LUNS 4 NOVEMBRO. NO NOME DO PAI, DO FILLO…
Lectura
do santo evanxeo segundo san Lucas (19,1-10):
Xesús
entrou en Xericó e ía atravesando a cidade. Vivía nela un home rico chamado Zaqueo,
xefe dos que cobraban impostos para Roma. Quería coñecer a Xesús, pero non
conseguía velo, porque había moita xente e Zaqueo era de baixa estatura. Así
que se adiantou, e para alcanzar a velo subiu a unha árbore xunto á cal tiña
que pasar Xesús.
Ao
chegar alí, Xesús mirou cara a arriba e díxolle: «Zaqueo, baixa axiña porque
hoxe hei de quedar na túa casa.»
Zaqueo
baixou á présa, e con alegría recibiu a Xesús. Ao ver isto comezaron todos a
criticar a Xesús, dicindo que fora quedar na casa dun pecador.
Pero Zaqueo,
erguéndose entón, dixo ao Señor: «Mira, Señor, vou dar aos pobres a metade dos
meus bens; e se roubei algo a alguén, devolvereille catro veces máis.» Xesús
díxolle: «Hoxe chegou a salvación a esta casa, porque este home tamén é
descendente de Abraham. Pois o Fillo do home veu buscar e salvar o que se
perdera.»
Palabra do
Señor
PARA
XESÚS NON HAI CASOS PERDIDOS
Xesús alerta con frecuencia sobre o risco de quedar
atrapado pola atracción irresistible do diñeiro. O desexo de benestar material
pode botar a perder a vida dunha persoa. Non fai falta ser moi rico. Quen vive
escravo do diñeiro remata encerrado en si mesmo. Os demais non contan. Segundo
Xesús, "onde estea o voso tesouro, alí estará o voso corazón".
Xesús quere ser acollido na casa dun pecador, Zaqueo, que
vive no mundo de diñeiro e de poder, desprezado por todos. Zaqueo baixou axiña
e recibiuno con alegría. Non ten medo de deixar entrar na súa vida o Defensor
dos pobres.
O contacto con Xesús transforma radicalmente ao rico Zaqueo.
O seu compromiso é firme. En diante pensará nos pobres: compartirá con eles os
seus bens. Recordará tamén as vítimas das que abusou: devolveralles de sobra o
roubado. Xesús introduciu na súa vida xustiza e amor solidario. Converteuse.
Con Xesús todo é posible. El veu para buscar e salvar o que nós podemos estar a
botar a perder. Para Xesús non hai casos perdidos
MARTES 5 NOVEMBRO. NO NOME DO PAI, DO FILLO…
NOVEMBRO,
tempo de sementeira
O nome deste mes vén do tempo dos romanos. November
denominouno Rómulo, avisando de que era o noveno mes do seu calendario. Co
tempo pasaría a ser o undécimo. Aínda así Novembro-november... este nome é
aceptado en moitos idiomas. Este mes é importante con relación aos labores do
campo: é o tempo de sementeira. E é que tras a recolección dos produtos do
verán e do outono, a partir deste tempo comezaba a sementeira de todo aquilo
que se quererá recoller ao ano seguinte.
Para nós, novembro segue sendo tempo para sementar, pero
tamén é o tempo de ir recollendo os froitos destes primeiros meses de curso. Os
exames e a entrega de traballos amontoaranse seguramente durante este mes. Non
o deixar todo para última hora, apertar o paso naquilo que sexa máis custoso,
tomar as cousas con calma, pero sen pausa... véñennos á cabeza moitos consellos
para poñer en práctica. Apliquémonos naquilo que teñamos que facer cada día,
pero recordando que o prazo para moitas cousas vai rematando, e que non temos
que descoidarnos delas.
ORACIÓN:
Ave María
MÉRCORES
6 NOVEMBRO. NO NOME DO PAI, DO FILLO…
Preocúpache
a NATUREZA?
Unha das fontes de contaminación máis grande que xeramos
os humanos é o noso propio lixo. Seguro que axudastes a desempaquetar a compra
de cada día e que vos teredes fixado na cantidade de papel, bolsas de plástico,
caixas, que temos que tirar. Existen moitos produtos que compramos que teñen un
exceso de envasado e isto adoita xerar un montón de lixo innecesario. Con
frecuencia bolsas pequenas de patacas veñen metidas nunha bolsa maior. As
comidas precociñadas adoitan presentarse nun envase de cartón, que á súa vez se
envolve en plástico. Todo este dispendio de material inútil non é necesario e
poderíase prescindir del.
Parece unha parvada o envase dunhas pastillas ou esas
follas de publicidade achadas na caixa de correo, non obstante se eliminásemos
todos os envases e publicidades innecesarios non só se producirían millóns de
toneladas menos de lixo, senón que ao mesmo tempo o produto sería bastante máis
barato. E ademais, seguro que se diminúe a tala de árbores.
Que podemos facer? Todos sabemos como cooperar coa
reciclaxe de materiais usados. Máis ou menos estamos concienciados niso. Por
iso propoñémosvos que concretedes como no día a día podemos levar á práctica a
tripla "R": Reducir, Reciclar e Reutilizar
ORACIÓN:
Ave María
"Earth Song" de Michael Jackson
https://www.youtube.com/watch?v=VPVaFvFfAyk
XOVES 7 NOVEMBRO. NO NOME DO PAI, DO FILLO…
CONDESCENDENCIA
Saber dar a razón aos demais é algo positivo, e ademais é
de sentido común. Ningún de nós está en posesión de toda a verdade, non o sabemos
todo, podemos aprender uns doutros.
Pero tamén hai quen non ten nunca criterio propio; quen,
mesmo pensando o contrario, acepta como bo o que outros din. Unha cousa é
aceptar as opinións alleas, e outra ben distinta non ter criterio propio.
Os valores e principios que ten cada un son importantes,
e hai que saber telos e mantelos diante dos demais. Se na nosa opinión hai algo
que non está ben, se cremos que é prexudicial para nós ou para os demais,
deberiamos ser capaces de manifestalo.
Escoitamos moitas opinións cada día, e parece que todas
son válidas, que teñen o mesmo valor; e iso non é sempre certo. Non vale o
mesmo a opinión dun científico sobre un tema da súa especialidade que a que
escoitamos en boca de calquera persoa. E isto é o que está a suceder con
frecuencia: calquera opinión é boa, "porque o oín na tele", ou
"porque o dixo este artista ou aquel futbolista "....
Por outra banda, se a xente non tivese tido valor para
enfrontarse aos problemas con novas solucións, a sociedade non podería avanzar.
Se, por exemplo, non se tivese loitado polos dereitos humanos, a escravitude, a
diferenza pola condición social, a diferenza entre homes e mulleres, a
desigualdade ante a lei,… Estas situacións de inxustiza seguirían existindo.
Neste mundo hai aínda moitas cousas por cambiar,
non temos que conformarnos co que hai. Tamén na nosa clase, no colexio poden
darse situacións inxustas. Por que permitir que sigan así? Cal é a miña
actitude ante as situacións inxustas que me rodean? Que podo facer para que
cambien?
ORACIÓN: Ave María
"Xa nada me asombra"
VENRES 8 NOVEMBRO. NO NOME DO PAI, DO FILLO…
«Orando non sexades faladores. O voso Pai coñece as vosas
necesidades» (Mt 6,78)
"Para
que os homes e mulleres do noso tempo, a miúdo atordados polo bulicio, redescubran
o valor do silencio e saiban escoitar a Deus e os irmáns".
Abrirse
ao silencio para escoitar
Ruído, coches, altofalantes na rúa, televisión ou raio
nas casas, máquinas, aparatos electrónicos en todas partes,… Vivimos afogados
no ruído. Faise escoitar. Pero o ruído tamén das imaxes, das mensaxes escritas,
correo electrónico, tuits... Ruído padecido, pero tamén ruído escollido. Agora
ben, o noso silencio parte de nós mesmos e abre ao oído do noso corazón; temos
necesidade del, como do osíxeno.
Cantas veces nas conversacións tivemos a experiencia de
tratar de falar e o interlocutor non nos escoitaba? Soamente no silencio «se
abre un espazo de audición mutua e onde se volve posible unha relación humana
máis profunda» Cáusanos medo? Entrando na casa a miúdo prendemos a televisión,
a radio, internet e en canto temos un espazo libre verificamos os nosos sms,
correo electrónico ou whatsapps nos nosos smart ou i-phones.
O silencio unifica, ordena o que está fragmentado en nós
e permite reencontrarnos. Non se trata de buscar o silencio por si mesmo, senón
o silencio que nos predispón a escoitar. Benedicto XVI invitaba a non ter medo
«do silencio» no exterior e no interior de nós, se queremos ser capaces non só
de percibir a voz de Deus, senón tamén a voz que está preto de nós, a voz dos
demais»
O exceso de ruídos e de palabras asfixia o noso corazón.
Temos necesidade de deternos e de entrar no silencio para escoitar a Palabra.
Silencio e escoita van xuntos. Saborear o silencio, isto non significa estar no
mutismo, en cambio é espertar a capacidade de sentir o que xa non sinto, de ver
o que xa non vexo.
O silencio do corazón é esencial na oración. Se non
preparei o meu corazón non me serve de nada rezar: estaría a repetir palabras
no baleiro.
FAI AGORA UNS INTRES DE SILENCIO INTERIOR. O SILENCIO É SEMPRE A PROMESA DUN ENCONTRO. REZAR, É ABRIR O CORAZÓN A UN ENCONTRO, O DE XESÚS.
No hay comentarios:
Publicar un comentario