sábado, 4 de febrero de 2017

SEMANA CONTRA A FAME MANS UNIDAS_ 6 – 10 FEBREIRO.

LUNS 6 FEBREIRO
+ No nome do Pai e do Fillo e do Espírito santo.

O evanxeo de onte (que é o que lemos hoxe) responde a unha preocupación que tiña a comunidade cristiá á que se dirixía o evanxelista Mateo.
A cuestión é esta: como estar, como situarnos, como vivir, como axudar, como influír para ben no lugar onde vivimos?

Sal da terra, luz do mundo

Vós sodes o sal da terra. Pero se o sal se volve insulso, ¿con que se vai salgar? Para nada vale xa, senón para tirar con el e que o pise a xente.
Vós sodes a luz do mundo. Non se pode agachar unha cidade afincada na cima dun monte. Tampouco se acende unha lámpada para poñela debaixo da artesa, senón sobre o candeeiro, para que alume a todos os da casa. Alume así a vosa luz ós homes, para que, vendo as vosas boas obras, glorifiquen a voso Pai que está nos Ceos.

REFLEXIÓN

Mateo recórdanos as palabras de Xesús facendo a comparanza do sal e da luz. As persoas cristiás estamos chamadas a ser sal e luz nonoso redor.

O sal dá sabor ás comidas, impide o deterioro dos alimentos, fai que se conserve a valía das cousas; o sal tamén é para nós símbolo de graza, de "salero", de humor, de alegría. Pois iso estaría ben que fose unha persoa cristiá: aportarlle gusto, sabor á vida, nutríndoa do mellorciño que pode ter, que é o agarimo, a atención polo máis débil como facía San Vicente tamén, que é a esperanza de que as cousas poden e deben cambiar cando as circunstancias nos apertan; que é axudar a crear espazos de respecto, de acollida, de compartir, cheos de calor, de coidados, que animan a vivir e a loitar.
Somos sal no medio dos nosos compañeiros?

A luz é o que é: aluma, aclara, axuda a entender as cousas, a vida, as relacións; axuda a entendernos a nós mesmos; axuda a entender e valorar o que pasa no mundo; a luz nosa, que debera ser a mesma de Xesús, axúdanos a ver e entender ben as cousas da fe cristiá, o servizo á xente máis precisada de apoios…

Somos nós algo así, reflexo na sociedade desta luz que nos vén de Xesús?



MARTES 7 FEBREIRO
+ No nome do Pai e do Fillo e do Espírito santo.

O MUNDO NON NECESITA MÁIS COMIDA
NECESITA MÁIS XENTE COMPROMETIDA

Esta semana celebramos a Campaña contra a Fame. En Mans Unidas queremos un mundo onde todas as persoas poidamos vivir dignamente. Un mundo no que ninguén pase fame, onde todos os seres humanos nos alimentemos ben e o dereito á alimentación estea realmente garantido. Un mundo onde a creación non sufra por mor dun modelo de desenvolvemento inxusto, desigual, daniño que o contamina e destrúe. Queremos escoitar e ser altofalantes do berro da terra e do berro dos pobres, que é un só berro e que clama xustiza.
Este ano, ademais de seguir plantando sementes que fagan crecer unha vida máis xusta e fraterna, queremos comprometernos por un modelo global de produción de alimentos sustentable: unha agricultura, unha pesca, unha recolección e un consumo que respecten a nosa casa común, o planeta que nos acolle.
As comunidades máis pobres e vulnerables da Terra necesitan o noso apoio para poder ter as súas propias terras de cultivo, cultivar as súas propias sementes tradicionais, cociñar os seus pratos segundo os seus costumes e preferencias. Esperan o noso acompañamento tanto para ir mellorando os seus métodos e formándose en novas técnicas agrícolas ou en nutrición, como para poder almacenar os seus produtos ou transformalos noutros máis fáciles de vender ou conservar. Mans Unidas pretende impulsar unha agricultura para alimentar ás persoas, e que non trate o alimento como un produto máis senón como un dereito humano fundamental para a vida. Apoia unha produción sustentable, onde se vaian eliminando as perdas e o desperdicio de alimentos, que son tan grandes e que contribúen a aumentar a fame no mundo.
Recollemos as palabras do papa Francisco “sabemos que é insostible o comportamento daqueles que consomen e destrúen máis e máis, mentres outros non poden vivir de acordo coa súa dignidade humana”. Por iso, convidamos a todos ao compromiso por un mundo libre de fame, respectuoso coa contorna e onde se coide a vida.

NOSOPAI



MÉRCORES 8 FEBREIRO
+ No nome do Pai e do Fillo e do Espírito santo.

“Coa comida que se tira poderíase alimentar a todo o mundo”
Papa Francisco

No mundo hai alimentos para todos, entón por que 795 millóns de persoas pasan fame?
Segundo din os informes da FAO (Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación): 1/3 dos alimentos que se producen no mundo desperdíciase. Imaxina que vas comprar comida á tenda, enches 10 bolsas e ao saír tiras tres a un colector de lixo, ou que para comer botas tres salchichas e deixas unha no prato. Os datos indican que, nos fogares onde hai nenos, tírase máis comida ao lixo. Podemos adiviñar por que ocorre isto: os nenos comen máis coa vista que coa boca; unha semana queren iogur e a seguiente non, a uns non lles gusta a verdura, outros non queren comer legumes, e outros enseguida se enchen e din que non queren máis.
Dos 795 millóns de persoas que padecen fame no mundo, a gran maioría vive en países en desenvolvemento e depende dun pedazo de terra para subsistir.

Imos facer unha pequena enquisa para comprobar se o que din os datos é certo:
- Deixas case todos os días algo de comida no prato?
- Tiras ao lixo alimentos que non che gustan?
- Cando vas comprar comida cos teus pais pides alimentos e bebidas ou chuches que non son indispensables, por capricho?

Pero, por que non debemos tirar os alimentos? En primeiro lugar, porque non é xusto que nós, que temos a sorte de ter comida, tirémola, mentres millóns de persoas non teñen para comer ou morren de fame. Cada ano, máis de 3 millóns de nenos morren no mundo; a causa da metade destas mortes é a nutri- ción deficiente por falta de comida. Ademais, o desperdicio de alimentos contribúe ao cambio climático e á destrución da natureza.
Pensa en todo isto e fai un pequeño compromiso. Como podes colaborar?

Oración
Querido Deus,
Regaláchesnos o mundo para que todos vivamos nel,
un mundo cheo de marabillas, beleza e plenitude;
unha casa común onde ninguén debería ter fame.
Pedímosche por todas as persoas que se esforzan por traballar os campos
e polos que coidan aos animais.
Que os donativos que entregamos, froito do noso compromiso,
cheguen ás mans dos que máis o necesitan e que se transformen en alimento, ensinanza, coidados médicos e esperanza.
Dános forzas para ser máis xenerosos e unir as nosas mans para, xuntos,
conseguir que se acabe a fame e o sufrimento.
Señor, ensínanos a comprender que todos os que vivimos no noso planeta,
a nosa casa común, somos unha soa familia humana,
por iso, debemos coidar a terra e aos nosos irmáns e irmás que habitan nela.
Amén



XOVES 9 FEBREIRO
+ No nome do Pai e do Fillo e do Espírito santo.

O mundo é a casa que Deus creou para que todos vivamos e sexamos felices. Deunos a terra para cultivar, a auga para regar, as sementes para que se convertan en plantas. No noso mundo hai alimentos para todos, todo está conectado: se eu tiro comida ao lixo, outros nenos non terán para comer; se coido o planeta, reducindo os lixos e o gasto de enerxía e de materias primas gastadas inutilmente, se son xeneroso e comparto, outros poderán plantar alimentos e non pasarán fame.

“Dádelles vós para comer”  Evanxeo segundo san Mateo 14, 13-21.
Cando o soubo Xesús, retirouse de alí nunha barca a un lugar deserto e arredado. En canto a xente o soubo, foino seguindo por terra desde as vilas. Así, cando desembarcaron, atopouse cun gran xentío. El, conmovido, curou a todos os enfermos. Chegada a tarde, os discípulos foron onda el e dixéronlle:
O lugar está moi arredado e a hora moi avanzada: será mellor que despidas a xente para que vaian ás aldeas e merquen comida.
Xesús díxolles:
Non precisan marchar, dádelles vós de comer.
Eles responderon:
Aquí non temos máis ca cinco bolos de pan e mais dous peixes.
Pero Xesús replicoulles:
Pois, traédemos aquí.
E mandando recostar á xente na herba, colleu os cinco bolos e mais os dous peixes, ergueu a mirada ó ceo, dixo a bendición, partiu os bolos e déullelos aos discípulos, que á súa vez llos pasaron á xente. E comeron todos ata se fartaren, enchendo coas sobras doce cestas. Os que comeron eran uns cinco mil, sen contar mulleres nin nenos.

No Evanxeo da multiplicación dos pans e os peixes, os apóstolos prefiren non comprometerse e dinlle a Xesús que pida á xente que se vaia a buscar comida, pero Xesús dilles “Dádelle vós para comer”; eles escúsanse dicindo que teñen moi pouca comida. Con todo, Xesús demóstralles que, cando se comparte, hai para todos e ademais sobra.
O Evanxeo móstranos que, ante o problema da fame no mundo, Xesús pídenos o noso compromiso e xenerosidade.
Recibimos unha misión: ser instrumentos do Desexo de Cristo de acougar a fame dese xentío.
El quere responder a esta situación, pero a través nosa.
Jesús busca que compartamos como El a “compaixón” pola fame dos demais, e que pase polas nosas mans a solución que El quere realizar.

- Pensa nos nenos que pasan fame e ponte no seu lugar. Que esperan eses nenos que fagamos os que temos suficientes alimentos?
- Xesús pídeche compartir…  Que “pans e peixes” tes? Pódelos ofrecer para que outros poidan comer?

Lembra: Cando compartimos, hai para todos; e o que sobra non se tira, recóllese e aprovéitase.

NOSOPAI



VENRES 10 FEBREIRO
+ No nome do Pai e do Fillo e do Espírito santo.

O mundo non necesita máis comida, necesita xente comprometida
Como xa sabedes, Mans Unidas é a Asociación da Igrexa católica en España que fai posible que a túa colaboración chegue ás persoas que máis o necesitan en África, América e Asia. A fame non só se combate con comida, por iso, Mans Unidas apoia máis de 1400 proxectos educativos, sanitarios, agrícolas, para que todos os nenos poidan ir á escola, ter atención sanitaria e, grazas ao traballo da súa familia, ter os alimentos que necesitan.

E iso que ten que ver comigo?...
A miúdo se se nos expoñen os grandes problemas da humanidade como a fame, as guerras, as inxustizas, etc., tendemos a pensar que nós somos demasiado pequenos como para facer algo, e con esa escusa non facemos nada.
Non é así. Ademais, se non facemos “algo” cada un, será imposible facer fronte e dar solución a estes problemas. Toda gran acción é unha empresa colectiva!
As nosas vidas están interconectadas porque formamos parte dun mesmo “ecosistema”. A vida dunha parte do mundo conleva consecuencias na vida de miles de persoas que viven ao ancho do planeta. Desde a nosa Fe e responsabilidade podemos vivir doutra maneira.
Como nos di o Papa Francisco, “non hai que pensar que eses esforzos non van cambiar o mundo... o ben tende sempre a difundirse” (L.S. 212).
 Bastan pequenos detalles:
-       Abrigarse un pouco en lugar de acender a calefacción,
-       Reducir o consumo de auga,
-       Separar os residuos,
-       Cociñar só o razoable para evitar desperdiciar alimentos,
-       Utilizar o transporte público,
-       Apagar as luces innecesarias,
-       Reutilizar e reciclar.

Cada obra feita con espírito e conciencia pode ser un acto de AMOR.
Propóñoche cambiar hoxe e agora.  Lembra que o 60% da comida que acaba no lixo vén dos nosos fogares, por tanto, nas nosas mans está frear unha parte deste “escándalo”. 

NOSOPAI



No hay comentarios:

Publicar un comentario

Archivo del blog