sábado, 13 de enero de 2018

ORACIÓNS 15-19 XANEIRO 2018 - 2 TO B

LUNS 15 XANEIRO 2018. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO

QUE BUSCAMOS? (por José Antonio Pagola)

As primeiras palabras que Xesús pronuncia no Evanxeo de Xoán déixannos desconcertados, porque van ao fondo e tocan as raíces mesmas da nosa vida coma a dos discípulos do Bautista que comezan a seguilo. Xesús dilles: «Que buscades?».
Para algúns, a vida é «un gran supermercado» (D. Sölle). O único que lles interesa é adquirir obxectos cos que poderen consolar un pouco a súa existencia. Outros o que buscan é escaparen da enfermidade, a soidade, a tristeza, os conflitos ou o medo.
Outros xa non poden máis. O que queren é que se lles deixe sos. Esquecer aos demais e ser esquecidos por todos. Non preocupárense xa por ninguén e que ninguén se preocupe deles.
A maioría buscamos sinxelamente cubrirmos as nosas necesidades cotiás e seguir loitando por vermos cumpridos os nosos pequenos desexos.
Pero, aínda que todos eles se cumprisen, o noso corazón ficaría satisfeito? Tranquilízase así a nosa sede de consolo, liberación e felicidade plena?
No fondo, non andamos os seres humanos buscando algo máis do que unha simple mellora da nosa situación? Non anhelamos algo que, certamente, non podemos esperarmos de ningún proxecto político ou social?
Dise que os homes e mulleres de hoxe esqueceron a Deus. Pero a verdade é que, cando un ser humano se interroga con un pouco de honradez, non lle é fácil borrar do seu corazón «a nostalxia de infinito».
Quen son eu? Un ser minúsculo, xurdido por azar nunha parcela ínfima de espazo e de tempo, botado á vida para desaparecer deseguida na nada da que se me sacou sen razón algunha e tan só para sufrir? Iso é todo? Non hai máis nada?
O máis honrado que pode facer o ser humano é «buscar». Non pechar ningunha porta. Non rexeitar ningunha chamada. Buscar a Deus, talvez co resto último das súas forzas e da súa fe. Talvez desde a mediocridade, a angustia ou o desalento.
Deus non xoga ás agachadas nin se esconde de quen o busca con sinceridade. Deus está xa no interior mesmo desa procura. Máis aínda. Deus déixase atopar ata por quen apenas o buscamos. Así di o Señor no libro de Isaías: «Eu deixeime atopar por quen non preguntaba por min. Deixeime achar por quen non me buscaba. Dixen: “Aquí estou, aquí estou” (Isaías 65,1-2).


MARTES 16 XANEIRO 2018. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO

EVANXEO: Mateo 25, 34-40
Entón dirá o Rei aos da súa dereita:
"Vinde, benditos do meu Pai; recibide a herdanza do Reino preparado para vós desde a creación do mundo. Porque tiven fame e déstesme de comer; tiven sede e déstesme de beber; fun forasteiro e acolléstesme; estiven espido e vestístesme; enfermo e visitástesme; estiven na cadea e viñéstesme ver".
Entón preguntaranlle os xustos:
"Señor, cando te vimos famento e che demos de comer; ou sedento e che demos de beber? Cando te vimos forasteiro e te acollemos; ou espido e te vestimos? Cando te vimos enfermo ou na cadea e te visitamos?"
O rei contestaralles:
"Asegúrovos que canto fixestes cun destes irmáns meus máis pequenos fixéstelo comigo".

LECTURA
Empezamos hai uns días un ano novo, e, sen dúbida, ante as experiencias negativas do ano que terminamos, afloraron en nós sentimentos atopados. Por unha banda, un certo medo a que as cousas volvan ser outra vez como antes. Por outra, alegría, sorpresa e unha boa dose de esperanza, de coraxe e de optimismo ante a novidade. Un ano máis. Que ramallete de grazas nos espera cada día. Cantas oportunidades novas, novos encontros e descubrimentos, novas sementes e conquistas, novas chamadas e envíos, novos ideais e soños. 365 talentos, créditos, valores para ingresar nas nosas cartillas. E o que é máis importante, a aposta pola nosa felicidade, deixando atrás todo o lastre do noso home vello. A felicidade encherate dunha sensación marabillosa cando te esquezas de ti mesmo para vivir por e para todos os demais. Enche o teu espírito de pensamentos positivos, alegres, o teu corazón de misericordia, de dozura, de amor, a túa boca dun sorriso amigo e amigable. Tómate tempo para ser feliz.
Bernad Shav afirmaba: “Do mesmo xeito que non temos dereito a consumir riqueza sen producila, tampouco temos dereito a consumir felicidade se non a producimos; non temos dereito a recibir felicidade se non a sabemos crear, dar”. Sénteste verdadeiramente feliz? Compárteo!




MÉRCORES 17 XANEIRO 2018. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO

LECTURA BÍBLICA: Gálatas 6, 9-10
«Non nos cansemos de facer o ben: que ao seu tempo cultivaremos se non desmaiamos. Así pois, mentres temos oportunidade, practiquemos o ben con todos, e sobre todo cos que pertencen á familia da fe».

LECTURA
Este ano novo, faite novo. Reduce a túa ansiedade, cultiva flores na esquina da túa alma, rega de tenrura os teus sentimentos.
Non te mires nos outros: A envexa é un cancro que mina a túa autoestima. Sé creativo.
Mírate a ti mesmo: Fai frutificar os teus talentos. Sé solidario cos demais. Foxe de actitudes egoístas.
Coida a túa lingua: Emprega unha linguaxe cortés. Fala sempre ben dos demais. Sé comprensivo
Non desaproveites o teu tempo, non te deixes hipnotizar polos medios: Tv, Internet, publicidade, afán consumista... Non anules a túa capacidade de soñar.
Centra a túa vida en bens non perecedoiros: Cultiva o pracer da lectura. Ama o silencio, nel atoparaste contigo mesmo.
Coida a túa saúde: Evita obsesións. Practica o exercico físico. Exercita o teu espírito. Sé amable, xeneroso, Compasivo...
Non te rendas nin te desanimes polo mundo que te rodea: Sé forte, estás chamado a transformalo.
Elimina da mente todos os prexuízos: Non discrimines. Sé tolerante, practica a empatía, a serenidade e o optimismo.
Preserva o medio ambiente: É a nosa casa común. Asómbrate de toda a beleza que te rodea.
Garda un tempo do teu día: Para facer un oquiño a Deus. É o teu compañeiro de camiño.

ORACIÓN
Ven, Señor e axúdanos a responder con fidelidade aos nosos pequenos compromisos de cada día e concédenos un pouco máis da túa luz para descubrir neles a oportunidade ideal para cambiar e mellorar as nosas vidas. AMÉN



XOVES 18 XANEIRO 2018. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO

LECTURA BÍBLICA: Salmo 145, 1-2
«Eu quero enxalzarte, meu Deus; quero por sempre bendicir o teu nome, cada día celebrarte e enaltecer o teu nome polos séculos».

LECTURA
Este será un gran ano: Se miras o ano como algo inédito, cheo de posibilidades irrepetidas e irrepetibles, que nunca se deron.

Se miras o ano como unha paisaxe que nunca cruzaches, como unha terra virxe que aínda non conquistaches, na que cada día caerá un raio novo de sol que aínda non saíu nunca, senón que sairá especialmente para ti e para ese momento.

Se sabes andar con capacidade de sorpresa; se comprendes de verdade que ti nunca es o mesmo, que o teu corazón non envellece se ti non o entablillas; que cada segundo do futuro é unha mensaxe de Alguén que está máis aló do tempo, aínda que xa o tes no corazón.

Se sentes que o amor e a alegría están vivos nalgún recuncho da túa conciencia e queres camiñar sempre pola vida sendo ti feliz e facendo felices aos demais.

Se cres que Deus é bo e te ama incondicionalmente.

Se cres que o home é bo ou polo menos che gustaría crelo…

ORACIÓN
Hoxe quero darche grazas, Señor, por tantas cousas que me regalaches, pola beleza que puxeches ao noso redor, pola que posuímos no noso interior e pola marabilla de compartir a vida coa familia, os amigos, os compañeiros e con todas as persoas que nos coidan, educan, ensinan e acompañan.
Que todos poidamos gozar dun ano verdadeiramente feliz. Amén


VENRES 19 XANEIRO 2018. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO

EVANXEO: Mateo 25, 19-21
Fagamos frutificar os talentos que o Señor nos deu: «Pasado moito tempo volveu o Señor daqueles empregados, e pediulles conta. Chegado o que recibira cinco talentos presentoulle outros cinco, dicindo: Señor, cinco talentos me entregaches; mira gañei outros cinco. Dille o Señor: Ben! Servo bo e fiel; xa que fuches fiel no pouco, eu confiareiche o moito, entra no gozo do teu Señor»

LECTURA: FELICES XOGANDO XUNTOS
No próximo verán viviremos un acontecemento deportivo de extraordinaria importancia: O Campionato Mundial de Fútbol, que marcará moi de preto e con certa profundidade a vida de moitas persoas e de moitos pobos. Á parte do espectáculo de dimensións planetarias e do transfondo social, político e económico, da importante repercusión do evento, esta celebración pode converterse nunha verdadeira escola, de alcance universal, dos valores educativos do deporte. Oxalá este soado evento espertase o apetito polo xogo, o exercicio físico e o deporte como axuda para o desenvolvemento harmónico e equilibrado da persoa na súa integridade e que servise como un elemento de recreación distendida e axustada aos valores educativos. Sería moi bo que a través do xogo e o deporte puidésemos recuperar o valor do esforzo, da renuncia e do sacrificio que supón a súa práctica continuada ou ben un deber ou unha obrigación que debésemos cumprir. Son moitos os valores humanos e cristiáns que poderiamos aprender coa práctica do xogo e do deporte, por exemplo: lealdade, docilidade, constancia, fortaleza, disciplina, a convivencia, a comprensión, a amizade, a comunicación… Valores que son como os grandes alicerces de toda sociedade democrática e libre.

ORACIÓN
Señor, xa que o deporte é escola de educación, que nela saibamos descubrir os camiños do ben, da dispoñibilidade e o servizo, da felicidade. Que aprendamos a vivir con ilusión e a convivir en amizade. Que erradiquemos de nós todo o malo e negativo que poida haber na nosa vida e que sexamos exemplo e testemuño para cantos nos contemplen e se relacionen connosco. Amén.  










No hay comentarios:

Publicar un comentario

Archivo del blog