viernes, 18 de enero de 2019

21-25 XANEIRO (2 TO C)


LUNS 21 XANEIRO 2019. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO

Esta semana, o calendario litúrxico lémbranos que volvemos ao tempo ordinario, e  facémolo che@s de esperanza e de novos folgos despois da graza que quixeron supor  na nosa vida o tempo de advento e o de Nadal. O extraordinario pasou. É tempo de poñelo en práctica: as ilusións, os propósitos, a vida ateigada de proxectos... E todo, coma sempre, na compaña de Deus, que se achega para cambiar a auga da mediocridade, da inxustiza, do abuso e da mentira no viño novo de xustiza, creatividade, coherencia e misericordia. Un Deus que nos bendí cos seus dons, coas calidades que pousa no corazón de cada un e cada unha de nós e que non son para enterrar, senón para poñer ao servizo do ben común, para compartir e así complementarnos mutuamente.

“Facede o que El vos diga”. Que as palabras de María que imos proclamar no evanxeo de hoxe nos poñan en disposición de escoitar, celebrar e vivir unha Palabra que sempre é actual.

Lectura do santo Evanxeo segundo San Xoán 2, 1-12
Naquel tempo, había unha voda en Caná de Galilea e a nai de Xesús estaba alí; Xesús e os seus discípulos estaban tamén convidados á voda.
Faltou o viño e a nai de Jesús díxolle:
-Non queda viño.
Xesús contestoulle:
- Muller, déixame, aínda non chegou a miña hora.
A súa nai dixo aos serventes:
- Facede o que el diga.
Había alí colocadas seis tinas de pedra, para as purificacións dos xudeus, duns cen litros cada unha.
Xesús díxolles:
- Enchede as tinas de auga.
E enchéronas ata arriba.
Entón mandoulles:
- Sacade agora, e levádello ao mordomo.
Eles leváronllo.
O mordomo probou a auga convertida en viño sen saber de onde viña (os serventes si o sabían, pois sacaran a auga), e entón chamou ao noivo e díxolle:
- Todo o mundo pon primeiro o viño bo e cando xa están bebidos, o peor; ti en cambio gardaches o viño bo ata agora.
Así, en Caná de Galilea Xesús comezou os seus signos, manifestou a súa gloria e creceu a fe dos seus discípulos nel.
Palabra do Señor

A voda é un símbolo frecuente para expresar a alianza de Deus co seu pobo, no sentido de canto ten de festa, de compromiso, de entrega, de vida en común. Agora ben, o relato das vodas de Caná vai máis alá, pois quere expresar o paso da relixiosidade dos xudeus á relixiosidade de Xesús.




MARTES 22 XANEIRO 2019. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO

2019, un ano máis para seguir crecendo

Se hai unha meta ou proxecto que compartimos todos é que cada ano poidamos crecer persoalmente con todo o que implica. Se botamos a mirada uns anos atrás seremos conscientes do que vivimos e maduramos ao longo dese tempo.
Se nos expomos desde o principio do ano a aquelas cousas nas que temos que avanzar e crecer, será moito máis fácil que sexamos conscientes do noso crecemento e poidamos saborealo e gozalo moito máis sen necesidade de ter que fixarnos no noso pasado para ver os pasos que demos. Coñecernos a nós mesmos será a clave do noso crecemento.
Cada día dános a oportunidade de dar un pouquiño máis de nós mesmos, de sentir, de vivir, de compartir… En resumo, de crecer. Que vivamos con intensidade cada día e que sexamos conscientes do moito que nos fai crecer cada unha das nosas accións.

Palabra de Deus (Eclesiastés 3: 1-8)
"Hai un tempo sinalado para todo, e hai un tempo para cada suceso baixo o ceo: tempo de nacer, e tempo de morrer; tempo de plantar, e tempo de arrincar o plantado; tempo de matar, e tempo de curar; tempo de derrubar, e tempo de edificar, tempo de chorar, e tempo de rir; tempo de lamentarse, e tempo de bailar?" 

Que significa para ti crecer? Estás disposto a ter a actitude de coñecerte máis a ti mesmo?

NOSOPAI


MÉRCORES 23 XANEIRO 2019. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO

Paulo recórdanos unha cousa fundamental que nos transmitiu Xesús: a paz e a unidade. Como todo o realmente importante na vida, non podemos conseguilas nós sós co noso esforzo. Debemos esforzarnos, claro, pero non podemos conseguilo sós.
Necesitamos rezar porque necesitamos contar coa presenza de Deus. Quizais esteas a rezar máis do que pensas. Xesús só pide unha cousa: que creas en Él e, entón, serás quen de escoitalo.
A próxima semana comezaremos a rezar pola paz e a non violencia, posto que o 30 de xaneiro celebramos a nivel mundial este día, rememorando a morte de Gandhi.
Sabemos que non pode haber paz se non estamos unidos entre nós.
Pedimos pola unidade de todas as igrexas cristiás, pero tamén pola unidade entre todos nós, aquí no colexio, cos nosos amigos, no noso pobo, o noso país... e entre todos os colexios vicencianos.

ORACIÓN
Señor Xesús, 
fai que sexamos os sinais vivos do teu reino que vén.
Acéndenos a paixón pola xustiza e a paz entre todos os pobos. 
Énchenos de fe, de esperanza e de amor que están no corazón do Evanxeo 
e fainos UN para que o mundo crea.
Que o teu nome sexa santificado en todo o mundo, 
que a túa Igrexa poida recoñecerse efectivamente reunida nun único corpo.
Comprometémonos a amarte, 
a traballar pola xustiza, a paz e a unidade. 
Queremos ser testemuñas túas.
Dános luz e forza para coñecer e vivir a fe e o amor, 
para que outros te poidan recoñecer en nós 
e que poidamos descubrirte neles. Amén



XOVES 24 XANEIRO 2019. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO

EVANXEO de San Mateo
“Porque estiven famento, e vós déstesme para comer; estiven sedento, e déstesme de beber; cheguei como un estraño, e recibístesme na vosa casa; non tiña roupa e déstesma; estiven enfermo, e visitástesme; no cárcere, e fostes verme”.

REFLEXIÓN.
A canta xente axudamos cando realmente o necesita? Canto estamos dispostos a axudar a outras persoas: familiares, amigos, veciños ou, mesmo, descoñecidos? Só nos esforzamos polos nosos ou somos capaces de axudar ao que non coñecemos? Que son para os demais: un barrote frío e ríxido, ou unha man dadora de esperanza?

ORACIÓN FINAL
Pedímosche Señor para que nos fagas reflexionar e así podamos agrandar o noso corazón. Non queremos ser fríos, insensibles e crueis como un barrote do cárcere, queremos ser persoas que rompen coas barreiras dos prexuízos e que estenden as súas mans para axudar aos demais e levarlles un gran sorriso, que lles faga esquecer os seus sufrimentos.
Roguemos ao Señor.



VENRES 25 XANEIRO 2019. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO
Sobre os camiños da vida, en cada encontro, Deus pon en nós o desexo de encontralo nos demais, de acoller a todos, de ser sensibles para escoitar o que nos quere dicir a través das persoas que están ao noso lado, en especial dos máis necesitados. Hoxe invítanos a sentirnos reunidos no seu nome e a ser as súas testemuñas. Debemos contribuír no ben da humanidade e colaborar na tarefa de facer un mundo mellor. Iso é o que nos recorda tamén o día da Infancia Misioneira que celebramos este domingo, 27 de xaneiro. Esta Obra presta un servizo para a animación misioneira co fin de movernos a compartir a fe e os medios materiais cos nenos das Igrexas máis necesitadas do mundo enteiro. Cada parroquia, cada Diocese e a Igrexa universal poden sentir como propia esta Obra da Infancia Misioneira.
Oremos, pois, por toda a Igrexa que, unida, procura a construción dun mundo máis xusto e humano para todos.
NOSOPAI




No hay comentarios:

Publicar un comentario

Archivo del blog