lunes, 27 de febrero de 2017

ORACIÓNS SEMANA CINZA

XOVES 2 MARZO
+No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo.

Onte foi Mércores de Cinza. Con este día damos inicio ao tempo de Coresma: 40 días que nos servirán para preparar o noso corazón á gran festa da Pascua.
Este ano propoñémosvos, poñernos en camiño. Neste tempo de Coresma que onte comezou querémoslle pedir a Xesús que, despois de dar o primeiro paso, o da confianza, siga camiñando connosco, que nos axude a percorrer a estrada da nosa vida, coas súas diferentes experiencias.
Camiñar con Deus é unha viaxe apaixonante: non sabemos moi ben que nos atoparemos, as dificultades que irán aparecendo no camiño, os bos momentos que viviremos. Pero estamos seguros de que en todos os momentos, Deus estará presente: animándonos na dificultade, alegrándose connosco nos bos instantes.

Ao comezo deste camiño imos pedirlle axuda a Deus todos xuntos: que sexa El o que guíe os nosos pasos e nos indique o camiño. E para poder camiñar necesitamos saber que nos pide Deus. Iso é o que imos facer agora, escoitando a súa Palabra.


Como ten que ser a nosa viaxe? O evanxeo que imos escoitar estes días descóbrenos diferentes modos de actuar na vida e de dirixir os nosos pasos: o modo dos hipócritas, que viven preocupados polo que dirán, e o daqueles que recoñecen que non sempre poden, pero fan todo o posible por camiñar á luz de Deus na súa vida.

Evanxeo  de san Mateo 6, 1-6; 16-18.
A esmola
Tede coidado de non practicardes a vosa xustiza para que vos vexa a xente, que daquela o voso Pai celestial non vos dará recompensa ningunha.
Cando deas unha esmola non o vaias proclamando diante de ti cunha trompeta, como fan os hipócritas nas sinagogas e nos rueiros para seren loados polos homes; asegúrovos que xa recibiron a súa recompensa. Ti, en troques, cando deas unha esmola, que non saiba a túa man esquerda o que fai a dereita. Así a esmola será secreta e teu Pai, que ve o segredo, xa te recompensará.
Palabra de Deus


Reflexión:
A Palabra de Deus que escoitamos fálanos de diferentes modos de camiñar.
Esta Coresma temos ante nós a posibilidade de viaxar con Deus, de explorar diferentes lugares da nosa vida e de coñecer como os podemos afrontar se contamos con Deus, con Xesús, para cada un deses pasos. Durante a Coresma iremos aos poucos profundando nas diferentes partes do camiño desta Coresma. Espéranos unha viaxe fantástica, onde non sabemos moi ben que nos atoparemos, pero no que Deus estará, seguramente, sempre presente!



VENRES 3 MARZO
+No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo.

Continuamos coa nosa viaxe. O evanxeo que escoitaremos hoxe é a continuación do de onte. Xa sabedes, fálanos do modo dos hipócritas, preocupados polo que dirán, e o daqueles que fan todo o posible por camiñar á luz de Deus na súa vida. Así ha ser o noso modo de conducirnos pola vida.

Evanxeo  de san Mateo 6, 1-6; 16-18.
Sobre a oración 
Cando recedes non fagades coma os hipócritas, que gustan de rezar moi ergueitos nas sinagogas e nos recantos das rúas para que os vexa a xente; asegúrovos que tamén recibiron a súa recompensa. Ti, pola contra, cando queiras rezar métete no teu cuarto, pecha a porta e rézalle a teu Pai que está no segredo; e teu Pai, que ve o segredo, hate recompensar.

O xaxún
Cando xaxuedes non poñades caras tristeiras, como fan os hipócritas: desfiguran as súas caras para que a xente llelo note. Asegúrovos que xa recibiron a súa recompensa. Ti, en troques, cando xaxúes, perfuma a cabeza e lava a cara, para que non se che note ante os homes, senón ante teu Pai celestial; e teu Pai, que ve o que está escondido, hate recompensar.

Palabra de Deus
Reflexión
Antes de iniciar a viaxe temos que preparar a nosa vida. Os que fan o Camiño de Santiago saben o importante que é ter un bo calzado para facelo. Non todo calzado serve para camiñar e para camiñar durante horas. Non todo calzado é apropiado. Nin todo calzado, por moi bo que sexa, é capaz de resistir as dificultades, as subidas e as baixadas da vida.
Poderiamos dicir que hai diferentes tipos de persoas (como nos dicía o Evanxeo) e diferentes tipos de calzado:
1. Están os que van de “estupendos” pola vida e pasan o día en sandalias, coma se estivesen de vacacións. Son os que lles gusta aparentar de “pés”, de “camiñar”, pero non se dan conta de que ese tipo de calzado non é o apropiado para as dificultades. As sandalias son o símbolo dunha vida lixeira, na que prima a comodidade sobre o esforzo. Esta Coresma non podemos “acomodarnos”, senón que teremos que deixar as sandalias e buscar un calzado mellor.

2. Están tamén os que, aínda que din querer camiñar, o que no fondo lles gusta é correr pola vida, sen gozar de cada un dos momentos. Son os que calzan as deportivas en canto poden para cumprir, para acumular distancia, para percorrer o camiño o máis rápido posible. As deportivas son o símbolo daqueles que pasan pola vida sen máis e deixan pasar a Coresma, a fume de carozo pensando nas vacacións de Semana Santa, sen que a Coresma os transforme.

3. Pero hainos que deciden camiñar con constancia, paso a paso, gozando da paisaxe, do camiño, pero sen pararse. Eses son os que calzan as botas de trekking, preparadas para afrontar as dificultades. Ao principio poden parecer incómodas (como a Coresma), pero despois o teu pé e a bota vanse facendo un, de modo que o camiño vaise facendo, a pesar da dureza e a intensidade, cada vez menos complicado. Os que calzan as botas recoñecen as súas limitacións, recoñecen que os seus pés, sós, non poden con todo (como aqueles dos que fala Xesús no evanxeo, que son capaces de recoñecer no escondido o seu pecado e o seu erro e pedir axuda). Estas son as botas que teremos que poñernos para poder camiñar esta Coresma. As demais... non será conveniente desfacernos delas?

Pensa, en silencio, que tipo de calzado queres para esta Coresma. Pidamos a Deus que nos axude a camiñar, a levantarnos, a vencer as dificultades desta Coresma e a deixar que sexa El o que guíe os nosos pasos, o que nos axude a atopar o calzado adecuado esta Coresma, e a deixar aquel calzado que nos tenta: a comodidade, a preguiza, as présas.
Iso simboliza tamén a Cinza: o desexo de deixar ao carón todo o que nos impide camiñar con Deus, a queimar aquilo que non nos permite cambiar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Archivo del blog