Tras 18 días de vacacións, as portas do colexio e das
aulas vólvense abrir para acollernos. É tempo de re-comezar.
Despois deste período de parón, despois do cambio
evidente de rutinas, horarios, comidas, celebracións, saídas e entradas, festas
e regalos, volvemos ao regalo da VIDA cotiá, ao diario vivir, á
"bendita" rutina. Necesitaremos xoves e venres para
"resetearnos" e así o luns 13 comezar de novo o ritmo habitual de
madrugar, ir a clase, estudar, aprender moito e, sobre todo, de VIVIR.
Vivamos a volta ao cole como un convite a
seguir crecendo, a continuar percorrendo o camiño que leva á sabedoría que nin
se compra, nin se vende, nin se encontra nos grandes libros, senón só en
compañía dos amigos e mestres.
Benvidos de novo ao colexio: profesoras e
profesores, moita forza e esperanza, moita fe e moita escoita, moito xogo,
máis xestos e menos palabras, moito traballo en equipo e moita confianza en vós
mesmos e nos vosos compañeiros e alumnos. Alumnas e alumnos, moitas
ganas de aprender, moita creatividade, moita atención e respecto, moitas ganas
de participar en todo e moito esforzo para seguir crecendo, por dentro e por
fóra, moita sensibilidade, moito estímulo, moita creatividade e moito
agradecemento.
Feliz segundo e longo cuadrimestre.
ORACIÓN POLO ANO NOVO (todos xuntos)
Señor, Deus, dono do tempo e da eternidade, teu é o
presente, o pasado e o futuro. Ao rematar un ano quero darche grazas por todo
aquilo que recibín de TI.
Grazas pola vida e o amor, polas flores, o aire e o
sol, pola alegría e a dor, por canto foi posible e polo que non puido ser.
Ofrézoche
canto fixen en ano pasado, o traballo que puiden realizar e as cousas que
pasaron polas miñas mans e o que con elas puiden construír.
Preséntoche as persoas
que ao longo destes meses amei, as amizades novas, os máis próximos a min e os
que estean máis lonxe, os que me deron a súa man e aqueles aos que puiden
axudar, cos que compartín a vida, o traballo, o estudo, a dor e a alegría.
Pero
tamén, Señor, hoxe quero pedirche perdón: polo tempo perdido, polo diñeiro mal
gastado, pola palabra inútil e o amor desperdiciado.
Perdón polas obras
baleiras e polo traballo mal feito, e perdón por vivir sen entusiasmo.
Tamén
pola oración que pouco a pouco fun aprazando e que ata agora veño a
presentarte. Por todos os meus esquecementos, descoidos e silencios novamente
pídoche perdón.
Ao iniciar un novo ano deteño a miña vida ante o novo
calendario aínda sen estrear e preséntoche estes días que só TI sabes se
chegarei a vivilos.
Hoxe pídoche para min e os meus a paz e a alegría, a forza
e a prudencia, a claridade e a sabedoría.
Quero vivir cada día con optimismo e
bondade levando a todas as partes un corazón cheo de comprensión e paz.
Pecha
os meus oídos a toda falsidade e os meus labios a palabras mentireiras,
egoístas, mordaces ou ferintes.
Abre en cambio o meu ser a todo o que é bo; que
o meu espírito se encha só de bendicións e as derrame ao meu paso.
Éncheme de
bondade e de alegría para que, cantos conviven comigo ou se acheguen a min
encontren na miña vida un pouquiño de TI.
Dános un ano feliz e ensínanos a
repartir felicidade.
Amén
No hay comentarios:
Publicar un comentario