oído que foi dito: Non cometerás adulterio. Pois eu
dígovos: Todo aquel que mira a unha muller casada con desexo, xa cometeu
adulterio no seu corazón.
Tamén tedes oído que se lles dixo ós devanceiros: Non
xurarás en falso, e cumprirás as promesas feitas con xuramentos ao Señor. Pero
eu dígovos: Non xuredes nunca.
Falade, logo, deste xeito: "Si", cando é si;
"Non", cando é non; e todo o que pase de aí vén do Malo.
Palabra de Deus
REFLEXIÓN:
Os xudeus falaban con orgullo da
Lei de Moisés. Aí poden atopar todo o que necesitan para seren fieis a Deus.
Tamén para Xesús a Lei é importante,
pero xa non ocupa o lugar central. El vive e comunica outra experiencia: está
chegando o reino de Deus; o Pai está buscando abrirse camiño entre nós para
facer un mundo máis humano. Non chega con quedarnos en cumprir a Lei de Moisés.
É necesario abrírmonos ao Pai e colaborar con el para facermos a vida máis
xusta e fraterna.
ORACIÓN
Non, non,
a lei non chega,
o seu estrito cumprimento non é a medida.
Debaixo do mandado,
máis aló do mandado,
cumprido ou non cumprido,
ás veces, tantas veces!,
está a vida,
está un ser humano
co seu misterio de vida e morte,
de excelencia e de miseria,
que cómpre escoitar e respectar,
valorar,
sen condenar.
Non, non,
a lei non chega,
nin o seu exquisito cumprimento.
Máis aló da lei
e das súas pautas precisas
case sempre, sempre,
está o mellor, o mellorciño,
o máis nobre do mundo;
está cada un, cada unha de nós,
cos seus repregues íntimos,
coas súas capacidades ilimitadas,
co seu corazón alerta ou enconicado.
Non, non,
a lei non chega,
mesmo pode afogarte, destruírte.
Das mans da lei, da pura lei,
podes entrar no tenebroso mundo da autocompracencia,
créndote persoa xusta, cabal, perfecta,
ollando de esguello aos incompetentes;
deberías saber a estas alturas
que o cumprimento da lei non vale para nada
se non nace nas fontes limpas do amor,
se non te deixas levar polos fascinantes carreiros da
tenrura
cara á xustiza redonda, total,
cara á fraternidade que cura e que libera.
Non, non,
a lei non chega.
Dínolo Xesús,
sabedoría de Deus,
que nos ensancha a vida e nola aleda.
Martes 14
de febreiro
+ No nome
do Pai, do Fillo e do Espírito Santo.
Compartamos
a luz
Hu-Song, filósofo de Oriente, contou
aos seus discípulos a seguinte historia:
Varios homes quedaran encerrados por
erro nunha escura caverna onde non podían ver case nada. Pasou algún tempo, e
un deles logrou acender unha pequena tea. Pero a luz que daba era tan escasa
que aínda así non se podía ver nada. Ao home, con todo, ocorréuselle que coa
súa luz podía axudar a que cada un dos demais prendesen a súa propia tea e así,
compartindo a chama con todos, a caverna iluminouse. Un dos discípulos
preguntou a Hu-Song:
- Que nos ensina, mestre, este relato?
E Hu-Song contestou:
- Ensínanos que a nosa luz segue
sendo escuridade se non a compartimos co próximo.
E tamén nos di que compartir a nosa
luz non a desvanece, senón que a fai crecer.
"Compartir enriquécenos en
lugar de facernos máis pobres"
"Os momentos máis felices son
aqueles que puidemos compartir"
Reflexión:
Que Deus nos dea sempre a luz para iluminar a todos os que
pasen polo noso lado. Se iluminas o teu corazón con amor poida que ilumines a
outro corazón, así poden chegar a iluminarse miles de corazóns con amor.
Tentémolo!
Nosopai
Mércores
15 de febreiro
+ No nome
do Pai, do Fillo e do Espírito Santo.
Un pase
de modelos diferente
Imos deternos nalgunhas palabras
“máxicas”. Quen
pronuncia estas palabras crea ás súas ao redor relacións máis agradables para
todos, fai a vida máis feliz aos demais. Son moi sinxelas, coñecémolas todos (aínda que non sempre as
utilizamos coa frecuencia que deberiamos): grazas, perdón, por favor...
Hoxe dáse moita importancia á
fermosura do corpo. De feito, na tele aparecen con frecuencia como modelos, mozos e mozas
que se distinguen polo seu corpo nas súas proporcións e adornos. Mesmo se chega
a adorar o corpo como o máis importante da persoa. Gástase unha chea en coidar
o corpo, en cosméticos, ximnasios, masaxista, operacións estéticas etc.... Con
todo, se a
maior parte do diñeiro e das nosas enerxías as empregásemos en cultivar a nosa maneira de ser, os nosos
modais ou o noso espírito, o mundo converteríase nun paraíso.
É moito pedir que consigamos a
capacidade e costume de saudar cun sorriso a todos? Tanto custa coidar os
modais tratando aos demais con educación, xenerosidade e respecto? En que
ximnasio se cultiva esta fermosura de persoa? Con que clase de
masaxes cultivo unha persoa agradable, agradecida, cariñosa, colaboradora,
alegre e leal? Aquí no Colexio ou na túa casa podes conseguir poñerte en forma con este estilo simpático de
relacións.
Está ben cultivar un corpo san e
fermoso. Pero moito máis importante para ser feliz é cultivar a nosa
personalidade. Con iso, a felicidade entrará
dentro de nós en forma de amigos que atraemos coa nosa simpatía e detalles.
Tamén así faremos este ano das nosas casas, colexio e rúa, un ambiente alegre e
acolledor.
O ximnasio da boa educación non
custa diñeiro e é moi rendible pola cantidade de amigos e amigas que fai e que
che ofrece. Para ser mozos e mozas MODELOS por dentro e por fóra facemos hoxe a
oración da mañá.
Reflexión:
-
Que che parece este novo “ximnasio”?
-
Paréceche que te cultivas igual por dentro que por fóra?
-
Cres que vale a pena traballar por facer felices aos demais?
Oración
Señor Xesús, hoxe quero pedirche que
me fagas agradable cos demais.
Ti fixeches o ben a todos os que
pasaban preto de Ti,
axúdame a min a facer o mesmo cos
meus pais e os meus compañeiros de clase. Amén
NOSOPAI
Xoves 16
de febreiro
+ No nome
do Pai, do Fillo e do Espírito Santo.
Dez cosas
que nada custan
Presentamos un decálogo de dez
actitudes que poden facer a nosa vida e a dos demais máis agradable e feliz.
1. Un rostro alegre no traballo diario na clase
2. Un
silencio cariñoso sobre as faltas e defectos dos demais.
3. Unha
palabra de recoñecemento e estímulo aos compañeiros polo traballo ben feito, o
esforzo realizado, a amabilidade demostrada...
4. Un
servizo prestado a un amigo, a un compañeiro...
5. Unha
«cara de bos amigos» ao chegar a casa e ver aos nosos pais.
6. Un
favor prestado, sobre todo a quen non pode devolvérnolo.
7. Unha
molestia aceptada con boa cara para proporcionarlle a alguén un gusto ou
evitarlle unha incomodidade.
8. O
recoñecemento sincero dun erro cometido, especialmente cando se lle atribúe a
outra persoa.
9. Un
apertón de mans cálido e amigable aos que están desanimados.
10. Unha
conversación paciente e interesada cos que non son moi divertidos ou moi simpáticos.
Non é tan difícil alegrar a vida aos
demais. Con xestos sinxelos podemos facer moito ben ao noso redor. Non querer
para os demais o que non queremos para nós ou tratar aos demais como queremos
que nos traten a nós.
Teñamos en conta este decálogo no
noso día a día.
Oración
Amigo, Xesús hoxe voume propoñer
axudar aos demais, pensar nos demais máis ca en min. Non queixarme por calquera
cousa, nin criticar aos do meu redor. Sei que ti me dás a túa forza.
Grazas Xesús.
Venres 17 de febreiro
+ No nome
do Pai, do Fillo e do Espírito Santo.
Deus
quérete a ti
Se observas as
persoas ás que chamamos “boas persoas” son persoas:
-
Que necesitan poucas cousas e as cousas non son o seu
centro;
-
Que non van pola vida queixándose de todo; aman a súa vida;
-
Que aceptan o que son e teñen e non se comparan con
outros/as;
-
Que non viven para si, senón que están abertas aos outros;
tanto é así que chegamos a dicir que “non pensan en si”, senón nos demais;
-
Que non pasan a vida chismorreando dos outros....
Converterse non é ser como tal
persoa. Converterse é ser ti: ti, coa túa orixinalidade, coa túa personalidade,
con todo iso que podes ser, se de verdade te decides a selo. Os modelos que
temos diante non son para compararnos, son para animarnos a ser coma eles/as se
animaron a ser.
Deus quere de ti que sexas ti mesmo. Quérete
en toda a orixinalidade que es. Sen engadidos, sen imitacións. Pero quérete
no mellor de ti mesmo, todo o que ti es e pode ser, que é moito. Anímate
abuscar o teu mellor Ti.
Oración:
Apaga os ruídos do teu corazón
E escoita os berros de Deus:
Queixas dos homes que piden un pouco
de amor.
Entra en sintonía!
Deus emite sen interrupción.
No hay comentarios:
Publicar un comentario