viernes, 2 de marzo de 2018

3ª SEMANA DE CORESMA

LUNS 5 MARZO. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO

REXEITA A INDIFERENZA

EVANXEO:  Mateo 14, 13-16

«Ao decatarse Xesús marchou de alí en barca a soas, a un lugar deserto. Cando a xente o soubo, seguiuno por terra desde os poboados. Ao desembarcar viu Xesús unha multitude, compadeceuse dela e curou aos enfermos. Como se fixo tarde, achegáronse os discípulos para dicirlle: “É moi tarde, despide á multitude para que vaian ás aldeas e compren comida”. Xesús replicoulles: “Non fai falta que vaian, dádelles vós para comer».

LECTURA
Primeiro  levaron    a     os comunistas,
pero   a min    non  me importou   porque  eu  non  o  era;
enseguida  levaron    a uns    obreiros,
pero   a min  non  me importou porque eu  tampouco  o  era; 
despois detiveron aos sindicalistas,
pero  a min non  me importou porque eu non son  sindicalista;
logo  apresaron  a uns curas,  
pero  como  eu  non  son relixioso,  
tampouco  me importou;  
agora  lévanme  a min, pero xa  é demasiado tarde.


Bertolt   Brecht

REFLEXIÓN

Cada un temos a nosa propia vida cos seus problemas, os seus momentos felices e as súas dificultades. Isto pódenos levar a pensar que co noso xa temos suficiente e que os problemas dos demais non teñen por que afectarnos.

Cada día vemos e escoitamos noticias sobre problemas que existen no mundo e corremos o perigo de que non nos afecten, ou como moito, que nos dean pena uns segundos, xusto ata que pasa a seguinte imaxe. Será que nos estamos volvendo  insensibles ao que pasa ao noso ao redor?

Xesús proponnos non soamente que nos preocupe o que lles pasa aos demais, senón que fagamos o que estea na nosa man para buscar solucións. Os seres humanos vivimos xuntos e formamos sociedades porque é un elemento que nos fai ser máis humanos. A solidariedade cos demais fainos máis humanos.

Nesta Coresma fixémonos no que pasa ao redor. Poida que ao teu lado haxa unha persoa que necesita de ti: da túa axuda, dun sorriso, do teu apoio…

Es unha persoa sensible ao que pasa á túa ao redor ou vives pechado nas túas cousas sen importarche nada máis?





ORACIÓN

Cada día queremos construír un mundo máis humano.
Cada día queremos ter en conta aos homes e as mulleres,
irmáns nosos,
cos que compartir os nosos dons e a nosa vida.
Cada día, Pai, abre o noso  corazon
para que che descubramos a ti
e traballemos xuntos por un mundo máis unido
no que habite a xustiza e a paz.
Amén.


MARTES 6 MARZO. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO

REXEITA A  CHULERÍA

EVANXEO:  Mateo 6, 1-4
Dixo Xesús aos seus discípulos e a nós dinos hoxe: "Coidade de non practicar o ben diante dos homes para ser vistos por eles, pola contra, non teredes recompensa do voso Pai celestial...Ti, en cambio, cando fagas o ben ou deas esmola, que non saiba a túa man esquerda o que fai a túa dereita; así a túa esmola quedará en segredo e o teu Pai, que ve no secreto, pagaracho.... 
Ti, cando vaias rezar, entra na túa habitación, pecha a porta e reza ao teu Pai, que está no escondido, e o teu Pai, que ve no escondido, El pagaracho..." Mt. 6,1-6)

REFLEXIÓN

En moitas ocasións baseamos as nosas relacións cos demais nunha actitude que nos fai poñernos por encima deles ou que busca que todo o mundo se dea conta do que facemos ou do que valemos.

Ás veces estas actitudes de prepotencia ou  chulería esconden outras deficiencias, de modo que non se noten as carencias que temos, as inseguridades, etc

Ademais, abundan na nosa sociedade as persoas que só teñen fachada.
Valórase tanto o exterior e a aparencia que tememos que é difícil non caer neste xogo. Por iso, as palabras de Xesús golpean máis que nunca as nosas conciencias durmidas, cando o perigo de vivir desde as aparencias faise tan evidente na nosa sociedade de hoxe. Unhas palabras que nos piden que teñamos coidado en vivir só pendentes da aprobación dos que temos ao noso lado, dos nosos amigos ou grupo. Non cedamos ao que o grupo nos pida se non é facer o ben. Para isto, si que hai que ter personalidade e pensar no noso interior sobre o que de verdade é bo e vai de acordo co que Xesús nos pide.

Es dos que se relaciona cos demais así? Es dos que fas as cousas para que se che vexa, para que te adulen, para gustar e caer ben, ou es das que fai as cousas sinxelamente porque cre que é o que ten que facer?


ORACIÓN

Rezamos xuntos dicindo: conta connosco, Pai

Porque queremos acoller a túa chamada para dar o mellor de nós mesmos, dicímosche:
 conta connosco, Pai.
Porque sabemos que necesitas das nosas mans, da nosa colaboración, para facer deste mundo o teu reino, dicímosche conta connosco, Pai.

Porque queremos rexeitar a prepotencia e a  chulería das nosas vidas, para crear relacións máis  fraternas, dicímosche conta connosco, Pai.

MÉRCORES 7 MARZO. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO

REXEITA O INDIVIDUALISMO

EVANXEO: Lucas 19, 8-9

« Zaqueo, de pé, dixo a Xesús: “Mira, Señor, a metade dos meus bens doulla aos pobres; e se defraudei a algún, restitúoo catro veces máis”. Xesús díxolle: “Hoxe foi a salvación desta casa».


REFLEXIÓN

Unha tentación moi frecuente é a de vivir mirando só para os nosos propios intereses, sen preocuparnos do que pasa ao redor. Podemos ter a sensación de que sós podemos facer todo e non necesitamos de ninguén. Pero en canto nos paramos a pensar un pouco dámonos conta da equivocación.
Xa non é só que necesitemos dos demais para moitas cousas, o que podería levarnos a utilizalos para o noso beneficio, senón que os demais nos achegan moitas cousas que nos enriquecen como persoas.

Unha opinión distinta á miña, unha maneira diferente de ver as cousas, un matiz novo no que nonrepararamos, unha valoración que non percibiamos… son elementos que nos abren a unha realidade máis ampla que a nosa estreita forma de ver.

O individualismo encérranos en nós mesmos e empobrécenos, levantando ás veces barreiras que nos impiden aprender ou achegar nada.

Que predomina máis en ti? Considéraste unha persoa individualista?



ORACIÓN
Pai creador, as túas mans están sempre cheas de vida
para dar e repartir gratis
entre todos os teus fillos, que son os nosos irmáns.
Grazas de todo corazón.

Ti quéresnos máis solidarios e menos individualistas,
Ti quéresnos alegres e felices.
Ti que es a fonte da vida
damos forzas para vivila en plenitude. Amén.

XOVES 8 MARZO. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO

REXEITA O  SEXISMO
DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

EVANXEO: Xoán 8, 3-4.7

«Os escribas e os  fariseos trouxéronlle unha muller sorprendida en adulterio e, colocándoa no medio, dixéronlle: “Mestre, esta muller foi sorprendida en adulterio. A lei de Moisés mándanos  apedreala; ti que dis? Como insistían en preguntarlle, incorporouse e díxolles: “O que estea sen pecado, que tire a primeira pedra».

REFLEXIÓN

Homes e mulleres somos algo máis que simplemente sexos diferentes. Desde o momento en que todos nos vemos como persoas, hai puntos de vista que cambian, porque igual que hai homes diferentes entre si e mulleres diferentes entre si, hai persoas diferentes.

As diferenzas poden ser motivo de separación e discriminación ou motivo de enriquecemento mutuo. Cando ves as diferenzas desde unha perspectiva positiva, entón buscamos o que é diferente para que me achegue algo novo. O malo é cando se estereotipan algunhas diferenzas tachándoas de mellores ou peores sen unha base sólida.

Hoxe tamén é un día para defender a igualdade de dereitos en moitos ámbitos como o laboral, onde aínda segue habendo diferenzas inxustas.

Oxalá non fixese falta celebrar un día internacional da muller, ou un día internacional da non violencia, ou da loita contra a fame. Iso significaría que non fai falta saír en defensa de colectivos que son desfavorecidos ou marxinados sen razón.

Ves moitos estereotipos ao teu ao redor que haxa que criticar? Que podes facer ti para acabar con eles?

ORACIÓN

Pai-Nai do amor,
Ti queres a todos os teus fillos por igual
e dáslles a mesma dignidade,
sen ter en conta sexo ou raza.

Que respectemos a todos na súa diversidade,
Que aprendamos a enriquecernos xuntos,
Que traballemos por unha sociedade máis xusta,
na que non haxa persoas de segunda categoría.

Ti que es Pai-Nai de todos
ensínanos a querernos como ti nos queres. Amén


MANIFESTO DO CONCELLO DE MARÍN POLO “DÍA INTERNACIONAL DA MULLER”
Tal e como recolle Nacións Unidas, o Día Internacional da Muller é un día que se conmemora a nivel mundial e mulleres de todos os continentes únense para reivindicar séculos de loita en favor da igualdade.
A idea dun día internacional da muller nace no mundo industrializado a finais do século XIX. No ano 1910, durante a II Conferencia Internacional de Mulleres Traballadoras en Dinamarca, declarouse o 8 de marzo como Día Internacional da Muller Traballadora, actualmente Día Internacional da Muller. No século XXI seguimos traballando para eliminar a discriminación entre mulleres e homes.
Nesta data non podemos esquecer a realidade do noso municipio en relación ao mercado laboral. Segundo datos actualizados do Servizo Público de Emprego, o número de persoas en paro a decembro de 2017, é de 1.783 persoas, 997 mulleres fronte a 786 homes. Os datos son máis significativos cando se trata de acceder a un emprego por primeira vez onde o 71% das mulleres están en paro fronte ao 29% dos homes.
Os datos sinalan que as desigualdades entre homes e mulleres continúan manifestándose no mundo laboral, dende a brecha salarial onde a igual traballo as mulleres cobran menos salario cos homes, o teito de cristal que dificulta a promoción profesional das mulleres, no uso dunha linguaxe sexista que as invisibiliza, nos estereotipos de xénero patriarcais que ditan a maneira de comportarse de homes e mulleres, no reparto desigual das tarefas domésticas e no coidado de menores e persoas dependentes, no acoso sexual en diferentes ámbitos como o deporte e o mundo laboral ou nos asasinatos como primeira causa de morte das mulleres no mundo.
Ban ki Moon, Secretario da ONU ata o ano 2016, sinalaba que os países con máis igualdade de xénero experimentan un maior crecemento económico. As empresas que contan con máis líderes mulleres, logran mellores rendementos. Os acordos de paz, que inclúen ás mulleres, son máis duradeiros. Os parlamentos nos que hai máis mulleres, aproban máis leis sobre cuestións esenciais como a saúde, a educación e a loita contra a discriminación.
É evidente, que o camiño para acadar a igualdade, radica nas oportunidades das mulleres para poder desenvolverse en todos os eidos da vida, xa que o seu progreso representa un ben común para o conxunto da sociedade. Adiquemos este 8 de marzo a todas as persoas que constrúen igualdade para obter un novo modelo social de respecto ás diferenzas, tolerancia e cooperación porque como dicía Concepción Arenal, “Todas as cousas son imposibles, mentres o parecen”. 



VENRES 9 MARZO. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO

REXEITA A VIOLENCIA

EVANXEO:  Mateo 5, 43-45

«Oístes que se dixo: “amarás ao teu próximo e  aborrecerás ao teu inimigo”. Pero eu dígovos: amade aos vosos inimigos e orade polos que vos perseguen, para que sexades fillos do voso Pai celestial, que fai saír o seu sol sobre malos e bos, e manda a choiva a xustos e inxustos».

REFLEXIÓN

Moitas veces adoitamos solucionar os conflitos con algún tipo de violencia, que non necesariamente ten que ser agresión física. Pero sabemos que unha actitude violenta xera máis violencia e non logramos as solucións esperadas.

A teoría imos téndoa clara, pero a práctica cústanos, porque se trata de cultivar cada día as actitudes da bondade, do respecto, da comprensión, da paciencia…

Que pasaría nun mundo no que todos actuásemos desta maneira?

Nesta Coresma imos pensar no modo en que podemos tratar aos demais. Tenta hoxe poñer en práctica esa actitude.

No hay comentarios:

Publicar un comentario