viernes, 26 de enero de 2018

SEMANA DA PAZ. 29-2 FEBREIRO

LUNS 29 XANEIRO 2018. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO

Lector 1:
         Estamos na Semana da Paz.
         É un tempo do ano no cal queremos pensar e darnos conta da importancia de educarnos para ser persoas de paz.
Lector 2:
         Temos que convencernos de que os nosos problemas non se resolven a golpes.
         Temos que desexar fortemente utilizar todos os medios razoables e nunca recorrer á violencia.

Lector 1:
         No mundo hai moita xente violenta e a nós ás veces tamén nos veñen as ganas de selo.
         Por iso pedímoslle a Deus a súa axuda e a súa forza para crecer e educarnos como xente de bo corazón que quere o amor e a paz.

TODOS:
Señor, fai de min un instrumento da túa paz:
Onde haxa odio, fai que eu leve amor.
Onde haxa ofensa, que eu leve o perdón.
Onde haxa discordia, que eu leve a unión.
Onde haxa dúbida, que eu leve a fe.
Onde haxa erro, que eu leve a Verdade.
Onde haxa desesperación, que eu leve a esperanza.
Onde haxa tristeza, que eu leve a alegría.
Onde haxa tebras, que eu leve a luz.

Lector 2:
Señor, fai que non busquemos tanto
         ser comprendidos, senón comprender;
         ser consolados, senón consolar;
         ser amados, senón amar.

TODOS:
Porque é dando, como se recibe.
É perdoando, como un é perdoado.
É morrendo, como se resucita á Vida Eterna.
                                                       (S. Francisco de  Asís)

MARTES 30 XANEIRO 2018. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO

A PAZ, INGREDIENTE FUNDAMENTAL  PARA A FELICIDADE
DÍA ESCOLAR DA PAZ E A NON VIOLENCIA

EVANXEO: Xoán 14, 25, 27
«Dígovos isto agora que estou ao voso lado. Déixovos a miña paz, douvos a miña paz: non vola dou como a dá o mundo. Que non trema nin se acovarde o voso corazón».

LECTURA
Estamos afeitos ver “pelis” en que a única solución ante os problemas que nos suceden é a resposta violenta. E se imos ao cine ou estamos no sofá vendo a tele saltamos e aplaudimos de gozo cando os “bos”  zurran aos “malos”.  Estamos afeitos ver violencia e morte. E o máis perigoso de todo isto é que xa non nos chama a atención.
Estamos rodeados de violencia! Pero hai oasis de paz… se miramos en profundidade e con serenidade descubrimos que na nosa vida cotiá triunfa a paz, o consenso, a concordia, o bo humor, o compañeirismo… Si, non nos deixemos enganar… unha cousa é a tele e as pelis, e outra nosa vida de cada día. Unha cousa é a historia e outra moi distinta ten que ser o presente e o futuro que o construímos entre todos e todas nós.

REFLEXIÓN
Temos bos modelos a seguir: Xesús de  Nazaret, Martin  Luther King e a Gandhi, que o lembramos hoxe 30 de xaneiro, o día da súa morte e o día no que nos colexios de España celebramos o Día da Non-Violencia e da Paz. Coa súa vida déronnos un exemplo de que coa paz pódese ser moi feliz e contaxiar de felicidade auténtica a quen nos rodea.
Anímate a vivir coma eles! Anímate a vivir en paz!



MÉRCORES 31 FEBREIRO 2018. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO

SERMOS FELICES CONSTRUÍNDO A PAZ

EVANXEO: Mateo 5, 9
« Felices os que practican a paz, porque (eles) serán os fillos de Deus».

LECTURA
Unha das maiores ilusións de todo ser humano hoxe, dada a convulsión do noso mundo, sería poder ver e ler en televisións e xornais esta Boa Nova: Estalou a bomba da paz. Si, porque a paz non é ideal utópico que poidamos deixar ao entusiasmo de certos grupos de soñadores. A paz é unha condición indispensable para garantir a subsistencia de toda a humanidade. A paz é un don de Deus, pero é unha responsabilidade nosa, de cada ser humano. A paz, como todo don de Deus ao home, debe contar coa nosa boa dispoñibilidade e a nosa total colaboración. A paz, aspiración de todos os homes e de todos os pobos, non quere dicir soamente ausencia de guerras, non se reduce ao equilibrio de forzas contrarias, nin nace dun dominio despótico, senón que con razón e propiedade defínese como a obra da xustiza. E a xustiza exprésase principalmente no respecto á dignidade das persoas e dos pobos e na axuda eficaz ao seu desenvolvemento e progreso en igualdade de oportunidades. A paz ha de fraguarse no corazón de cada persoa, de cada un de nós. Non podemos desentendernos dunha tarefa de importancia decisiva para a humanidade. A paz é algo que implica a cada home e a cada muller segundo as súas propias competencias e responsabilidades. Da xustiza de cada un nacerá a paz para todos.



XOVES 01 FEBREIRO 2018. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO

Lector 1:
         Oxalá chegue un día en que todos os exércitos do mundo non fagan falta, porque os países non queren xa arranxar os seus problemas loitando con armas.
         Oxalá chegue o día en que ninguén se atreva xa a quitar a vida a outro ser humano.
         Oxalá entendésemos dunha vez que é moito máis barato... pero moito máis barato! evitar unha guerra que pagar as súas mortes e as súas desfeitas.

Lector 2:
         Pai Deus, nós desexamos sementar o mundo de paz
E, para conseguilo, sabemos que temos que educarnos plantándoa en cada corazón.
   Ensínanos que perdoar é un signo de grandeza    
   e que a vinganza é un sinal de  bajeza.

TODOS:
Señor, fai de min un instrumento da túa paz:
Onde haxa odio, fai que eu leve amor.
Onde haxa ofensa, que eu leve o perdón.
Onde haxa discordia, que eu leve a unión.

Lector 1:
         Ás veces preguntámonos por que se fabrican armas.
         Ás veces tamén nos dicimos por que hai xente que cultiva no seu corazón o odio e non o amor.
         Por iso pedímoslle a Deus,

TODOS:
Onde haxa odio, Señor, fai que eu leve amor.
Onde haxa ofensa, que eu leve o perdón.
Onde haxa discordia, que eu leve a unión.

Lector 2:
         Ás veces xorden enfados entre nós ou na nosa casa e coa nosa familia.
         Se queremos educarnos para a paz, temos que pensar que é moito máis o que nos une que aquilo que nos separa.
         Temos que pensar que nunca hai razón suficiente para mirar ao "outro" como alguén a quen hai que quitar do noso camiño.

Lector 1:
         Sabemos que hai paz entre nós cando facemos todas as cousas con xustiza,
         e cando non somos egoístas e pensamos nos demais.
         Por iso, neste terceiro día da Semana da Paz, pedímoslle a Deus

TODOS:
         Señor, ensínanos a ser xenerosos:
         fai que non busquemos tanto
         ser comprendidos, senón comprender;
         ser consolados, senón consolar;
         ser amados, senón amar.
         AMÉN.
            


 VENRES 02 FEBREIRO 2018. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO
                               
Lector 1:
         Hai un poeta que di:
         “Onde haxa unha árbore que plantar, plántaa ti.
         Onde haxa un erro que solucionar, soluciónao ti.
         Onde haxa un esforzo que todos esquiven,
         acéptao ti.
         Sé o que apartou do camiño a pedra,
         o odio dos corazóns
         e as dificultades do problema”.

Lector 2:
         E é que nos gustan as cousas ben feitas e que todo estea en orde.
         Pero ás veces pensamos que quen ten que facer as cousas son os demais.

Lector 1:
         É o que lles pasa a algúns coa paz.

Lector 2:
         Somos nós os que temos que facer a paz no noso colexio e na nosa familia.

Lector 1:
         Se che gusta a paz, edúcate para a paz.

Lector 2:
         Se de maior queres ser unha persoa de paz, ensaia desde agora a ser un neno de paz.

ORACIÓN DAS NACIÓNS UNIDAS
TODOS:

Señor,
a nosa terra é só un astro pequeno,
perdido na inmensidade do universo.

Tarefa nosa é facer dela un planeta
onde non vivamos atormentados polas guerras,
nin  torturados pola fame e o terror,
nin desgarrados e divididos
por ideoloxías, razas ou cor da pel.

Dános acerto e valentía
para poñernos desde hoxe “ao choio”
co fin de que os nosos fillos
e os fillos dos nosos fillos
poidan un día chamarse con orgullo homes e mulleres.





No hay comentarios:

Publicar un comentario

Archivo del blog