LUNS 8 XANEIRO. No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo
Bo día e feliz ano novo!
Tras 18 días de vacacións, as portas do colexio e das aulas vólvense abrir para acollernos. É tempo de re-comezar.
Despois deste período de parón, despois do cambio evidente de rutinas, horarios, comidas, celebracións, saídas e entradas, festas e regalos, volvemos ao regalo da VIDA cotiá, ao diario vivir, á "bendita" rutina. Necesitaremos uns días para "resetearnos" e comezar de novo o ritmo habitual de madrugar, ir a clase, estudar, aprender moito e, sobre todo, de VIVIR.
Vivamos a volta ao cole como un convite a seguir crecendo, a continuar percorrendo o camiño que leva á sabedoría que nin se compra, nin se vende, nin se encontra nos grandes libros, senón só en compañía dos amigos e mestres.
Benvidos de novo ao colexio: profesoras e profesores, moita forza e esperanza, moita fe e moita escoita, moito xogo, máis xestos e menos palabras, moito traballo en equipo e moita confianza en vós mesmos e nos vosos compañeiros e alumnos. Alumnas e alumnos, moitas ganas de aprender, moita creatividade, moita atención e respecto, moitas ganas de participar en todo e moito esforzo para seguir crecendo, por dentro e por fóra, moita sensibilidade, moito estímulo, moita creatividade e moito agradecemento.
Feliz Ano e bo segundo cuadrimestre.
MARTES 9 XANEIRO. No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo
Empezar un novo ano coma
se fose calquera cousa, é unha enorme torpeza. Un ano de vida é un regalo
demasiado grande para botalo a perder.
Algunha vez sentiches no
máis fondo de ti mesmo ese desexo profundo de mellorar ou de cambiar?
Se é así, non deixes que
o desexo se escape, porque non todos os días o sentirás. Se hoxe sentes esa
chamada a querer ser mellor, a ser distinto, atrápaa con forza e faina
realidade.
O inicio dun novo ano é
o momento para reunir as forzas e toda a ilusión para comezar o mellor ano da
vida, porque quen se propoña converter este no seu mellor ano, pode logralo.
O ano novo é unha
oportunidade máis para converter a vida, o traballo en algo distinto:
"Quero algo
diferente, vou comezar ben, así será máis doado seguir ben e rematar ben.
Quizais o ano pasado non foi o meu mellor ano, deixoume un mal sabor de boca;
este vai ser distinto, quero que así sexa, é un desexo, é un propósito, e non o
vou botar a perder. Teño outra oportunidade que non vou desperdiciar, porque a
vida é demasiado breve".
Quen é capaz de dicir:
"Dende hoxe, dende este primeiro día, todo será distinto"?
Na miña casa, vou
arrancar ese egoísmo que tantos desgustos provoca, serei mellor filo/a mellor
amigo/a, mellor nai, mellor pai. Serei tamén distinto en clase, mellor compañeiro. Mesmo vou desempoar a
miña fe, esa fe adormecida, vou poñer un pouco máis de oración, de aire puro na
miña xornada diaria. Xa me fartei de vivir como vivín, de ser egoísta. Outro
estilo de vida, outra forma de ser, por que non intentalo? "
Un ano recén saído das
mans de Deus, é un ano que estreas. Que vas facer con el? O ano pasado non che
gustou? Con este que vas facer?
Un novo ano 2018 recén
iniciado: Todo comeza se ti queres, todo volve empezar…
NOSOPAI
MÉRCORES 10 XANEIRO. No
nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo
ORACIÓN POLO ANO NOVO
Señor, Deus, dono do
tempo e da eternidade, teu é o hoxe e o mañá, o pasado e o futuro. Ao rematar
un ano quero darche grazas por todo aquilo que recibín de TI.
Grazas pola vida e o
amor, polas flores, o aire e o sol, pola alegría e a dor, por canto foi posible
e polo que non puido ser.
Ofrézoche canto fixen o
ano pasado, o traballo que puiden realizar e as cousas que pasaron polas miñas
mans e o que con elas puiden construír.
Preséntoche as persoas
que ao longo destes meses amei, as amizades novas, os máis próximos a min e os
que estean máis lonxe, os que me deron a súa man e aqueles aos que puiden
axudar, cos que compartín a vida, o traballo, a dor e a alegría.
Pero tamén, Señor, hoxe
quero pedirche perdón, perdón polo tempo perdido, polo diñeiro malgastado, pola
palabra inútil e o amor desperdiciado. Perdón polas obras baleiras e polo
traballo mal feito, e perdón por vivir sen entusiasmo. Tamén pola oración que
pouco a pouco fun aprazando. Por todos os meus esquecementos, descoidos e
silencios novamente pídoche perdón.
Ao iniciar un novo ano
deteño a miña vida ante o novo calendario recén estreado e preséntoche estes
días que só TI sabes se chegarei a vivilos. Hoxe pídoche para min e os meus a
paz e a alegría, a forza e a prudencia, a claridade e a sabedoría.
Quero vivir cada día con
optimismo e bondade levando a todas as partes un corazón cheo de comprensión e
paz.
Pecha os meus oídos a
toda falsidade e os meus labios a palabras mentireiras, egoístas, mordaces ou
ferintes.
Abre en cambio o meu ser
a todo o que é bo que o meu espírito se encha só de bendicións e as derrame ao
meu paso.
Éncheme de bondade e de
alegría para que, cantos conviven comigo ou se acheguen a min encontren na miña
vida un pouco de TI.
Dános un ano feliz
e ensínanos a repartir felicidade.
Comezar un ano coa fe en
Deus e a mirada no ceo é un bo comezo. Que cada día deste ano sexa unha
nova experiencia.
NOSOPAI
XOVES 11 XANEIRO. No
nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo
OLLO POR
OLLO OU PERDOAR?
Xesús tráenos hoxe unha
Boa Noticia. Quizais creamos que sabemos moito sobre el, que oímos moitas veces
feitos da súa vida, pero a súa palabra pode soar de forma distinta cada día e
pódenos dar luz nos nosos problemas.
En ocasións, enfadámonos
cos demais ou mesmo podemos chegar a insultar a aquel que non nos cae
ben. Ante isto Xesús dinos unhas palabras:
"Oístes que antes
se dixo: Ollo por ollo e dente por dente. Pero eu dígovos: Non resistades a
quen vos faga algún dano. Ao contrario, se alguén che pega na meixela dereita,
ofrécelle tamén a outra. Ao que che pida algo, dállo; e non lle volvas as
costas a quen che pida prestado. "
"Tamén oístes que
antes se dixo: 'Ama os teus e odia o teu inimigo. ' Pero eu dígovos: Amade os
vosos inimigos e orade polos que vos perseguen. Así seredes fillos do voso Pai
que está no ceo, pois el fai que o seu sol saia sobre malos e bos, e envía a
chuvia sobre xustos e inxustos. Porque se amades soamente os que vos aman, que
recompensa teredes? E se saudades soamente os vosos irmáns, que facedes de
extraordinario? "
Xesús deixounos esta
mensaxe, para que o teñamos en conta na nosa relación cos demais. O seu
consello para que sexamos felices é que non peguemos, que a violencia non leva
a ningún sitio. Dar e axudar a todo o que nos pide algo, aínda que non nos caia
ben ou non o coñezamos. En definitiva, saudar, querer, compartir con todos, pero
empezando cos que temos ao lado: cos nosos compañeiros de clase. Que Deus nos
axude a dicir si sempre que alguén nos necesite.
NOSOPAI...
VENRES 12 XANEIRO. No
nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo
ORAMOS POLA VIDA QUE CONTINÚA
Comezou un novo ano e con el un mundo de
oportunidades ábrese ante nós. O momento é propicio para reflexionar
internamente sobre experiencias vividas, situacións actuais e expectativas
futuras; para aprender do pasado, tomar conciencia do presente e construír un
futuro mellor.
A nosa vida, a de cada un de nós, é á vez
regalo, oportunidade e responsabilidade. E é asumíndoa persoalmente dende estas
tres dimensións como imos crecendo e convertendo en realidade o noso proxecto
vital: aquilo que cada un de nós estamos chamados a ser.
A vida é un regalo, algo que se nos
dá gratuitamente. E cando recibimos un regalo, a nosa mente e o noso corazón,
se somos agradecidos, diríxense ao doador… para agradecer... Temos unha vida
que se nos deu "para algo"....
A vida é unha oportunidade... Na
existencia de cada un de nós hai oportunidades moi variadas e de distinto
calado... non todas teñen a mesma profundidade nin o mesmo alcance.
Hai oportunidades que se repiten, intrascendentes... pero tamén as hai que son
únicas. A vida é unha oportunidade única: só se vive unha vez...
A vida é tamén unha responsabilidade...
unha tarefa.
Dentro da "oportunidade" que é a
vida, momentos, ocasións, circunstancias... que nos invitan a rectificar, a
cambiar de actitude, a facer propósitos e plans novos... a reorientar os nosos
pasos. Este ano 2014 que acabamos de estrear é unha desas oportunidades... para
a nosa vida persoal. Ogallá non teñamos que velo dentro duns meses como unha
ocasión perdida.
Sempre podemos escoller
entre vivir o mundo tal como o coñecemos ou cambialo no que desexamos. Todo
dependerá da decisión que cada un de nós tomemos.
Cita bíblica
Quen sementa xenerosamente, xenerosamente obterá; quen sementa tacañamente,
tacañamente obterá (2Cor.9. 9, 6)
Oración
Grazas, Pai, polo novo ano que empeza. Pola vida que continúa.
Unha oportunidade para crecer e para facer o ben.
Ogallá sexa xeneroso para sementar obras de caridade. Dáme humildade e
paciencia.
Que sexa tamén unha ocasión para crecer como seguidor de Xesús.
Dáme fortaleza e alegría.
Grazas, Señor.
No hay comentarios:
Publicar un comentario