domingo, 29 de abril de 2018

ORACIÓNS 1ª SEMANA MAIO

LUNS 30 ABRIL 2018
“No nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo” Amén

Eu son a vide; vós os bacelos. Quen permanece en min e eu nel, ese leva froito abondoso, pois fóra de min non podedes facer nada. Se alguén non permanece en min, é coma os ramos arrincados fóra, que secan; apáñanos, bótanos no lume e arden. Se permanecedes en min e as miñas palabras permanecen en vós, pedide o que queirades e hásevos facer. Nisto é glorificado meu Pai: en que levedes froito abondoso e vos mostredes coma discípulos meus.

REFLEXIÓN
Falamos da unión que temos que ter con Xesús e con Deus Pai para podermos producir froitos saborosos de xustiza, de paz e de amor. Mais esta unión non nos torna uniformes, como tampouco hai nunha mesma vide un bacelo exactamente igual a outro ou un acio de uvas que sexa totalmente idéntico a outro. O Deus que é un, mais que é tamén diferente en si mesmo (en canto Pai, Fillo ou Espírito), quere construír así en nós unidade e diferenza, unión de cada un de nós con el e cos demais mais mantendo cada un a súa propia identidade, a súa diferenza respecto dos demais.
           
Construír un mundo así, unido e diferente segundo as diversas culturas e as diversas maneiras de ser, é unha tarefa á que nos deberiamos dedicar sempre con teima, alegría e esperanza. Mais sabendo que só acadaremos realizar esta grande obra se nos mantemos unidos con esa vide, que é Xesús, e por medio del co labrego traballador e agarimoso por excelencia, que é Deus-Pai. Que así sexa!

ORACIÓN
Señor, mira as nosas mans
que queren construír unha sociedade máis humana,
onde a vida de todos sexa posible.
Mira as nosas mans,
que se unen para crear confianza
e máis solidariedade en todo o mundo,
onde os homes traballan xuntos.

Señor, móstrame o camiño
ese que debo tomar
para poder contribuír
a mellorar a sociedade.
Que non me quede no meu propio beneficio
senón que os que están ao redor
vexan os froitos do meu esforzo.

Señor, douche grazas
polas oportunidades que se me brindan cada día.
Ensíname a valoralas
e non a velas como unha obrigación
e dáme as ferramentas necesarias
para poder aproveitalas ao máximo
e que delas poidan beneficiarse cantos máis mellor. AMÉN



MÉRCORES 2 MAIO 2018
“No nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo” Amén

Comezamos o mes de maio. É un mes no que recordamos, de forma especial, a María.

Lectura do evanxeo de san Lucas 1, 38
Aquí tes a escrava do Señor: que se cumpra en min a túa palabra.
Palabra de Deus

María foi unha muller bela. Non falamos da beleza que vén do externo (do físico, dos adornos ou dos vestidos), senón desa beleza que sae do interior, da forma de ser, do realmente importante. María foi preciosa aos ollos de Deus.
María CONFIOU. Confiou na Palabra de Deus que se lle dirixía a ela. Podía ter mirado cara a atrás coma se con ela non fose a cousa, pero non o fixo. CONFIOU. Dixo SI
María ATREVEUSE. Atreveuse a desafiar a vergoña, a incomprensión, a soidade, o repudio.
María apostou pola VIDA. A vida de Deus en primeiro lugar. A vida do seu fillo en segundo lugar. E, despois, a vida da humanidade enteira e a súa propia.
Si. María atreveuse, confiou e viviu.
Ogallá este mes nos sirva para coñecer un pouco mellor a María, que nos acompañe no camiño e que sexa tamén modelo para nós.


XOVES 3 MAIO 2018
“No nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo” Amén

Achegáronse dous estraños personaxes a unha aldea onde, os seus habitantes, sempre estaban tristes. E, de súpeto, aqueles hóspedes puxéronse facer xogos, contar chistes e a facer  payasadas para atraer a atención da xente.
Enseguida se vironse rodeados de grandes e pequenos que se divertían e aplaudían entre grandes  risotadas. Unha voz desde ceo gritou: “Estes si que entrarán no Reino de Deus!”
Que é o que vendedes? Preguntaban algúns daquela aldea a aqueles homes estraños.
Traemos alegría aínda que, por dentro, nós esteamos a chorar.

María soubo irradiar alegría. Foi agradecida con Deus.
Agradecida con Xesús e, tamén, agradecida  con Xosé.
Este mes de maio, María, ensínanos a sorrir polo gran don que Deus nos fai: A VIDA.
O anxo, e non o esquezamos, díxolle: “Alégrate chea de graza”.
Sen pensalo dúas veces, e aínda estando embarazada, ponse en camiño.
Chega a casa da súa curmá Isabel e dille: “Alégrase o meu espírito en Deus o meu Salvador”
Que nós, como María, nos poñamos en camiño.
E, sobre todo, que vaiamos sementando os nosos camiños coas sementes da alegría.
Unha vida sen alegría é como unha noite sen estrelas.
Que María nos axude a sorrir. Deus vai diante de nós.


ORACIÓN
María:
Axúdanos a ver a vida como un agasallo de Deus.
E, como sempre que recibimos un obsequio,
Que non esquezamos de ser agradecidos:
Grazas, Señor!
Grazas, Deus!
Grazas, Xesús!
Que a miña vida sexa un instrumento
Polo que se escoite sempre
O himno da alegría.
Que todos que estean xunto a min
poidan sentirse a gusto sabendo
que Ti, María, es a fonte da miña harmonía. Amén.



VENRES 4 MAIO 2018
“No nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo” Amén

Materias Marías?

Os estudantes adoitan denominar ás materias fáciles “materias marías”. De onde vén ese cualificativo?
Ao pé da cruz de Xesús, o evanxeo cóntanolo, estaban as tres Marías. Parece coma se fosen o sexo débil. O certo é que nos poderiamos preguntar: E onde estaban os "fortes"? Porque, non o esquezamos, todos fuxiron como o morcego escapa da luz. Tan só, ao pé do madeiro, quedaron a Nai de Xesús e as outras dúas marías.
Elas foron, non o esquezamos, o símbolo da fortaleza, do valor e do aguante extremo. Ante moitos medos e covardías, desercións e traizóns, elas, “as marías” permaneceron nos momentos nos que Xesús máis necesitaba da compañía de alguén. Os seus amigos, todos excepto Xoán, botaron a correr e nada se soubo deles ata o momento de triunfo da resurrección.

 ORACIÓN
Virxe María:
A vida non é tan fácil como nola pintan
nin, noutras ocasións, tan dura como a cremos ou a facemos.
Que non perdamos nunca o sentido da solidariedade con aqueles que máis nos necesitan.
Que non descalifiquemos como “marías” aquelas persoas, situacións, traballos e obrigacións que nos poden parecer débiles ou inútiles.
Ás veces, no sinxelo, está a fonte e o segredo da verdade.
Que como Ti, María,
tamén nós aprendamos a estar de pé cando cheguen os días de sufrimento ou de proba.
Que como Ti, María,
non deamos as costas ás persoas que se senten soas,  angustiadas, tristes e sen máis amigos que as súas propias soidades.
Que este mes de maio faga brotar nas ramas dos nosos días os froitos da fortaleza, do bo compañeirismo e da solidariedade. Amén





No hay comentarios:

Publicar un comentario

Archivo del blog