sábado, 5 de enero de 2019

FELIZ ANO 2019!!!!


MARTES 8 XANEIRO 2019. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO. AMÉN

Benvidos ao novo ano, un ano cargado de soños e ilusións, de desexos de felicidade e de prosperidade.... Seguramente nestes días que estiveches de vacacións oíches mil veces todo iso de Bo Nadal e Próspero Aninovo, e é que cada vez que vivimos o Nadal hai un desexo dunha vida mellor...
E se lembramos a canción que este ano nos soa e o lema que nos move sabemos que podemos facelo realidade... Ata agora díxonos...
ANDA LEVÁNTATE...
NON TE RENDAS...
CONFÍA...
EU ESTOU CONTIGO...

E agora, despois dun Nadal no que mostrou que está connosco... Dinos... Non teñas medo... SOÑA…
SOÑA QUE ISO QUE TANTAS VECES ESCOITACHES PODE FACERSE REALIDADE…


- Cal é o teu soño de felicidade neste ano que comeza? (podémolo compartir en voz alta)

- Que podes facer para conseguilo?

- Pon os teus soños nas mans dese Xesús recentemente nado... e pídelle que as túas posibilidades de facelo realidade crezan con el.

Rezamos xuntos: NOSOPAI



MÉRCORES 9 XANEIRO 2019. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO. AMÉN

Comezamos un novo trimestre, despois das vacacións, con forzas renovadas e unha páxina en branco, a do segundo trimestre, que xa comezamos a escribir. Convidámosvos a que loitedes polas vosas metas.

Lemos o Evanxeo do pasado domingo, día da Epifanía do Señor.

Lectura do santo evanxeo segundo  san  Mateo (2,1-12):
1Xesús naceu en Belén de Xudea, en tempos do rei Herodes. E nisto uns magos de Oriente chegaron a Xerusalén preguntando:
2 ¿Onde está o Rei dos xudeus que acaba de nacer? Porque vimos saír a súa estrela alá no Oriente, e vimos para lle rendermos homenaxe.
3Oíndo isto, o rei Herodes alporizouse, e con el toda Xerusalén. 4Convocou a todos os sacerdotes e letrados do pobo, para lles preguntar onde tiña que nacer o Mesías. 5Eles responderon:
 En Belén de Xudea, que así o deixou escrito o profeta:
6E ti Belén, terra de Xudea,
de ningún xeito es a máis pequena,
entre as vilas de Xudea,
que de ti ha saír o guía
que será o pastor do meu pobo Israel.
7Entón Herodes, ás agachadas, chamou ós magos, para se informar ben de cando lles aparecera a estrela. 8Logo mandounos a Belén, dicíndolles:
 Ide e informádevos ben do que hai dese neno; e unha vez que o atopedes, avisádeme, para ir eu tamén a lle render homenaxe.
9Eles, despois de oíren ó rei, puxéronse en camiño. E, velaí, a estrela que viran saír no Oriente foinos guiando ata se deter enriba de onde estaba o neno. 10Grande alegría sentiron ó veren saír de novo a estrela.
11E cando entraron na casa atoparon o neno con María, súa nai. Prostráronse e rendéronlle homenaxe; logo, abrindo os seus tesouros, ofrecéronlle coma regalo ouro, incenso e mirra. 12Logo, avisados en soños de que non volvesen por onda Herodes, saíron para a súa terra por outro camiño.
Palabra da Señor

Reflexión
O domingo celebramos o día en que Xesús é revelado ao pobo. Os magos, ao ver a estrela que os leva a Xesús, énchense de inmensa alegría e séguena. Posteriormente próstranse aos pés do Neno que está xunto a José e María.
Esa luz segue iluminando as nosas vidas, e séguenos levando a Xesús.

Damos grazas polo que vivimos este Nadal.

Rezamos xuntos: NOSOPAI



XOVES 10 XANEIRO 2019. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO. AMÉN

TOMA TEMPO...
Ao comezo do ano non está mal deixarte interpelar por esta poesía de Santa Teresa de Calcuta:

Toma tempo para pensar.
Toma tempo para rezar.
Toma tempo para rir.
É a fonte de poder,
é o maior poder sobre a terra,
é a música da alma.

Toma tempo para xogar.
Toma tempo para amar e ser amado.
Toma tempo para dar.
É o segredo da perpetua mocidade,
é o privilexio que nos dá Deus.
O día é demasiado curto para ser egoísta.

Toma tempo para ler.
Toma tempo para ser amable.
Toma tempo para traballar.
É a fonte da sabedoría,
é o camiño cara á felicidade,
É o prezo do éxito.
Toma tempo para facer caridade,
é a chave do Ceo.

PREGUNTAS PARA A REFLEXIÓN EN SILENCIO
1- Para que te tomas tempo?
2- Tomas tempo para ser ti?
3- Deixas aos demais que se tomen o seu tempo?



Oración: Ave María

VENRES 11 XANEIRO 2019. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO. AMÉN

Carta a Deus: de gratitude e axudas
 
Ola, Deus!

Empeza un novo ano. E o primeiro que quero é darche as grazas.

Grazas por un novo ano, unha nova oportunidade de facer que este que entra sexa frutífero, que conte, que cando o peche poida dicir que pagou a pena, que axudei a quen o necesitaba, que estiven aí para os meus e para os outros, que puiden deixar unha pegada boa nos que se cruzaron no meu camiño…

E si, o ano novo trae esas oportunidades, así que agora toca pedirche axuda para aproveitalas.

Pídoche que me axudes a vencer a preguiza. Esa que me fai quedar nunha cadeira de brazos, mirando unha pantalla no canto de saír ao encontro dos outros, a comunicarme, a botar unha man. É tan fácil… non fas nada e listo… Uf, que día/tarde perdidos que logo me pesan tanto!

Pídoche que me axudes a saír do meu egoísmo. Nisto, polo menos iso creo eu, é moi fácil caer. Ou é o que EU quero, e se non a discutir. Ou é o que a min me apetece, ou quita que me estás molestando. Ou é o que EU planeei, e ou caras longas porque me custa adaptarme.

Non quero máis diso… a cousa é descubrir este ano o que queres Ti… dáme que iso pode cambiar as cousas… a mellor.

E enganchando con isto, pídoche un pouco máis de fe. De sentirte preto. De que estas cousas que che contei máis arriba na miña carta, non me afasten de ti. Porque me terminan comendo o tempo, o día, a semana… a vida.

E cando se aveciñen cambios na vida pídoche que alá onde me toque estar, leve unha actitude de axuda, acollida, humanidade.  Sei que coa túa axuda podo facelo.
Grazas por esta nova oportunidade.



Un abrazo. Estamos en contacto ;-)

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Archivo del blog