viernes, 24 de enero de 2014

ORACIÓNS SEMANA DA PAZ

LUNS 27  XANEIRO 2014. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO
Lectura do santo evanxeo segundo san Mateo (4,12-23):

Ao decatarse Xesús de que arrestaran a Xoán, retirouse a Galilea. Deixando Nazaret, estableceuse en Cafarnaún (…)

Entón comezou a predicar Xesús dicindo: «Convertédevos, porque está preto o reino dos ceos.»

Pasando xunto ao lago de Galilea, viu dous irmáns, Simón, ao que chaman Pedro, e Andrés, o seu irmán, que estaban a botar as redes no lago, pois eran pescadores.

Díxolles: «Vide e seguídeme, e fareivos pescadores de homes.»

Inmediatamente deixaron as redes e seguírono. E, pasando adiante, viu outros dous irmáns, a Santiago, fillo de Zebedeo, e Xoán, que estaban na barca repasando as redes con Zebedeo, o seu pai. Xesús chamounos tamén. Inmediatamente deixaron a barca e ao seu pai e seguírono. Percorría toda Galilea, ensinando nas sinagogas e proclamando o Evanxeo do reino, curando as enfermidades e doenzas do pobo.
Palabra do Señor

REFLEXIÓN: ALGO BO E NOVO
No Evanxeo de Xesús os crentes encontrámonos cun Deus dende o que podemos sentir e vivir a vida como un regalo que ten a súa orixe no misterio último da realidade que é Amor.

No Evanxeo de Xesús encontrámonos cun Deus que, a pesar das nosas torpezas, nos dá forza para non vivir sempre a medias; para ir aprendendo formas novas e máis humanas de traballar e de VIVIR, de sufrir e de amar.

No Evanxeo de Xesús encontrámonos cun Deus que esperta a nosa responsabilidade para non nos desentender dos demais. Non poderemos facer grandes cousas, pero sabemos que habemos de contribuír a unha vida máis digna para todos pensando sobre todo nos máis necesitados e indefensos.

Non é o mesmo crer en Deus que non crer. Aos crentes fainos ben sentirnos acollidos, fortalecidos, perdoados e salvados polo Deus revelado en Xesús.



MARTES 28 XANEIRO 2014. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO

A SEMANA DE LA PAZ E A NON VIOLENCIA
Estamos na semana da paz e a non violencia que celebraremos o próximo día 30 (aínda que no noso caso a traslademos ao día 31).
Son días para recordar o importante que é construír entre todos a PAZ, buscar máis o que nos une que o que nos separa. A paz é moi contaxiosa, capaz de unir os corazóns separados e enfrontados NUN SÓ CORAZÓN, para transformar o noso mundo dividido NUNHA SOA FAMILIA onde todos somos irmáns.
Imos fixarnos nunha breve pasaxe do Evanxeo onde Xesús ten que facer fronte á violencia. Lémolo no evanxeo de Mateo:
"Pedro achegouse entón e díxolle: Señor, cantas veces teño que perdoar as ofensas que me faga o meu irmán? Ata sete veces?
Respóndelle Xesús:
Non che digo ata sete veces, senón ata setenta veces sete".

Na época de Xesús, como na nosa, había frases feitas que todos entendían. Cando alguén falaba de perdoar sete veces era como dicir perdoar moito; así que perdoar setenta veces sete era o mesmo que dicir que había que perdoar sempre.
A todos nos custa moito perdoar, pero é case imposible renunciar á violencia sen empezar por perdoar.
A quen teño que pedir perdón? 
A quen teño que perdoar? 
Que debería facer eu para traballar pola paz na miña clase? Na miña familia? No mundo?

Pidamos a Xesús que nos axude nesta tarefa de construír entre todos a paz.

NOSOPAI...



MÉRCORES 29 XANEIRO 2014. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO

Cambiar o mundo
Cando era novo e a miña imaxinación non tiña límites, soñaba con cambiar o mundo.
Segundo fun facéndome maior, pensei que non había modo de cambiar o mundo, así que me propuxen un obxectivo máis modesto e intentei cambiar só o meu país. Pero co tempo pareceume tamén imposible.
Cando cheguei á vellez, conformeime con intentar cambiar á miña familia, os máis próximos a min. Pero tampouco conseguín case nada.
Agora, no meu leito de morte, de súpeto comprendín unha cousa: Se tivese empezado por intentar cambiarme a min mesmo, talvez a miña familia tería seguido o meu exemplo e tería cambiado, e coa súa inspiración e alento quizais tería sido capaz de cambiar o meu país e, quen sabe, talvez mesmo tería podido cambiar o mundo. (Encontrado na lápida dun bispo anglicano na Abadía de Westminster).

Señor, vivimos nun mundo sen paz. Fai de nós persoas pacíficas e pacificadoras, para facer un mundo mellor.
Señor, que na nosa clase, no noso colexio, nas nosas familias... sexamos construtores de paz.

NOSOPAI...



XOVES 30 XANEIRO 2014. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO

Bo día. Hoxe celébrase o Día Mundial da Non Violencia. Hai moitos lugares onde se manifesta a violencia e moitos tipos dela: violencia doméstica, violencia de xénero, violencia no deporte, violencia psicolóxica, violencia verbal ou física. En todas elas hai unha agresión contra outra persoa ou contra os bens persoais ou sociais e non deixa de ser un fracaso na capacidade de resolver os problemas por medio do diálogo. Ao longo da historia hai moitas persoas que destacaron pola non violencia. O maior de todos, despois de Xesús, é Ghandi, pero o máis recente, é Nelson Mandela. Todos nós podemos seguir o seu exemplo e sermos construtores de paz.

DIA ESCOLAR DA NON VIOLENCIA
Declaración de Principios desta Xornada da Non violencia e a Paz:

1 Creo que o amor é mellor que o odio e a paz mellor que a guerra.
2 Comprométome a non pensar mal das persoas e a fixarme en todo o bo que nos une antes que no que nos separa.
3 Comprométome a axudar a todos os que me necesiten, a perdoar aos que me ofendan, e a pedir perdón cando eu ofenda a alguén.
4 Farei todo o posible para que todos vivamos como UNHA GRAN FAMILIA, CUN SÓ CORAZÓN, para que se remate a violencia, a guerra, e consigamos a paz.

O noso centro manifesta a súa aposta incondicional pola paz e en contra de calquera acción que implique violencia entre os seres humanos.
Os valores que promovemos son os que anuncia o Evanxeo, plenamente humanos: a vida, o amor, a liberdade, a xustiza e a paz.

Por principio, rexeitamos calquera actitude ou conduta que implique a perda deses valores fundamentais que nos fan humanos. As guerras entre irmáns nunca poden estar xustificadas; pero tampouco os insultos entre nós, as ameazas, os enfrontamentos entre grupos, as vinganzas, a discriminación...

Cremos que o día da PAZ, ten que ser cada día no centro, durante todo o curso. Queremos vivir en harmonía e que a agresividade entre nós sexa cada día menor.

ORACIÓN
Señor, fai de min un instrumento da túa paz:
Onde haxa odio, fai que eu leve amor.
Onde haxa ofensa, que eu leve o perdón.
Onde haxa discordia, que eu leve a unión.
Onde haxa dúbida, que eu leve a fe.
Onde haxa erro, que eu leve a Verdade.
Onde haxa desespero, que eu leve a esperanza.
Onde haxa tristura, que eu leve a alegría.
Onde haxa tebras, que eu leve a luz. AMÉN

Este vídeo é un spot comercial pero non lle quita forza á mensaxe: o amor pode máis que unha bomba atómica. Este slogan antimilitarista, que se pronunciou para opoñerse á Guerra de Vietnan, válenos para reflexionar sobre a importancia do amor aos demais como forma de combater a violencia e as guerras.




VENRES 31 XANEIRO. No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo

Lector 1:
Finalizamos a Semana da Paz, pero sen esquecer que a PAZ ha de lograrse CADA DÍA.
Temos que convencernos de que os nosos problemas non se resolven a golpes.
Temos que desexar fortemente utilizar todos os medios razoables e nunca recorrer á violencia.

Lector 2:
Ogallá chegue un día en que todos os exércitos do mundo non fagan falta, porque os países non queren xa arranxar os seus problemas loitando con armas.
Ogallá chegue o día en que ninguén se atreva xa a quitar a vida a outro ser humano.
Ogallá entendésemos dunha vez que é moito máis barato evitar unha guerra que pagar as súas mortes e os seus estragos.

Lector 1:
Señor, nós desexamos sementar o mundo de paz.
E, para conseguilo, sabemos que temos que educarnos plantándoa en cada corazón.
Ensínanos que perdoar é un signo de grandeza e que a vinganza é un sinal de baixeza.

Lector 2:
Ás veces xorden enfados entre nós ou na nosa casa e coa nosa familia.
Se queremos educarnos para a paz, temos que pensar que é moito máis o que nos une que aquilo que nos separa.
Temos que pensar que nunca hai razón abondo para mirar o "outro" como alguén a quen hai que quitar do noso camiño.

Lector 1:
Sabemos que hai paz entre nós cando facemos todas as cousas con xustiza, e cando non somos egoístas e pensamos nos demais.
Por iso, neste último día da Semana da Paz, pedímoslle a Deus a súa axuda e a súa forza para medrar e educarnos como xente de bo corazón que quere o amor e a paz. Pedímoslle sermos construtores de paz e de solidariedade.

TODOS:
Señor, fai que non busquemos tanto
ser comprendidos, senón comprender;
ser consolados, senón consolar;
ser amados, senón amar.

Porque é dando, como se recibe.
É perdoando, como un é perdoado.
É morrendo, como se resucita á Vida Eterna. AMÉN
(S. Francisco de Asís) 

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Archivo del blog